ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 43/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCA A REALIZACIÓN DAS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE EN DETERMINADAS OCUPACIÓNS PARA AQUELAS PERSOAS QUE PARTICIPARAN NAS PROBAS DE CERTIFICACIÓN CONVOCADAS NOS ANOS 2006 E/OU 2007 E TEÑAN ACREDITADA ALGUNHA UNIDADE DE COMPETENCIA DAS QUE CONSTA O CORRESPONDENTE CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE.

I.  ANTECEDENTES

O día 6 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se convoca a realización das probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións para aquelas persoas que participaran nas probas de certificación convocadas nos anos 2006 e/ou 2007 e teñan acreditada algunha unidade de competencia das que consta o correspondente certificado de profesionalidade e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O artigo 8º da Lei Orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, sinala que os certificados de profesionalidade teñen carácter oficial e validez en todo o Estado e acreditan as correspondentes cualificacións profesionais a quen os obtivera, establecéndose as condicións e o procedemento para a obtención dos certificados na Orde TAS/470/2004, de 19 de febreiro.

O fin dos certificados de profesionalidade é que as persoas dispoñan dunha certificación oficial e con validez estatal que acredite a competencia profesional que efectivamente posúen, independentemente do camiño empregado para a súa adquisición.

Debido a que estase levando a cabo unha actualización do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade e que suporá a derrogación dos ata agora vixentes, é polo que se abre unha nova convocatoria, mediante o presente proxecto de orde, para permitir completar o certificado de profesionalidade a aquelas persoas que participando nas convocatorias de 2006 e/ou 2007 só obtiveran unha acreditación parcial deste.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 15 de outubro de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (Ditame 29/07) con data 19 de setembro de 2007, obsérvase que foron parcialmente tidas en conta tres das consideracións manifestadas polos axentes sociais.



O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Modifícase o artigo 1º, obxecto da convocatoria, permitindo unicamente inscribirse nas probas a aquelas persoas que participaron nas convocatorias dos anos 2006 e/ou 2007 que obtiveran a acreditación dalgunha das unidades de competencia, só nas que foran admitidos/as nas anteriores convocatorias, que conforman o certificado de profesionalidade.

O artigo 3º do proxecto de orde establece os requisitos xerais e a documentación necesaria para acceder á realización das probas. Suprímese a remisión da documentación por tela xa a Dirección Xeral de Formación e Colocación, das anteriores convocatorias, suprimíndose neste artigo o apartado 2, relativo ao cumprimento dos requisitos da experiencia laboral.

Modifícase o artigo 5º, admisión de candidatos, reducindo o prazo de 3 meses a 1 mes na publicación da relación provisional das persoas admitidas.

No anexo I do proxecto de orde, recóllense as ocupacións para as que se convocan as probas, as unidades de competencia pertencentes a cada certificado de profesionalidade, así como os centros onde se levarán a cabo as probas:

Anexo I: Ocupacións de traballador forestal, xardineiro, mecánico de vehículos lixeiros, chapista pintor de vehículos, axustador mecánico, electrónico de mantemento e auxiliar de axuda a domicilio.

No Anexo II, recóllese a solicitude de acceso ás probas de certificación e de expedición de certificados de profesionalidade.

No Anexo III, recóllese a solicitude de reintegro das taxas abonadas no caso de resultar excluído.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convoca a realización das probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións para aquelas persoas que participaran nas probas de certificación convocadas nos anos 2006 e/ou 2007 e teñan acreditada algunha unidade de competencia das que consta o correspondente certificado de profesionalidade” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións finais e tres anexos, nos que se recollen as ocupacións para as que se convocan as probas, as unidades de competencia pertencentes a cada certificado de profesionalidade, así como os centros onde se levarán a cabo as probas.



O día 14 de outubro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.





DITAME 43/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se convoca a realización das probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións para aquelas persoas que participaran nas probas de certificación convocadas nos anos 2006 e/ou 2007 e teñan acreditada algunha unidade de competencia das que consta o correspondente certificado de profesionalidade, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de outubro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:








CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.

A pesar de que se observa algunha melloría no emprego dunha linguaxe non sexista persisten algunhas deficiencias ao longo de todo o texto. Así, por exemplo, o artigo 5º leva por título: “Admisión de candidatos”, cando debería dicir, admisión de candidatos e candidatas. Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferencias de xénero.

Segunda.

En diversas partes do texto apreciánse referencias tales como: “o director xeral de Formación e Colocación”. Deberíase manter a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos, sendo polo tanto, a forma correcta: “a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación”.










CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.- Artigo 2. Certificados de profesionalidade, unidades de competencia e centros.

Este Comité observa que no primeiro parágrafo deste artigo 2º, ao recoller as ocupacións obxecto da devandita convocatoria, non figura a de “torneiro-fresador”, que si figuraba na orde do ano pasado, non constándolle a este Comité o motivo desa supresión.


Segunda.- Artigo 4. Solicitude de acceso ás probas

Este comité considera que ademais da publicación no Boletín Oficial do Estado, debería contemplarse algunha comunicación de xeito individualizado ao colectivo de persoas interesadas.


Terceira.- Artigo 5. Admisión de candidatos.

No seu apartado segundo establécese que as persoas aspirantes poderán presentar, no mesmo centro, subsanación dos erros indicados na devandita relación provisional no prazo de 10 días.

Este Comité propón que se permita que as persoas aspirantes poidan presentar as reclamacións, ao igual que a solicitude, no rexistro da Consellería de Traballo.


Cuarta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame deste Comité figuran dúas Disposicións derradeiras cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Diccionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.