ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 63/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2009, AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS E COS ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES


O día 12 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2009, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, se dirixen tanto ás entidades locais como ás administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro. Trátase de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural e de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, das persoas traballadoras desempregadas que participen nos referidos programas, en coherencia co segundo grande obxectivo fixado para o novo modelo de Servizo Público de Emprego, cal é a mellora das posibilidades de colocación das persoas desempregadas.

Neste proxecto normativo se recollen tamén aquelas actuacións dirixidas ás persoas que sexan paradas de longa duración co obxecto de proporcionarlles unha readaptación nos seus hábitos a fin de acadar unha readaptación ao entorno laboral, ofrecéndolles unha oportunidade de emprego, a través dos programas de cooperación, de seis meses de duración.

Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 9 de xaneiro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de novembro de 2007, obsérvase que só foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 38/07.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Suprímese neste proxecto normativo, no ámbito dos programas de cooperación con entidades locais, as subvencións para a realización de estudos de mercado e campañas para o desenvolvemento local, recollidas na orde anterior.

No artigo 3º, apartado 4.II.B.1) que por erro numérase como apartado i), introdúcese a esixencia de achegar, como documentación específica para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as, un certificado dos custos salariais dos traballadores que se pretenden contratar para a realización do proxecto para o que se solicita a subvención, segundo o modelo do novo anexo III.

No artigo 6º, apartado 1, letras c), d) e e) engándense modelos, que se publicarán na web da Xunta de Galicia, para que as entidades beneficiarias aporten a documentación, certificacións e declaración, esixidas para o aboamento da subvención.

Modifícase o apartado 2 do artigo 7º, relativo á obriga das entidades beneficiarias destas axudas, para o caso da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, de remitir unha memoria descritiva das actividades realizadas por estes ao remate do período subvencionado, suprimíndose da orde anterior a obriga de que as actividades se realicen en cada ano natural e que a remisión desta memoria sexa no mes de xaneiro do ano seguinte.

Neste apartado engádese tamén unha obriga para as entidades beneficiarias das axudas previstas neste proxecto normativo, que é a de presentar o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

Igualmente neste apartado, na letra i), engádese a obriga da comunicación á Consellería de Traballo daquelas modificacións substantivas que afecten á realización da actividade a desenvolver polas persoas traballadoras contratadas, para os efectos de valorar se estas producen unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

Modifícase o artigo 8º, priorizándose neste exercicio o colectivo das persoas paradas de longa duración para acadar unha readaptación ao entorno laboral, e diminuíndose a proporción na orde de preferencia nos demais colectivos, agás nas persoas demandantes de primeiro emprego onde a proporción na súa orde de preferencia era dun 15% e neste proxecto normativo aumenta a un 22%.

No apartado 2 do artigo 11, relativo aos requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos de interese xeral e social competencia das entidades locais, e ao obxecto de outorgarlles as subvencións, engádese a preferencia aos proxectos que vaian dirixidos á contratación, durante un período de seis meses, de persoas traballadoras desempregadas paradas de longa duración, puntuándoselles con ata 10 puntos.

O apartado 3 do artigo 12º establece que as persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, tendo preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, modificándose neste proxecto normativo a orde de preferencia destes, pasando do segundo ao cuarto lugar aos demandantes que teñen incluídos no seu itinerario personalizado de inserción unha acción de adquisición de experiencia profesional, engadíndose, no segundo lugar, os que ademais sexan parados/as de longa duración.

No artigo 20º establécese que o prazo máximo para o inicio das obras ou servizos será o sinalado na resolución de concesión da subvención, suprimíndose, con respecto a orde anterior, a referencia ao prazo de un mes desde a data de inicio prevista na resolución da concesión da obra ou servizo.

No artigo 23º engádese un novo criterio de preferencia a ter en conta pola Comisión de Valoración para a selección das entidades beneficiarias das axudas para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, puntuándose con 10 puntos os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, mediante a contratación indefinida dos/as técnicos/as.

Tanto no artigo 24, apartado 1, como no artigo 25, apartado 3, suprímese a referencia ao prazo máximo de 15 días que, na anterior orde, dispoñía a entidade beneficiaria da subvención para a selección e a contratación dos/as axentes de emprego e as persoas traballadoras integrantes das unidades de apoio.

Modifícase o artigo 26, no que se establece, que as entidades beneficiarias das axudas e subvencións en 2008 poderán solicitar a prórroga da subvención concedida sempre que se dean simultaneamente dúas circunstancias: que o remate do período subvencionado sexa dentro do ano 2009 e que non se interrompa a contratación dos/as axentes contratados nin a prestación dos servizos, podendo neste caso ter a resolución efectos retroactivos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2009, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e sete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 11 de decembro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I) e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo II).





DITAME 63/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2009, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega e para respectar as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.

Segunda.

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda. – Exposición de motivos.

Na Exposición de motivos indícase que “...mantéñense criterios obxectivos para a distribución territorial dos fondos e se establecen as porcentaxes indicativas dos colectivos preferentes de beneficiarios/as das políticas activas de emprego, priorizándose aqueles proxectos que xurdan como consecuencia de Pactos Territoriais de Emprego…”.

Esta priorización non aparece desenvolvida no articulado da orde, considerando este Comité que debería facerse mención a ela dentro dos criterios de valoración dos artigos 11º, 17º e 23º, para que as Comisións de Valoración poidan efectivamente aplicala aos proxectos avaliados.


Terceira. – Artigo 3º. Presentación de solicitudes e procedemento.

Na clasificación da documentación requirida no punto 4.II obsérvase un erro na enumeración da documentación específica (punto II.B)), dado que a do apartado B.1 comeza pola letra h) e a do apartado B.2 comeza pola letra j).

Este Comité considera que debe rectificarse a mencionada clasificación e, en todo caso, non se debe empregar nesta a letra j dado que non é propia da lingua galega, debendo substituirse pola seguinte que corresponde.

Cuarta. Artigo 4º.- Competencia e resolución.

Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva (apartado 2), este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 6 deste artigo deberíase contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non desde o día de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

Por outra banda, o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Tamén chama a atención que, como noutras normas anteriores -e a pesar das consideracións manifestadas por este Comité ao respecto e de que as resolucións son ditadas polo director/a xeral ou polo delegado/a provincial-, non se estableza ningún tipo de recurso administrativo e se abra directamente a vía xurisdicional, polo que este Comité propón que se estableza un recurso de alzada previo para, na medida do posible, procurar a revisión das resolucións das solicitudes presentadas por entidades sen ánimo de lucro antes de acudir á vía xurisdicional.

Quinta. – Artigo 5º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar a modificación ou incompatibilidade/revogación na obtención da subvención.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Sexta. - Artigo 7º. Incompatibilidades e obrigas dos/as beneficiarios. Revogación.

Nos apartados 1 e 2 g) deste artigo alúdese tamén ao termo “nacional/nacionais”, polo que se suxire se substitúa por “estatal/estatais”.

Igualmente, no apartado 2, figura a letra j), considerando este Comité que debe substituirse pola seguinte que corresponde, dado que é impropia do alfabeto galego.

Sétima. - Artigo 8º. Colectivos prioritarios.

Neste artigo establécese como colectivo prioritario para o presente exercicio ás persoas paradas de longa duración. Este Comité considera que esta priorización non debería aplicarse no caso dos/das axentes de emprego, debido ás especiais características do traballo a realizar por estas persoas.



Oitava.- Artigo 10º e artigo 16º. Contía.

Os artigos 10º e 16º regulan as contías das subvencións para a contratación de persoas desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

O apartado 1.a) do artigo 10º e o apartado 2 do artigo 16º establecen que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Novena. Artigo 13º e artigo 19º. Contratación dos traballadores e traballadoras.

Este Comité considera que debería suprimirse a referencia á necesidade de subscribir un contrato de duración determinada de interese social, por canto, ademais de non existir este tipo de contrato na lexislación laboral (será de obra, no seu caso), o subvencionable son os custos salariais por un período determinado, o que non lle debe impedir á empregadora elixir a modalidade contractual.

Décima. Artigo 22º. Contía.

Este artigo establece a contía máxima da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, que ascenderá ao importe dos custos salariais maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social dos traballadores e traballadoras contratadas.  A referencia que o apartado 2 deste artigo fai ao artigo 19º debe facerse ao artigo 16º.

Este Comité considera que deberíase engadirse un apartado 3 a este artigo co seguinte texto: “Igualmente subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na sección II do capítulo terceiro desta orde”.

Decimo primeira.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.




ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Exposición de motivos.

Na exposición de motivos establécese como outra das actuacións que se recollen nesta orde o programa de creación de axentes dinamizadores da innovación dependentes das organizacións empresariais, a través da figura dos axentes de emprego.

Non obstante, o referido programa nin aparece especificado nin aparece desenvolvido no articulado da orde. A CEG considera que debería regularse de maneira específica no articulado do proxecto.

Segunda. - Artigo 8º. Colectivos prioritarios.

En canto a colectivos prioritarios, establécense unhas porcentaxes, con carácter orientativo, cuxa aplicabilidade real queda fóra de control por parte dos solicitantes, e, ademais, a redacción adoece dunha anarquía que é difícil de entender.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería máis aconsellable sinalar por orde de prioridade cales son os colectivos prioritarios, para que os posibles beneficiarios solicitantes coñecesen de antemán cales son os colectivos que a Administración puntuará de modo maior.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG:

Exposición de motivos.

Na Exposición de Motivos establécese como outra das actuacións que se recollen nesta orde o programa de creación de axentes dinamizadores da innovación dependentes das organizacións empresariais, a través da figura dos axentes de emprego.

Non obstante, o referido programa nin aparece especificado nin aparece desenvolvido no articulado da orde. As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería eliminarse a mención a este programa por non estar regulado ao longo do articulado da orde.