ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 60/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROCEDEMENTO E OS REQUISITOS PARA ACADAR OS ACORDOS SOBRE A TAXA DE ESTABILIDADE EN SECTORES PRODUTIVOS, CONVENIOS COLECTIVOS SECTORIAIS E DE EMPRESA.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Nesta orde establécense, ademais do procedemento e os requisitos que deberán reunir os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade, os sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de actividade, todo iso coa finalidade da súa aplicación á orde da Consellería de Traballo que regule o programa de incentivos aos plans empresariais de estabilidade no emprego para o ano 2009.

Como continuidade do establecido no ano 2008, nesta orde defínense seis sectores de actividade específicos, caracterizados por ter altos niveis de estacionalidade que poderán ser, novamente, obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade. Nas actividades económicas onde haxa un convenio colectivo sectorial, partindo do principio da autonomía das partes e cara a potenciar o establecemento de cláusulas de estabilidade nos convenios, poderanse realizar pactos sectoriais de estabilidade co mesmo procedemento que nos seis sectores mencionados.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 5 de maio de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 11 de abril de 2008 (Ditame 20/08), obsérvase que só se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo só modifica o seguinte:

Artigo 5º.- Prazo.

Modifícase o establecido neste artigo, establecéndose que os acordos deberán estar asinados e enviados ao Consello Galego de Relacións Laborais o 30 de marzo de 2009.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa” consta de: Exposición de motivos, nove artigos e dúas disposicións derradeiras.


O día 2 de decembro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I); unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo II); unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola organización sindical CIG (Anexo III); unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada CEG (Anexo IV) e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (Anexo V).





DITAME 60/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Este Comité valora o esforzo na elaboración do texto con respecto a expresións non sexistas, suxeríndose, non obstante, que se revise este na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra en materia de xénero.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Entre as funcións do Consello Galego de Relacións Laborais que establece o apartado 2 do artigo 3º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi sometido a ditame este organismo.

Segunda.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:
As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia, vistos os cambios introducidos no proxecto normativo en relación á Orde que regulaba igual procedemento en 2007 (Orde de 23.04.07), publicada no Diario Oficial de Galicia con data 2 de maio de 2007, consideran que debe manterse o texto da referida orde, coas seguintes incorporacións:
• Que no apartado 2 do referido artigo 3º (acordos acadados nos sectores de actividade nos que exista convenio colectivo sectorial) debe figurar que “os acordos acadados formarán parte  do convenio colectivo do sector correspondente”.
• Que no apartado 2 do artigo 4º (“Partes lexitimadas para a súa sinatura”) debe mencionarse que o organismo que debe convocar ás partes lexitimadas é o Consello Galego de Relacións Laborais.



ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:

Artigo 5º. – Prazos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, S.N. de CC.OO. de Galicia e CIG consideran que no artigo 5º non se debería fixar unha data pechada, senón un prazo de tempo máximo a partir da data de publicación. Para este caso concreto estiman que o prazo debería ser de 60 días.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

A CIG reitera a consideración xeral manifestada no ditame 19/08, polo que, ao non estar de acordo co réxime de subvencións xeralizadas ás empresas, que se establece na Orde reguladora do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, tampouco pode compartir a filosofía que inspira esta Orde de procedemento e requisitos para acadar acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores, convenios ou empresas, que na práctica ten como efecto final unha rebaixa para determinados ámbitos, da taxa xeral do 75% de estabilidade mínima que se esixiría ás empresas para acceder ás subvencións.

Todo iso sen prexuízo de que consideremos positiva a incorporación, nos convenios colectivos ou en acordos ao abeiro do artigo 83 do Estatuto do Traballador, de normas de eficacia xeral, que establezan taxas mínimas de estabilidade contractual que deban ser acadadas obrigatoriamente polas empresas, especialmente cando esas taxas supoñan un incremento real das taxas estatísticas existentes na actualidade no ámbito correspondente.




ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A elección dunha concreta modalidade contractual depende de varios factores, entre os que cómpre salientar a causa da contratación, pero tamén a evolución favorable ou non do ciclo económico no que se atopa inmersa a empresa; a conxuntura actual na que a nosa economía se enfronta a unha nova fase do ciclo, caracterizada por unha desaceleración, obriga a tomar medidas que apoien e estimulen as decisións das nosas empresas e sectores no ámbito do emprego.

A situación económica actual conleva a necesidade de manter o emprego na nova conxuntura económica, polo que medidas que fomenten a posibilidade de transformacións de contratos temporais en indefinidos facilitan o cumprimento destes obxectivos, o que debe implicar unha maior posibilidade de acceso a estes incentivos, aumentando a súa potencialidade cun incremento do número de beneficiarios potenciais destes.

Nótese que o Acordo sobre obxectivos e medidas para alcanzar os obxectivos de estabilidade fala de “plans que establezan taxas sectoriais que alcanzar”, pero a continuación tamén fala de “promoción do establecemento de cláusulas de estabilidade específica nos convenios colectivos; polo tanto, en cumprimento do acordado, debería estenderse o procedemento a calquera  empresa que conte con convenio propio.

Entendemos que iso potenciaría a fin última que se pretende coa medida, que non é outra que o impulso da estabilidade nas empresas da nosa Comunidade Autónoma, e, ademais, cumpriría de forma coherente o acordado nos acordos do diálogo social asinados o 5 de febreiro de 2007.

Polo tanto, cabe propoñer que se permita que aquelas empresas con convenio propio poidan acceder a estas axudas cando incorporen este tipo de cláusulas.



ANEXO V

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):

Primeira.- Título.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón cambiar o actual título da orde (“Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa”) por outro que se refira ao acordo sobre a taxa de estabilidade mínima para acceder ás axudas.

Segunda.- Artigo 2º. Ámbito de aplicación.

De acordo co sinalado na consideración xeral inicial, a CEG propón ampliar o precepto a calquera empresa con convenio propio, independentemente do número de traballadores desta e de que sexa aplicable un convenio de ámbito superior.

Así mesmo, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que se engada, co número 4, un novo parágrafo neste artigo no que se inclúa a posibilidade de acceso aos incentivos daqueles proxectos empresariais de investimento de especial relevancia para a Comunidade Autónoma de Galicia, logo do informe do Consello Galego de Relacións Laborais. Desta forma salvaríase a circunstancia de que existan proxectos de investimento que, non reunindo os requisitos esixidos, poidan acceder ao procedemento e, por consecuencia, aos incentivos. Doutro xeito, Galicia podería estar en situación de inferioridade con respecto a outras comunidades.

Terceira. Artigo 5º. Prazos.

Dende a Confederación de Empresarios de Galicia solicitamos prazos de tempo o máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de investimento (elaboración de orzamentos anuais). Este criterio xeral non se observa no texto da orde. De non poder establecer plans a medio prazo (duración de 2 ou 3 anos) por causas administrativas, proponse polo menos a ampliación dos prazos establecidos no borrador obxecto do presente ditame.

Obsérvase que, en canto aos prazos para asinar e comunicarlle ao Consello os acordos sobre a taxa de estabilidade, proponse nesta ocasión unha data límite do 30 de marzo de 2009 en lugar dun prazo desde a publicación da orde.

Hase de ter en conta que na data do 30 de marzo a negociación colectiva correspondente ao exercicio 2009 probablemente estará a iniciarse e dificilmente se alcanzarían acordos, co que probablemente só será posible comunicar acordos sobre a taxa de estabilidade do ano 2009 en caso de convenios colectivos sectoriais que se negociasen con vixencia plurianual en exercicios anteriores, o que faría aconsellable que se ampliase o prazo proposto.

Non obstante o anterior, somos conscientes de que os acordos teñen de estar publicados en prazo suficiente como para que as empresas do sector de que se trate poidan tramitar as subvencións dentro do prazo que para iso se prevé (no exercicio 2008, o 31 de xullo de 2008), polo que a suxestión de que se amplíe o prazo para a sinatura e remisión dos acordos sobre a taxa de estabilidade tería que ir unida á suxestión de que se ampliase o prazo para solicitar as axudas do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral.

A Confederación de Empresarios de Galicia cree que deste xeito se lograría unha maior eficacia da subvención.

Cuarta. Artigo 8º.- Análise de aplicación dos acordos.-

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe eliminarse o disposto no parágrafo segundo deste artigo 8º, que establece a facultade de solicitar, por parte das subcomisións de seguimento creadas nos Comités Provinciais de Emprego, toda aquela información que considere oportuna, co fin de analizar as causas da temporalidade no sector para o cal se realizará unha mostraxe entre as empresas do sector.  

Entendemos que a información que haberá de utilizarse é a baseada en fontes oficiais e non en mostraxes cuxo contido se descoñece; así mesmo o que haberá que analizar é a evolución da contratación nos diferentes sectores, pero non “as causas da temporalidade”.

Polo exposto, a Confederación de Empresarios de Galicia propón a seguinte redacción alternativa: “…Esta subcomisión solicitará toda aquela información oficial que considere oportuna, co fin de analizar a evolución da contratación no sector, co obxectivo de determinar a eficacia do programa ao remate deste.”