ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 64/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA DOS PARADOS DE LONGA DURACIÓN, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES



O día 12 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida dos parados de longa duración, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As persoas traballadoras desempregadas de longa duración son o colectivo que está a sufrir, en maior medida, o incremento das dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Por isto, no conxunto de programas de incentivos a contratación por conta allea, a Consellería de Traballo crea un incentivo específico para este colectivo, eliminándose daqueles colectivos nos que se incluía a condición de parado/a de longa duración.

As empresas máis pequenas son as que están a sufrir con máis intensidade a crise e as que teñen menos capacidade de afrontala. Ata agora a intensidade dos incentivos non tiña en conta o tamaño da empresa, por iso as contías dos incentivos para o año 2009 teñen en conta esta situación e gradúan a súa intensidade en función do tamaño da empresa, priorizando especialmente ás microempresas de menos de dez traballadores.

As axudas para o fomento do emprego das persoas traballadoras desempregadas de longa duración establecidas pola Xunta de Galicia son compatibles cos programas estatais de fomento do emprego aplicables a todo o Estado.

As bases reguladoras do programa establecido nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Non existen antecedentes deste proxecto normativo, dado que é a primeira vez que se remite para ditame.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 2º establece que poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea persoas traballadoras desempregadas de longa duración, para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co apartado 2 deste artigo 2º, terán a consideración de microempresas as empresas nas que a media aritmética do cadro global de persoal da empresa nos doce meses anteriores á realización da contratación obxecto de subvención no ámbito territorial de Galicia, sexa inferior a 10 traballadores.

O artigo 3º dispón que entenderase por traballadores e traballadoras desempregadas de longa duración aqueles/as que, na súa data da alta no correspondente réxime de Seguridade Social, estivesen sen traballo e tivesen acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregados/as na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días, se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos.

O artigo 4º establece as condicións e requisitos que deben cumplir as empresas para poder acceder aos incentivos establecidos nesta orde.

O artigo 5º regula as axudas, que consistirán nunha subvención, pagadoira dunha soa vez, dunha contía equivalente ao importe do 60% do custo salarial anual, calculada sobre dúas anualidades, ata un máximo de 6.000 euros, incrementándose este límite ata 8.000 euros cando as contratacións se realicen con mulleres. Os citados límites se incrementarán ata 7.000 euros, no caso dos homes, e ata 9.000 euros, no caso das mulleres, cando as contratacións se realicen con parados ou paradas de longa duración de 45 ou máis anos. Estas axudas incrementaranse cando as contratacións se realicen por unha microempresa.

O artigo 6º establece as contratacións que se exclúen dos incentivos regulados no proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida dos parados de longa duración, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 11 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén asi mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN. e CC.OO. de Galicia (anexo I), tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo II), unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN. e CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo III) e dúas consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo IV).








DITAME 64/08






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida dos parados de longa duración, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de novembro de 2008 para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:







CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo, especialmente o título da orde, a exposición de motivos e o título do artigo 2º, cara a respectar a diferenza de xéneros, así como a denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra en materia de xénero.

Segunda.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara á utilización da normativa vixente para a escrita da lingua galega.

Terceira

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.


Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3. a) deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 3º. Colectivos.

Este artigo establece que se entende por traballadores e traballadoras desempregadas de longa duración.

Este Comité considera que debería substituirse na última liña a expresión “se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos” pola de “se fosen maiores de 24 e menores de 45 anos”, para evitar a exclusión das persoas de 25 anos.




Cuarta.- Artigo 6º. Exclusións.

O apartado c) deste artigo exclúe das axudas previstas na orde ás contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debería regularse que se entende por grupo de empresas aos efectos desta orde.

Así mesmo, nos apartados c) e d) deste artigo, alúdese ás contratacións realizadas con traballadoras. Este Comité pregúntase o motivo da exclusión dos homes traballadores.

Quinta.- Artigo 8º. Solicitudes, prazos e autorizacións.

O apartado 3 deste artigo establece a data do 28 de febreiro de 2009 como de remate do prazo de presentación das solicitudes de axudas polas contratacións que se realicen dende o 16 de setembro ata a data da publicación da presente orde.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido neste apartado debería ser, ao menos, dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.


Sexta.- Artigo 11º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.
Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que propón que se reduza a tres meses.

Sétima.- Artigo 13º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Oitava.- Artigo 15º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 3 deste artigo esíxese a adopción de medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben concretarse no texto da orde as medidas de difusión que deben adoptarse.

Novena.- Artigo 18º. Réxime das axudas.

Este Comité considera que é necesario traducir ao galego a última parte do parágrafo primeiro deste artigo.

Décima.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UTG-GALICIA E S.N DE CC.OO. DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 4º.- Requisitos das empresas beneficiarias.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, á que se refire o apartado a) deste artigo, deberá ser igual ou superior ao 77,5% en lugar do 75%, tendo en conta o Acordo polo Emprego asinado ao abeiro do proceso de diálogo social en Galicia, no que se estableceu, como obxectivo de estabilidade, a redución da taxa entre 10 e 12 puntos.

Igual consideración maniféstase respecto ao establecido no artigo 15º, apartado 7.

Segunda.- Artigo 5º. Axudas.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que sería bo adecuar as contías que figuran neste artigo en base a criterios de proporcionalidade con outros programas con similares obxectivos. En todo caso, parece excesiva unha incentivación pagadoira dunha soa vez equivalente ao 60% do custo salarial anual.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).

Primeira.- Artigo 5º. Axudas.

Este artigo establece as contías das axudas polas contratacións indefinidas, entre 6.000 euros e 14.000 euros, segundo os casos.

A Confederación Intersindical Galega  considera que se fixan unhas contías esaxeradamente altas, polo que que, sen prexuizo de que se escalonen, propón que estas non superen, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa traballadora contratada.

Segunda.- Artigo 14º. Incompatibilidades e concurrencia.

O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concurrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega  considera que os incentivos non poden superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa traballadora contratada.

Terceira.- Artigo 15º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, nos seus apartados 5, 6 e 7, obriga ás persoas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que pretende avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UTG-GALICIA E S.N DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 14º. Incompatibilidades e concurrencia.

O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concurrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que existe unha contradición entre a contía fixada neste artigo do 50% e o disposto no artigo 5º do proxecto normativo respecto de que a subvención consistirá nunha subvención dunha contía equivalente ao importe do 60% do custo salarial anual.





ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL.

A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente o feito de introducir, como elemento de discriminación positiva a favor das microempresas galegas, un incremento das axudas previstas, para o caso de que a empresa solicitante cumpra tal condición.

Como xa se puxo de manifiesto neutros difames (59/08), parece necesario avogar por unha redución dos requisitos de acceso que se establecen e que fan que moitas empresas queden fóra de calquera programa de incentivos á contratación.

Condicións como a referida a taxas de estabilidade tan elevadas, como a referida a esixencias de incremento de cadros de equipo, de mantemento de taxas de estabilidade durante tres anos (requisito laboral por parte da empresa que, ademáis, supón unha limitación ás posibilidades de contratación laboral por parte da empresa durante os seguintes tres anos, limitación que afecta en especial ás contratacións temporais que, de efectuarse, podería facer diminuír a taxa de estabilidade), fan que os incentivos previstos non operen como tal e non constitúan ningún complemento paliativo á situación de crise económica.
É por iso que debe avogarse por unha redución de tales condicións que constitúen claros desincentivos.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA.

Artigo 6º. Exclusións.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que a exclusión considerada no artigo 6º.d) endurece os requisitos con respecto ás medidas de fomento de emprego existentes a nivel estatal, polo que, na súa opinión, sería positivo reducir o prazo de seis meses desde a finalización dun anterior contrato indefinido a tres meses, tal e como se contempla na normativa estatal.