ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 62/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL NO MARCO DOS SERVIZOS DE AXUSTE PERSOAL E SOCIAL DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Os servizos de axuste persoal e social regulados nesta orde poden resultar un instrumento moi útil, sobre todo se orientan as súas funcións, sen descoidar os aspectos culturais, físicos ou de rehabilitación, cara un axuste laboral que permita facer fronte e superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as traballadoras e traballadores con discapacidade teñen no proceso de incorporación plena a un posto de traballo, así como na permanencia e progresión neste, e en particular para traballadoras e traballadores con especiais dificultades para o acceso ao mercado ordinario de traballo, como son as persoas afectadas polas discapacidades máis graves.

Dadas as características e tipoloxía dos centros especiais de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, nesta orde duplícanse as contías das subvencións establecidas na normativa estatal, coa finalidade de favorecer a constitución de unidades de apoio á actividade profesional naqueles centros que conten con persoas con discapacidade severa no seu cadro de persoal, facendo un tratamento especial aos centros especiais de emprego de pequena dimensión que ten maiores dificultades para o financiamento dos custos dos profesionais destas unidades. Este incremento de subvención financiarase con cargo a créditos de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o día 2 de abril de 2008 e o ditame emitido polo Consello con data 8 de febreiro de 2008, obsérvase que non foron aceptadas as consideracións manifestadas polos axentes sociais no ditame 3/08.

Remítense co proxecto normativo os resultados da aplicación da mesma norma no ano 2008.

O novo proxecto normativo contén moi poucas modificacións respecto ao correspondente ao exercicio anterior, destacándose o seguinte:

Na Exposición de motivos indícase como principal novidade deste proxecto normativo a aplicación a este proxecto do artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001, pola que se regula tramitación anticipada de expedientes de gasto.

No artigo 7º introdúcese no punto 4 un parágrafo novo que establece que se coa documentación xustificativa para o pagamento final da subvención concedida no exercicio 2008 quedará acreditada unha contía superior da inicialmente concedida, emitirase unha resolución complementaria con cargo aos créditos que financian esta orde.

No artigo 18º establécese que non poderán subvencionarse ao abeiro do programa regulado nesta orde os custos dos profesionais das unidades de apoio á actividade profesional que estean subvencionados polo programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezanove artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 3 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral unánime e nove consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma.









DITAME 62/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009,”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de decembro de 2008 acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda.- Artigo 1º. Finalidade.
No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 6º. Entidades beneficiarias das subvencións.
O apartado c) deste artigo esixe aos centros especiais de emprego para ser beneficiarios das subvencións “dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional ..”.
Este Comité propón que o requisito sexa de “dispoñer ou ter previsto dispoñer nos prazos correspondentes de unidades de apoio. …”.

Cuarta.- Artigo 8º. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.

Este artigo establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior. Este Comité considera que deberían esixirse titulacións da rama social para acceder á categoría de persoal técnico, tendo en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Por outra banda, menciona tamén este artigo ás persoas encargadas de apoio á produción como integrantes das unidades de apoio á actividade profesional. Este Comité propón que se regule con maior concreción esta figura.

Quinta.- Artigo 11º. Documentación.

Este artigo establece que as solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos, debendo acompañarse da documentación que se relaciona. Este Comité fai constar que non se achegaron os anexos que se mencionan, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Así mesmo, este Comité propón substituír as letras j) e k), que figuran no apartado 2 deste artigo, polas seguintes que corresponden, dado que son impropias do alfabeto galego.

Sexta.- Artigo 13º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo de seis meses é excesivamente longo, polo que propón que se reduza a tres meses.



Sétima.- Artigo 15º. Obrigas das entidades beneficiarias.

En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

O apartado h) deste artigo menciona entre as obrigas dos beneficiarios das subvencións a adopción das medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo.

Este Comité considera necesario que se concreten as medidas “axeitadas” de difusión que deben adoptarse.

Así mesmo, este Comité propón substituír as letras j) e k), que figuran neste artigo, polas seguintes que corresponden, dado que son impropias do alfabeto galego.

Oitava.- Artigo 16º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”. Esta consideración tamén é aplicable ao artigo 18º, parágrafos primeiro e terceiro.

Novena.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.