ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 50/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DESTINADAS A ACTIVIDADES DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA NO EXERCICIO DE 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 28 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras  das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a  cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover mellores nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

A finalidade desta orde é convocar axudas -dirixidas ás universidades e a entidades sen ánimo de lucro de Galicia- para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante actividades de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 28 de decembro de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 29 de outubro de 2007, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O proxecto normativo presenta unha única novidade con respecto á mesma orde publicada no DOG, que é o cambio na composición da comisión de valoración, recollida no punto 4 do artigo 9º. Na convocatoria do ano anterior a anterior a comisión estaba composta pola subdirectora xeral de Seguridade e Saúde laboral, que a presidía, e tendo como vogais ao xefe de servizo de Seguridade e Saúde Laboral e dúas persoas compoñentes do funcionariado adscrito á Dirección xeral de Relacións Laborais, actuando unha delas como secretario/a.

Na convocatoria deste ano, preside a comisión o xefe de servizo de Seguridade e Saúde Laboral, tendo como vogais ao xefe de sección de Seguridade e Saúde Laboral e dúas persoas compoñentes do funcionariado adscrito á Dirección xeral de Relacións Laborais, actuando unha delas como secretario/a.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.







II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 12 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, inclúese como anexo unha consideración específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo).




DITAME 50/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2009 , con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de outubro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

Este Comité valora, na súa xusta medida, que a Administración aceptara, total ou parcialmente, seis das consideracións emitidas polas organizacións sindicais e empresariais no Ditame 32/07.

Segunda.

Tendo en conta que no transcurso do período de vixencia da orde que se ditamina é posible que cambien as persoas titulares da Consellería de Traballo, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Xefatura de Servizo e de Sección do Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, este Comité considera que estes cargos deberían identificarse de maneira neutra en materia de xénero.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira. - Artigo 2º. Beneficiarios.

Este Comité propón que se mencione expresamente como beneficiarios do programa A ás organizacións empresariais e sindicais que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécense como subvencionables as actuacións de formación, destinadas aos traballadores/as galegos/as.

Este Comité propón que as actuacións de formación se subvencionen soamente cando estas teñan relación cos riscos específicos do posto de traballo.

Terceira.- Artigo 5º. Remate e xustificación das accións.

Este artigo, ao igual que o artigo 11º.2, establecen como data límite para o remate das accións e para a presentación da documentación xustificativa a do 31 de outubro de 2009.

Este Comité suxire que se diferencie a data límite do remate as accións, que podería ser a do 31 de outubro de 2009, da data límite da presentación da documentación xustificativa, que proponse sexa a do 30 de novembro de 2009, para posibilitar que as nóminas, facturas así como os documentos xustificativos de pago aboados ao final do período de execución, poidan ser enviados coa xustificación final.

Cuarta. Artigo 6º. Solicitudes.

No apartado 1.a) deste artigo requírese “Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude”. Este Comité considera que débese substituír por “Documentación acreditativa da representación legal...” por ser máis exacto xuridicamente.

Así mesmo, o apartado c) indica “acta onde figure o nomeamento do representante legal da entidade”. Este Comité propón a supresión deste apartado c) por consideralo redundante respecto ao establecido no apartado a) “documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude”.

Ademais, este Comité suxire a inclusión dun punto máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c), d) e f) do punto 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberían remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.


Quinta. Artigo 9º. Procedemento.

No apartado 3 deste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por  parte da comisión de valoración.  

Este Comité entende, por un lado, que é un criterio totalmente errado primar a capacidade de cofinanciación por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de destinatarios da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Por iso, proponse a eliminación do último ítem, que outorga entre 0 e 2 puntos pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.

Por outro lado, no ditame 32/07 solicitouse que aparecera como criterio avaliable o da “participación no proxecto a realizar de organizacións sindicais e empresariais”, indicando que a súa valoración fose de 0 a 5 puntos. Este Comité reitera que a valoración do criterio sexa de 0 a 5 puntos, dado que a primeira parte da consideración xa foi aceptada.

Finalmente, no último ítem deste apartado 3, valórase o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas de 0 a 1 punto.

Este Comité considera que este criterio debe valorarse de 0 a 3 puntos.




Sexta.- Artigo 11º. Xustificación do pagamento.

Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade do anticipo, por importe do 65% do total do importe da axuda, con análogo criterio ao que se establece en outras ordes reguladoras de Formación para o Emprego.

Sétima.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 1 deste artigo, apartado c), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Oitava.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Bótase en falta a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademais expresamente a obriga de realizar a execución completa da acción por parte da entidade beneficiaria.

Novena.- Artigo 16º. Seguimento e control.

Este Comité entende que se debería substituír a frase “cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión” pola de “cumprir as obrigas que se establecen nesta orde e axustar a execución das accións á resolución de concesión”.

Décima. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 3º.- Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécese como subvencionables as actuacións de formación destinadas aos traballadores/as galegos/as.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que a formación se destine tamén aos empresarios e empresarias, posto que -de acordo co Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais- o/a empresario/a pode asumir directamente a prevención, nas circunstancias previstas na normativa vixente, polo que é bo incluír aos empresarios/as dentro das actividades de formación.