ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 56/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DE PERSOAS DESEMPREGADAS PERTENCENTES A COLECTIVOS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Regúlanse nesta orde os incentivos dirixidos á contratación temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, e os incentivos á contratación indefinida por conta allea, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos. Como novidade, este programa intensifica os esforzos dedicados á non discriminación das empresas máis pequenas que son as que están a sufrir con máis intensidade a crise e as que teñen menos capacidade de afrontala. Ata agora, a intensidade dos incentivos non tiña en conta o tamaño da empresa, as contías dos incentivos para o ano 2009 teñen en conta esta situación e gradúan a súa intensidade en función do tamaño da empresa, priorizando especialmente as microempresas de menos de 10 traballadores.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 1 de abril de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de febreiro de 2008 (Ditame 9/08), obsérvase que non foron tidas en conta ningunha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos, relacionándose a continuación os máis significativos:

Artigo 4º.- Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
Elimínase do apartado c), a obriga de duración mínima de 6 meses das contratacións temporais que se realicen con persoas traballadoras desempregadas.

Artigo 5º.- Requisitos das empresas.
No apartado 1.a), a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, que se esixe como requisito para acceder aos beneficios regulados na orde, establécese que deberá ser igual ou superior ao 75%, no mes da contratación obxecto de solicitude de subvención.

No apartado 2.b) establécese como requisito na contratación temporal que “a contratación deberá supoñer un incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á aquel no que se formalice o contrato temporal polo que se solicita subvención”.

Engádese un novo apartado c) para definir o concepto de microempresa, aos efectos desta orde.

Artigo 6º.- Axudas.
Engádese un novo punto, o 4, no que se establece que as contías das axudas veranse incrementadas nun 50% no caso de que as contratacións sexan realizadas por microempresas.


Artigo 7º. - Exclusións.
No apartado b) engádese que non será aplicable a exclusión cos parentes cando o empregador sexa un traballador/a autónomo/a que contrate como traballador/a por conta allea aos fillos/as menores de 30 anos, tanto si conviven ou non con él, ou cando se trate dun traballador/a autónomo/a sen asalariados/as, e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo

Artigo 9º. – Solicitudes, prazo e autorizacións.
No apartado 2 engádese unha aclaración sobre o cómputo do último día do prazo.

Modifícase o apartado 3, establecendo o 28 de febreiro de 2009 como prazo máximo para presentar as solicitudes de axudas polas contratacións indefinidas, iniciais ou transformacións, ou polas contratacións temporais realizadas desde o 16 de setembro de 2008 e ata a data da publicación da orde.

Artigo 10º.- Documentación.
Elimínase o punto 11 da orde de 2008 no que se requiría declaración da estrutura da empresa e do emprego, correspondente ao anexo VII.

Artigo 19º.- Réxime de axudas.
No punto 1 deste artigo indícase que “As axudas ás contratacións indefinidas iniciais e as contratación temporais dunha duración de 12 meses…” terán que someterse ao Regulamento nº 800/2008 da Comisión da Unión Eurpoea. Na convocatoria anterior estaban sometidas ao Regulamento nº 2204/2002. Debido a este cambio de regulamento indícase que quedan excluídas as axudas concedidas a beneficiarios que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

No punto 2 indícase que están sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, as axudas polas contratacións temporais cunha duración inferior a 12 meses, mentres que na convocatoria anterior correspondían ás axudas polas contratacións temporais e polas transformacións en indefinidos dos contratos temporais.

Disposición Adicional Oitava.
Introdúcese esta nova disposición adicional relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Disposición Adicional Novena.
Introdúcese esta nova disposición adicional relativa á cofinanciación destas axudas polo Fondo Social Europeo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, nove disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 1 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, así mesmo, como anexo, tres consideracións específicas non unánimes sobre a valoración da norma, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.






DITAME 56/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:








CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a respectar a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos (artigo 8º e disposicións adicionais terceira e sexta).

Segunda

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. - Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos indícase que “...informado o Consello Galego de Relacións Laborais...”. Este Comité considera que a expresión adecuada é “...consultado o Consello Galego de Relacións Laborais...”.

Segunda.- Artigo 3º. Colectivos.

Neste artigo relaciónanse os colectivos en risco de exclusión social cunha serie de letras, figurando o j) e o k), así como na disposición adicional quinta, na que se fai referencia á letra j).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse neste artigo e na disposición adicional quinta, polas seguintes que corresponden.

Segunda. – Artigo 2º. Beneficiarios.

No punto 2 deste artigo indícase que “Nin as administracións públicas, nin as sociedades públicas... delas. Non poderán...”. Este Comité considera que debería redactarse da seguinte forma: “Nin as administracións públicas, nin as sociedades públicas... delas, non poderán...”.

Terceira.- Artigo 7º. Exclusións.
O apartado c) deste artigo exclúe das axudas previstas na orde ás contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

Este Comité considera que debería regularse qué se entende por grupo de empresas aos efectos desta orde.

Cuarta. – Artigo 9º.Solicitudes, prazo e autorizacións.

No punto 3 deste artigo indícase que “O 28 de febreiro de 2009 remata o prazo para a presentación das solicitudes de axudas polas contratacións indefinidas, iniciais ou transformacións, e polas contratacións temporais que cumprindo os requisitos e condicións establecidas na presente orde, se realicen entre o 16 de setembro de 2008 e ata a data da publicación da presente orde”.
Este Comité considera que, por razóns de coherencia co prazo regulado no número 2 deste mesmo artigo, sería conveniente que as solicitudes de axudas polas accións subvencionables realizadas dende o 16 de setembro de 2008 ata a data de publicación da presente orde, poderán presentarse durante os dous meses seguintes á dita publicación sen introducir datas límite pechadas.

Por outra banda, no segundo parágrafo do punto 5 deste artigo, indícase que “...o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá achegar...”. Este Comité considera máis axeitada a seguinte redacción: “...o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo nese caso achegar...”.

Quinta.- Artigo 12º. Procedemento de concesión, resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.
Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Sexta. – Artigo 14º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que “...así como a obtención concorrente de subvencións.... ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.
Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Sétima.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.

No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 17º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Este Comité considera que, para unha maior seguridade xurídica, deberían figurar expresamente os citados límites no texto da orde.

Oitava.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Exposición de motivos.

A CEG quere manifestar a satisfacción que nos produce a particular atención e apoio prestados ás microempresas galegas, tradicionalmente xeradoras de riqueza e de emprego de calidade.

Segunda. - Artigo 5º. Requisitos das empresas.

Tal e como tamén púxose de manifesto en anos anteriores, establécese un ano máis e como condición excluínte para ser beneficiario de axudas, o cumprimento pola empresa beneficiaria dunha taxa de estabilidade no cadro de persoal no mes da contratación obxecto da solicitude, igual ou superior ao 75% (artigo 5º).
Al respecto, reiteramos o xa sinalado en informes referidos a anteriores convocatorias e, en todo caso, destacamos ao respecto, o seguinte:
- No momento económico actual debería ben eliminarse a esixencia de tal requisito, ben reducir polo menos numericamente o seu valor de forma considerable e iso como elemento de incentivación á contratación laboral.
- En todo caso, e de existir e esixirse o cumprimento de tal requisito, nunca debería establecerse un valor común para todos os sectores empresariais.
- Se o seu obxectivo é incentivar a contratación indefinida, de tal incentivo, precisan máis as empresas con taxas de estabilidade máis reducidas que aquelas que cumpren unha taxa de estabilidade máis elevada, motivo polo cal, e para eses efectos, resulta moito máis incentivador o establecemento de taxas de estabilidade máis reducidas, para que tal obxectivo sexa máis facilmente acadable polas empresas con taxas de estabilidade máis baixas, máxime na situación económica na que nos atopamos e na que segundo todas as previsións estaremos durante o próximo exercicio.
-
En relación aos demais requisitos concurrentes que deben cumprir as empresas beneficiarias referidos ao incremento que a/s contratación/s obxecto de subvención deben supoñer en relación ao cadro de persoal global e fixo da empresa beneficiaria, sinalar que polas mesmas razóns referidas no punto anterior (situación económica) deberían suavizarse estes requisitos a efectos de propiciar o acceso a estes incentivos dun maior número de empresas e con isto incentivar a contratación, así como mitigar os efectos da crise económica.

Como propostas neste sentido pódese suxerir:
- Diferenciar en canto ao contido dos requisitos a acadar por parte das empresas beneficiarias, ás PEMES, das empresas que non teñen tal condición e dentro das PEMES ás microempresas.
Neste sentido, o impacto económico que a situación actual produce sobre as PEMES e dentro destas sobre as microempresas é superior, as coloca en situación máis debilitada no mercado, non debendo ter o mesmo tratamento que as empresas grandes para o acceso a beneficios ou incentivos á contratación.
Para o caso de PEMES e dentro destas microempresas, deberían suavizarse e reducirse os requisitos de accesos a incentivos, para que estes tivesen un efecto real.
- Diferenciar e, polo tanto, favorecer o acceso aos incentivos a empresas con situacións económicas probadas como máis desfavorecidas,

Terceira. – Artigo 7º. Exclusións.

No punto 2 deste artigo establécese que quedarán excluídos das axudas “Traballadores e traballadoras que rematasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 6 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores”.
A CEG entende que se o que se pretende é fomentar a contratación de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, a exclusión referida neste punto 2 non fai senón acrecentar esta situación de risco, polo que, na nosa opinicón, sería máis operativo reducir eses 6 meses dende a finalización dun anterior contrato indefinido a 3 meses.