ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 46/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS EN RÉXIME DE CONCESIÓN DIRECTA DIRIXIDAS AOS TRABALLADORES DESEMPREGADOS PARA FACILITAR A SÚA MOBILIDADE XEOGRÁFICA E A SÚA PARTICIPACIÓN EN ACCIÓNS DE ORIENTACIÓN CON CARGO AO PLAN EXTRAORDINARIO DE ORIENTACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E INSERCIÓN LABORAL.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións en réxime de concesión directa dirixidas aos traballadores desempregados para facilitar a súa mobilidade xeográfica e a súa participación en accións de orientación con cargo ao plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto determinar a forma e prazos de presentación das solicitudes e da tramitación de concesión de subvencións durante o proceso de procura de emprego e para facilitar a mobilidade xeográfica, de acordo co previsto no Capítulo II do Real Decreto-Lei 2/2008, de 21 de abril, de medidas de impulso á actividade económica e no Plan extraordinario de medidas de orientación, formación e inserción laboral.

Neste novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto determinar a forma e prazos de presentación das solicitudes e da tramitación de concesión de subvencións durante o proceso de procura de emprego e para facilitar a mobilidade xeográfica, sendo de aplicación no ámbito de xestión do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 2º. Réxime de concesión
Debido ao seu carácter singular e polo interese público, económico e social, as subvencións contempladas nesta orde tramitaranse en réxime de concesión directa.

Artigo 3º. Beneficiarios
Serán beneficiarios das axudas desta orde as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego nas Oficinas de Emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 4º. Subvencións durante o proceso de procura de emprego
A finalidade destas subvencións é reforzar e facilitar a dedicación das persoas traballadoras desempregadas durante o proceso de desenvolvemento do seu itinerario personalizado de inserción e de procura de emprego, compensando os gastos que se puidesen xerar neste proceso.

Artigo 5º. Subvención para facilitar a mobilidade xeográfica
Estas subvencións teñen por obxecto facilitar a contratación estable das persoas traballadoras desempregadas suxeitas a un itinerario personalizado de inserción, cando esta contratación (indefinida ou temporal igual ou superior a seis meses) implique desprazamentos (máis de 100 km da localidade de orixe) e traslado de residencia dentro do territorio español.

Artigo 6º. Importes das subvencións
Para o proceso de procura de emprego, a contía da subvención será de 350 euros por mes, ou parte proporcional por períodos inferiores, durante un período máximo de tres meses.
No caso das subvencións para o fomento da mobilidade xeográfica, poderán concederse as seguintes: gastos de desprazamento, gastos de transporte de mobiliario e enseres, gastos de aloxamento e gastos de gardería e de atención a persoas dependentes.

Artigo 7º. Solicitude e prazos de presentación
Para as subvencións durante o proceso de procura de emprego, desde a súa selección como posible beneficiario e ata tres meses desde a incorporación ao grupo específico de procura de emprego. Nas subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica, desde a data da contratación e ata 13 meses desde a devandita data.


Artigo 8º. Documentación
Establécese a documentación xenérica e a específica para as subvencións por procura de emprego e para as de mobilidade xeográfica.
Artigo 9º. Procedemento de concesión de subvención
O prazo máximo de resolución será de tres meses a contar desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa resolución. Transcorrido devandito prazo sen haberse notificado resolución expresa, poderá entenderse desestimada por silencio administrativo a solicitude presentada.

Artigo 10º. Forma de xustificación e pagamento
As subvencións durante o proceso de procura de emprego abonaranse por meses  vencidos, mediante o sistema de nóminas mensuais, e o pagamento das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica efectuarase previa presentación da conta xustificativa.

Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º. Suspensión e perda do dereito á percepción das subvencións
No caso das subvencións outorgadas durante o proceso de procura de emprego, a colocación do traballador/a dará lugar á suspensión da subvención. No caso das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica, suspenderanse cando o contrato subscrito se extinga antes de transcorrer seis meses desde a súa data de efectividade por causas imputables á persoa interesada.
II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións en réxime de concesión directa dirixidas aos traballadores desempregados para facilitar a súa mobilidade xeográfica e a súa participación en accións de orientación con cargo ao plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións finais.

O día 6 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e once consideracións específicas, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CEG (anexo I) e unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola organización CIG (Anexo II).





DITAME 46/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións en réxime de concesión directa dirixidas aos traballadores desempregados para facilitar a súa mobilidade xeográfica e a súa participación en accións de orientación, formación profesional e inserción laboral”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.
Primeira.
Nos últimos tempos, a Consellería de Traballo adoita impulsar “novos” proxectos de formación e emprego ( v.gr. Plan Aurora, Plan Contigo...) nos que o papel dos/as orientadores/as é primordial, por ser quen levan a cabo os Itinerarios Personalizados de Inserción (IPI) coas persoas demandantes de emprego.
Cada vez que aparece un novo programa, non é planificado nin transmitido aos/ás orientadores/as coa antelación suficiente para organizar as actuacións a desenvolver, que consecuentemente se realizan con presas e baixo a presión dos prazos.
Coa nova orde de subvencións a persoas desempregadas que agora ditaminamos, pódese presumir unha afluenza masiva inicial nas oficinas de emprego, e ao tempo nos centros colaboradores, solicitando información. Seguramente, dadas as circunstancias, acabará perverténdose o obxectivo de que a persoa desempregada realice un IPI para acceder a certos servizos, prestacións, etc., transformando ese obxectivo na sinxela pretensión de apuntarse a un IPI para poder optar á subvención.
Este Comité suxire que antes da publicación da norma no DOG se informe convenientemente aos/as orientadores/as laborais sobre o procedemento a seguir en cada un dos programas que se implementen, para que estes poidan levar a cabo o seu traballo de forma efectiva.

Segunda.
Dedúcese polo contido dos anexos (e non pola norma) que o proxecto normativo aplícase tamén ás mulleres traballadoras, polo que este Comité considera que debe facerse unha revisión do texto da orde (empezando polo título da mesma) para respectar as diferenzas de xénero, tendo en conta tamén a denominación neutra dos cargos públicos.

Terceira.
Este Comité suxire unha revisión do texto para á súa adecuación á normativa para a escrita da lingua galega.


Cuarta.
Este Comité propón a substitución en todo o texto normativo da expresión “traballadores desempregados” por “traballadores e traballadoras en situación de desemprego”, dado que entende que o desemprego é unha situación transitoria e non un colectivo.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira.-  Artigo 2º. Réxime de concesión.
Este Comité propón a substitución do termo “nacionais” por “estatais”, tal e como consta correctamente no texto da Orde (artigo 13.d). Considérase que debe reservarse o termo “nacional” para o ámbito de Galicia e utilizar o termo “estatal” para o conxunto de España.

Segunda.- Artigo 4º. Subvencións durante o proceso de procura de emprego.
No apartado 1.a) indícase que os beneficiarios das subvencións deben ser “...desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia con graves problemas de empregabilidade...”. Este Comité considera que se debe concretar o colectivo destinatario, ao non definir que se entende por “graves problemas de empregabilidade”, concepto xurídico indeterminado.

Terceira.-  Artigo 4º. Subvencións durante o proceso de procura de emprego.
Este Comité suxire que se de unha nova redacción ao apartado 1. a) deste artigo e se subdivida, coa finalidade de determinar os colectivos aos que se dirixen estas subvencións e os requisitos que se lles esixen, para facilitar a claridade do mesmo.

Este Comité observa que falta o apartado 1.b) neste artigo.

Cuarta.- Artigo 4º. Subvencións durante o proceso de procura de emprego.
No apartado 1.a) deste artigo establécese que terán dereito a estas subvencións  as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con graves problemas de empregabilidade... e que no seu itinerario personalizado de inserción determínese a necesidade de participar en grupos específicos de procura de emprego...”.

Este Comité considera que esta esixencia de inclusión en “grupos específicos de procura de emprego” pode ser causa de imposibilidade de acceso ás subvencións, dado que non está desenvolvido o procedemento dos grupos de procura do emprego. Suxírese que se suprima ou que non se considere requisito imprescindible, porque as accións colectivas previstas no artigo 3º da orde reguladora das accións de información, orientación e busca de emprego están sen poñer en práctica pola Administración, debido á inexistencia dun procedemento específico.

Quinta.- Artigo 5º. Subvención para facilitar a mobilidade xeográfica.
No apartado 2.b) establécese que a localidade de destino onde se sitúe o posto de traballo debe atoparse a máis de 100 quilómetros da localidade de orixe. Este Comité considera excesiva esa distancia, polo que solicita que se inste á Administración estatal á modificación do Real Decreto Lei 2/2008, de 21 de abril, de medidas de impulso á actividade económica, co obxecto de reducir substancialmente os quilómetros esixidos; sobre todo tendo en conta as deficiencias en infraestruturas e as especiais características orográficas de Comunidades Autónomas como Galicia, que poden obrigar a calquera persoa a ter que cambiar de residencia para acceder a un emprego a moita menor distancia dos mencionados 100 quilómetros.

Sexta.- Artigo 6º. Importes das subvencións.
No apartado 1 deste artigo establécese que a contía da subvención será de 350 €/mes por un período máximo de tres meses. Este Comité solicita se inste á Administración estatal a que se amplíen substancialmente tanto o importe como o período da subvención.
No segundo parágrafo deste apartado indícase que para o acceso e mantemento da subvención “...os traballadores deberán... aceptar a colocación adecuada que lles sexa ofrecida”. Este Comité solicita que se clarifique qué se entende por “colocación adecuada”, suxerindo  que sería conveniente vincular esta ás ocupacións que figuren no IPI da persoa traballadora.

Sétima.- Artigo 8º. Documentación.
O apartado 1 deste artigo indica a documentación que se debe acompañar ás solicitudes. No apartado b) requírese acreditación de non estar incurso en ningunha das prohibicións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no apartado d) unha autorización á Dirección xeral de Formación e Colocación para a verificación dos datos presentados. Este Comité suxire que se inclúan como anexos modelos para estes dous apartados.


No último parágrafo deste artigo menciónase que se pode consultar a orde e obter os impresos necesarios desde a páxina web da Consellería de Traballo. Este Comité suxire que se inclúa a dirección completa da páxina web no texto da orde.

Oitava.- Artigo 9º. Procedemento de concesión de subvención.
No segundo parágrafo do punto 2 deste artigo indícase que o prazo de resolución é de tres meses e que transcorrido dito prazo “poderá entenderse desestimada” a solicitude por silencio administrativo. Este Comité considera que a expresión “poderá entenderse” é un termo impreciso e considera conveniente a súa substitución por “entenderase”.

Novena.- Artigo 11º. Obrigas dos beneficiarios.
Este artigo establece as obrigas das persoas beneficiarias segundo establece o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No apartado e) sinala que se debe “facer constar en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Traballo”. Este Comité considera que este apartado non é aplicable neste caso, dado que as persoas beneficiarias son persoas físicas, non considerando apropiada esta esixencia.

Décima.- Artigo 12º. Suspensión e perda do dereito á percepción das subvencións.
No segundo parágrafo do apartado 1.a) deste artigo establécese como unha das causas de suspensión e perda da subvención “o rexeitamento dunha oferta de colocación adecuada”. Este Comité considera que debe especificarse que colocación é adecuada ou que se substitúa o termo por “colocación vinculada ás ocupacións que figuran no IPI da persoa traballadora”.

Decimo Primeira.- Anexos.
Este Comité suxire que se inclúa na redacción dos anexos desta orde unha referencia á Lei de Protección de Datos.













ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Exposición de motivos.
Estas organizacións consideran que no texto da Exposición de motivos debería facerse unha referencia ao Acordo do Diálogo Social en Galicia asinado o 5 de febreiro de 2007.

ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Exposición de motivos.
A central sindical CIG considera que non ten obxecto nin sentido ningún que se faga referencia ao Acordo do Diálogo Social en Galicia na exposición de motivos, porque a normativa de referencia desta orde parte da Administración central e non ven derivada do referido Acordo.