ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 44/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS PRIORITARIAMENTE AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DESEMPREGADOS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE AO EXERCICIO DE 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 21 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente aos traballadores e traballadoras desempregados na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas dirixidas prioritariamente a traballadores e traballadoras desempregados, correspondentes ao exercicio de 2009, ao abeiro do disposto na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, que regula o subsistema de formación profesional para o emprego. Este Real Decreto contempla a formación de oferta entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras.

Igualmente, o Plan Galego de Formación Profesional establece que a formación profesional para o emprego constitúe unha vía fundamental para conseguir un incremento da competencia, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral das persoas traballadoras desocupadas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 13 de marzo de 2008, publicada no DOG o 25 de marzo de 2008, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 23 de novembro de 2007 (ditame 40/07), obsérvase que soamente foi aceptada unha das consideracións manifestadas polo Comité.

O actual proxecto normativo é substancialmente diferente do ditaminado no exercicio pasado, debido principalmente a que a normativa referida anteriormente e que regula as subvencións (Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo) publicouse posteriormente. Como principais novidades, destácanse as seguintes:

O novo proxecto de orde estrutúrase nun título I, no que se concretan as disposicións xerais (artigos 1º e 2º), nun título II, relativo ao procedemento de tramitación das subvencións (artigos 3º a 13º) e nun título III sobre normas relativas ás vías de programación (artigo 14º a 36º).

No apartado 1 do artigo 2º, “Entidades beneficiarias”, establécese que poderán participar na presente convocatoria:

a) Para as especialidades do catálogo de familias da formación profesional do plan FIP (vía de programación 1a do artigo 14º): Todos aqueles centros e entidades de formación inscritos no censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Traballo, naquelas especialidades que teñan homologadas á data de publicación desta orde.

b) Para as especialidades formativas recollidas no anexo IV, onde non exista centro homologado (vía de programación 1b do artigo 14º): As persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que, desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación.

c) Para as accións formativas consideradas como necesarias pola Dirección Xeral de Formación e Colocación (vía de programación 2 do artigo 14º): As organizacións empresariais, sindicais, ou fundacións constituídas por ditas entidades empresariais ou sindicais entre cuxos fins estea a formación, os concellos, as universidades públicas e aquelas entidades sen ánimo de lucro que polo seu obxecto ou polo colectivo ao que agrupan se consideren de interese social.

d) Para proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata (vía de programación 3 do artigo 14º): As empresas, as súas asociacións ou outras entidades que presenten un proxecto formativo específico para elas con compromiso de contratación inmediata.

Especifícase no apartado 2 deste artigo 2º que non poderán ser beneficiarias das subvencións aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Modifícase o relativo á instrución do procedemento (artigo 4º, na orde anterior artigo 17º), particularmente os apartados de avaliación de solicitudes, establecéndose na letra f) do apartado 4 deste artigo 4º que as comisións de valoración determinarán o número de cursos a realizar en cada localidade, en función da poboación desempregada e o número de cursos a realizar por especialidades formativas, atendendo ás necesidades do mercado de traballo e á diversificación da oferta formativa. A puntuación mínima para poder acceder á programación é de 40 puntos (antes 45).

Modifícanse igualmente as obrigas e a documentación que deben remitir as entidades beneficiarias, que se detallan no artigo 6º.

Así mesmo, no artigo 7º, apartado 2, recóllense os módulos económicos aplicables a efectos de determinación e xustificación das subvencións destinadas á financiamento das accións formativas, que varían respecto do exercicio anterior.

Tamén varían os custos subvencionables (artigo 9º), xa que a subvención concedida prevé a imputación tanto de custos directos da actividade formativa (art.9º. I) como de custos asociados (9º.II) e outros custos subvencionables (9º. III), esixíndose, en todo caso, que deberán responder a custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente (9º.IV), e debéndose identificar claramente a correspondencia entre a factura/nómina e o xustificante de pagamento, para aceptar os gastos como xustificados (9º.V).

Engádese un artigo relativo á subcontratación (artigo 10º), que establece que a execución das accións formativas será realizada directamente pola entidade beneficiaria, non considerándose subcontratación a contratación pola entidade beneficiaria do persoal docente para a impartición da formación subvencionada.

O artigo 15º recolle as accións formativas, que teñen como obxectivo prioritario a inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores desempregados naqueles empregos que require o sistema produtivo, estando constituídas polas especialidades formativas (artigo 19º) e polo módulo o módulos transversais (artigo 20º).

O artigo 21º establece as axudas para as alumnas e alumnos desempregados e o artigo 22º, os seus dereitos e deberes.

O artigo 24º establece os dous tipos de prácticas en empresas: as que están incluídas no programa formativo do curso, e aquelas que teñen lugar a maiores das súas horas lectivas e que terán unha duración mínima de tres horas diarias.

Finalmente, os artigos 25º a 36º establecen as normas relativas aos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente aos traballadores e traballadoras desempregados na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2009” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, trinta e seis artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 31 de outubro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dezaoito específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CEG (anexo I); dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións UGT-Galicia e CIG (Anexo II); unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións UGT-Galicia, CIG e CEG (Anexo III); dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola organización CIG (Anexo IV); unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola organización SN de CCOO de Galicia (Anexo V).




DITAME 44/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente aos traballadores e traballadoras desempregados na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2009”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de outubro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira.

Este Comité observa unha incorrección no título da orde (“traballadores e traballadoras desempregados”) e suxire unha revisión de todo o texto do proxecto normativo cara á utilización axeitada da linguaxe en materia de xénero, particularmente no relativo á denominación neutra dos cargos públicos.

Segunda.

Obsérvase que non se achegaron ao Consello os anexos aos que se refire o proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame. Suxírese que a enumeración das especialidades formativas que se inclúan nos anexos non sexa taxativa, sobre todo tendo en conta a situación sociolaboral actual.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira. – Exposición de motivos
Este Comité suxire a inclusión na Exposición de motivos dunha referencia ao Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Segunda. – Artigo 2º. Entidades beneficiarias
No apartado 1.a) establécese que poderán participar na vía de programación 1a do artigo 14º “Todos aqueles centros colaboradores, naquelas especialidades que teñan homologadas á data de publicación desta orde”. Este Comité considera que debe permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de homologación á data de publicación da orde.



Terceira. Artigo 2º. Entidades beneficiarias
No apartado 1. b) permítese participar ás persoas físicas na vía de programación 1.b do artigo 14º. Este Comité suxire a eliminación da concorrencia das persoas físicas por considerar que isto suporía na práctica desvirtuar o carácter non lucrativo do subsistema de formación para o emprego.
Por este motivo e porque este Comité non observa distinción, para os efectos deste precepto, entre as entidades xurídicas e as institucións, proponse unha nova redacción deste apartado:
“b) Na vía de programación 1b do artigo 14º: As persoas xurídicas que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación”.

Cuarta.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo
O apartado 2 deste artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude, esixindo no apartado a) “acreditación da representatividade suficiente para asinar a solicitude”. Este Comité considera que o correcto é esixir documentación acreditativa da capacidade legal suficiente.

Quinta.- Artigo 4º. Procedemento
No apartado 4.f) deste artigo valórase con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas. Este Comité propón que se valore con 10 puntos o emprego efectivo e verificable da lingua galega.



Sexta. – Artigo 5º. Resolución
O apartado 4 deste artigo establece que a resolución deberá producirse no prazo de seis meses. Este Comité propón que este prazo se reduza a tres meses.

Sétima.- Artigo 9º Custos subvencionables
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora mínimo en concepto de docencia, estipulándose como mínimo no 35% do custo hora da acción formativa, tendo como límite o prezo de mercado. Este Comité suxire que se formule unha redacción nova, na que se estableza unha modulación da porcentaxe da docencia en relación coa valoración económica do módulo. Por exemplo, de manterse como establece o referido apartado, nun curso de soldadura tipo de 900 horas habería que destinar a custos salariais do/a docente un mínimo de 47.250 €, o que suporía o 44% do total dos custos directos.

Oitava.- Artigo 9º. Custos subvencionables
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría, impedindo na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, e provocando na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.



Novena.- Artigo 9º. Custos subvencionables
No apartado I. 2. relativo a gastos de medios didácticos, establécese que deberán presentarse debidamente desglosados e imputaranse polo número de participantes no caso de uso individual dos equipos ou plataformas; noutro caso imputaranse por horas de utilización. Este Comité propón a eliminación da imputación por horas de utilización.

Décima.-  Artigo 11º. Pagamento
No apartado 1.a) deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o 65 por 100 e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (apartado 2.). Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Así mesmo, respecto ao establecido no apartado 3, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas de alumnos, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.

Decimo primeira.- Artigo 14º. Vías de programación
No apartado 1a deste artigo faise referencia a especialidades do plan FIP. Este Comité propón eliminar esta referencia por coherencia coa lexislación vixente.

Decimo segunda.- Artigo 16º. Destinatarios da formación
O apartado 3 deste artigo establece que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións. Este Comité propón substituír “en cada unha das accións” por “no conxunto do plan formativo”.

Décimo terceira.- Artigo 17º. Selección de alumnos
No apartado c) deste artigo permítese a participación nas probas a traballadores e traballadoras ocupados, que o tiveran solicitado. Este Comité considera que non se debe limitar esta participación soamente ás persoas traballadoras ocupadas, suxerindo a eliminación do termo “ocupados”.

Decimo cuarta.- Artigo 21º. Axudas para os alumnos desempregados
No apartado 3.1 establécese que os alumnos terán dereito a percibir unha bolsa consistente no 75% do IPREM diario. Este Comité considera necesario modificar a norma de xestión destas bolsas para que o pagamento sexa xestionado directamente pola Administración, tal como se solicitou con ocasión do ditame por este Comité da dita norma de xestión.

Decimo quinta.- Artigo 21º. Axudas para os alumnos desempregados
No apartado 3.2.a) establécese unha axuda de transporte ao alumnado que utilice a rede de transporte público urbano. Este Comité considera que para este pagamento cómpre establecer un método de xustificación axeitado, práctico e viable.


Decimo sexta.- Artigo 22º. Dereitos e deberes dos alumnos
No apartado 3 deste artigo establécese a posibilidade de non asistencia do alumnado a algún módulo transversal, no suposto de telo xa cursado. Este Comité considera que, en todo caso, débese garantir á entidade, concretándoo expresamente na orde, o financiamento total da acción formativa, independentemente do número total do alumnado que participe nestes módulos transversais.

Decimo sétima.- Artigo 24º. Prácticas en empresas
No apartado B.2 deste artigo establécese que as empresas poderán recibir ata un máximo de 4 euros por alumno/a e hora de asistencia de prácticas para compensar a realización destas prácticas. Este Comité considera que cómpre definir o procedemento para facer efectivo ás empresas o pagamento deste importe.

Decimo oitava. Disposicións derradeiras
Obsérvase que no texto sometido a ditame deste Comité figuran dúas Disposicións derradeiras cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

As organizacións SN de CCOO de Galicia, UGT-Galicia e CEG consideran que no proxecto normativo debe facerse unha referencia á Lei de cualificacións profesionais, suxerindo que na Exposición de motivos se faga unha mención expresa a esta Lei.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG

Primeira. - Artigo 3º
O apartado 2. deste artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude, esixindo no apartado i) xustificación documental de ter inserido laboralmente alumnos. Estas organizacións suxiren a eliminación da obrigatoriedade atribuída á entidade beneficiaria da subvención de ter que xustificar documentalmente a inserción laboral do seu alumnado polas seguintes razóns:

1. A entidade beneficiaria non dispón de autoridade legal para obrigar aos seus ex-alumnos/as a comunicar e xustificar documental e suficientemente a súa inserción laboral nun período de seis meses, logo de ter rematado o correspondente curso, o que na práctica supón cando menos unha patente indefensión da entidade.

2. A ausencia de recursos económicos específicos habilitados para a realización deste traballo, unha vez rematada a acción formativa.

Segunda. - Artigo 4º
No apartado 4.c.1) deste artigo valorase a inserción laboral dos alumnos, puntuándose negativamente ata 30 puntos a súa non inserción.

Estas organizacións propoñen a eliminación taxativa do “castigo” mediante puntuación negativa a aquelas entidades que non cumpriran co pretendido compromiso de inserción. Neste apartado xéranos perplexidade a actitude que pretende manter a Administración, deixando a responsabilidade ás entidades impartidoras, que non teñen a potestade de preseleccionar ao alumnado, atribuíndolles en cambio a responsabilidade da súa inserción final.

Por outra parte, no proceso de inserción final dos alumnos/as, interveñen múltiples factores e variables que son basicamente de carácter estrutural e cuxo control está completamente fora da responsabilidade e das posibilidades da entidade impartidora. A saber: preselección do alumnado, perfil persoal do alumnado, perfil de cualificación, motivación cara o traballo e a procura de emprego, axeitamento da orientación laboral e profesional recibida, grao de oferta de postos de traballo existentes no seu ámbito territorial.

Cuestións todas estas, e outras máis, que, sendo determinantes no resultado final da inserción laboral, son alleas á vontade da entidade beneficiaria e escapan da súa capacidade de actuación.

Polo tanto solicitamos expresamente a retirada desta obriga imposta á  entidade beneficiaria.


ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

No artigo 4.d) valórase con 5 puntos a acreditación da entidade en norma ISO de calidade ou plan de mellora EFQM. Estas organizacións suxiren a supresión deste apartado e a implantación dun período transitorio de dous anos, para os efectos de favorecer a progresiva implantación dun modelo de calidade real e operativo, que dé solucións de mellora á xestión das entidades.


ANEXO IV


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG

Primeira. - Artigo 4º
No apartado 4.f) deste artigo valórase o emprego da lingua galega nas accións formativas. Esta organización propón ademais gravar con 10 puntos negativos a súa non utilización.

Segunda. - Artigo 7º
O apartado 3 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda ao propio curso. Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Na práctica pasaríase dun modelo de financiamento adaptado a cada especialidade, que neste momento conta con 48 niveis económicos distintos segundo as especialidades, a un modelo que contempla dous niveis económicos, 9 e 13 €, que provocarían diferenzas de financiamento en relación ao modelo anterior que conlevarían un encarecemento das accións formativas de entre un 10% e un 70% segundo a especialidade.


ANEXO V


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL SN DE CCOO DE GALICIA

No artigo 9.I.1.B deste artigo establécese a posibilidade de que o docente sexa contratado por contrato mercantil. Esta organización considera que é irregular a utilización desta modalidade de contratación para usos laborais e, polo tanto, non debería citarse na orde.