ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 58/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E NA EMPRESA ORDINARIA, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e na empresa ordinaria, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Nesta orde agrúpanse os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade, regulando nos seus Anexos A, B, respectivamente, os programas de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 15 de maio de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 29 de febreiro de 2008 (Ditame 11/08), obsérvase que non foron tidas en conta ningunha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:


Artigo 5º. Solicitudes e prazo.


No parágrafo 3 establécese como data límite a do 28 de febreiro de 2009  para a presentación das solicitudes para as actuacións subvencionables dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, así como para solicitar a subvención do custo salarial, polo mantemento dos centros especiais de emprego, que tendo a cualificación, non percibiran a subvención no exercicio 2008.

No parágrafo 4 engádese a posibilidade de empregar unha aplicación informática, a través da páxina web da Consellería de Traballo, para facilitar a cumprimentación das solicitudes de subvención.

Artigo 6º. Documentación.

Suprímese a exención ás institucións sen ánimo de lucro de presentar a documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha otra débeda coa Administración da comunidade autónoma.

Disposición Adicional Sétima.


Redúcese o financiamento global neste proxecto normativo en 241.307.483 euros con respecto á orde anterior.

ANEXO A: Programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria.

Quinta.- Prazos  de presentación de solicitudes.

Engádese no apartado 1 un parágrafo para a presentación das solicitudes de axuda á contratación, sinalándose que se entende como último día do prazo para a presentación das solicitudes o día da alta na Seguridade Social; se este fose inhábil se entenderá prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbera día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.  


ANEXO B: Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Quinta. Mantemento de centros especiais de emprego.

Engádese no apartado a), relativo á subvención do custo salarial correspondente aos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean en alta na Seguridade Social, que soamente se terá en conta, para calcular a contía a conceder nunha mensualidade, a porcentaxe da xornada laboral inferior, no suposto que nun mesmo mes se produzan minoracións na duración da xornada laboral do/a traballador/a con discapacidade.

Modifícase o apartado a) no sentido de que se non se concederá a subvención do custo salarial correspondente á mensualidade na que a persoa traballadora con discapacidade estivera prestando servizos a través de dous ou máis contratos de natureza temporal.

Sexta.- Prazos de presentación de solicitudes.

Modifícase o apartado 2 desta base, rematando o 30 de abril o prazo para a presentación da solicitude para a subvención do custo salarial, engadíndose a posibilidade de cumprimentar a solicitude a través dunha aplicación informática na páxina web da Consellería de Traballo.

Oitava.- Pagamento e xustificación.

Nesta base recóllese, no apartado c), do punto B da documentación específica para a subvención en función do investimento en activo fixo, que deberán xuntarse documentos xustificativos da súa realización e do seu efectivo pagamento, esixíndose que este sexa mediante transferencia bancaria.

Novena.- Pagamentos da subvención do custo salarial.

Engádese nesta base, no punto 2.a), un novo anexo, o XI-B, relativo á presentación da relación nominal dos traballadores e traballadoras con discapacidade polos que se solicita o pagamento fraccionado e a contía solicitada.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.







II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e na empresa ordinaria, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, quince artigos, nove disposicións adicionais e dúas finais, ademais de dous anexos (A e B) que regulan os programas anteriormente citados.

O día 1 de decembro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e trece consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais.













DITAME 58/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e na empresa ordinaria, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:







CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Segunda

A este Comité lle sorprende, por descoñecer as causas, a severa redución no financiamento total destas axudas respecto do que figuraba na orde do exercicio anterior.












CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira. - Exposición de motivos.
No último parágrafo da exposición de motivos indícase que “...informado o Consello Galego de Relacións Laborais...”. Este Comité considera que a expresión adecuada é “...consultado o Consello Galego de Relacións Laborais...”.

Segunda.- Artigo 1º. Finalidade.
No apartado 2, letra a), deste artigo establécese que a xestión destes programas realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.




Terceira.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
O apartado 3 deste artigo establece o prazo ata o 28 de febreiro de 2009 para as actuacións subvencionables realizadas no período entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido neste apartado 3 debería ser, ao menos, dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Cuarta.- Artigo 7º. Autorizacións.
No apartado 1 deste artigo establécese que a presentación da solicitude comportará a autorización da persoa ou entidade interesada para que o órgano xestor poda solicitar as certificacións que nel se citan.

Este Comité propón engadir neste apartado que a presentación da solicitude comporte tamén a autorización para que o referido órgano xestor poda solicitar no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego, dependente da Xunta de Galicia, as certificacións recollidas no capítulo II, artigos 3º, 4º, 7º e 8º do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.



Quinta.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Sexta.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 13º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia con outras subvencións.... ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Sétima.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo regúlanse as incompatibilidades das axudas e subvencións establecidas nesta orde.

Este Comité propón que se engada un apartado 4 no que se estableza a presentación, xunto coa solicitude, dunha declaración de non estar incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitava.- Artigo 12º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este Comité propón engadir neste artigo un novo apartado no que se estableza que, se a entidade beneficiaria é un Centro Especial de Emprego, estará obrigado ao cumprimento do disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento.

Finalmente, neste artigo, así como na base sexta do Anexo A, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Novena- Anexo A. Terceira. Exclusións e requisitos.
O apartado a) deste artigo exclúe das axudas previstas na orde ás contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debería regularse qué se entende por grupo de empresas aos efectos desta orde.

Décima- Anexo A. Cuarta. Axudas.
No apartado 1, letra d) desta base cuarta, establécese que a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Así mesmo, faise referencia a este informe na base sétima, apartado 2, con motivo da xustificación do pagamento.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de que o citado informe poda ser emitido tamén polo Delegado/a de prevención ou o Comité de Seguridade e Saúde na empresa, de ser o caso.

Igualmente, este Comité considera que debe eliminarse o último parágrafo deste apartado 1, letra d), que dí: “Esta axuda, se non é solicitada pola empresa, poderá ser solicitada polo propio traballador ou traballadora”, porque segundo o disposto na base segunda, a persoa traballadora non é beneficiaria nin está previsto na orde o procedemento para que esta poda percibir a axuda.

Décimo primeira- Anexo B. Sétima. Solicitudes e documentación.
No apartado 4, letra d) e no apartado 7, letra c), desta base, esíxese a presentación do “balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios”.
Este Comité quere sinalar a escasa claridade deste precepto, posto que  os “balances provisionais para os dous próximos exercicios”, son estados contables de exercicios futuribles, que non poden coñecerse no momento da presentación da solicitude de axuda.
Se con esta expresión, o proxecto normativo estase a referir aos orzamentos, así debería mencionarse expresamente neste artigo.



Décimo segunda- Anexo B. Novena. Pagamentos da subvención do custo salarial.
No apartado 2, letra b) desta base, esíxese a presentación dos recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia que acrediten o seu pagamento.
Este Comité entende que se deben ter en conta os demáis medios legais existentes para o pagamento dos salarios, ademáis da transferencia bancaria que figura neste apartado.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.









ANEXO


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento. No anexo B do proxecto normativo alúdese aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, pero consideramos que non é suficiente.  

Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar a aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estase xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non calificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dé cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requerimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.