ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 51/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA O REXISTRO DE ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS DE TRABALLADORES AUTÓNOMOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de outubro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se crea o rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 20/2007, do 11 de xullo, do estatuto do traballo autónomo establece un marco xeral de regulación dos profesionais e traballadores autónomos, definindo xuridicamente o sector, establecendo un réxime profesional de dereitos e deberes e un réxime de incentivos para a dignificación, apoio e consolidación do traballo autónomo.

A creación do rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos supón un recoñecemento e un mellor coñecemento do asociacionismo galego, o que fará posible unha mellor defensa dos intereses profesionais deste colectivo fundamental na economía galega.

Neste novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Artigo 1º. Obxecto
Este Decreto ten por obxecto a creación do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e o procedemento de inscrición, entendendo por asociación profesional de traballadores autónomos aquela que teña por finalidade o exercicio da actividade colectiva da defensa e tutela dos intereses profesionais dos traballadores autónomos e funcións complementarias, podendo desenvolver todas aquelas actividades lícitas dirixidas a esta finalidade, e en ningún caso, poderá ter ánimo de lucro.

Artigo 2º. Ámbito de aplicación
Este decreto será de aplicación as Asociacións Profesionais que teñan por finalidade a defensa dos intereses profesionais dos seus asociados e funcións complementarias, e que o seu ámbito territorial de actuación estea comprendido na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º. Natureza do Rexistro
Establécese que é un rexistro administrativo de carácter público e coa única finalidade de dar publicidade as asociacións.

Artigo 4º. Adscrición e estrutura
Este Rexistro está adscrito á Dirección xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, estruturándose nun rexistro central dependente da mencionada Dirección xeral e nos rexistros provinciais dependentes das delegacións provinciais da referida consellería.

Artigo 5º. Publicidade rexistral
A publicidade rexistral farase efectiva por certificación do contido dos asentos ou por simple nota informativa ou copia dos asentos e do depósito dos estatutos e as súas modificacións darase publicidade no taboleiro de anuncios do rexistro, ou no seu caso, por medios informáticos ou telemáticos, e no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial da provincia segundo corresponda.

Artigo 6º. Certificacións
A certificación será o medio de acreditar fehacientemente o contido dos asentos e dos documentos depositados no Rexistro.

Artigo 7º. Funcións do Rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia
Son funcións do Rexistro, entre outras, as seguintes: inscribir ás asociacións profesionais de traballadores autónomos, custodiar e conservar a documentación, visar os estatutos, emitir certificacións, facilitar información, etc.

Artigo 8º. Dereito de inscrición
O dereito á inscrición no rexistro só poderá denegarse cando non se reúnan os requisitos establecidos na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

Artigo 9º. Carácter da inscrición
A inscrición neste rexistro é garantía tanto para as asociacións como para os terceiros que con elas se relacionan.

Artigo 10º. Actos inscribibles
Segundo o proxecto de Decreto, serán obxecto de inscrición: a constitución da asociación; as modificacións estatutarias; a identidade de titulares da xunta directiva; a apertura, cambio e peche de delegacións; as asociacións que constitúen ou integran federacións, confederacións ou unións de asociacións; a incorporación e separación de asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións; a suspensión, disolución ou baixa da asociación e as súas causas.

Artigo 11º. Solicitude de inscrición da constitución da asociación
A inscrición solicitarase mediante solicitude oficial, acompañada da documentación establecida (identificación do solicitante e da asociación, petición, taxas...).

Artigo 12º. Acta fundacional
O proxecto de Decreto detalla o contido da acta fundacional que deberá acompañar á solicitude de inscrición.

Artigo 13º. Inscrición da modificación dos estatutos
Establécese que o prazo para presentar a solicitude de inscrición da modificación será dun mes desde que se adoptara o acordo pola asemblea xeral convocada especificamente con tal obxecto, debendo ir acompañada coa documentación xustificativa da mencionada modificación.

Artigo 14º. Inscrición da identidade dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación
O prazo de presentación da solicitude de inscrición será de un mes desde a elección ou modificación dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación, debendo ir acompañada coa documentación xustificativa.

Artigo 15º. Inscrición da suspensión, disolución ou baixa da asociación e as súas causas
Establécese que as asociacións só poderán ser suspendidas nas súas actividades por resolución motivada da autoridade xudicial competente, disolveranse polas causas previstas nos seus estatutos e causarán baixa no correspondente rexistro por terse producido a disolución da asociación, por modificación do seu ámbito territorial ou réxime xurídico ou por outro motivo legalmente establecido, debendo, no prazo dun mes desde que se producira calquera das causas anteriores dirixir a solicitude correspondente ao rexistro.

Artigo 16º. Inscrición de federacións, confederacións e unión de asociacións
Establécese que para poderen inscribir unha federación, confederación ou unión de asociacións será requisito indispensable que as asociacións promotoras estean inscritas no correspondente rexistro de asociacións de profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º. Instrucción
Neste artigo indícase o procedemento a seguir para tramitar a inscrición no rexistro.

Artigo 18º. Realización da inscrición
A competencia para ditar as resolucións de inscrición no rexistro correspóndelle aos delegados/as provinciais da Consellería de Traballo ou á persoa que ocupe a Dirección xeral de promoción do emprego, segundo o ámbito das asociación inscritas.
O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación; transcorrido o mesmo sen resolución expresa, o silencio administrativo enténdese neste caso positivo.

Artigo 19º. Réxime dos recursos
As resolucións emitidas poñen fin á vía administrativa e contra as mesmas caben os recursos contemplados pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20º. Asignación de número de inscrición
Establécese que, unha vez aprobada mediante resolución a inscrición, cada unidade rexistral asignará un número de forma correlativa e independente para cada unha das seccións en que se estrutura o rexistro.

Artigo 21º. Organización do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia
O Rexistro estará estruturado en dous grupos de tratamento rexistral: asociacións da competencia do Rexistro central de Asociacións, con carácter intersectorial e autonómico, e asociacións da competencia dos Rexistros provinciais de asociacións, con ámbito sectorial e provincial.


Artigo 22º. Follas rexistrais
As inscricións realizaranse en follas rexistrais que conteñan unidades independentes de arquivo. Así mesmo levarase un ficheiro de denominacións de asociacións para evitar duplicidade ou semellanza nos nomes das mesmas.

Artigo 23º. Tipos de asentos
No Rexistro realizaranse asentos de inscrición, complementarios, de rectificación e notas marxinais.

Artigo 24º. Asentos de inscrición
Os asentos de inscrición poden ser de constitución, modificación e disolución das asociacións.

Artigo 25º. Asentos complementarios
Son asentos complementarios os de nomeamento e revogación dos membros de órganos de goberno das asociacións, traslados por cambio de domicilio social, apertura ou peche de locais ou delegacións e os de traslado dunha sección do rexistro a outra.

Artigo 26º. Asentos de rectificación
Os erros materiais, de feito ou aritméticos, que se detecten no contido dos asentos practicados, serán rectificados, de oficio ou a instancia dos interesados, polo encargado da unidade rexistral.

Artigo 27º. Notas marxinais
Corresponden a anotacións de todas as dilixencias que soliciten e leven as asociacións.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea o rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, Título Preliminar, dous títulos, vintesete artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 19 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas unánimes, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.









DITAME 51/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se crea o rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de outubro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de novembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega e para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo (comezando polo título xa que tamén hai mulleres autónomas) e na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.

Segunda.
Pártese da afirmación de que as asociacións profesionais de autónomos son en todo caso asociacións constituídas segundo establece a Lei orgánica 1/2002 e rexidas por esta.

Hase de ter en conta neste punto que as organizacións empresariais e sindicais non entran dentro do ámbito de aplicación da Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación, e, polo tanto, non se constitúen conforme a tal normativa, senón de acordo coa Lei 19/1977, que regula o asociacionismo profesional.

Malia a esta afirmación -e toda as regulacións que leva consigo ao longo do articulado do proxecto-, o certo é que as asociacións de autónomos se constitúen segundo establece a Lei 19/1977 e figuran debidamente inscritas no rexistro da Consellería de Traballo, sen que tal consellería comunicase obxección ningunha ao respecto.

O anteriormente salientado fai imposible o cumprimento do decreto por parte das asociacións de autónomos (véxase a regulación para a inscrición das asociacións xa existentes na disposición transitoria primeira: hase de acreditar a adaptación á Lei orgánica 1/2002, trámite que efectivamente si tiveron que realizar as asociacións non empresariais a resultas da publicación da Lei orgánica 1/2002).

Pero é que, a maiores, aquelas asociacións de autónomos, que si figuren inscritas no rexistro de organizacións empresariais, nunca se verían prexudicadas polas consecuencias da non inscrición (téñase en conta que a inscrición no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos non ten carácter constitutivo ou de legalización da asociación, senón tan só efectos de publicidade, segundo se indica no propio proxecto de decreto, sendo as únicas consecuencias aparentes da non inscrición a responsabilidade persoal e solidaria dos promotores da asociación das obrigas contraídas con terceiros).

Outra cousa será que se esixa a posteriori como requisito previo ao acceso de axudas e subvencións a inscrición das asociacións de autónomos no rexistro específico destas.

Por todo isto, este Comité considera que non queda claro se as asociacións xa constituídas e inscritas como organizacións empresariais se verán privadas de tal inscrición, isto é, se a Consellería de Traballo pretende dalgunha forma invalidar tal acto de inscrición ou trasladar de oficio a inscrición de tales asociacións ao novo rexistro específico. Debe terse presente que a Lei 20/2007 do Estatuto do traballo autónomo na Disposición Transitoria 1ª sinala que "as asociacións profesionais de traballadores autónomos constituídas segundo establece a normativa anterior quedarán automaticamente validadas”.

Sendo iso así, este Comité considera que no decreto debe contemplarse tal conversión automática, polo que debería regularse no proxecto de decreto nunha Disposición Transitoria a posibilidade de inscrición deste tipo de asociacións profesionais que, ope legis, quedaron validadas, polo que no artigo 1º do proxecto de decreto debería facerse a salvedade de "... agás o disposto na Disposición Transitoria".

Este Comité suxire como redacción da Disposición Transitoria a seguinte: “De conformidade co disposto na DT 1ª da LETA, as asociacións profesionais constituídas con anterioridade á entrada en vigor da LETA que quedaran validadas, poderán inscribirse no rexistro creado neste decreto durante o prazo dun ano a partir da entrada en vigor do presente decreto”.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira.-  Exposición de motivos.
Obsérvase que falta, na exposición de motivos, un parágrafo final que aluda á consulta verificada ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 12º. Acta fundacional.
Neste artigo solicítase que se presente a acta fundacional das asociacións xunto coa solicitude de inscrición no rexistro. Este Comité entende que este requisito só debería esixirse ás asociacións profesionais que se constitúan no futuro e non ás validadas por entender que esa documentación obra xa en poder da Administración.

Na letra a) deste artigo indícase que no caso de promotores estranxeiros deberán acreditar que contan coa autorización de estancia ou residencia en España. Este Comité considera que debería facerse unha distinción entre os cidadáns da Unión Europea e os de terceiros países, por considerar que non lles é aplicable a mesma normativa.

Terceira.-  Artigo 12º. Acta fundacional.
Este Comité considera que hai unha repetición no apartado d) deste artigo da expresión “vontade de constituír a asociación”, dado que xa aparece reflectido no apartado b) do mesmo artigo.


Cuarta.- Artigo 18º. Realización da inscrición.
No apartado 4 indícase que o prazo para resolver e notificar será de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro competente para a súa tramitación. Este Comité considera que este é un prazo excesivo e que debería reducirse. O prazo podería ser, por exemplo, de 21 días como establece a normativa de asociacións sindicais.

Quinta.- Artigo 20º. Asignación de número de inscrición.
Neste artigo indícase que unha vez que se aprobe a inscrición das asociacións mediante resolución motivada, cada unidade rexistral asignará de forma correlativa e independente un número. Este Comité considera que debería preverse tamén a inscrición por estimación da solicitude, derivada do transcurso do prazo para resolver (prevista no artigo 18º.4), ademais das aprobadas mediante resolución.

Sexta.- Disposición Transitoria única.
O contido desta Disposición Transitoria ven determinado polo establecido na Disposición Transitoria primeira da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do estatuto do traballo autónomo, na que se daba un prazo de seis meses desde a entrada en vigor la Lei para á adaptación das empresas á nova normativa. Este Comité considera que este prazo xa está rematado e polo tanto non se entende a súa referencia neste proxecto de orde.