ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 48/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS DE GALICIA PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN E FOMENTO DO COOPERATIVISMO.

I.  ANTECEDENTES

O día 28 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social.



Regúlanse, nesta orde, o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuír ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización da actividade proposta.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 29 de decembro de 2007 e tendo en conta o ditame 34/07, emitido polo Consello con data 7 de novembro de 2007, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Como novidade respecto do proxecto normativo do exercicio pasado, o novo proxecto normativo inclúe no artigo 2º unha nova actividade que é a de fomento de viveiros cooperativos. Nesta actividade será subvencionable parte do importe do alugueiro do local do viveiro durante o ano 2009, cun límite máximo de 3.000 € por local e cooperativa.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.









II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, once artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma e cinco consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.












DITAME 48/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de novembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, tendo en conta que no transcurso do período de vixencia da orde que se ditamina é posible que cambien as persoas titulares da Consellería de Traballo, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Subdirección Xeral de Cooperativas e do Servizo de Cooperativas, considera que estes cargos deberían identificarse nos artigos 5º e 7º e na disposición derradeira primeira de maneira neutra en materia de xénero.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira. Artigo 2º.- Beneficiarios e contía.

No apartado 3, segundo parágrafo deste artigo, establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.

Este Comité Delegado considera que neste parágrafo debe constar expresamente que procurarase a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademais das asociacións de cooperativas.

Segunda. Artigo 5º.- Avaliación de solicitudes.

Este Comité Delegado considera que no apartado 2 deste artigo debe constar expresamente que na comisión de avaliación estarán representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Terceira. Artigo 6º.- Criterios de avaliación.

Este Comité Delegado considera que existen evidentes contradicións entre os criterios de avaliación establecidos neste artigo 6º (apartado 2) e o disposto no apartado 3 do artigo 2º, primeiro parágrafo, nas actividades que figuran a título de exemplo, posto que estas xa son obxecto doutras vías de axuda da propia Consellería.

Cuarta.- Artigos 8º, 9º e 10º.

Na redacción deste artigos utilízase a expresión “...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”. Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Quinta. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.












ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvencións aos concellos ou mancomunidades de concellos de Galicia que as promovan.

A Confederación de empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían estenderse, non só aos concellos, senón a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.