ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/02

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE ESTABLECE NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA O PROGRAMA “LABORA: XUVENTUDE CON EXPERIENCIA”

En relación coa solicitude de dictame sobre o Proxecto de Decreto polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o programa “Labora: Xuventude con experiencia”, da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, con data de entrada neste Consello do 10 de abril de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de abril de 2002, acordou por UNANIMIDADE pronunciarse en canto as seguintes  consideracións e propostas de modificación:

1.- Consideracións xerais

Compre manifestar, en primeiro lugar, que esta norma que se remite a este Comité Delegado para emisión de dictame, debeu ser obxecto de tratamento e debate no Comité Autonómico de Emprego, en canto órgano de diálogo e participación dos axentes sociais galegos, tal e como estipulan as propias normas de creación do mesmo e para dar resposta ós obxectivos para os que foi establecido.

Ademais, estase a altera-la orde de priorización que rexe a escala de disposicións administrativas: nun primeiro momento, debe someterse este Decreto a dictame e, consecuentemente, proceder á súa publicación, para logo, emiti-las ordes que, dalgún ou doutro xeito, se ven afectadas polas disposicións nel contidas para que o bloque regulamentario fose coherente.



Este camiño non foi o que se seguiu, pois existe algunha Orde xa publicada no DOG afectada polas disposicións deste proxecto de Decreto (por exemplo, a Orde do 18 de marzo de 2002, DOG do 22 de marzo).
Considérase, pois,  o iter procedimental criticable.

Por outra banda, cómpre subliñar unha crítica á súa Exposición de Motivos, que no seu parágrafo 5, cualifica a este programa Labora como unha “iniciativa innovadora e ambiciosa…”.
Este programa non é innovador en absoluto: o establecemento do contrato de inserción así como as súas características xa ven establecido pola Lei 12/2001, e tódolos demais contidos do proxecto xa están contemplados polas normas que desenvolven as políticas activas de emprego desa Consellería. Este proxecto de Decreto o que contempla é a aplicación das políticas activas de emprego xa existentes, nada máis.

Por último, reivindicase a concreción no articulado do Decreto das consignacións orzamentarias destinadas a este programa, así como as partidas orzamentarias afectadas.

2.- Artigo 2.c). Beneficiarios: requisitos.

Como un dos requisitos para ser beneficiario deste Programa Labora, os demandantes de emprego galegos e desocupados deben carecer de experiencia laboral, entendida como non ter traballado nin por conta propia nin por conta allea durante 180 días nos últimos 5 anos.

Este Comité entende que se trata dun período temporal excesivo que ademais non está en concordancia co establecido para o contrato de inserción na Lei 12/2001, que fixa no seu apartado 9, que os traballadores que sexan parte nos contratos de inserción poderán repeti-la súa participación, baixo certas condicións, transcorridos 3 anos dende a finalización do anterior contrato desta natureza.



Segundo esta Lei, para que exista un contrato de inserción é necesario que tamén exista un “programa público…”,  programa público que identificamos co programa Labora, que establece, para acceder ó mesmo, que non se houbera traballado nos últimos cinco anos.

Polo tanto, considérase que a referencia temporal máxima que debe ter en conta este precepto debe se-la de 3 anos, pois noutro caso se están vulnerando as disposicións contidas na Lei 12/2001, reguladora do contrato de inserción.

3.- Artigo 4.1º. Incorporación dos beneficiarios.

Cómpre sinalar, por unha banda, que o procedemento de incorporación dos beneficiarios non está suficientemente definido na norma. Entendemos que aínda que esta terá un posterior desenvolvemento regulamentario, debería concreta-los aspectos básicos deste procedemento máis polo miúdo.
E por outra banda, a redacción desta norma resulta imperativa e demasiado constrictiva para os demandantes de emprego, dado que se establece que unha vez acepten as condicións e teñan subscrito o documento de adhesión, quedarán incorporados formalmente ó programa.

PROPONSE que se lle dé un prazo axeitado ós demandantes de emprego para proceder a esa aceptación de condicións e subscribi-lo documento de adhesión pertinente.

4.- Artigo 4.2º e art. 6 a). Incorporación dos beneficiarios e selección dos beneficiarios.

No artigo 4.2º establécese que, unha vez incorporados os demandantes de emprego ó programa Labora, ofertaráselles o acceso a un contrato de traballo. Pola súa banda, o apartado a) do artigo 6, di que nos programas de incentivos á contratación indefinida e de apoio á contratación en prácticas, serán as empresas ou entidades contratantes as que realicen a selección correspondente, a efecto de subscribir cos seleccionados o contrato de traballo.

Ámbalas dúas disposicións entendemos que son contradictorias. En todo caso, do que se quere deixar constancia é de que a Xunta de Galicia non ten capacidade para ofertar acceso algún a ningún contrato de traballo, pois quen contrata e pode contratar será sempre a empresa ou entidade contratante.

Por congruencia entre as dúas normas, PROPONSE que se adecúe a redacción no mesmo sentido, respectando en todo caso, que quen ten capacidade para seleccionar e contratar son as empresas ou entidades ofertantes.

5.- Artigo 7. Programas de cooperación.

Respecto deste artigo facémo-las seguintes consideracións:
- Parágrafo 1º: aquí soamente se fai referencia ós programas de cooperación que se desenvolvan en calquera concello da Comunidade Autónoma, sen máis.
Tal disposición é ambigua pois descoñécese si se fala de concello en sentido territorial, ou ben, como unha modalidade de entidade local.

Segundo a interpretación que se adopte o resultado de aplica-lo precepto é distinto.
Si se concibe como unha entidade local, quedarían fora outras modalidades de entidades locais e de organismos dependentes das mesmas que si se recollían, pola contra, na Orde correspondente (do 22 de marzo de 2002).

PROPONSE que se clarifique o senso da cualificación de “concello” empregada.

- No parágrafo 2º establecese que a contratación que se leve a cabo a través dos programas de cooperación se realice coa modalidade do contrato temporal de inserción.

Reiteramos neste punto o xa manifestado en dictames de emisión recente, respecto de ordes que tamén establecían con carácter de exclusividade esta modalidade contractual: se ben o marco legal actualmente vixente establece a aplicabilidade deste contrato, consideramos que, dependendo das circunstancias que concorran en cada caso, se calcule a posibilidade de empregar calquera outra modalidade de contratación que se adapte a esas circunstancias e necesidades.

Por outra banda, a esixencia do contrato de inserción levaría consigo unha subvención de contía equivalente á base mínima do grupo de cotización ó que corresponda a categoría profesional desempeñada polo traballador, e, a efectos de Seguridade Social, as cotas derivadas dos devanditos salarios (Lei 12/2001). Polo  tanto, non se abonaría o custo salarial total (segundo as previsións do Programa de axentes de emprego da Orde do 18 de marzo, orde xa en vigor)

- Incorpora no seu parágrafo 3º a única novidade da norma: o establecemento dun incentivo á mobilidade xeográfica.

Nembargante vincúlao ó feito de que o centro de traballo estivese situado en concello distinto ó do seu domicilio, salvo que foran concellos limítrofes ou se sitúen a menos de 50 km. entre as súas cabeceiras.

Esta disposición dos 50 km. que excepciona a regra xeral resulta excesiva tendo en conta a conformación xeográfica da nosa comunidade e as dimensións xeográficas dos distintos concellos que a integran, se unimos ademais, a situación das redes de comunicación nalgúns deles.

Por estas razóns, PROPONSE que esa distancia se reduza, ata como moito a 25 km.
Esta mesma consideración esténdese ó parágrafo 4º, baseándonos no mesmo argumento.
Cómpre demandar, ademais, neste apartado, que se defina o importe e mailos criterios a seguir para a concesión deste incentivo á mobilidade xeográfica.

- O paragrafo 5º establece a obriga para os beneficiarios de acepta-lo contrato de traballo que se lles oferte, de tal xeito que si o rexeitan, sen causa xustificada (remite ó art. 45 do ET), tal negativa dará lugar á súa baixa como beneficiario deste programa e á perda dos seus dereitos como demandante de emprego.

Esta disposición é considerada por este Comité de dubidosa lexitimidade, pois a Xunta de Galicia carece de competencia para poder dispoñer dos dereitos adquiridos en canto demandante de emprego (situación que ven regulada pola normativa estatal de aplicación) e ademais, as causas recollidas no art. 45 do RD-L 1/1995, do 24 de marzo, son causas de suspensión do contrato de traballo, cando neste caso que regula o Decreto  neste precepto non existe contrato algún, senón, como moito, unha oferta de contrato.

Tamén se pode da-lo suposto en que conflúan nunha mesma persoa dúas ou varias ofertas de emprego, unha que provén do programa labora e outra ou outras, medidas de políticas activas de emprego, e o interesado decida acollerse, por ser máis beneficiosa, a algunha destas últimas.
¿Qué ocorre nestes casos? Trataríase dunha causa de rexeitamento de contrato non recollida neste precepto.

Entendemos que a estas dúbidas debe dar resposta o propio Decreto, independentemente do seu desenvolvemento regulamentario posterior.