ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 65/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O PROCEDEMENTO DE CUALIFICACIÓN DAS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL E A ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO SEU REXISTRO ADMINISTRATIVO.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Co obxecto de favorecer a inserción dos colectivos en situación ou risco de exclusión social desenvolveuse a figura xurídica das empresas de inserción laboral como estruturas produtivas que, cumprindo unha función social e económica, teñen como finalidade do seu obxecto social a integración e formación sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, proporcionando aos máis desfavorecidos a oportunidade de entrar no sistema socioeconómico a través do emprego, e por tal motivo merecen unha especial protección por parte dos poderes públicos.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 14 de maio de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 23 de abril de 2008 (Ditame 22/08), obsérvase que foron tidas en conta tres consideracións, unha delas parcialmente, das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.  

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 1º. Obxecto e finalidade.

Recollendo as consideracións manifestadas no Ditame 22/08, no apartado 2 deste artigo, establécese que este proxecto normativo será de aplicación ás empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º. Entidades cualificables.

Este artigo determina as entidades que poden ser cualificables como empresas de inserción laboral, citando ás sociedades mercantís, sociedades laborais, sociedades cooperativas, ou calquera tipo de organización societaria civil ou mercantil e suprimíndose o parágrafo relativo ás entidades sen ánimo de lucro que foran inscritas neste rexistro, polo transcurso do período transitorio dos tres anos sinalado na exposición de motivos.

Artigo 5º. Procedemento de cualificación.

No apartado 2 deste artigo, substitúese a esixencia de presentación do código de identificación fiscal (CIF) polo número de identificación fiscal (NIF), substituíndo igualmente a referencia ás persoas xurídicas pola de entidades promotoras que participen no capital social da empresa. E suprimíndose, con respecto á anterior orde, a participación das persoas físicas.

Artigo 8º. Obrigas das empresas de inserción laboral cualificadas.

No apartado 3 deste artigo, establécese a obriga destas empresas de manter en cómputo anual un mínimo do 30% de traballadores/as en proceso de inserción con respecto ao total do cadro, engadíndose que esta obriga será esixible desde a súa cualificación.

Suprímense as dúas disposicións transitorias da anterior orde e engádese unha disposición derrogatoria da referida orde.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo” consta de: Exposición de Motivos, tres capítulos, trece artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.


O día 11 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.




DITAME 65/08






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de novembro de 2008 para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 1º.-Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda.- Artigo 4º.- Acto de cualificación.
Este Comité propón a supresión do artigo 4º da atribución ao director xeral de Promoción do Emprego da competencia para resolver o procedemento de cualificación, por resultar redundante co disposto no artigo 7º, apartado 1.

Terceira.- Artigo 5º.- Procedemento de cualificación.

Este Comité pon de manifesto que o anexo ao que fai referencia o apartado 1 deste artigo non se achegou xunto co proxecto normativo, polo que non pode ser obxecto de ditame.
No item 6 do apartado 2 esíxese a presentación dunha relación das persoas traballadoras en situación de alta no cadro de persoal pola que se xustifique o cumprimento do disposto no artigo 4.c do Decreto 156/2007.
Este Comité estima que o citado artigo 4º.c do Decreto 156/2007 debe citarse íntegramente neste apartado do proxecto normativo, facendo mención expresa á obriga de manter a porcentaxe mínima do 30 por cento anual de persoas traballadoras en proceso de inserción.


Cuarta. – Artigo 6º.- Instrución e tramitación.
Este Comité suxire que se revise a linguaxe deste artigo, inclusive o título, para adaptala á normativa vixente para a escrita da lingua galega (por exemplo, no apartado 2, utilízase “termos” cando o correcto sería “términos”).
Quinta.- Artigo 7º.- Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece para a resolución e notificación un prazo de seis meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que propón a súa redución.

Sexta.- Disposicións finais.

Este Comité manifesta que a expresión “Disposicións finais” é correcta, suxerindo se teña en conta no momento da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia, posto que na orde publicada o exercicio anterior figuraba “Disposicións derradeiras”.