ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 45/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN CON CARÁCTER EXCEPCIONAL PARA O EXERCICIO DE 2009, AS BASES QUE REGULAN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN EXCLUSIVAMENTE COS CONCELLOS GALEGOS QUE TEÑAN EMPADROADOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS QUE PERDERAN O SEU POSTO DE TRABALLO NAS EMPRESAS DE EXTRACCIÓN DE MINERAIS NON METÁLICOS NIN ENERXÉTICOS DE LOUSA COMO CONSECUENCIA DA ACTUAL SITUACIÓN ECONÓMICA, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen con carácter excepcional para o exercicio de 2009, as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, no ámbito de colaboración exclusivamente cos concellos galegos que teñan empadroados traballadores e traballadoras que perderan o seu posto de traballo nas empresas de extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos de lousa como consecuencia da actual situación económica, e se procede a súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento, con carácter excepcional para o exercicio de 2009, das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, tanto a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva como a execución das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración exclusivamente cos concellos que teñan empadroados traballadores e traballadoras que perderan o seu posto de traballo nas empresas de extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos  da lousa como consecuencia da actual situación económica para a súa contratación temporal para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Neste novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Artigo 1º. Obxecto e financiamento
Detállase que o obxecto da orde é a concesión de axudas a traballadores e traballadoras desempregados do sector da lousa, destinando ás mesmas un importe de 6.000.000 €. A súa distribución farase en función do número de solicitudes presentadas e do número de desempregados.


Artigo 2º. Entidades beneficiarias
Indícase que as entidades beneficiarias destas axudas son os concellos que teñan empadroados traballadores e traballadoras que perderan o seu último posto de traballo nas empresas de extracción de lousa ou tiveran no seu termo municipal a súa sede.
Artigo 3º. Presentación de solicitudes e procedemento
Detállase o procedemento de presentación de solicitudes, sendo o último día hábil para a súa presentación o 30 de decembro, indicando a documentación que debe acompañar á solicitude.
Artigo 4º. Competencia e resolución
A competencia para a resolución desta orde correspóndelle aos delegados provinciais da Consellería de Traballo, por delegación do conselleiro, sendo o procedemento de concesión o de concorrencia competitiva.
O prazo de resolución destas axudas é de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, sendo o carácter do silencio administrativo neste caso negativo.
Artigo 5º. Modificación da resolución de concesión
Indícase que toda alteración nas condicións que motivaron a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 6º. Xustificación e pagamento
O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida. A xustificación terá como data límite o 30 de xullo de 2009, debendo acompañarse da documentación requirida neste artigo.
Artigo 7º. Incompatibilidades e obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación
Detállanse todas as accións de fiscalización e inspección ás que poden ser sometidas estas axudas, así como as obrigas que deben soportar. O incumprimento de calquera delas orixinará o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas.
Artigo 8º. Contía das subvencións
A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada traballador ou traballadora desempregado/a contratado/a.
Artigo 9º. Requisitos e criterios para a selección das obras e servizos
As obras ou servizos a realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais e cumprir os requisitos establecidos neste artigo. Os proxectos serán avaliados segundo a puntuación establecida neste artigo. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 85 puntos, co fin de establecer unha prelación entre as mesmas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases reguladoras e na convocatoria, e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtiveran maior valoración.
Artigo 10º. Selección dos traballadores e das traballadoras
Deben ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado.
Artigo 11º. Contratación dos traballadores e traballadoras
Efectuada a selección dos traballadores e traballadoras desempregados/as a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de duración determinada de interese social, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse dentro do primeiro semestre do exercicio 2009.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen con carácter excepcional para o exercicio de 2009, as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, no ámbito de colaboración exclusivamente cos concellos galegos que teñan empadroados traballadores e traballadoras que perderan o seu posto de traballo nas empresas de extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos de lousa como consecuencia da actual situación económica, e se procede a súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, once artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 31 de outubro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e catro consideracións específicas, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.



DITAME 45/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen con carácter excepcional para o exercicio de 2009, as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, no ámbito de colaboración exclusivamente cos concellos galegos que teñan empadroados traballadores e traballadoras que perderan o seu posto de traballo nas empresas de extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos de lousa como consecuencia da actual situación económica, e se procede a súa convocatoria”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de outubro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira

O Comité Delegado polo Pleno do Consello de Relacións Laborais para a emisión de ditames entende que esta norma pode ter efectos positivos no inmediato, como “solución de urxencia”, pero non pode considerarse unha alternativa suficiente para a dimensión da problemática das industrias extractivas (non só a lousa, senón tamén a previsible repercusión da crise noutros sectores extractivos, como pode ser o do granito).

O peso económico do sector extractivo e de transformación da pedra en Galicia, xustificaría abordar un Plan xeral que contemple o conxunto da súa problemática, así como a recuperación económica e laboral das comarcas que se vexan afectadas por posibles procesos de reestruturación.

Por outra parte, bótase de menos no plantexamento da norma, unha preocupación polo futuro profesional das persoas traballadoras que resulten beneficiarias. Non se incentivan concretamente unhas ocupacións laborais que estean vencelladas á formación profesional, de cara a posibles saídas laborais noutros sectores.

Segunda

A Lei reguladora do Consello Galego de Relacións Laborais establece un prazo de quince días hábiles para emitir os ditames sobre os proxectos de Orde. A redución dese prazo xoga abertamente en contra dos adecuados estudo, avaliación e achega de aportacións ao contido do proxecto de norma. Por outra parte, en ningún momento se prevee a evacuación urxente de ditames.

Este Comité ten que manifestar o seu rexeitamento de calquera presión para acurtar o referido prazo, dificultando a función consultiva do Consello Galego de Relacións Laborais, como se deu neste caso e nalgún outro precedente. Estimamos que nestes supostos de urxencia, o que debe producirse é unha maior dilixencia na remisión a este Consello do correspondente proxecto normativo.

Terceira

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega e para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo, particularmente na denominación dos cargos públicos.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira.- Artigo 4º. Competencia e resolución.

O apartado 6 deste artigo establece que o prazo de resolución será de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.
Este Comité suxire outra redacción, reducindo sensiblemente o prazo de resolución e, tendo en conta que a convocatoria desta axudas é en réxime de concorrencia competitiva, deberíase contar este prazo dende unha data concreta, como, por exemplo, a do peche do prazo de solicitudes (30 de decembro de 2008).

Segunda. - Artigo 6º. Xustificación e pagamento

O apartado 2 deste artigo establece como data límite para remitir a documentación esixida o 30 de xullo de 2009.
Este Comité considera que deberíase ampliar esta data ata o 30 de novembro de 2009, tendo en conta que a duración mínima dos contratos é de seis meses e que o prazo de solicitudes remata o 30 de decembro de 2008.



Terceira. - Artigo 7º. Incompatibilidades e obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación

O apartado primeiro deste artigo alude á incompatibilidade destas subvencións con axudas doutras administracións ou entes, públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
Este Comité considera que o termo “nacionais” debe ser substituído por “estatais”, en coherencia co que xa se fai correctamente no apartado 8.a) deste artigo.

Cuarta. - Disposicións derradeiras

Obsérvase que no texto sometido a ditame deste Comité figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.