ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 66/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA PROMOVER A AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL DAS PERSOAS COTITULARES OU TITULARES DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 14 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Consellería de Traballo, coa finalidade de facilitar a alta na Seguridade Social das persoas cotitulares de explotacións agrarias, estableceu, desde o ano 2006 un programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social destas persoas, incorporando un complemento do 20 por cento á redución estatal do 30 por cento, o que fai unha redución total do 50 por cento na correspondente cotización.

A Lei 18/2007, de 4 de xullo, procede á integración dos traballadores e traballadoras por conta propia do Réxime Especial Agrario no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2008. Créase, dentro deste réxime, un Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios que recolle os criterios de modernización das explotacións agrarias e reduce a cotización dos cónxuxes e descendentes dos titulares de explotacións agrarias que se incorporen á actividade de ditas explotacións, ademais de establecer unha redución durante cinco anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas de 40 ou menos anos de idade que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que ésta se atope dado de alta nos citados réxime e sistema especial.

Por outra banda, cómpre recordar as previsións contidas na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia relativas ao establecemento de políticas activas de emprego que teñan en conta de xeito prioritario a situación das mulleres no medio rural.

A finalidade desta orde é, por unha banda, dar continuidade aos incentivos establecidos neste programa desde o ano 2006 e por outra, mellorar o programa coa ampliación das persoas beneficiarias para o suposto dos descendentes da persoa titular da explotación agraria, en concordancia coa Lei 18/2007, de 4 de xullo, sempre que a súa incorporación se produza dende o 1 de agosto de 2008, data da entrada en vigor desta lei.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 26 de maio de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 4 de abril de 2008 (Ditame 18/08), obsérvase que soamente foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Na Exposición de motivos indícase como principal novidade deste proxecto normativo a aplicación a este proxecto do artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001, pola que se regula tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 6º. Documentación.
Engádese, no apartado 2.a) e 3.a) a necesidade de achegar a fotocopia compulsada da resolución da Seguridade Social na que se recoñece a alta no réxime especial agrario por conta propia e no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, seis disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.



O día 11 de decembro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e doce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 66/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que deberíase garantir, mediante as oportunas medidas de coordinación interadministrativa, que todas as persoas que se benefician da bonificación estatal sexan informadas, no momento de facer os trámites ante a Seguridade Social, das posibilidades que teñan de acollerse ao programa de incentivos regulado neste proxecto normativo.

Segunda.

Este Comité segue xulgando importante o exposto na consideración xeral primeira do Ditame 22/07, na que, dada a especial incidencia da problemática da muller rural en Galicia en relación co resto do Estado, manifestábase a necesidade de que o Goberno galego instase o urxente cumprimento do artigo 30º, apartado 1, da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, no que se regula a obriga dos Ministerios de Traballo e Asuntos Sociais e de Agricultura, Pesca e Alimentación de desenvolver a figura xurídica da titularidade compartida, co fin de que se recoñezan os dereitos das mulleres no sector agrario, a súa correspondente protección de Seguridade Social, así como o recoñecemento do seu traballo.

Terceira.

No título, así como en diversos preceptos da norma, utilizáse a expresión “cotitular ou titular”, para referirse ás posibles persoas beneficiarias das axudas que se establecen.

Dadas as peculiaridades do réxime de propiedade existente en Galicia, este Comité considera máis apropiado utilizar a expresión “cónxuxe ou parella de feito do titular” en lugar de “cotitular”, para non privar das axudas ás persoas que obxectivamente deberan ser beneficiarias, pero que en rigurosos termos legais poden non ostentar a condición de cotitulares.

Cuarta.

Este Comité valora positivamente que o proxecto normativo continúe considerando beneficiarias do programa as mulleres de 41 a 45 anos (sempre que cumpran os requisitos que se sinalan no artigo 2º, apartado 4), estendendo as axudas establecidas na orde correspondente ao exercicio de 2006 para as menores de 41 anos de idade, que aplicaba mimeticamente a norma estatal (disposición adicional 49ª da Lei 30/2005, de Orzamentos Xerais do Estado para 2006).

Non obstante, considerando que en Galicia existe un importante colectivo de mulleres maiores de 45 anos que deberían ser obxectivamente beneficiarias destas axudas, proponse, para favorecer a finalidade social desta norma, estender o seu ámbito, establecendo un incentivo para as persoas maiores de 45 anos, de contía igual ao previsto no artigo 3º, apartado 2, deste proxecto de orde, dado que estas en ningún caso poden acollerse ás axudas establecidas a nivel estatal.

Este Comité avaliaría positivamente que neste camiño se incrementase anualmente, por exemplo, en 5 anos, a idade límite para acollerse aos incentivos regulados nesta orde.

Quinta.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de Motivos.
No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.
Terceira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité suxire correxir o enunciado deste artigo e que se establezan como beneficiarias deste programa as persoas adicadas ou incorporadas á actividade agraria (só figura as persoas incorporadas).

Así mesmo, tendo en conta o sinalado nas consideracións xerais terceira e cuarta deste ditame, este Comité considera que debería suprimirse a letra d) do apartado 1 deste artigo, xa que:
- Por unha parte, podería darse o caso de que persoas menores de 40 anos, que non teñen a condición legal de cotitulares, non podan solicitar a axuda estatal.
- Por outra parte, hai que ter en conta que as persoas maiores de 45 anos, para as que este Comité entende que deberíanse establecer axudas superiores, en ningún caso poderán acollerse á norma estatal.

Cuarta.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
Este Comité propón que no apartado 2 deste artigo se engada un parágrafo que estableza a prórroga automática mentres se manteñan as circunstancias que motivan a axuda, posto que todas elas son coñecidas pola Administración.
Así mesmo, este Comité propón que se inclúa neste artigo a posibilidade de que as certificacións esixidas no apartado 5 deste artigo sexan achegadas pola persoa solicitante se esta denega expresamente o consentimento para solicitalas.


Quinta.- Artigo 6º. Documentación.
Este artigo establece, no seu apartado 1, que a solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, facendo referencia así mesmo aos anexos III e IV (letras b e c).

Este Comité manifesta que non pode pronunciarse sobre os referidos anexos por non terse remitido pola Consellería xunto co borrador do proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
Este artigo, no seu apartado 4, establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, considerando o prazo de seis meses excesivamente longo.

Sétima.- Artigo 9º. Xustificación do pagamento e pagamentos parciais.
O apartado 2 deste artigo establece que poderá acordarse o pagamento parcial a conta da liquidación definitiva ata o 80% da subvención concedida, a medida que a persoa beneficiaria xustifique os libramentos anteriores.
Este Comité considera que debería establecerse un procedemento similar ao que figura para a bonificación de cotas á Seguridade Social no caso de contratación de determinados traballadores/as, co obxecto de garantirlle á persoa beneficiaria o cobro da axuda o máis axiña posible, preferiblemente, por exemplo, mediante un convenio Xunta de Galicia- Tesouraría da Seguridade Social, de maneira que a persoa beneficiaria deduza a porcentaxe de bonificación directamente no boletín de cotización e a Seguridade Social a recupere da Xunta de Galicia.

Oitava.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia e Artigo 12º. Modificación da resolución de concesión.
Nestes artigos indícase que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Novena.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debe figurar expresamente no apartado c) deste artigo cales son as obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décima.- Artigo 13º. Revogación e reintegro.
Considera igualmente este Comité que neste artigo deben figurar expresamente os casos e os términos previstos, para a revogación e reintegro, no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Décimo primeira.- Disposición Adicional Sexta.
Esta disposición establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, sendo por importe de 500.000 euros, para o exercicio de 2009.

Dado o carácter da norma que se somete a ditame e a súa finalidade, este Comité considera que non debería figurar unha limitación de crédito que poda conducir a que algunhas solicitudes que cumpran todos os requisitos (entre eles, a alta da afectada na Seguridade Social) resulten denegadas por insuficiencia de crédito orzamentario.

En todo caso, este Comité considera que se debería incrementar o crédito orzamentario, que leva co mesmo importe bastantes exercicios.

Finalmente, reitérase a proposta, manifestada na consideración xeral cuarta, de ampliar o ámbito das axudas ás persoas maiores de 45 anos.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.