ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 52/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2009

I. ANTECEDENTES

O día 5 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2009 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto de orde faise constar que o marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais, que no campo laboral convoca anualmente a Administración autonómica, está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, no seu artigo 4º, establece que as subvencións serán destinadas ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades.

As subvencións reguladas na referida orde son de tres tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante 2009.
• Programa II: Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.
• Programa III: Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Obsérvase que o importe das axudas para o exercicio do 2009 é o mesmo que o destinado ao ano 2008 (2.325.958 €).

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 11 de decembro de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 23 de outubro de 2007 (Ditame 31/07), obsérvase que foron tidas en conta soamente dúas das consideracións manifestadas polos axentes sociais, a relativa á inclusión na exposición de motivos de que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a relativa á ampliación da posibilidade de anticipo do 50% da subvención aos tres programas de axuda.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

A principal modificación do proxecto remitido é a eliminación de todas as mencións á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, quedando como normativa de referencia a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á Lei 9/2007.

Outra novidade con respecto ao proxecto do ano 2008 é que na presente orde especifícanse os códigos dos proxectos aos que están imputados os créditos asignados para cada tipo de programa (Capítulo II).

No artigo 19º.2 aparece como novidade a posibilidade de facer efectivo ata o 50% do total da contía da subvención en concepto de anticipo para os tres programas previstos na orde, fronte ao establecido no proxecto do ano 2008 que contemplaba unicamente anticipos para o Programa I, recollendo deste xeito a consideración formulada polo Comité no ditame 31/07.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.


O día 19 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e tres específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



DITAME 52/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de novembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

Obsérvase que na exposición de motivos figura que foi oído o Consello Galego de Relacións Laborais.
Este Comité considera que o correcto é dicir que foi consultado, tendo en conta que o Consello é un órgano consultivo.

Segunda.

Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.










CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 14º. Solicitudes.

Neste artigo establécese que as solicitudes presentaranse segundo o modelo que figura no anexo I.

Este Comité manifesta que o referido anexo non pode ser obxecto de ditame posto que non foi remitido xunto co proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 20º.

No primeiro parágrafo deste artigo úsase o termo “nacionais” erroneamente, pois a norma refírese ao ámbito do Estado español, polo que este Comité considera que debe substituírse por “estatais”. O mesmo acontece na Disposición adicional primeira.

Terceira.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.
ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, neste proxecto normativo as cantidades orzamentadas son idénticas ás do exercicio anterior en términos monetarios, polo que se produce unha diminución do seu importe, a efectos reais, na porcentaxe que medre o IPC.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.- Artigo 18º. Resolución.

Este artigo segue establecendo que o prazo para a resolución das subvencións será de catro meses (no borrador da mesma orde en 2003 era de tres meses). Este aumento do prazo non parece axeitado, pois retrasará todavía máis o proceso, polo que se propón que sexa de tres meses.


Segunda.- Artigo 19º. Forma de pagamento e xustificación.

Establece este artigo, no seu apartado 2, a posibilidade de librar anticipos, ata o 50% do total da contía da subvención, no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa pola organización beneficiaria da subvención concedida.

As organizacións sindicais que integran o Consello propoñen que o anticipo debería ser de maior contía, como ocorre con outras ordes (65% en Formación). Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, deberíase habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.


Terceira.- Artigo 20º. Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións.

No segundo parágrafo deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2010 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2009 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2009.



As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de aportación documental, cando xa no artigo 16º se require, específicamente para este suposto, a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o artigo 15º).
























ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2009.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, estase a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende, ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferenzas establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.


A exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outogarmento de subvencións a uns órganos de representación (de traballadores e traballadoras) con obxecto de que desenvolvan a súa función de interlocución social coa idoneidade técnica e profesional requerida.


A exposición de motivos polo tanto podería dar cobertura á regulación  nun plano total de igualdade, de idénticas subvencións ás organizacións empresariais, para que estas podan desempeñar as funcións de interlocución social e fomento da profesionalidade de tales organizacións e de creación de emprego.


Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais e que consideramos, salvando as distancias e diferenzas entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.



É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Asi mesmo, non podemos esquecer que se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.