ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 70/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES), COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de novembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego no contorno territorial xustifican o deseño de programas dirixidos a fomentar a iniciativa emprendedora, co fin de potenciar o crecemento económico e do emprego especialmente no ámbito local e no medio rural, articulando unha colaboración entre a Xunta de Galicia,  as administracións locais de carácter territorial e a iniciativa privada, coa finalidade de facilitar e fomentar a aparición de empresas xeradoras de emprego.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

As axudas reguladas na orde están cofinanciadas nun 80 por cento (70 por cento no 2007) polo Fondo Social Europeo (Programa Operativo Plurirexional de Adaptabilidade e Emprego e Programa Operativo Galicia do Fondo Social Europeo no marco de converxencia), debendo constar expresamente esta circunstancia na resolución da concesión.

Á vista do borrador agora remitido hai que sinalar que non se achegan os documentos modelo aos que fai referencia o proxecto normativo, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG e o Ditame 24/08, emitido polo Consello con data 30 de abril de 2008, observánse que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Como novidades, nesta orde increméntanse as contías das axudas para as persoas desempregadas de longa duración, así como para aquelas procedentes de empresas e sectores de actividade inmersas en procesos de reestruturación dos seus cadros de persoal, como consecuencia do menor crecemento económico.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e cinco artigos, oito disposicións adicionais e dúas finais.


O día 23 de decembro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dez específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.


Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG.





DITAME 70/08







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de novembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de decembro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.


Segunda.

Este Comité fai constar que, agás o anexo I, non foron remitidos a este Consello os anexos aos que se refire o proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.
Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.




Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 2. a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 9º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 3 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de subvencionar tamén os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Cuarta.- Artigo 11º. Incremento dos incentivos.

Este artigo establece un incremento do 10 por 100 na contía das axudas, cando concorran as circunstancias que se recollen letras a) e b).

Este Comité propón engadir un novo apartado coa letra e) co obxecto de contribuír a evitar a despoboación, que estableza o incremento das axudas cando se trate de mozos e mozas desempregados/as, menores de 30 anos, que residan no medio rural.

Quinta.- Artigo 13º. Solicitudes e prazo de presentación.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de abril de 2009.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Sexta.- Artigo 17º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Sétima.- Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificación ou revogación na obtención da subvención.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.
Igual consideración maniféstase respecto do disposto no artigo 21º.

Oitava.- Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

o apartado 1. h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Por outra banda, no apartado 2 , segundo parágrafo, deste artigo establécese “Para o suposto da cobertura destas vacantes poderán admitiranse as transformacións de contratos .....”

Este Comité suxire que se aclare a expresión subliñada.

Décima.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG:

Primeira.- Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Este artigo, no seu apartado 2.a), obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e a Confederación Intersindical Galega consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.

Segunda.- Anexo I. Sectores en reestruturación.

O artigo 11º, apartado d), refírese a sectores de actividade en reestruturación segundo a listaxe recollida no anexo I deste proxecto normativo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG manifestan descoñecer as causas polas que se inclúe neste apartado o criterio de “sectores de actividade en reestruturación”.

Por outra parte, a ampla relación de sectores que aparece no Anexo I chama a atención pola inclusión de varios CNAES correspondentes a sectores que descoñecemos que se atopen incursos nalgún proceso de reestruturación.