ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 69/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA COMO MEDIDA PARA FAVORECER A INSERCIÓN DA MOCIDADE, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 19 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción da mocidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Regúlanse nesta orde un conxunto de incentivos que se configuran como un instrumento para o acceso e permanencia daqueles grupos de traballadores con maiores dificultades, e, pola súa vez, como una ferramenta para fomentar a estabilidade das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas galegas, coa finalidade de favorecer a creación de máis e mellores empregos e de avanzar no obxectivo de conseguir un mercado de traballo equilibrado cun nivel óptimo de emprego. Así para reforzar a esixencia de estabilidade laboral, vincúlanse os incentivos á contratación á existencia dunha taxa de estabilidade nos cadros de persoal das empresas beneficiarias.

Como novidade desta orde, intensifícanse os esforzos dedicados á non discriminación das empresas máis pequenas que son as que están a sufrir con máis intensidade a crise e as que teñen menos capacidade de afrontala. Ata agora, a intensidade dos incentivos non tiña en conta o tamaño da empresa, as contías dos incentivos para o ano 2009 teñen en conta esta situación e gradúan a súa intensidade en función do tamaño da empresa, priorizando especialmente as microempresas de menos de 10 traballadores.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde reguladora dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción da mocidade, publicado no DOG o día 2 de abril de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 20 de febreiro de 2008 (Ditame 7/08), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Exposición de motivos.
Neste proxecto aparece como novidade a priorización das microempresas de menos de 10 traballadores/as e a aplicación a estas axudas do artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola orde do 27 de novembro de 2000 e pola orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 4º.- Solicitudes, prazo e autorizacións.
No apartado 5 modifícase o prazo solicitudes para a presentación das solicitudes de axudas polas contratacións, que cumprindo os requisitos e as condicións establecidas na presente orde, se realicen dende o 16 de setembro do 2008 e ata a data da publicación da presente orde. Neste proxecto o prazo é ata o 28 de febreiro de 2009 mentres que na orde de 2008 era ata o 15 de maio.


ANEXOS

Establécese como novidade con respecto á orde de 2008, para os efectos dos anexos, que terán a consideración de microempresas as empresas nas que a media aritmética do cadro global de persoal da empresa nos doce meses anteriores á realización da contratación obxecto de subvención no ámbito territorial de Galicia, sexa inferior a 10 traballadores.

Así mesmo, na base quinta, establécese que as contías establecidas para cada programa incrementaranse nun 50% cando as contratacións se realicen por microempresas e, en ningún caso, a contía destas axudas poderá superar a contía equivalente ao 60% dos custos salariais totais do/da traballador/a contratado/a, calculada sobre dúas anualidades.

Modifícase a base sexta con respecto ás exclusións, no apartado b) establécese que quedan excluídos dos beneficios dos programas os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou empresaria, dos/das que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos. Como novidade deste proxecto, non será de aplicación esta exclusión cando o empegador sexa un traballador/a autónomo/a que contrate como traballador/a por conta allea as fillas /os menores de 30 anos, tanto si conviven ou non con el, ou cando se trate dun traballador/a autónomo/a sen asalariados/as, e contrate a un só familiar menor de 31 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

Esta mesma base sexta modifícase nos anexos A, B, C, e D ao incluír como excluídas dos beneficios establecidos ás contratacións realizadas con mozos/as desempregados/as, parados/as de longa duración. Para os efectos deste programa, entenderase por mozos/as desempregados/as de longa duración: aqueles que, na súa data da alta no correspondente réxime de Seguridade Social, estivesen sen traballo e tivesen acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregados/as na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos de idade, e de 360 días, se fosen maiores de 25.

A base décima dos anexos modifícase debido a que este ano aplícase a esta orde o Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión de 6 de agosto de 2008 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento de exención por categorías).

En virtude de dito Regulamento quedan excluidas do mesmo as axudas concedidas a beneficiarios que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Nas bases B, C e D aparece que estarán excluídos dos beneficios dos programas os/as traballadores e traballadoras que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 6 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención. Na convocatoria do 2008 o prazo era de 3 meses.

Por outra banda, obsérvase que os anexos que deben acompañar á solicitude aos que fai referencia o proxecto normativo non foron remitidos para ditame.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción da mocidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, once artigos, oito disposicións adicionais e dúas derradeiras, ademáis de cinco anexos (A, B, C, D e E) que regulan os cinco programas de fomento da contratación dos mozos e mozas.



O día 23 de decembro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais unánimes, así como once consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma e dúas específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I); dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UTG-Galicia e GIG (anexo II); unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada por UGT-Galicia; así como oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).









DITAME 69/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción da mocidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de novembro de 2008 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de decembro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.

Segunda.

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.  Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
No parágrafo 5, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 4º. Solicitudes, prazo e autorizacións.

O apartado 5 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas realizadas dende o 16 de setembro de 2008 e ata a data da publicación da presente será ata o 28 de febreiro de 2009.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido neste apartado debería ser, ao menos, dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Cuarta.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece o prazo para resolver e notificar será de seis meses que se computarán dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses e se compute a partires de que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes.

Quinta.- Artigo 7º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Sexta.- Artigo 8º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 5 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 17.3º da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.

Sétima.- Artigo 9º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado c) deste artigo esíxese ás empresas beneficiarias adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Este Comité considera ambiguo este parágrafo e propón que se aclare no texto normativo que medidas de difusión se consideran axeitadas. Así mesmo, propón que se suprima do texto  a expresión ”se é o caso”, confinanciadas polo Fondo Social Europeo, xa que os programas regulados no proxecto normativo son cofinanciados en todo caso.

Oitava.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Novena.- Anexo A. Base segunda. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

A finalidade deste programa é proporcionar experiencia laboral a aqueles mozos e mozas desempregados/as, cuxas titulacións profesionais presentan especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo. No apartado 3 da base segunda faise referencia ao listado do anexo V-A, onde se definen os títulos de difícil empregabilidade.

Tendo en conta que non se enviou ao Consello Galego de Relacións Laborais o citado anexo V-A, este Comité descoñece cales son as titulacións de difícil empregabilidade e non se pode pronunciar ao respecto, considerando en todo caso que deben terse en conta os criterios apuntados por este organismo no ditame 16/05, sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora de empregabilidade de colectivos desfavorecidos (consideración específica cuarta sobre a redacción do Anexo B. Base quinta. Axudas pola contratación en prácticas).

Décima.- Anexo A. Base sexta. Exclusións.

Este artigo no seu apartado d) establece que se exclúe dos beneficios establecidos neste programa aos mozos/as desempregados/as, parados/as de longa duración.

Este Comité considera que debería substituírse na última liña a expresión “se fosen maiores de 25” pola de “se fosen maiores de 24”, xa que da redacción do conxunto do apartado dedúcese que a exclusión non afectaría ás persoas que contasen exactamente con 25 anos de idade.

Esta consideración repítese para os anexos B, C e D.

Decimo primeira.- Anexo D. Base sexta. Exclusións.

No apartado c) desta base establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores e traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar no citado apartado qué se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Dada a diversidade e amplitude dos cinco programas regulados no proxecto normativo, practicamente poderían ser obxecto de subvención a inmensa maioría dos contratos de traballo realizados con persoas traballadoras mozas.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:


• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Artigo 8º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.



ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG:

Primeira. - Artigo 9º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado e), en relación co disposto nos anexos D e E desta orde, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos (agás no caso de empregos ligados a un investimento).

A Confederación Intersindical Galega e UGT-Galicia consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dáse o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.

Segunda. – Anexo A. Base sexta. Exclusións.

Este artigo, no seu apartado c), establece como colectivo excluído das axudas deste programa aos/as traballadores/as que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato en prácticas polo que se solicita a subvención, no caso de que sexa na mesma empresa.

UGT-Galicia e CIG consideramos que o prazo de 3 meses é moi curto polo que suxerimos a súa ampliación de forma sensible.




ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Artigo 8º. Incompatibilidades e concurrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concurrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A organización sindical UGT-Galicia considera que existe unha contradición entre a contía fixada neste artigo do 50% e o disposto na base quinta do Anexo A do proxecto normativo respecto de que a subvención consistirá nunha subvención dunha contía equivalente ao importe do 60% do custo salarial anual.



ANEXO IV


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Exposición de motivos

Valórase positivamente o feito de introducir como elemento de discriminación positiva a favos das microempresas galegas un incremento do 50% das axudas previstas, para o caso de que a empresa solicitante cumpra tal condición.

Segunda. - Anexo A. Programa de fomento da contratación en prácticas de mozos e mozas con titulacións de difícil empregabilidade.

A CEG non entende que, contrariamente ao que autoriza o art. 11 ET, a contratación inicial deba ser de 12 meses, cando, ao noso xuízo, debería facerse encaixar coas previsións do art. 11 ET e sinalar o mínimo de 6 meses.

Tampouco entendemos por que este tipo de contratos deben ser de xornada completa cando en moitos casos poderían ser a tempo parcial, aínda cando as subvencións fosen proporcionais ao tempo contratado; debemos defender a experiencia laboral, que como finalidade sinala o apartado 1º do anexo A, daqueles/as mozos/as desempregados/as cuxas titulacións profesionais presenten especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo, e iso tamén se pode conseguir coa contratación a tempo parcial.

Consideramos que a taxa de estabilidade esixida ás empresas do 75% debe rebaixarse tendo en conta a taxa de estabilidade sectorial.

Non se entende como se vai computar a porcentaxe de estabilidade que se lles esixe ás empresas que non tivesen traballadores no mes anterior á contratación, polo que a dicción literal da cláusula cuarta 1º in fine debería ser máis clara e esixirlles exclusivamente a este tipo de empresas que a nova contratación supoña, simplemente, un incremento global do persoal.

Tampouco se entende o motivo de excluír da subvención os contratos realizados con determinados parentes (cónxuxe, descendentes e demais parentes ata o segundo grao) dos órganos que teñan cargo de dirección ou sexan membros dos órganos de administración, máxime se se ten en conta que determinados cargos deses órganos ben poderían ser non propietarios ou accionistas. Abondaría con facer referencia a que os contratos concertados deberán ser laborais e reunir tales requisitos.

Terceira. - Anexo B. Artigo 6º. Exclusións

Entendemos que a exclusión considerada no apartado d) endurece os requisitos con respecto ás medidas de fomento de emprego existentes a nivel estatal, polo que, en opinión da CEG, sería positivo reducir o prazo de seis meses desde a finalización dun anterior contrato indefinido un período de tres meses, tal e como se contemplaba na orde da pasada convocatoria e na normativa estatal.

Cuarta.- Anexo B. Programa de fomento da contratación de mozos e mozas para substitución de traballadores e traballadoras que rematan a súa vida laboral.
Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada tendo en conta a taxa de estabilidade sectorial.

Quinta.- Anexo C. Programa de creación de novos empregos para mozos e mozas titulados/as nas empresas de menos de 30 persoas traballadoras.

Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada tendo en conta a taxa de estabilidade sectorial.

Tampouco compartimos que se a finalidade do programa é "facilitar a incorporación en prácticas de mozos/as titulados/as a novos postos de traballo en pemes co obxectivo de mellorar os sistemas produtivos e organizativos destas ou a innovación", non se permita a contratación a tempo parcial ou mesmo a contratación polo período mínimo que sinala o ET (6 meses) para este tipo de contratos.

Sexta. - Anexo D. Artigo 6º. Exclusións

Entendemos que a exclusión considerada no apartado d) endurece os requisitos con respecto ás medidas de fomento de emprego existentes a nivel estatal, polo que, en opinión da CEG, sería positivo reducir o prazo de seis meses desde a finalización dun anterior contrato indefinido un período de tres meses, tal e como se contemplaba na orde da pasada convocatoria e na normativa estatal.

Sétima.- Anexo D. Programa de fomento da contratación indefinida inicial de mozos e mozas desempregados/as.

Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada tendo en conta a taxa de estabilidade sectorial.

Nótese que aquí, a diferenza dos programas anteriores, se se subvenciona a contratación a tempo parcial de maneira proporcional á xornada pactada.

Tampouco se entende por que se exclúen aqueles traballadores que nos 6 meses anteriores rematasen a súa relación laboral indefinida con outra empresa, coa excepción de que o despedimento sexa improcedente ou por algunha das causas do art. 51 e 52.c) ET, e non se fai tamén a salvidade de causas de extinción do art. 52 (ineptitude sobrevida, por exemplo).

Oitava.- Anexo E. Programa de incentivos á transformación en indefinidos de determinados contratos temporais celebrados con mozos e mozas.

Consideramos que a taxa de estabilidade requirida debería ser rebaixada tendo en conta a taxa de estabilidade sectorial.

A proposta, en correlación co sinalado o pasado ano, debe ser incentivar todo tipo de transformacións de contratos temporais e non só os enumerados na convocatoria (formación, prácticas, de relevo, de substitución da idade de xubilación e de interinidade).