ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 47/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA EN GALICIA DURANTE OS ANOS 2009 E 2010 DE PROGRAMAS INTEGRADOS PARA O EMPREGO.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2009 e 2010 de programas integrados para o emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Orde TAS/2643/2003, de 18 de setembro), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia á orde que se está a ditaminar.
Ao abeiro da antedita norma, a Consellería de Traballo ven a articular neste proxecto normativo programas integrais de emprego, dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral coas persoas demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 5 de decembro de 2007, publicada no DOG o 14 de xaneiro de 2008, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 7 de novembro de 2007, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais no Ditame 35/07.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na Exposición de motivos indícase que os obxectivos dos programas integrados para o emprego son proporcionarlles ás persoas traballadoras programas combinados de información, orientación, formación e inserción laboral.

Artigo 2º.- Definición de programa integrado.
Establécese a definición de programa integrado de emprego indicando que ten por obxecto o desenvolvemento de plans integrais de emprego que combinen accións de diversa natureza como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.



Artigo 10º.- Criterios de valoración dos programas.
Modifícase a puntuación dos aspectos a valorar dos proxectos que se presenten: o número e características dos colectivos desempregados pasa de 25 a 22 puntos; recursos humanos e materiais pasa de 15 a 12 puntos; os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral pasa de 15 a 18 puntos; o esforzo inversor da entidade solicitante pasa de 15 a 10; a experiencia acreditada da entidade solicitante pasa de 15 a 14 puntos; o carácter innovador do programa pasa de 15 a 12 puntos.
Ademais engádese un novo punto: o emprego da lingua galega na realización das accións do programa integración para o emprego, cunha valoración de 12 puntos.

Artigo 13º.- Forma de pagamento.
No apartado 3 modifícase a porcentaxe máxima dos pagamentos parciais, que pasa do 75% ao 80% do total da subvención concedida.

Na disposición adicional 1ª suprímese a obrigatoriedade de solicitar a autorización do Consello da Xunta de Galicia no que respecta á forma de pagamento prevista no artigo 13º do proxecto.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.






II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2009 e 2010 de programas integrados para o emprego” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 6 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e nove consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais:

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I) e dúas consideracións específicas sobre o contido da norma, manifestadas polo SN de CCOO de Galicia (Anexo II).














DITAME 47/08







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2009 e 2010 de programas integrados para o emprego”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:











CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.
Este Comité observa que existe unha orde de programas experimentais de emprego durante os anos 2008 e 2009, que se vai a solapar durante 2009 coa que agora se ditamina, que rexe para os anos 2009 e 2010.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega e para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo e na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.

Terceira.
Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos do proxecto normativo xa que non foron remitidos a este Consello.

Cuarta.
Este Comité propón a substitución da expresión “traballadores desempregados” por “traballadores e traballadoras en situación de desemprego” en todo o texto normativo, dado que o desemprego é unha situación transitoria e non un colectivo.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.

Neste artigo establécese que o obxecto desta orde é “a posta en marcha de programas de emprego dirixidos á colocación no mercado de traballo das persoas desempregadas...”. Este Comité considera que a expresión “colocación no mercado de traballo” non é a máis adecuada e suxire que se substitúa por “inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego”.

Segunda.- Artigo 3º. Destinatarios.

O apartado 2 deste artigo establece a porcentaxe de persoas beneficiarias perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego, indicando que “Esta porcentaxe será menor se o número de beneficiarios... na localidade na que se vaia a desenvolver o plan non acada a citada porcentaxe”.
Este Comité considera que a referida expresión “será menor ...” deberíase substituír por “reducirase en proporción ao número de persoas beneficiarias”.



Terceira.- Artigo 4º. Obxectivos.
O apartado 1 deste artigo establece que os obxectivos cuantificados de inserción laboral serán de, polo menos, o 35% das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa, porcentaxe que reducirase ao 30% cando todos as persoas participantes sexan desempregadas previamente admitidas no Programa de Renda Activa.
Este Comité suxire igualar nos dous casos as porcentaxes de inserción ao 30%.
Cuarta. Artigo 6º. Contía das subvencións.

O apartado 2 deste artigo alude á imposibilidade de que o importe destas subvencións, illadamente ou con axudas doutras administracións ou entes, públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade.
Este Comité considera que o termo “nacionais” debe ser substituído por “estatais”, consideración que se repite para o artigo 17º.3 deste proxecto.

Quinta.- Artigo 10º. Criterios de valoración dos programas.

Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, suxire incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 2º da orde: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.


Sexta.- Artigo 11º. Procedemento de concesión de subvencións.

O apartado 6 deste artigo establece que o prazo de resolución será de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no correspondente rexistro.
Este Comité suxire que o prazo de resolución se reduza a tres meses.

Sétima. - Artigo 13º. Forma de pagamento.

No apartado 1 deste artigo establécese que procederase ao aboamento  do 50% do total da subvención a partir do momento en que a entidade subvencionada presente a documentación que se relaciona.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1 deste artigo, de ata o 100%.

Oitava.- Artigo 15º. Liquidación final.

No apartado 1 deste artigo establécese a documentación a presentar para a liquidación final dos gastos realizados. Entre a documentación esixida, o apartado b) establece a remisión da copia dos contratos de traballo dos usuarios inseridos. Este Comité considera que esta documentación non é necesaria dado que xa está verificada polo indicado no apartado 3 deste artigo (“O Servizo Público de Emprego verificará o nivel de inserción efectivo...”), polo que propón que se suprima o apartado b).


Novena. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Destinatarios.

No apartado 1 deste artigo figuran como destinatarios específicos dos programas integrados en materia de emprego aqueles traballadores que se atopen en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial que provoque a extinción da relación laboral dos traballadores dunha empresa por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do ET.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, aínda cando a Orde ministerial INCRE 2643/2003, do 18 de setembro, non contempla máis que a extinción dos contratos por crise empresarial, fundamentada nos artigos 51 e 52.c) ET, debería engadirse igualmente a prevista no artigo 64 da Lei Concursal (Lei 22/2003, do 9 de xullo), por canto tamén se estaría ante unha extinción de contratos por causas económicas da empresa, pero, iso si, acordada polo xuíz do concurso.

Respecto ao disposto neste mesmo artigo 3º, apartado 2, a Confederación de Empresarios de Galicia considera excesivo que a porcentaxe das persoas beneficiarias das accións que deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego se cifre no 60%.

A experiencia no desenvolvemento do Plan Integral de Emprego indica que dita porcentaxe resulta moi difícil de alcanzar, máxime nos colectivos que se determinan, polo que se propón que esta se rebaixe ata o 40% como regra xeral.

Segunda.- Artigo 4º. Obxectivos.

O apartado 3 deste artigo sinala que o prazo de execución dos plans integrados para o emprego será como máximo de 12 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que para o correcto desenvolvemento destes plans sería necesario tamén o establecemento dunha duración mínima.










ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SN DE CCOO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 18º . Seguimento das accións.

No apartado 1 deste artigo establécese que ”... a Consellería de Traballo poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde...”.

O S.N. de CC.OO. de Galicia suxire a substitución da citada expresión por “... a Consellería de Traballo realizará e fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción dos/as beneficiarios/as destas subvencións para a comprobación do cumprimento...”.

Igualmente, no apartado 2 deste artigo, este sindicato suxire a substitución da expresión “...a Consellería de Traballo poderá realizar comprobacións...” pola de “a Consellería de Traballo realizará comprobacións...”.

Terceira. - Artigo 19º . Reintegro das subvencións.

No apartado 3 deste artigo establécese que “...o Servizo Público de Emprego poderá comprobar, se non fora posto en coñecemento neses momentos pola entidade beneficiaria da subvención, se o nivel de inserción laboral...”. Suxírese a substitución do texto por “...o Servizo Público de Emprego comprobará se o nivel de inserción laboral...”.