ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 61/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECER A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR COFINANCIADA POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde responde ao obxectivo de integrar o principio de igualdade na política de emprego da Xunta de Galicia establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Así, recóllese o establecemento de medidas de cara ao exercicio dos dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, medidas destinadas a mellorar o acceso das mulleres ao mundo laboral e co obxecto de promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade e o coidado de familiares.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de febreiro de 2008, obsérvase que foi tida en conta unha consideración específica de carácter unánime manifestada polos axentes sociais en relación cos prazos de presentación de solicitudes.


O novo proxecto normativo contén moi poucas modificacións respecto ao correspondente ao exercicio anterior, destacándose o seguinte:

Na Exposición de motivos indícanse as dúas principais novidades deste proxecto normativo: a corresponsabilidade do home nas tarefas que levan consigo a paternidade e o coidado de familiares e a aplicación a este proxecto do artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001, pola que se regula tramitación anticipada de expedientes de gasto.

A potenciación do proceso de paternidade obsérvase no artigo 1º.1 ao definir as axudas obxecto desta orde, no apartado a) establece as “Axudas ás empresas que reincorporen a traballadores tras un proceso de paternidade”, eliminando a mención “maternidade” que aparecía na orde de 2008.

O artigo 7º, apartados 3 e 4, establece como data límite o 28 de febreiro de 2009 para presentar as solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa e polas contratacións de interinidade que se realizaran entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde (en 2008 o prazo era ata o 15 de maio).

O apartado 6 do artigo 8º, relativo á documentación que se esixe nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para coidado de familiares ou con redución de xornada de traballo por motivos familiares, elimínase a necesidade de presentar copia simple do DNI da persoa traballadora substituta e documentos acreditativos do tempo de permanencia en situación de desemprego.

No artigo 17º establécese que estas axudas están sometidas ao réxime de axudas de minimis, establecéndose neste proxecto que sectores non poden acceder a elas (pesca e acuicultura, carbón, empresas en crise...).


Engádense dúas novas disposicións adicionais que establecen a tramitación anticipada de expedientes de gasto (sétima) e a cofinanciación polo Fondo Social Europeo (oitava).





De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, oito disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 3 de decembro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma e nove específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).






DITAME 61/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:










CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas a favor da persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servizos sociais de calidade.

Primeiro, hai que adoptar medidas para solucionar os problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ambas as dúas facetas da vida e logo, establecer axudas para acadar a inserción laboral da persoa beneficiaria, que é a fase que regulamenta esta Orde.

Considérase pois imprescindible contemplar as dúas situacións, que poderían ter acollida no parágrafo 4º da exposición de motivos do proxecto normativo: hai que afrontar os problemas previos que xorden para incorporarse ao mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a perspectiva de inserción laboral.

Segunda.

Este Comité valora o esforzo na elaboración do texto con respecto a expresións non sexistas, suxeríndose, non obstante, que se revise este na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra en materia de xénero, así como en termos que se redactan en masculino xenérico, como, por exemplo, “beneficiarios” (artigo 2º e 13º), “solicitante” e “interesado” (artigo 7º e 8º).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3, letra a), deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 4º. Axudas ás empresas que reincorporen a persoas traballadoras tras un proceso de paternidade.

O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser obxecto de subvención as reincorporacións ao posto de traballo na empresa dos traballadores que disfrutasen do (non consta o que segue) tras períodos de descanso por causa de paternidade, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos, en virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48º. 4 e 5 do Estatuto dos traballadores.

Este Comité considera que, de acordo co establecido no artigo 48 bis do Estatuto dos traballadores, relativo á suspensión do contrato de traballo por paternidade, esta suspensión é independiente do disfrute compartido dos períodos de descanso por maternidade regulados no artigo 48º.4 da referida disposición legal, polo que no apartado 1 do artigo 4º deste proxecto normativo debería figurar tamén a reincorporación ao posto de traballo  tras períodos de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade.

Cuarta.- Artigo 7º. Solicitudes, prazos e autorizacións.

Os apartados 3 e 4 deste artigo establecen a data do 28 de febreiro de 2009 como límite para a presentación das solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un proceso de paternidade e pola contratación de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares que, cumprindo os requisitos establecidos na presente orde se realizaran entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido nestes apartados debería ser, a lo menos, dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Quinta.- Artigo 8º. Documentación.

Establece este artigo que as solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde.

Este Comité manifesta que os referidos anexos non poden ser obxecto de ditame posto que non foron remitidos a este Consello xunto co proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 10º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o  prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Sétima.- Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado c) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Oitava.- Artigo 14º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Novena.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

















ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.
A CIG considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.
Segunda.- Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.
Este artigo, no seu apartado e), obriga ás empresas beneficiarias a manter na empresa á persoa traballadora subvencionada ao abeiro desta orde que se reincorpore tras un proceso de maternidade/paternidade por un período mínimo de un ano.
A CIG considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Exclusións.

No primeiro parágrafo deste artigo establécese que exclúense dos beneficios previstos nesta orde as persoas traballadoras contratadas para prestar servizos noutras empresas a través de contratos de posta á disposición.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a exclusión das persoas traballadoras contratadas a través de Empresas de Traballo Temporal supón unha discriminación polo mero feito do tipo da empresa, debendo eliminarse do texto da norma.

Segunda.- Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.

Na letra e) deste artigo sinálase como obriga  da empresa beneficiaria que os traballadores que se reincorporen a ela tras un proceso de paternidade deberán permanecer na empresa durante un ano, como mínimo; establecéndose que, se antes de transcorrer o dito prazo se produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegrar a subvención concedida.


A CEG considera que dita obriga só deberíase aplicar cando a relación laboral se extinga inxustificadamente pola empresa, pois coa actual redacción do artigo incluso unha extinción do contrato derivada da “morte do traballador” tamén obrigaría ao reintegro da axuda.

Propoñemos que nestes casos, nos que a relación laboral se extinga por causas xustificadas ou por causas distintas á vontade do empresario/a, a empresa reintegre soamente a parte proporcional da subvención concedida.