ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 68/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS A PLANS EMPRESARIAIS DE ESTABILIDADE LABORAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde establece unha política de fomento da contratación indefinida, mediante a concesión de incentivos xerais, tanto pola contratación inicial como pola transformación de contratos temporais en indefinidos que se realicen como consecuencia de plans empresariais de estabilidade laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde reguladora dos incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, publicado no DOG o día 26 de maio de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de abril de 2008 (Ditame 19/08), obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta as novidades seguintes:

Exposición de motivos.
Establécese que na programación dos incentivos á contratación para o ano 2009 tense en conta o novo marco determinado pola recente crise económica. Paliar os efectos da crise e proseguir na mellora da calidade do emprego e das relacións laborais figura entre as prioridades da Consellería de Traballo.

Con respecto aos incentivos á contratación por conta allea, ata agora a súa intensidade non tiña en conta o tamaño da empresa; porén, as contías dos incentivos para o ano 2009 teñen en conta esta situación e gradúan a súa intensidade en función do tamaño da empresa, priorizando especialmente ás microempresas de menos de 10 traballadores, xa que as empresas máis pequenas son as que están a sufrir con máis intensidade a crise e as que teñen menos capacidade de afrontala.

Artigo 3º.- Ámbito de aplicación.
Neste artigo establécense as características dos plans empresariais de estabilidade que se poden acoller a estas axudas. No apartado 2 indícase que os plans deberán estar elaborados e presentados antes do 30 de xuño de 2009, a diferenza do 31 de xullo esixido na orde de 2008.

Engádese un apartado 5 que indica que para os efectos desta orde terán a consideración de microempresas aquellas nas que a media aritmética do cadro global de persoal da empresa, nos doce meses anteriores á realización da contratación obxecto de subvención no ámbito territorial de Galicia, sexa inferior a 10 traballadores.

Artigo 4º.- Exclusións.
No apartado d. deste artigo exclúense como beneficiarios do programa establecido nesta orde a traballadoras e traballadores que finalizasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 6 meses previos á finalización do contrato polo que se solicita a subvención. O prazo na orde de 2008 era de 3 meses.

Artigo 5º.- Definición.
O apartado 1 establece os resultados que teñen que cumprir os plans de incremento da estabilidade, establecendo no apartado a) que teñen que acadar a taxa de estabilidade mínima establecida no acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade.


Artigo 6º.- Incentivos.
Nos apartados 2.c) e 3.c) introdúcese como novidade que as contías incrementaranse nun 50% cando as contratacións se realicen por microempresas.

Engádese tamén un novo apartado 5. que establece que os incentivos establecidos neste artigo non poderán superar o 60% do custo salarial total do contrato que se subvenciona calculado sobre dúas anualidades.

Artigo 8º.- Solicitudes e prazo.
O apartado 2 deste artigo fixa o 30 de xuño de 2009 como data na que finaliza o prazo para a presentación das solicitudes (en 2008 era o 31 de xullo).

Artigo 12º- Xustificación do pagamento.
No apartado 4. establécese que as empresas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pago no prazo establecido na resolución de concesión, ou, no seu caso, ata o 15 de decembro de 2009 (en 2008 era ata o 14 de novembro).

Disposición Adicional Sétima.
Engádese esta nova disposición que indica que no caso das empresas que presentasen o seu último plan de incremento da estabilidade laboral no ano 2006 e no ano 2007, ao amparo das súas respectivas ordes de convocatoria, para determinar o incremento da taxa de estabilidade e do emprego, as medias serán as do período comprendido entre os meses de outubro de 2007 e setembro de 2008. Non obstante, ditas medias non poderán ser inferiores aos resultados acadados coa execución do Plan do ano 2006 e 2007.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, nove disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 15 de decembro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catorce específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais representadas no Consello (anexo I), polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (anexo II); pola CIG (anexo III) e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo IV).



DITAME 68/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de decembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Aínda que se observa unha apreciable mellora na redacción deste proxecto normativo con respecto a súa antecedente para 2008, este Comité suxire unha revisión do texto para adaptalo á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego e para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe e na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.
Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 4. a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 3º. Ámbito de aplicación.

No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que os plans deberán estar elaborados antes do 30 de xuño de 2009.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Este Comité reitera a necesidade de que os prazos de presentación de solicitudes sexan o máis amplos posibles.

Cuarta.- Artigo 4º. Exclusións.

No apartado c) deste artigo establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Quinta.- Artigo 5º. Definición.

Establece este artigo que se entende por plan empresarial de estabilidade e taxa de estabilidade.

Este Comité considera que neste artigo falta previsión respecto da necesidade de información aos representantes legais do persoal da empresa.
Así mesmo, no apartado 5 deste artigo alúdese a un modelo normalizado anexo ao proxecto normativo, que non foi remitido para ditame.

Sexta.- Artigo 8º. Solicitudes, prazo e autorizacións.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de xuño de 2009.

Este Comité suxire que que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Sétima.- Artigo 9º. Documentación.

No apartado 1 deste artigo esíxese, xunto coa solicitude, DNI e acreditación do NIF.

Este Comité Delegado considera que se o solicitante é persoa física é suficiente co DNI, polo que suxire que non se esixa acreditación do NIF.

Así mesmo, este Comité fai constar que os modelos normalizados e anexos que se citan neste artigo non foron remitidos para ditame.

Oitava.- Artigo 11º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que se reduza a tres meses.

Novena.- Artigo 12º. Xustificación do pagamento.

No apartado 3 deste artigo establécese que non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto a persoa beneficiaria sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Este Comité entende que debe dicir “resolución firme da procedencia de reintegro”.

Décima.-  Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites fixados pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que os citados límites deben establecerse expresamente no texto do artigo.

Decimo primeira.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

Suxírese modificar o título deste artigo para adoptar a forma neutra en cuestión de xénero. Así o título proposto sería “Obrigas das persoas beneficiarias”.
Por outra banda, o apartado 4 deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Así mesmo, este Comité suxire a substitución da palabra “termos” por “términos” por considerala a adecuada neste contexto.

Décimo segunda.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 8 deste artigo establécese a obriga das empresas beneficiarias de presentar o TC2 correspondente ao último mes no que se efectuaron as contratacións.

Este Comité suxire que sexa a Administración, mediante convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, a encargada de aportar o TC2 e facer, dese modo, o seguimento e control dos datos esixidos.

Decimo terceira. - Artigo 15º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificación ou revogación na obtención da subvención.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Decimo cuarta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 5º.- Definición.

O apartado 1, letra b), segundo parágrafo, deste artigo, establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teña en conta a propia vontade da persoa traballadora para o cómputo do cadro de persoal fixo e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.





ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 5º.- Definición.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, á que se refire o apartado 2.a) deste artigo, deberá ser igual ou superior ao 77,5% en lugar do 75%, tendo en conta o Acordo polo Emprego asinado ao abeiro do proceso de diálogo social en Galicia, no que se estableceu, como obxectivo de estabilidade, a redución da taxa entre 10 e 12 puntos.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Do texto articulado da Orde, dedúcese que outorga carácter xeral ás subvencións á contratación estable, por canto que delas serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos nesta norma, cando contraten traballadores/as por conta allea, coa única condición de que se trate de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, ou ben afectadas pola simple transformación dun contrato temporal noutro indefinido.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.



Segunda.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado 5, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.












ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.

En primeiro lugar, valórase positivamente o feito de introducir como elemento de discriminación positiva a favor das microempresas galegas un incremento do 50% das axudas previstas, para o caso de que a empresa solicitante cumpra tal condición.

Como xa se puxo de manifesto noutros ditames (59/08, 64/08), parece necesario avogar por unha redución dos requisitos de acceso que se establecen e que fan que moitas empresas queden fóra de calquera programa de incentivos á contratación.

Condicións como a referida a taxas de estabilidade tan elevadas, como a referida a esixencias de incremento de cadros de equipo, de mantemento de taxas de estabilidade durante tres anos (requisito laboral por parte da empresa que ademais supón unha limitación ás posibilidades de contratación laboral por parte da empresa durante os seguintes tres anos, limitación que afecta en especial ás contratacións temporais que, de efectuarse, podería facer diminuír a taxa de estabilidade), fan que os incentivos previstos non operen como tal e non constitúan ningún complemento paliativo á situación de crise económica.

É por iso que debe avogarse por unha redución de tales condicións que constitúen claros desincentivos.

Segunda.

En xeral, debe valorarse o mantemento dos incentivos tanto á contratación estable inicial coma á transformación. No entanto, a circunstancia de establecer uns reducidos prazos tanto para a solicitude das axudas coma para a elaboración dos plans de estabilidade por parte das empresas, así como as importantes obrigas que recaen sobre estas (especialmente aquelas que teñen que ver co mantemento do cadro de persoal nun período de tres anos ou co incremento neto do emprego total, obrigas que inclúen tanto traballadores estables coma aqueles que teñen unha relación temporal e que, por conseguinte, están suxeitos á duración determinada propia desta), provocarán un efecto moi limitado da medida, a non ser que se modifiquen os devanditos aspectos.

Neste sentido, considérase necesario propoñer as modificacións que máis adiante se sinalan, para conseguir reforzar e ampliar o efecto dos incentivos á contratación estable.

De feito, a circunstancia de que no presente exercicio se cumpran 24 meses dende a posta en marcha das medidas previstas no Acordo para a mellora do crecemento e do emprego, que deron lugar ao Real decreto-lei 5/2006, do 9 de xuño e, posteriormente, á Lei 43/2006, do 29 de decembro, é unha xustificación máis que suficiente para apoiar mediante medidas máis potentes, de impulso e estímulo, as decisións que poidan adoptar as empresas.

Noutra orde de cousas, dende a Confederación de Empresarios consideramos que a taxa de estabilidade xeral proposta (75%) non ten en conta as diferenzas sectoriais derivadas da súa distinta realidade produtiva, sendo, polo tanto, discriminatoria con respecto a sectores e modelos organizativos.

Por iso propoñemos que a taxa de estabilidade esixida ás empresas (75%) se debe rebaixar tendo en conta a taxa de estabilidade sectorial.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º.- Ámbito de aplicación.

No apartado 2, terceiro parágrafo, deste artigo sinálase que poderán subvencionarse as conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada celebrados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde. Esta limitación deixaría fóra da posibilidade de incentivo a contratos temporais celebrados con posterioridade e vai en contra da regra xeral de subvencionar as contratacións realizadas ata o 30 de setembro de 2009.

A CEG propón que poidan acollerse ás axudas tamén os contratos formalizados durante a vixencia da presente orde.

Igualmente, neste apartado 2, parágrafo sexto, establécese que “no caso de transformacións de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo, agás as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa modalidade de fixo-descontinuo”.

A CEG considera que debería establecerse a excepción para a conversión de contratos formativos, de relevo ou de substitución, da idade de xubilación, así como de interinidade, cando se manteña o posto que se substitúe, fomentando nestes casos tamén a conversión en indefinido a tempo parcial, xa que a fin e ao cabo se está a xerar emprego estable de nova creación.

Segunda.- Artigo 4º Exclusións.

En relación co establecido no apartado d. deste artigo, a CEG considera que debería incluírse calquera forma de extinción do contrato de traballo alleo á vontade conxunta de traballador e empresario (por exemplo, deberían quedar excluídos os/as traballadores/as que extingan o seu contrato por desacordo cunha mobilidade xeográfica, a traballadora que o extingue por sufrir violencia de xénero, etc.).

O que se pretende evitar son situacións de acordo previo. Polo tanto, a casuística de extincións de contrato que xeran "situacións legais de desemprego" é variada no Estatuto dos traballadores e debería considerarse.

Por outra banda, entendemos que a exclusión considerada no artigo 4º.d) endurece os requisitos con respecto ás medidas de fomento de emprego existentes a nivel estatal, polo que, en opinión da CEG, sería positivo reducir o prazo de seis meses desde a finalización dun anterior contrato indefinido a un período de tres meses, tal e como se contempla na normativa estatal.

Terceira.- Artigo 5º. Definición.

En relación co disposto no apartado 1, letras c) e d) deste artigo, a CEG considera que cando se establece como requisito que as contratacións indefinidas iniciais deberían supoñer un incremento neto do emprego total da media alcanzada no período de outubro de 2007 a setembro de 2008, entendemos que se refire tanto aos contratos indefinidos coma aos temporais; esta esixencia entra en colisión co propio espírito dos contratos temporais, xa que, cando estes rematen, loxicamente descenderá a media de emprego na empresa. É por iso polo que propoñemos que se elimine este apartado.

Igual consideración manifestamos respecto ao disposto no apartado 2, letras d) e e) deste artigo 5º.

Cuarta.- Artigo 6º. Incentivos.

A CEG considera que debería tratar de igualarse o importe dos incentivos á contratación inicial e á transformación de contratos temporais en indefinidos.

Por outra banda, propoñemos que se aumente o importe de todas as axudas, como mínimo, tendo en conta a variación do IPC, xa que o devandito importe é idéntico ao que se considera na orde do exercicio anterior.


Quinta. - Artigo 8º. Solicitudes, prazo e autorizacións.

Novamente se reduce o prazo para a presentación das solicitudes das axudas, que na pasada convocatoria era ata o 31 de xullo e na presente orde remata o 30 de xuño.

Debe incidirse de novo na necesidade de prazos de tempo o máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de investimento (elaboración de orzamentos anuais). Para o caso de que non se poidan establecer plans a medio prazo (duración de dous ou tres anos) por causas administrativas, propoñemos polo menos a ampliación dos prazos nos que se poidan realizar as contratacións. Deste xeito, lograríase conseguir un mellor coñecemento e aplicación da medida por parte das empresas e unha maior eficacia da subvención.

Sexta.- Artigo 11º. Resolución e recursos.

A CEG considera que na orde non se garante a percepción das axudas por parte das empresas que cumpran os requisitos establecidos, o que de novo lle resta eficacia á medida.

Sétima.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

En relación co disposto no apartado 5, último parágrafo, deste artigo, consideramos que o mantemento dese novo contrato que substitúe o anterior non debería ser de tres anos, senón só polo tempo que falte desde que o primeiro traballador foi substituído.

Así mesmo, en relación co disposto no apartado 7 deste artigo 14º, propoñemos a supresión deste apartado que esixe a obriga de non modificar a composición do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, de maneira que non se produza unha diminución da taxa de estabilidade alcanzada polo menos nos tres anos dende o último mes en que se realicen contratacións. Este requisito non ten en conta que nas empresas tamén se contratan traballadores temporais para obras ou servizos determinados, de xeito que, cando estes contratos temporais finalicen, o cadro de persoal das empresas necesariamente se verá modificado.



Oitava.- Artigo 18º. Réxime das axudas.

En relación co disposto neste artigo, a CEG considera que, en canto á aplicación dos criterios "de minimis", unha subvención media de 3.000 euros daría cobertura a menos de 25 contratos ao ano, tendo en conta o período dos tres anos e a contía dos 200.000 euros, motivo polo que se suxerimos que se modulen estes límites en función da dimensión da empresa.