ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 57/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo (BOE do 12 de xullo de 2007), adicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento se tenderá ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e se prestará especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

O programa de promoción do emprego autónomo, establecido na normativa estatal, mellórase na Comunidade Autónoma de Galicia coa introducción da axuda excepcional para o financiamento dos primeiros gastos da actividade ás persoas desempregadas de  colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

Neste contexo, esta orde regula o programa de promoción do emprego autónomo, e procede á súa convocatoria para o ano 2009.

O programa de promoción do emprego autónomo está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Plurirexional de Adaptabilidade e Emprego, do 15 de decembro de 2007.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 28 de abril de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de abril de 2008, obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Artigo 5º.- Subvención financiera.
Engádese dous parágrafos no apartado 1:
No suposto de empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderá concederse esta subvención para a adquisición de vehículos de transporte de mercaderías por estrada.
No caso de microcréditos concedidos polo Instituto de Crédito Oficial ou por outras entidades de crédito, a subvención poderá ser o custo total dos gastos financieros, cos límites máximos sinalados no número seguinte.

Artigo 8º.- Axuda excepcional.
Modifícase o apartado 2 deste artigo, que establece unha contía máxima de 2.400 euros para os colectivos que enumera, suprimíndose o colectivo de persoas desempregadas de longa duración que, pola súa superior contía (3.600 euros), se recolle no apartado 3 e engadíndose no item G deste apartado 2, o colectivo de traballadores e traballadoras procedentes de sectores de actividade en reestruturación, segundo a listaxe recollida no anexo I do proxecto normativo.

Artigo 10º.- Solicitudes e prazo.
Modifícase o apartado 2 deste artigo, que establece o día 15 de setembro de 2009 como prazo xeral de presentación de solicitudes, engadíndose  un parágrafo segundo respecto aos prazos específicos no que se sinala que se entende como último día do prazo para a presentación das solicitudes o día da alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional; se este fose inhábil se entenderá prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbera día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.  

Asi mesmo, engádese no apartado 4 deste artigo un novo parágrafo que establece que para a cumprimentación das solicitudes de subvención poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo na súa páxina web, no apartado de axudas e subvencións.

Artigo 12º.- Documentación.
Na documentación común (apartado 1), engádese a esixencia de presentar o anexo IV asinado, no que se indicará a subvención ou subvencións que se solicitan e o colectivo polo que se opta (letra b) e a documentación acreditativa da pretensa ao colectivo polo que se opta (letra c).

Artigo 21º.-  Réxime das axudas.
Suprímese do apartado 2 deste artigo, a letra e), que establecía que, por estar sometidas ao réxime de minimis, non se podían conceder axudas para a adquisición de vehículos de trasnporte de mercaderías por estrada, ás empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e un artigos, seis disposicións adicionais e dúas finais.


O día 1 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada por las organizacións sindicais, SN de CCOO de Galicia, UGT-Galicia e CIG (Anexo I), unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada por la Confederación Intersindical Galega (CIG) (Anexo II), e nove consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo III).









DITAME 57/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:











CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que non se achegaron a este organismo consultivo os anexos, agás o anexo I, aos que fai referencia o proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Segunda.
No apartado 2 do artigo 3º e no apartado 1 do artigo 12º, así como no artigo 16º, establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Terceira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo non se respectan as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos.

Este Comité propón que os cargos públicos se denominen de maneira neutra, respectando así as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de Motivos
No último parágrafo da exposición de motivos indícase que “...informado o Consello Galego de Relacións Laborais...”. Este Comité considera que a expresión adecuada é “...consultado o Consello Galego de Relacións Laborais...”.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queren mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Terceira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo aos socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores.

Este Comité considera que debe aclararse o alcance dos termos “autónomos colaboradores” a efectos desta orde.

Cuarta.- Artigo 3º.- Definicións.
O número VI do apartado 1 deste artigo define o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, como aquela persoa solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillos/as menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do salario mínimo interprofesional.

Coa finalidade de manexar conceptos similares ou iguais á normativa estatal, este Comité propón que se consideren cargas familiares os fillos menores de 26 anos ou maiores incapacitados, pois tal é o concepto que se emprega para o recoñecemento do subsidio por desemprego no artigo 215.2º da Lei xeral de Seguridade Social.

De igual maneira, para recoñecer o subsidio por desemprego, a Lei xeral da Seguridade Social esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras. Este Comité considera que debería clarificarse neste apartado se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.

Quinta. - Artigo 5º. Subvención financeira.
No terceiro parágrafo do apartado 1 deste artigo faise referencia a que os empréstitos deben estar formalizados entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 31 de outubro, o cal entra en colisión co prazo estipulado no apartado 1 do artigo 1º (15 de setembro), xa que non se subvencionaría a alta dun autónomo posterior a esa data, pero si a solicitude dunha subvención financeira para a posta en marcha do proxecto empresarial.

Sexta.- Artigo 8º. Axuda excepcional.
No apartado 2.B) deste artigo figura a expresión “….formación profesional ocupacional do Plan FIP”. Este Comité considera que debe substituírse por la denominación correcta “….formación profesional para o emprego destinada preferentemente a persoas traballadoras desocupadas”.

Sétima.- Artigo 10º. Solicitudes e prazo.
No apartado 3 deste artigo indícase que “poderán acollerse ás axudas reguladas neste proxecto normativo as actuacións realizadas entre o 16 de setembro de 2009 e a data da súa publicación”. Este Comité entende que hai un erro e que a data correcta é a de 16 de setembro de 2008, polo que suxire a súa emenda, substituíndo o ano 2009 polo ano 2008.

Oitava.- Artigo 14º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Novena. - Artigo 15º. Xustificación e pagamento.
Nos apartados 4 e 8 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse por supor unha limitación, especialmente no suposto de pagos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Décima.- Artigo 17º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo e no artigo 18º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia coas concedidas.... ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.





ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

O artigo 8º, apartado 2, letra G, refírese a sectores de actividade en reestruturación segundo a listaxe recollida no anexo I deste proxecto normativo.

As organizacións sindicais manifestan descoñecer as causas polas que se inclúe neste letra G o criterio de “sectores de actividade en reestruturación”.

Por outra parte, a ampla relación de sectores que aparece no Anexo I chama a atención pola inclusión de varios CNAES correspondentes a sectores que descoñecemos que se atopen incursos nalgún proceso de reestruturación.












ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).


O cuarto parágrafo da Exposición de Motivos recolle unha alusión aos acordos asinados o 5 de febreiro de 2007 polo goberno galego, a patronal e dous dos sindicatos máis representativos, para concluir que na presente orde establécense medidas concretas que veñen ser consecuencias dos ditos acordos.

Entendemos que esa afirmación é unha esaxeración que non é posible soster á vista da orde que se ditamina, por canto trátase dunha norma que vense repetindo ano tras ano, durante moitos exercicios anteriores aos repetidos acordos de 2007 e con escasas modificacións. Para este exercicio de 2009, reprodúcese a orde do exercicio anterior, con escasos cambios formais e non cualitativos nin de fondo.


ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.



Primeira. - Artigo 3º. Definicións.
No apartado 2 deste artigo non se definen claramente as condicións ou características para obter a cualificación de persoa pertencente a un colectivo en risco de exclusión social, como é o caso dos establecidos na letra f) (transexuais ou en proceso de reasignación sexual).

Así mesmo, tampouco se establecen para as letras i), j) e k) cáles son os condicionantes obxectivos para estimar "as graves necesidades persoais ou familiares" ou as características que poden condicionar as posibilidades de integración social.

Segunda. - Artigo 5º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 1 deste artigo, parágrafo segundo, non se admitirán a efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados agás nos casos de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

Terceira. - Artigo 5º. Subvención financeira.
O parágrafo quinto do apartado 1 deste artigo establece que a subvención financeira será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisfacer o beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto.

A Confederación de Empresarios de Galicia quere salientar que, de acordo con esta disposición, para o ano 2009, os tipos de interese que se van aplicar a este convenio financeiro serán do 6,61%, cando o prazo de amortización sexa de ata 5 anos, e do 7,01% se o prazo é superior a 5 anos. Con estes tipos, se se aplica unha redución do 4%, nunca resultaría inferior ao 1%, pois o tipo resultante sería de 2,61% e 3,01% respectivamente. Para que realmente puidese quedar no 1%, a redución tería que ser de 6 puntos e non de 4, tal como xa se recolleu no artigo 4º desta mesma orde para o exercicio 2007, publicada no DOG do 8 de marzo de 2007.

Cuarta. - Artigo 6º. Subvención para asistencia técnica.
No apartado 2 deste artigo establécese que os servizos de asistencia técnica poderán ser prestados por asociacións de traballadores autónomos con carácter intersectorial. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que este servizo pode ser prestado por calquera tipo de entidade que se adicada profesionalmente á devandita tarefa, diferente das asociacións intersectoriais, ou por calquera ente que poida non ter ánimo de lucro.

Por último, deben especificarse cales son as garantías de solvencia profesional que se establecen para as persoas xurídicas ou físicas.

Quinta. - Artigo 7º. Subvención para a formación.
Respecto ao apartado 2 deste artigo, A Confederación de Empresarios de Galicia reitera o manifestado na consideración anterior.

Sexta. - Artigo 8º. Axuda excepcional.
O apartado 2 deste artigo exclúe desta axuda aos mozos menores de 30 anos, mulleres desempregadas e os desempregados maiores de 45 anos.

Esta confederación empresarial non considera acertada esta regulación, sobre todo tendo en conta a orixe deste tipo de axudas, tal como indica a exposición de motivos do proxecto normativo: "(é) preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, en especial dos mozos”. Así mesmo, na mesma exposición de motivos faise referencia á Lei 2/2007, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, considerándose as mulleres como colectivo prioritario.

Sétima. - Artigo 10º. Solicitudes e prazo.
A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta a tardanza estimada na  publicación da orde, considera excesivamente breve o prazo do 28 de febreiro de 2009 establecido no apartado 3 deste artigo para a presentación de solicitudes relativas á actuacións realizadas entre o 16 de setembro e a publicación deste proxecto normativo.

Oitava. - Artigo 12º. Documentación.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que deberían especificarse no texto da orde, cáles son as garantías de solvencia profesional que se esixen nas letras c) e d) do apartado 2 deste artigo.

Novena.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.
A letra j) deste artigo esixe manter durante un período mínimo de dous  anos a forma xurídica elixida  pola que se concedeu a subvención.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que existe incoherencia entre esta obriga e a imposta no apartado a) deste mesmo artigo, que esixe a realización da actividade que fundamente a concesión da axuda durante tres anos como mínimo.