ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 54/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO DO ANO 2009, AS SUBVENCIÓNS DESTINADAS ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA A IMPLANTACIÓN E DESENVOLVEMENTO DE BANCOS MUNICIPAIS DE TEMPO, PLANS DE PROGRAMACIÓN DO TEMPO NA CIDADE, PLANS DE CONCILIACIÓN LOCAL E/OU OUTRAS MEDIDAS MUNICIPAIS DE CONCILIACIÓN.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan para o exercicio do ano 2009, as subvencións destinadas ás entidades locais para a implantación e desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo na cidade, plans de conciliación local e/ou outras medidas municipais de conciliación e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Consellería de Traballo é o departamento da Xunta de Galicia que ten atribuído o exercicio das competencias en materia laboral, estando entre as súas prioridades básicas a aplicación transversal do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no eido do emprego e as relacións laborais.

Desde este ámbito competencial promociona e colabora activamente no desenvolvemento de actuacións dirixidas a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, entre as que se inclúen as de promoción autonómica das medidas municipais de conciliación, reguladas no Titulo VI da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia e desenvolvido polo Decreto 182/2008, do 31 de xullo.

Neste sentido, na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que cómpre desenvolver os bancos municipais de tempo, os plans de programación do tempo nas Cidades, os plans de conciliación local e outras medidas municipais de conciliación que teñen como finalidade facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, co obxectivo final de acadar a corresponsabilidade entre mulleres e homes; plans que a Consellería de Traballo considera de máximo interese e estima necesario prestar o seu apoio as accións que, neste sentido, emprendan as entidades locais dentro da súa competencia, como entes próximos á cidadanía e coñecedores das necesidades da súa poboación.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2008, publicado no DOG o día 16 de outubro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de outubro de 2008 (Ditame 41/08), obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.




Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O obxecto da orde (artigo 1º) é aprobar as bases que rexerán a concesión de subvencións para o exercicio de 2009 e proceder á súa convocatoria pública para as seguintes medidas:

• Bancos do tempo, coa finalidade de facilitarlle ás persoas empadroadas no correspondente concello a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.
• Plans de programación do tempo na cidade que, elaborados polos concellos, pretenden unha coordinación dos horarios da cidade coas esixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía.
• Plans de conciliación local ou conxunto coordinado de medidas adoptadas por un concello coa finalidade de facilitar a conciliación e a corresponsabilidade.
• Implantación de calquera outra medida, sempre que os seus obxectivos respondan ao fin de fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares.

As axudas irán dirixidas (artigo 2º) aos concellos individualmente ou a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local constituído exclusivamente polos concellos implicados. Ademais, poderán solicitalas aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, quedando, neste suposto, obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

Os créditos consignados para estas axudas (artigo 3º) financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, tendo un importe global de 452.399 euros (para transferencias correntes) e de 87.500 euros (para transferencias de capital).

As actividades subvencionables serán as realizadas desde o 1 de xaneiro de 2009 ata a data límite de xustificación (artigo 4º).

Os criterios de valoración das distintas solicitudes (artigo 8º) son: interese do proxecto; poboación á que beneficia; actuacións consensuadas coas asociacións e/ou consellos de mulleres municipais ou comarcais; propostas concretas para o curto e medio prazo; participación da entidade no financiamento das actuacións; indicadores de avaliación de actividade, resultados e impacto; carácter innovador das actuacións; emprego do idioma galego.

Terán a consideración de subvencionables (artigo 13º) aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza das actuacións presentadas na solicitude e se realicen e xustifiquen antes do 30 de novembro de 2009.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.






II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan para o exercicio do ano 2009, as subvencións destinadas ás entidades locais para a implantación e desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo na cidade, plans de conciliación local e/ou outras medidas municipais de conciliación” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, catro disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.

O día 26 de novembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e catorce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola CEG.

Así mesmo contén unha consideración xeral non unánime sobre a valoración da norma manifestada pola CEG (Anexo).





DITAME 54/08





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se convocan, para o exercicio do ano 2009, subvencións destinadas ás entidades locais para a implantación e desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo na cidade, plans de conciliación local e/ou outras medidas municipais de conciliación, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de novembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.-
En relación coa materia que se pretende regular mediante este proxecto de Orde, este Comité lembra as observacións xerais e particulares contidas nos ditames emitidos no seu día sobre a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (Ditame 27/06) e sobre o Decreto 182/2008 de desenvolvemento da mencionada Lei (Ditame 14/08).

A teor do contido do proxecto de Orde, interesa especialmente resaltar os seguintes aspectos:

1. Recóllense como gastos subvencionables os correspondentes aos custos sociais do persoal propio da entidade, adicado ás actividades relacionadas coa posta en marcha, seguemento e desenvolvemento do Plan de programación; os dunha persoa desempregada como responsable do plan; os derivados da contratación dunha entidade externa; os gastos da posta en funcionamento e convocatorias da Mesa de Concertación do Plan de Programación; e as axudas a suxeitos privados que asuman compromisos sobre horarios. Polo que, segundo se recollía no Decreto 182/2008, só se prevé a contratación en casos excepcionais.

2. Estes plans de programación do tempo na cidade pretenden unha coordinación dos horarios da cidade coas esixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía, de maneira que estase a sustentar a política de conciliación no voluntariado. A inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da veciñanza. Previsiblemente, a base de datos das persoas demandantes vai estar feminizada, polo que unha vez máis contribuirase a manter as estereotipas e a gratuidade do traballo desempeñado polas mulleres.

3. No obxecto de orde non se explicita cal vai ser a modalidade de contratación do persoal, nin se fala da súa formación, experiencia laboral, etc. Non se alude ao perfil do persoal contratado. Non se explicita que metodoloxía vaise seguir para realizar a escolla. Solicitamos novamente que se teñan en conta os principios de igualdade, mérito e capacidade, seguindo estas pautas para a selección e non a designación directa.

4. En ningún momento faise referencia á formación das persoas ou axentes de tempo, en que vai consistir e quen a vai impartir.

5. Segue sen concretarse máis polo miúdo o listado de servizos susceptibles de intercambiar e a maneira de levalos a cabo.

Segunda.-

Na redacción da presente Orde debería establecerse un criterio unificador á hora de referirse ás normativas de referencia. Así, mentres que en artigos como o 17 (Fiscalización e control) se nos remite aos artigos concretos da Lei de aplicación, no artigo 18 (reintegro das subvencións) desenvólvese o seu contido, que se corresponde co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007.

Este Comité considera máis acertado sinalar os artigos concretos das Leis que lle son de aplicación, sen necesidade de facer transcricións do xa disposto.

Terceira.-

Este Comité suxire unha revisión do texto para á súa adecuación á normativa lingüística vixente para a escrita da lingua galega.


Cuarta.-

Este Comite fai fincapé no necesario desenvolvemento, aínda sen levar a cabo, do previsto no artigo 48 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, relativo á Mesa de Concertación do Plan de Programas do Tempo na Cidade.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira. – Exposición de motivos.

Este Comité considera que debe figurar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda. - Artigo 1º. Obxecto.

Este Comité suxire que se inclúa no apartado 2 deste artigo o principio de “control público” entre os que nel se mencionan.

Terceira. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.

Este Comité propón unha nova redacción do apartado 1, en consonancia coa formulada no artigo 5º do Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento e do que se derivan estas axudas: “Poderán solicitar e beneficiarse das subvencións reguladas nesta convocatoria os Concellos, individualmente ou asociados entre eles, podendo solicitalas a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local constituído exclusivamente polos concellos implicados.
A solicitude destas subvencións poderá facerse con independencia de que a xestión das medidas se realice pola entidade solicitante, ou a través doutras entidades públicas ou privadas dependentes ou vinculadas a elas, sempre que estas últimas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos Plans de Programación do Tempo na Cidade.
No caso de que a xestión das medidas se realice a través doutras entidades privadas dependentes ou vinculadas a eles, terán preferencia os concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.”

Este Comité propón, no apartado 4, a substitución do texto “O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes...” por “O incumprimento destas normas dará lugar ao rexeitamento motivado de todas as solicitudes...”

Cuarta. - Artigo 4º.

Obsérvase que o parágrafo precedente ao artigo 5º non está identificado como artigo 4º.

Este Comité propón unha nova redacción para este artigo, en consonancia coa formulada no artigo 6º.c) do Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento e do que se derivan estas axudas: “As actividades subvencionables serán as realizadas desde o 1 de xaneiro de 2009 ata a data límite de xustificación, relativos aos custos sociais do persoal propio, compensación da persoa responsable do plan, gastos das convocatorias da mesa de concertación do plan e fondo de manobra para axudas directas aos suxeitos privados que asumisen compromisos sobre horarios da cidade.”

Quinta. - Artigo 5º. Solicitudes, prazo e forma de presentación.

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde no parágrafo segundo do apartado 1 deste artigo non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Este Comité tamén considera que sería conveniente, neste parágrafo, a inclusión da dirección da páxina web da Consellería.

Este Comité propón, no apartado 4.c), a substitución do texto “O/A representante que se...” por “O/A representante ou órgano correspondente que se...”

Sexta. - Artigo 6º. Documentación.

Este Comité propón, no apartado a), a substitución do texto “Memoria detallada das actuacións...” por “Relación detallada das actuacións...”

Sétima. - Artigo 7º. Tramitación dos expedientes.

No apartado 2, no segundo parágrafo, establécese que a comisión de valoración poderá requirir “documentación adicional”.

Este Comité considera que debería aclararse qué se entende ou a qué se refire concretamente esa documentación adicional, por canto esta debe ter directa relación coa sinalada para achegar coa solicitude.

Oitava. - Artigo 8º. Criterios de valoración.

O artigo 5 do Decreto 182/2008 establece que aqueles concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento serán beneficiarios da promoción autonómica, con carácter preferente.

En base ao exposto, este Comité considera que se debería establecer, dentro dos criterios de valoración das solicitudes presentadas para a obtención das subvencións, a puntuación que se estime oportuna para a condición de: colaboración con entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.

Con respecto ao establecido no apartado 1.a), cando se refire aos criterios de valoración das solicitudes, menciona o interese do proxecto ou da actividade que se propón.

Este Comité considera que debería concretarse ou relacionarse qué proxectos poderían cualificarse de “interesantes”, por canto o concepto xurídico é tan indeterminado que podería conlevar unha absoluta discrecionalidade.

Este Comité propón a supresión do apartado h), por entender que xa é obrigatorio o emprego do idioma galego.

Por último, neste artigo debería incluírse como avaliable o número de empregos que poida xerar a iniciativa, debendo avaliarse ata 5 puntos.

Novena. - Artigo 10º. Resolución.

En canto ao sentido do silencio establecido para a resolución, este Comité observa que mentres que no caso da resolución do expediente de validación da medida de conciliación (regulada no Decreto 182/2008) o silencio é favorable, no caso das subvencións reguladas nesta orde, o silencio enténdese desestimatorio.

Non se entende pois, como unha entidade que obtén a validación da medida de conciliación presentada, por resolución expresa ou por silencio estimatorio, cumprindo por tanto os requisitos establecidos nunha norma de rango superior ao desta orde, na resolución das subvencións poida quedar fóra por silencio negativo, máis, cando a maior parte dos criterios para a súa adxudicación son semellantes en ambas regulamentacións.

Décima. - Artigo 12º. Forma de pagamento.

Este Comité suxire que se regule a posibilidade de conceder anticipos, de ser isto compatible coa lexislación aplicable á materia.

Decimo primeira. - Artigo 13º. Gastos subvencionables.

Este Comité propón, no punto 2, a substitución do texto “...de xustificación indicado no párrafo 1...” por “...de xustificación indicado no apartado 1...”.

Decimo segunda. - Artigo 15º. Obrigas das entidades locais beneficiarias.

Este Comité propón, no apartado 4, a substitución do texto “...Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con...” por “...Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, de ser posible, con...”

Decimo terceira. - Artigo 18º. Reintegro das subvencións.

En consonancia co establecido no apartado d) deste artigo, este Comité propón, a substitución do termo “nacionais” por “estatais” que figura no segundo parágrafo do apartado e), considerando que debe reservarse o termo “nacional” para o ámbito de Galicia e utilizar o termo “estatal” para o conxunto de España.

Esta consideración pódese aplicar tamén para o artigo 19º.

Decimo cuarta.- Disposicións derradeiras.

Non pode haber tres Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Igualmente, na Disposición Derradeira segunda a denominación do cargo de “Secretario xeral” debe ser neutra en materia de xénero.


ANEXO


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

A CEG considera que as medidas municipais de conciliación non deben incidir nos horarios laborais, xa que unha cousa son os horarios dos servizos das empresas e outra moi distinta é a xornada laboral.

En relación coa anterior manifestación, para a determinación da xornada laboral o estatuto dos traballadores deixa basicamente á autonomía colectiva, a través do convenio colectivo, a determinación da xornada de traballo e é por iso que propoñemos que as medidas municipais de conciliación non interfiran na negociación colectiva e non establezan compromisos sobre a xornada laboral dos traballadores.