ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE REGULA O FUNCIONAMENTO DOS CENTROS ASOCIADOS Ó SERVICIO GALEGO DE COLOCACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES E A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DAS COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS DAS ACCIÓNS A REALIZAR POLOS CENTROS ASOCIADOS CORRESPONDENTES Ó ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o Borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados, remitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, con rexistro de entrada en data do 25 de marzo de 2001, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de abril de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación POR UNANIMIDADE, que se reproducen de seguido

1.- Artigo 3. Información.

Define esta disposición en qué consiste a acción de información que prestan os centros asociados ó SGC. Pero, dentro desa definición introduce un elemento de inconcreción palpable, como é engadir “…así como calquera outra acción que leve a cabo a Dirección Xeral de Formación e Colocación.”

As accións concretas a desenvolver polos centros asociados veñen claramente establecidas no artigo 2 deste borrador de Orde, polo que esta porta aberta permitiría incluír calquera materia nova, calquera acción segundo o libre albedrío do centro administrativo competente.
PROPOSTA: Suprimi-la segunda parte deste artigo, quedando a súa redacción así:
“ A información consistirá en proporcionarlle ó oferente de traballo, así como ó demandante de emprego, datos relativos ás accións que realiza o Servicio Galego de Colocación.”

Outra cuestión digna de mención, é que neste artigo falase de información, mentres que noutros (por ex. o artigo 8) se fala de asesoramento.
Debería seguirse un criterio uniforme ó longo do articulado da norma, seguindo o esquema establecido no seu artigo 2.

2.- Artigo 6. Usuarios dos centros asociados (en relación, á súa vez, cos artigos 7 e 8)

Este artigo di, no seu primeiro parágrafo, que poden ser usuarios dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación, tanto os demandantes como os ofertantes de emprego, sexan dirixidos por este, a través dos seus servicios ou oficinas de emprego, ou ben por propia iniciativa.
Entendemos que a Orde contempla as accións de dar información xenérica e tramitar ofertas pero non a de realizar entrevistas a demandantes de emprego.

Considérase necesario facer unha distinción nesta disposición normativa, pois compre diferenciar dous conceptos: os centros asociados que tramitan ofertas, por unha banda, e por outra, os centros asociados de orientación e o Servicio Público de Emprego.

PROPOSTA:  Enténdese como imprescindible defini-los usuarios dos centros asociados ó SGC no senso en que se acaba de referir e, ademais,  os servicios que prestan: que nuns casos son de orientación soamente; noutros de orientación e asesoramento ás empresas e, finalmente, só asesoramento ás empresas.

Quizais fora unha solución axeitada regulamentar nunha mesma Orde o funcionamento dos centros asociados ó SGC e maila función de orientación, tal e como se fixo no ano precedente.

3.- Artigo 10. Criterios de adxudicación.

Para este precepto o recoñecemento da condición de centro asociado ó SGC realizarase consonte a unha serie de criterios, entre os que se atopa o de cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego, segundo a área funcional na que se sitúe a entidade, en relación co número de demandantes de emprego de cada área funcional.

Este Comité Delegado entende que o concepto de área funcional é demasiado amplo para coñece-lo ámbito e influencia dun servicio público de emprego.
PROPONSE falar, como moito, de comarca.

4.- Artigo 12. Obrigas dos centros asociados.

Neste artigo compre facer dúas consideracións a dous dos seus apartados:
- apartado h): di que calquera centro asociado está obrigado a solicita-la autorización diante do SGC, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se produza nos datos expresados ó comezo da súa colaboración.

PROPOSTA: Manter neste punto a mesma redacción que figuraba na Orde do ano 2001.

- apartado q):  Outra obriga é a de garantir que a utilización do servicio sexa voluntaria por parte do usuario, sen que medie ningún tipo de presión ou engano por parte do centro para atopar usuarios do servicio.
Aquí é necesario traer a colación a proposta de distinción de usuarios que se reflicte no punto 2.

5.- Artigo 14. A). Compensacións polas accións de captación de oferta.

Este apartado a) establece para os centros asociados, que ademais teñan recoñecidas as accións de orientación laboral, unha contía de 9 € por oferta captada e tramitada debidamente.
Esta cantidade que se retribúe, neste suposto específico de centros que levan a cabo funcións de orientación, só supón, respecto da retribución recoñecida para os demais centros, un 1/3 do que se lle compensa a estes.
Esta diferenciación resulta incomprensible dado que xeran a mesma actividade e gastos que as demais accións que poidan desenvolve-los demais centros.

PROPOSTA: Que a retribución sexa semellante para tódolos centros asociados, independentemente das funcións que desenvolvan.

6.- Artigo 16. Forma de pagamento.

O parágrafo 1º deste artigo di que o pagamento das compensacións económicas ordenarase bimestralmente, logo de xustifica-los gastos que correspondan ás accións realizadas.
Esta disposición entra en contradicción co establecido no seguinte parágrafo do precepto: o SGC dispón da xustificación automatizada das accións, dado que as tramitacións xa se atopan no sistema informático, por iso se retribúe segundo esas accións desenvolvidas por cada entidade, que xa se coñecen.
Retribúese por acción, non por gastos.

PROPOSTA: Suprimi-la segunda parte deste 1º parágrafo, quedando a súa redacción así:
“O pagamento das compensacións económicas ordenarase, con carácter xeral, bimestralmente.”

7.- Disposición Adicional Segunda.

Este Comité Delegado entende como incomprensible este enorme recorte económico nas distintas consignacións orzamentarias dispostas para cubri-las accións da presente Orde, respecto das mesmas partidas fixadas para o ano 2001.

Neste senso, solicita unha aclaración ó respecto e sobre cal é o destino desas cantidades detraídas.

8.- Anexo. Documentación que se xunta coa solicitude conforme ó artigo 8 da Orde/…2002.

No apartado en que fala de documentación acreditativa dos requisitos esixidos no artigo 8º debe referirse ó artigo 7.