ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 49/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN AXUDAS PARA O FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DAS ASOCIACIÓNS DE COOPERATIVAS.

I. ANTECEDENTES.

O día 28 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O proxecto normativo ten a finalidade de promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas e das súas estruturas representativas. Agrupa dúas clases de axudas, o programa para o fomento e consolidación do asociacionismo, que subvenciona parcialmente os gastos normais de funcionamento das cooperativas (alugueiros, gastos de persoal, etc.) e o programa que subvenciona a realización de actividades de promoción do cooperativismo, como cursos, xornadas, traballos de investigación, etc.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o 3 de xaneiro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (33/07) con data 7 de novembro de 2007, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Como novidade con respecto a anteriores convocatorias introdúcense novos criterios de avaliación, que reflicten por unha banda a importancia dos procesos de intercooperación entre asociacións e pola outra o necesario estimulo dos procesos de incorporación das mulleres á dirección das cooperativas.

No artigo 7º, apartado 1, que regula a concesión das axudas para gastos de funcionamento, no baremo polo nivel de actividade, engádese un novo criterio de valoración segundo a integración da asociación nunha entidade de intercooperación

No apartado 2 do mesmo artigo, que establece a contía das actividades de promoción do cooperativismo, engádese un novo criterio que intenta fomentar a incorporación das mulleres aos consellos reitores das cooperativas e postos directivos en xeral.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas” consta de: Exposición de motivos, trece artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral unánime, así como cinco consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.







DITAME 49/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de novembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, tendo en conta que no transcurso do período de vixencia da orde que se ditamina é posible que cambien as persoas titulares da Consellería de Traballo, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Subdirección Xeral de Cooperativas e do Servizo de Cooperativas, considera que estes cargos deberían identificarse nos artigos 6º e 8º e na disposición derradeira primeira de maneira neutra en materia de xénero.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.- Artigo 1º. Finalidade.

No apartado 1 deste artigo establécese que esta orde ten por obxecto convocar as axudas para o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo.

Este Comité considera que a expresión “estruturas representativas do cooperativismo” é un concepto moi indeterminado, polo que suxire, para evitar confusión, que se substitúa pola expresión “asociacións de cooperativas”, que son as entidades beneficiarias segundo o artigo 3º.

Segunda.- Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.

No punto 2 deste artigo faise referencia aos anexos II e IV desta orde. Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos do proxecto normativo xa que non foron remitidos a este Consello.

Terceira. - Artigo 9º.- Forma de pagamento e xustificación.

O apartado 1 deste artigo establece que as axudas materializaranse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Este Comité non comprende os motivos polos que non procede o abono directo aos solicitantes da contía das axudas, considerando innecesaria a subscrición de convenios de colaboración.

Cuarta.- Artigo 10º e 11º.

Na redacción deste artigos utilízase a expresión “...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”. Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Quinta. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.