ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 59/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA DAS MULLERES COMO MEDIDA PARA LOGRAR UN MERCADO DE TRABALLO IGUALITARIO, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


A presente orde responde ao obxectivo de integrar o principio de igualdade na política de emprego da Xunta de Galicia establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Así, nesta orde recóllese o establecemento de medidas de discriminación positiva en favor do sexo menos representado no mercado laboral.

Recóllense como beneficiarios específicos determinados colectivos da disposición adicional sexta de Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tales como mulleres na busca do primeiro emprego, mulleres desempregadas titulares de familias monoparentais que teñan cargas familiares. O resto de colectivos establecidos na antedita disposición adicional incentívanse a través da orde específica que regula os programas de incentivos aos colectivos en risco de exclusión social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde reguladora dos programas de incentivos á contratación indefinida das mulleres en 2008, publicado no DOG o día 16 de abril de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 20 de febreiro de 2008 (Ditame 8/08), obsérvase que na orde publicada no DOG foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial ( a segunda específica unánime) que, non obstante, non se tivo en conta no borrador do 2009.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:


Exposición de Motivos.
Como novidade, nesta orde, increméntanse as contías das axudas para as persoas en situación de desemprego procedentes de empresas de sectores de actividade inmersas en procesos de reestruturación dos seus cadros de persoal, como consecuencia do menor crecemento económico. Así mesmo, este programa intensifica os esforzos dedicados á non discriminación das empresas máis pequenas que son as que están a sufrir con máis intensidade a crise e as que teñen menos capacidade de afrontala. Ata agora, a intensidade dos incentivos non tiña en conta o tamaño da empresa, as contías dos incentivos para o ano 2009 teñen en conta esta situación e gradúan a súa intensidade en función do tamaño da empresa, priorizando especialmente as microempresas de menos de 10 traballadores.

Artigo 3º.- Colectivos.
Suprímese el colectivo de mulleres desempregadas de longa duración e engádese o colectivo de mulleres desempregadas procedentes de empresas en crise ou que procedan de empresas pertencentes a sectores en reestruturación, segundo os CNAE definidos no Anexo VI.

Artigo 4º.- Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
No apartado 1 establécese que o obxecto da orde é fomentar a contratación indefinida por conta allea das traballadoras desempregadas, co único requisito de que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería da Seguridade Social.

Artigo 6º.- Axudas.
Engádense dous novos apartados que establecen que as contías incrementaranse nun 50% cando as contratacións se realicen por microempresas (apartado 4), e que a contía das axudas non poderá superar, en ningún caso, a contía equivalente ao 60% dos custos salariais totais da traballadora contratada, calculada sobre dúas anualidades (apartado 6).

Artigo 7º.- Exclusións.
Engádese no apartado b), relativo ás exclusións dos contratos realizados con cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, que non será de aplicación esta exclusión cando se trate dun traballador/a autónomo/a sen asalariados/as, e que contrate a unha soa familiar maior de 30 anos e menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
Así mesmo, engádese un apartado e) que exclúe dos beneficios desta orde ás mulleres desempregadas maiores de 31 anos, paradas de longa duración.





De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, nove disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 2 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I), dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polo sindicato SN de CCOO de Galicia (anexo III).






DITAME 59/08







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008 para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado fai constar que non foron remitidos ao Consello para ditame os anexos, polo que se suxire se remitan para seren ditaminados xunto co proxecto normativo. Chama especialmente a atención a referencia contida no artigo 3.h) que recolle o seguinte: “Mulleres desempregadas procedentes de empresas en crise ou que procedan de empresas pertencentes a sectores en reestruturación, segundo os CNAE definidos no anexo VI”. Enténdese que é imprescindible coñecer os anteditos CNAE mencionados nun anexo non facilitado a este Comité.

Segunda.

Este Comité valora o esforzo na elaboración do texto con respecto a expresións non sexistas, suxeríndose, non obstante, que se revise este na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra en materia de xénero.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Entre as funcións do Consello Galego de Relacións Laborais que establece o apartado 2 do artigo 3º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi sometido a ditame este organismo.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3. a) deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpran á súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 3º. Colectivos.

No primeiro parágrafo deste artigo defínense como colectivo beneficiario as mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concorra algunha das circunstancias que se sinalan.

Este Comité Delegado considera que hai que ter en conta que hai mulleres que non son desempregadas e a súa contratación pode ser subvencionada, como no caso previsto no artigo 4º.b) para as transformacións en indefinidos  de contratos temporais, polo que se suxire que se modifique a redacción do citado parágrafo.

Cuarta. - Artigo 6º. Axudas.

A referencia que se fai no apartado 1.d) deste artigo relativa á data do parto debe eliminarse, sendo máis correcto facer referencia a “o remate da baixa de maternidade obrigatoria”.

Así mesmo, no apartado 6 deste artigo indícase que “En ningún caso, a contía destas axudas poderá  superar a contía equivalente ao 60% dos costos salariais totais da traballadora contratada, calculada sobre dúas anualidades”, este Comité observa unha contradición co establecido no artigo 15º.3, que dispón: “Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona”. Sería recomendable facer congruente o texto destes artigos, para o efecto de evitar a contradición nas porcentaxes establecidas.

Quinta. - Artigo 7º. Exclusións.

Faise referencia neste artigo ao concepto: “Grupo de empresas”. Este Comité entende que debería definirse, a efectos desta orde, que se entende por grupo de empresas.

Sexta.- Artigo 9º. Solicitudes e prazo.

O apartado 3 deste artigo establece que as solicitudes polas contratacións, iniciais ou transformacións, de mulleres desempregadas realizadas dende o 16 de setembro do 2008 ata a data da publicación da presente orde, poderán presentarse ata o 28 de febreiro de 2009.

Este Comité propón que en lugar do 28 de febreiro de 2009 se estableza o prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da norma, sen que figuren na orde datas límite pechadas.

Sétima.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité Delegado considera este prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Oitava.- Artigo 14º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Novena.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 3 deste artigo esíxese a adopción de medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben concretarse no texto da orde as medidas de difusión que deben adoptarse.

Décima.- Disposición adicional quinta.

Esta disposición establece que terá a consideración de titular de familia monoparental e con cargas familiares a muller que teña ao seu coidado fillas ou fillos menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas e que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da solicitude.

Este Comité considera que debe figurar na citada disposición que a referencia á obtención de ingresos é per capita, rateándose a totalidade dos ingresos entre o número de membros da unidade familiar.

Decimo primeira.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).

Primeira.- Artigo 3º. Colectivos.

Este artigo define como colectivo beneficiario dos incentivos regulados nesta orde ás mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concorra algunha das circunstancias que se citan no citado artigo, outorgando carácter xeral ás subvencións ao incluír na letra i) ás mulleres desempregadas que non estean incluídas en ningún dos colectivos anteriores, así como ao estender (artigo 4ºb)) as subvencións á transformación de contratos temporais en indefinidos.

A Confederación Intersindical Galega manifesta o xa sinalado no ditame 8/08, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.


• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”

Segunda.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.

Terceira.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, nos seus apartados 5, 6 e 7, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo ás traballadoras contratadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos (agás no caso de empregos ligados a un investimento).


A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que pretende avanzar na estabilidade contractual das mulleres traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos.



ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

No apartado 1.b) deste artigo establécense axudas ás transformacións en indefinidos de contratos para a formación, en prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deberían incluírse todas as modalidades de contratación temporal e non só as que se especifican na letra b).

Segunda. – Artigo 7º. Exclusións.

Entende a CEG que se o que se pretende é fomentar a contratación de mulleres para acadar un mercado de traballo igualitario, a exclusión recollida no apartado d) deste artigo non fai senon acrecentas estas desigualdades. Sería positivo reducir o prazo de 6 meses desde o remate dun anterior contrato indefinido a un período de tres meses.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SN DE CCOO DE GALICIA:

O SN de CCOO de Galicia valora o esforzo na elaboración do texto con respecto a expresións non sexistas, observándose, non obstante, que mantense unha linguaxe sexista no emprego de termos que se redactan en masculino xenérico, como, por exemplo, “beneficiarios”, “solicitante” e “interesado”, que se repiten en diversas ocasións ao longo do texto é que deberían ser revisados.