ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 55/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL (EIL) COFINANCIADO POLO FSE, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

No capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Esta orde, desenvolve o mencionado capítulo, establecendo un programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e anunciando a súa convocatoria para o ano 2009. Para paliar estas situacións establécense os procesos de integración social que teñen unha innegable relación co ámbito do emprego. Deste xeito, aquelas actuacións que amplíen as posibilidades de inserción no mercado laboral supoñen para estas persoas unha forma eficaz para seren parte activa da sociedade á que pertencen.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No artigo 2º cualifica de entidades beneficiarias das axudas ás empresas de inserción laboral, unha vez cualificadas e rexistradas como tales, eliminando deste concepto ás entidades promotoras das empresas de inserción laboral que aparecían na orde de 2008.

No artigo 3º relaciónanse os suxeitos e persoas beneficiarias da inserción laboral por medio de empresas de inserción laboral. No seu punto 3 establece como beneficiarios “As persoas que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estivesen sen traballo, e teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregados/as na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días se fose maiores de 25 anos e menores de 45 anos”, diferenciando do establecido no ano 2008 que establecía como beneficiarias as persoas desempregadas inscritas ininterrompidamente durante dous anos e se son maiores de corenta e cinco anos doce meses.

No artigo 6º establécese que se subvencionarán parcialmente os custos do contrato de traballo celebrados con persoas en situación ou en risco de exclusión social. Na orde de 2008 subvencionábanse os contratos. Ademais, as contratacións deberán supoñer un incremento do número de traballadores desfavorecidos ou discapacitados contratados pola empresa correspondente, de modo que superen a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.
Con respecto ao ano 2008 elimínase a posibilidade de substitución do traballador no caso de cesamento antes de finalizar o período previsto no convenio de inserción correspondente.

Nos artigos 7º e 8º elimínanse os dous últimos puntos nos que se facía referencia ás persoas excluídas das subvencións indicadas nestes artigos e ao prazo de solicitude das mesmas. Ademais, no artigo 8º introduce como novidade a prohibición de solicitar esta subvención aquelas empresas de inserción laboral que a recibiran e non agotaran o período máximo de subvención.

No artigo 11º referido ás subvencións pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral, modifícase a data límite de xustificación que agora será ata o 30 de setembro de 2009. Tamén introdúcese un novo punto 3 que indica que “Para os efectos desta axuda unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sendo cubertos por persoas en proceso de inserción supoñan incremento de persoal respecto das persoas en situación ou risco de exclusión social que tivera a empresa de inserción laboral no derradeiro expediente de axudas á creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral”.

No artigo 14º que regula as solicitudes e o prazo de presentación presenta como novidade que o prazo de presentación é ata o 30 de setembro (na orde de 2008 era ata o 30 de outubro), respectando os prazos específicos para cada tipo de axuda.

Introdúcese un novo artigo 15º sobre autorizacións que na orde de 2008 aparecían incluídas no artigo 14º.

Con respecto á documentación requirida no artigo 16º aparece como principal novidade a necesidade de presentar como documentación específica para todas as subvencións a relación nominal dos traballadores e traballadoras polos que se solicita subvención.
No apartado c) deste artigo referido á contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción aparece como novidade a posibilidade de presentar documentación acreditativa da experiencia laboral do beneficiario se non posúe a titulación académica.
No apartado d) referido ás subvencións pola realización de labores de mediación laboral introdúcese un novo epígrafe no que se solicita declaración da empresa contratante de que o contrato realízase por medio da empresa de inserción laboral.
No apartado e) referido ás subvencións financieiras elimínase a posibilidade, no epígrafe 3, de presentar xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co préstamo.
No apartado f) elimínase a necesidade de presentar orzamento dos gastos necesarios (epígrafe 1) e balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos anos.

Os artigos 17º (Procedemento de concesión, instrución e tramitación) e 18º (Resolución e recursos) reestructuranse con respecto á orde do ano 2008 que correspondían aos artigos 16º (Instrución e tramitación) e 17º (Procedemento de concesión, resolución e recursos).

O artigo 19º (Xustificación e pagamento) presenta numerosas novedades con respecto ao do ano 2008. O punto 2 referido á documentación específica para cada axuda:
- Punto 2.: Engade un novo apartado (a) para as subvencións pola contratación de persoas en situación de risco ou exclusión social; nos apartados b) e c) solicítase que presenten os TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.
- Punto 3.: Substitúese o termo “persoas beneficiarias” por “empresas beneficiarias” e engádese a posibilidade de prorrogar o prazo de presentación da documentación xustificativa en “15 días de forma extraordinaria e debidamente xustificada”.
- Puntos 5. e 6.: Novos nesta orde. O punto 5. fai referencia a que os gastos subvencionables realizaranse conforme ao establecido no artigo 29 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. O punto 6. establece o pagamento da subvención pola contratación de presoas en situación ou risco de exclusión social.

No artigo 20º sobre Incompatibilidade e concorrencia, no punto2., establécese que “os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona”. Na orde de 2008 era o 60%.

O artigo 25º (Réxime de axudas) fai referencia á lexislación da Unión Europea aplicable (Regulamento 800/2008), diferente á do ano 2008. Así establece que non quedan amparadas por este regulamento as axudas concedidas ás empresas do sector do carbón (no 2008 eran os sectores da minería e construcción naval).

Polo que se refire ás Disposicións Adicionais, elimínase unha con respecto á orde anterior (cuarta) sobre a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego por parte do órgano xestor das axudas.

Na Disposición Adicional Quinta (sexta na anterior orde) establécese que “Para os efectos do disposto no artigo 3.3 da orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola orde do 27 de novembro de 2000, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e catro artigos, sete disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 1 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e doce específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).










DITAME 55/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:










CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.

Segunda

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. - Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos indícase que “...informado o Consello Galego de Relacións Laborais...”. Este Comité considera que a expresión adecuada é “...consultado o Consello Galego de Relacións Laborais...”.

Segunda.- Artigo 1º.- Finalidade e principios de xestión.

No parágrafo 2 deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.





Terceira.- Artigo 5º.- Actuacións subvencionables.

O número 6 menciona a "creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral” como unha das actuacións que poden ser obxecto das axudas reguladas na orde.
Este Comité considera que, dada á forma en que o artigo 11º desenvolve este tipo de accións, na súa definición no artigo 5º debería xa relacionarse expresamente co investimento en activo fixo.

Cuarta.- Artigo 6º.- Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

De acordo co apartado 6, o 28 de febreiro de 2009 remata o prazo de solicitude de axudas para aquelas contratacións subvencionables que se realicen desde outubro de 2008 e ata setembro de 2009.
Este Comité propón que, en lugar do 28 de febreiro de 2009, se estableza o prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da norma, sen que figuren na orde datas límite pechadas.

No punto 6 deste artigo indicase que “...poderán presentarse a solicitude...”. Este Comité considera que a redacción debería ser “...poderán presentar a solicitude...”





Quinta. – Artigo 8º.- Subvención pola contratación de técnicos en orientación e acompañamento á inserción.

O apartado 4 deste artigo impón a obriga de que o persoal técnico en accións de orientación posúa unha titulación universitaria axeitada aos labores a realizar.
Este Comité entende que neste precepto deberían especificarse concretamente cáles titulacións se consideran axeitadas a estes efectos.

Sexta. - Artigo 15º.- Documentación.

Xunto coa solicitude, a letra a), do apartado 2, esixe no terceiro item a presentación dos Boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2) e transferencias bancarias acreditativas dos pagamentos da mensualidades.
Este Comité pon de manifesto que non entende a mención deste precepto á transferencia bancaria. Para o caso de que se refira aos salarios, hai que sinalar que o pago destes pode levarse a cabo por outros medios distintos á trasferencia bancaria. No suposto de que aluda ao pagamento das cotizacións á Seguridade Social, cómpre recordar que este realízase como un cargo en conta e non vía transferencia.

Sétima.- Artigo 18º.- Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece o prazo de seis meses para resolver e notificar, computándose desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que reitera a súa proposición de que se reduza a tres meses.

Oitava.- Artigo 19º.- Xustificación e pagamento.

Este Comité suxire que se proceda a unha mellora na clasificación establecida neste artigo, para facilitar a súa compresión.
O apartado 3, obriga ás empresas beneficiarias a presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión, ou de ser o caso, ata o 30 de novembro do 2009.
Este Comité propón a substitución do actual inciso “de ser o caso” polo de “en todo caso”, máis correcto.

Novena.- Artigo 20.- Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo prohibe que os incentivos regulados no proxecto normativo podan superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Este Comité considera que estes límites deberían figurar expresamente na orde, polo que propón a súa inclusión no texto da mesma.




Décima.- Artigo 21º.- Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 3 esixe á adopción das medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Este Comité propón que se concreten expresamente na orde cales son estas medidas axeitadas de difusión.

Decimo primeira. – Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que “...así como a obtención concorrente de subvencións.... ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.
Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.






Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.



ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.

Na orde publicada para o 2008 establecíase que “Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as entidades promotoras das empresas de inserción laboral ... e as empresas de inserción laboral, ...”. No proxecto de orde agora ditaminado só aparecen como entidades beneficiarias “as empresas de inserción laboral”. A CEG considera que non se xustifica á exclusión das “entidades promotoras das empresas de inserción laboral” e, polo tanto, deberían aparecer como entidades beneficiarias, igual que na orde anterior.

Segunda. - Artigo 6º.- Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

No apartado 2 deste artigo establécese que a contía máxima da subvención será o 50% do salario mínimo interprofesional mensual por cada traballador, reducíndose proporcionalmente á duración da xornada.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que esta contía debería aumentarse a unha porcentaxe do salario mínimo interprofesional superior a que figura no proxecto normativo.