ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 53/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a posta en marcha dun sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade das persoas demandantes de emprego; sistema que contempla a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2008, publicado no DOG o día 28 de marzo de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de decembro de 2007 (Ditame 42/07), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Non se achegan co proxecto normativo os anexos aos que fai referencia.
Non se respectan as diferenzas de xénero, inclusive na denominación dos cargos públicos.

No artigo 6º, relativo á solicitude, apartado 3.g), elimínase a necesidade de presentar no proxecto-memoria curriculum vitae suficientemente acreditado da persoa ou persoas propostas para a realización das accións.

No artigo 8º, apartado 1.e), que recolle os criterios de valoración para a concesión das subvencións, modifícase a puntuación para a valoración do desenvolvemento doutras medidas de carácter ocupacional complementarias ás definidas na orde. Na convocatoria de 2008 valorábase con 12 puntos e neste proxecto distínguese entre “con realización de IPIs: 12 puntos e sen IPIs: 6 puntos”.


No apartado 3 do artigo 11º (Selección e contratación do persoal para a realización das accións), prodúcese un cambio con respecto ao establecido na orde do ano 2008 sobre a necesidade da entidade beneficiaria de acreditar a experiencia do persoal técnico seleccionado: refúndense os apartados a) e b), quedando unicamente un apartado a) referido a persoal que desenvolva accións de información profesional, orientación laboral e busca de emprego, experiencia en materia de formación profesional ocupacional, orientación laboral e profesional, recursos humanos, motivación ao emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

Aumentan as contías máximas previstas no apartado 1 do artigo 12º, establecéndose en 30.688,29 euros por ano (29.650,53 euros na orde anterior) para o persoal técnico, titulado superior ou medio (letra a) e en 21.480,29 euros (20.753,91 euros na orde do exercicio 2008) para o persoal de apoio (letra b).

Modifícanse os prazos de comezo das accións recollidos no artigo 16º (Prazo de execución das accións), establecéndose que as accións poderanse executar dende o 1 de febreiro de 2009 ata o 31 de marzo de 2010. Na orde de 2008 o prazo de comezo das accións situábase o 1 de abril de 2008.

Polo que respecta ao inicio do proxecto conxunto de accións, este deberá terse realizado antes do 30 de setembro do ano 2009, prazo que no 2008 situábase antes do 31 de decembro.
Con respecto á liquidación final das subvencións (artigo 17º ), distínguese segundo sexan concedidas a través dos fondos transferidos da Administración do Estado (artigo 14º.1.1) ou a través do Programa Operativo Galicia 2007-2013 do FSE (artigo 14º.1.2).

Polo que se refire ás concedidas do artigo 14º.1.1 (Administración do Estado), as entidades beneficiarias presentarán, antes do 20 de novembro de 2009, liquidación dos gastos realizados ata o 31-10-2009 e antes do 1 de marzo de 2010 presentarán a liquidación dos gastos realizados correspondentes á subvención de 2010 (a data na orde anterior era 30 de abril).

Pola súa banda, ás concedidas ao abeiro do artigo 14º.1.2 (FSE), antes do 31 de xaneiro de 2010 deberán presentar liquidación dos gastos realizados ata o 31-12-2009 e antes do 30 de abril de 2010 presentarán liquidación dos gastos realizados correspondentes á subvención de 2010 (este último punto é novo con respecto a orde do 2008).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 26 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén cinco consideracións xerais de carácter unánime, así como once consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime, unha xeral manifestada polas organizacións sindicais CIG e CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo I), unha específica manifestada pola CEG (Anexo II) e unha consideración específica manifestada pola CIG (Anexo III).











DITAME 53/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de novembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:












CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.

Valórase, na súa xusta medida, a incorporación ao proxecto de orde de diversas consideracións manifestadas por este Comité no ditame 42/07, emitido sobre esta mesma norma para o exercicio 2008.

Segunda.

Obsérvase que no texto do proxecto normativo non se respectan as diferenzas de xénero, inclusive na denominación dos cargos públicos.

Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo.

Terceira.

Os anexos que se citan no proxecto de orde non se remitiron para ditame xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame. Este Comité propón que estes se acheguen para que se podan ditaminar.



Cuarta.

Este Comité considera que deberíase avanzar na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas orientadoras de emprego, tanto nas accións individuais, como especialmente nas colectivas.

Quinta.

Este Comité valora positivamente a tramitación deste proxecto normativo ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, porque isto permite a execución do programa durante un exercicio anual completo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

Na penúltima liña do segundo parágrafo da exposición de motivos alúdese ás competencias da Dirección Xeral de Formación e Colocación, entre outras, en materia de formación ocupacional.

Este Comité considera que se debería suprimir o termo “ocupacional”.


Segunda.- Artigo 6º. Solicitude.

No apartado 3, letra c) requírese a “Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asinar a solicitude”.

Este Comité considera incorrecta a expresión “representatividade suficiente”, polo que se debería substituír por “representación legal”.

No apartado 3, letra g), item 5º, solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego que a entidade prevea acadar no período subvencionado.

Este Comité propón a supresión do establecido no citado item, xa que considera que resulta difícil que a entidade solicitante poda determinar este extremo por canto non posúe a información necesaria para avalialo.  

Por outra banda, o apartado 4 deste artigo 6º establece exencións na presentación de determinada documentación para as entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de entidades beneficiarias do Servizo Público de Emprego na área de información e/ou orientación e busca de emprego.

Este Comité propón engadir neste apartado a posibilidade de permitir ás referidas entidades, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros coas mesmas instalacións, persoal e demais medios que foron aprobados no exercicio anterior.

Terceira.- Artigo 6º. Solicitude.

Este Comité considera que deberían suprimirse da enumeración deste artigo as letras j) e k) por ser impropias da lingua galega. A mesma consideración pódese aplicar ao artigo 10º e á letra j) que aparece no artigo 8º.

Cuarta. – Artigo 8º. Criterios de valoración para a concesión das subvencións.

Este Comité considera que debería identificarse como apartado 2 o último parágrafo deste artigo (“A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 25 puntos”).

Quinta.- Artigo 11º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

Noo baremo establecido no apartado 1 deste artigo valórase en outros méritos, que a persoa candidata posúa os títulos de iniciación e perfeccionamento en lingua galega.

Este Comité suxire que hai que adaptar a denominación á normativa vixente na materia, debendo valorarse como mérito, en lugar dos títulos de iniciación e perfeccionamento en lingua galega, o CELGA nos seus diferentes niveis.

Sexta.- Artigo 12º. Contía das subvencións.

No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose as retribucións totais que se subvencionarán, por cada persoa seleccionada como persoal técnico ou de apoio.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do custo do traballador/a, comprendendo non soamente o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente.

Así mesmo, neste apartado, nas letras a) e b) fíxase a contía máxima subvencionable, considerando este Comité que se debe subvencionar o tope establecido e suprimir no texto da orde o inciso  “ata un máximo”.

Sétima.- Artigo 12º. Contía das subvencións.

No apartado 4 deste artigo 12º, indícase que “En ningún caso, o importe da subvención... poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia.... doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Esta consideración pódese aplicar tamén ao artigo 18º.2.

Oitava.- Artigo 14º.- Forma de pagamento.

No apartado 1 deste artigo regúlase a posibilidade de anticipos (dun 35% e dun 20% máis).

Este Comité, de igual modo que sucede nos Programas de Cooperación, particularmente na Orde que regula as subvencións para a contratación de axentes de emprego, propón que se anticipe o 100% sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente, xustificándose mediante a presentación da documentación que se considere necesaria.

Polo que se refire ao apartado 1.2 deste artigo, considérase que á vista da redacción deste apartado suscítanse dúbidas respecto de como se vai atender o financiamento dos gastos que se verifiquen no período do 1 de febreiro ao 31 de marzo.

Novena.- Artigo 16º. Prazo de execución das accións.

Este Comité considera que pode existir un erro no apartado 2 deste artigo por canto debe referirse ao ano 2010 e non ao 2009.

Décima. – Artigo 17º. Liquidación final.

Este Comité propón que as datas de presentación de liquidación referidas nos apartados 3. e 4. deste artigo se unifiquen e que se teña en conta para os dous casos a data de 30 de abril de 2010.

Neste artigo obsérvase tamén erro na numeración dos apartados dado que se repite o número 4.

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.




ANEXO I



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Non se deduce do texto da Orde a posibilidade de prórroga contractual do persoal que leva a cabo as accións subvencionadas.

As organizacións sindicais CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideramos que a non posibilidade de prórroga implicaría ou ben un deficiente servizo motivado pola súa suspensión temporal, ou ben un esforzo económico para a entidade colaboradora para poder manter a prestación de servizos.











ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1.- Con respecto á Exposición de Motivos:

A Exposición de Motivos repite a mesma redacción da orde anterior. Sería adecuado facer unha referencia á nova situación de coxuntura económica, no sentido de establecer que “o novo escenario económico xustifica a necesidade de fortalecer as accións de orientación, para mellorar a empregabilidade dos desempregados e facilitar a recolocación dos que procedan dos sectores máis afectados pola nova conxuntura económica”.

2.- Con respecto ao segundo parágrafo do art. 2º:

Regula este precepto que “No caso das asociacións empresariais e sindicais de carácter sectorial e das confederacións, só se considerarán as solicitudes de maior ámbito territorial, é dicir, denegaranse aquelas solicitudes das entidades mencionadas cando existan solicitudes susceptibles de resolución favorable presentadas por asociacións ou confederacións dun ámbito territorial máis amplo ás que pertenzan ou estean asociadas”.

A redacción deste precepto descoñece a diferenza de personalidade xurídica que teñen as distintas asociacións empresariais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, o que pode ocasionar problemáticas na xestión do persoal contratado.

Porque ao incluír o termo “de maior ámbito territorial”, supón que só se resolvería favorablemente a solicitude presentada pola entidade de maior ámbito, que en hipótese tería que ter en conta as necesidades das entidades asociadas a esta de ámbito inferior. Pero isto suporía que tería que ser esta entidade a que contratase un persoal de orientación que desenvolvería servizos noutros centros de traballo, cunha titularidade que non lle corresponde á solicitante, o que á parte da necesidade de facer as correspondentes comunicacións á Seguridade Social, pode ocasionar posibles problemáticas relacionadas coa circunstancia de que as ordes e instrucións serían da entidade solicitante pero o réxime de horario, vacacións... serían o da entidade inferior, o que a pouco que se reflexione pode provocar interpretacións de posible cesión ilegal.

Por este motivo, a CEG solicita a eliminación deste segundo parágrafo e que se deixe claramente definido no texto da orde de convocatoria que poderán ser solicitantes calquera confederacións e asociacións empresariais que teñan a súa sede en Galicia.

3.- Art. 3. Accións subvencionables.

No mesmo sentido que o manifestado no ditame do ano anterior, a CEG considera que dentro das accións subvencionables deberían integrarse as accións de captación de ofertas de traballo, coa correspondente compensación económica. Entendemos que estas accións deben ser consideradas neste precepto como medio para conseguir uns adecuados niveis de intermediación por parte do Servizo Público de Emprego.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

Artigo 8º. Criterios de valoración para a concesión das subvencións.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) entende que debería modificarse a distinta valoración que figura na letra e) do apartado 1 deste artigo, xa que a realización destas medidas complementarias con IPIs ou sen IPIs depende das remisións realizadas polas oficinas de emprego e da vontade da persoa afectada, máis que da propia vontade da entidade.