ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA O FOMENTO DA ESTABILIDADE NO EMPREGO, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES


O día 5 de decembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dos programas de fomento da contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos que presentan dificultades de inserción laboral, regulando para o ano 2009 os incentivos establecidos para os ditos colectivos, excluíndo deles ás mulleres, que polas súas propias características á hora de acceder a un posto de traballo e para este ano se regulan en orde separada.

Regúlanse nesta orde un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego que teñen como finalidade facilitar a creación de emprego estable e de calidade, poñendo especial atención en facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas con maiores dificultades de integración no mercado de traballo e a permanencia nas empresas con contrato estable daquelas que teñen na actualidade un contrato temporal.

Nesta orde recóllense como beneficiarios específicos determinados colectivos da disposición adicional sexta de Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tales como mulleres cunha situación de paro de longa duración, mulleres na busca do primeiro emprego, mulleres desempregadas titulares de familias monoparentais que teñan cargas familiares. O resto de colectivos establecidos na antedita disposición adicional incentívanse a través da orde específica que regula os programas de incentivos aos colectivos en risco de exclusión social.

Inclúese, así mesmo, unha liña específica de apoio á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D, co fin de favorecer a innovación nas empresas galegas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de febreiro de 2008 (Ditame 10/08), obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.
O novo proxecto normativo modifica algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 4º. Solicitudes, prazo e autorizacións.

Neste artigo establécese como data límite para a presentación das solicitudes a do 15 de setembro de 2009, agás para as que se realicen entre o 16 de setembro de 2008 e a data da publicación da presente orde polas contratacións  indefinidas iniciais e polas transformacións, que será a do 28 de febreiro de 2009.
Indícase ademáis neste artigo que as solicitudes e os anexos deste programa estarán disponibles na páxina web da Consellería de Traballo: http://traballo.xunta.es

Modifícanse determinados aspectos dos catro anexos da orde:
A) Programa de fomento da contratación indefinida inicial de colectivos de  desempregados con dificultades de inserción laboral.
B) Programa de  fomento da permanencia nas empresas con contrato estable a aqueles que teñen na actualidade un contrato temporal.
C) Programa de axudas a empresarias e empresarios sen persoas asalariadas pola contratación da súa primeira persoa traballadora fixa.
D) Programa de fomento da contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I + D.

Engádese un novo apartado na base segunda relativa a “Réxime das axudas” nos anexos A, B e D, que determina a exclusión das axudas concedidas a empresas beneficiarias que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarada a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Igualmente, nesta base no anexo C, relaciónanse unhas serie de sectores excluíndo das axudas a empresas a eles vinculadas por tratarse de axudas sometidas ao réxime de minimis.

Na base relativa a “Colectivos desfavorecidos” do Anexo A suprímese como colectivo beneficiario o dos homes desempregados de longa duración e engádese o de homes desempregados procedentes de empresas en crise ou que proceden de empresas pertencentes a sectores en reestruturación.

Para os efectos desta orde terán a consideración de microempresas as empresas nas que a media aritmética do cadro global de persoal da empresa nos doce meses anteriores á realización da contratación obxecto de subvención no ámbito territorial de Galicia, sexa inferior a 10 traballadores.

As contías  das axudas establecidas nos distintos programas veranse incrementadas nun 50% para o caso de empresas de menos de 10 traballadores. En ningún caso, a contía destas axudas poderá superar a contía equivalente ao 60% dos custos salariais totais da persoa traballadora contratada, calculada sobre dúas anualidades.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, once artigos, oito disposicións adicionais e dúas derradeiras, ademáis de catro anexos (A, B, C e D) que regulan os catro programas de fomento da contratación indefinida.


O día 7 de xaneiro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén asi mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma manifestada pola CIG (anexo I), unha xeral manifestada por UGT Galicia e o SN de CC.OO. de Galicia (anexo II), unha específica manifestada por UGT Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e a CIG (anexo III) e unha xeral e sete específicas, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo IV).








DITAME 1/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xaneiro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:













CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.


Segunda.

Este Comité manifesta que non foron remitidos ao Consello os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo, polo que non poden ser ditaminados.









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité manifesta que, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da Lei 5/2008, do 23 de maio, que o regula, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 2. a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.
Terceira.- Artigo 4º. Solicitudes, prazo e autorizacións.

O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas realizadas dende o 16 de setembro de 2008 e ata a data da publicación da presente será ata o 28 de febreiro de 2009.

Este Comité considera o prazo moi curto, polo que suxire que se manteña a redacción deste precepto na orde do exercicio de 2007, publicada no DOG do 6 de xuño de 2007, que establecía o prazo de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde, sen introducir datas límite pechadas.

Cuarta.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran este prazo excesivamente longo, polo que propoñen que se reduza a tres meses.

Quinta.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.
Sexta.- Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.

Establece este artigo na letra d), que as empresas beneficiarias teñen que adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deben indicarse no texto da orde as medidas axeitadas que deben adoptarse. Ademáis, debería suprimirse, na terceira liña, a expresión “se é o caso”, xa que os programas regulados nesta orde son cofinanciados polo Fondo Social Europeo en todo caso.

Sétima.- Disposición adicional sétima.

Figura nesta disposición que as contías que financian as axudas reguladas nesta orde están recollidas no proxecto de Lei da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009.

Este Comité indica que, posto que xa foi publicada no DOG a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, debe figurar que as referidas contías están recollidas na Lei 16/2008, do 23 de decembro.

Oitava.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Novena.- Anexos A, B e D. Base sétima. Exclusións.

Na base sétima do anexo A, na sexta do anexo B e na quinta do anexo D, no apartado c), establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar nos citados apartados que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décima.- Anexo A. Base sexta. Incentivos á contratación indefinida inicial.

O apartado 5 desta disposición establece que “En ningún caso, a contía destas axudas poderá superar a contía equivalente ao 60% dos custos salariais totais do/da traballador/a contratado/a, calculada sobre dúas anualidades”.

Este Comité considera que existe unha contradición entre a contía fixada neste artigo e o establecido no apartado 3 do artigo 7º desta orde: “Os beneficios establecidos á contratación indefinida nos anexos A, B, C e D desta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona”.

Igual consideración maniféstase respecto do disposto no Anexo D, base cuarta “Axudas”, apartado 5.

Décimo primeira.- Anexo C. Base segunda. Réxime das axudas.

O apartado 2 desta disposición relaciona unha serie de sectores, establecendo que por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas deses sectores, incluíndo na letra f), como sector, o de “empresas en crise”.

Este Comité considera que debe modificarse esta redacción, posto que as empresas en crise non constitúen un sector produtivo.


















ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

A Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 50% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.














ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Nos anexos A, B e D desta orde establécese como requisito para obtención das axudas que “A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes de contratación polo que se solicita subvención deberá ser igual ou superior ao 75%”.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, á que se refiren os distintos anexos desta orde, deberá ser igual ou superior ao 77,5%, tendo en conta o Acordo polo Emprego asinado ao abeiro do proceso de diálogo social en Galicia, no que se estableceu, como obxectivo de estabilidade, a redución da taxa entre 10 e 12 puntos.










ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado e), en relación co disposto nos diferentes anexos desta orde, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que pretende avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.


ANEXO IV


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia se ben valora positivamente o feito de  introducir un incremento do 50% das axudas previstas, para o caso de que a empresa solicitante cumpra coa condición de ser microempresa, ten de novo que repetir as consideracións xa reflectidas no Ditame 10/08, e que ao non ser tidas en conta levaron a un impacto menor dunha medida que debera apoiar en boa lóxica o mantemento do emprego do noso tecido produtivo, tendo en conta ademais o escenario económico polo que están a atravesar as nosas empresas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo A (base quinta), anexo B (base cuarta) e anexo D (base terceira). Requisitos.

Estas disposicións establecen que para poder acceder aos beneficios establecidos na orde, a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa deberá ser igual ou superior ao 75%.


Esta representación empresarial manifesta a súa oposición á fixación dunha taxa tan elevada que deixa fóra importantes sectores da nosa economía. Esta taxa de estabilidade, que é superior á taxa media galega, non se establece nas liñas de incentivos doutras moitas CC.AA. e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a taxa de estabilidade establecida no proxecto normativo, ademais de ser superior á media de Galicia, non ten en conta as diferenzas sectoriais derivadas da súa distinta realidade produtiva; é, polo tanto, discriminatoria con respecto a sectores e modelos organizativos. Por este motivo, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que no borrador da orde se teña en conta a taxa de estabilidade media de cada sector produtivo, a cal se adapta de forma máis adecuada á realidade de cada sector en atención ás distintas circunstancias de mercado que estes poidan ter.

Segunda.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia solicitamos prazos de tempo o máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de investimento (elaboración de orzamentos anuais). Este criterio xeral, debería levar a establecer, como mínimo, prazos o máis próximos a todo o ano natural, por ser moi distinto para as empresas adoptar decisións cunha axuda en vigor que coa posibilidade futura de que esta se convoque. Debe notarse que, en moitos casos, as empresas deberán acometer decisións sobre contratación inicial ou transformación sen ter certeza sobre a concesión da subvención.

Terceira.- Anexo B. Base primeira.

Coa finalidade de facilitar a creación de emprego estable e de calidade, a CEG considera que sería positivo que o programa regulado neste anexo (de fomento da permanencia nas empresas con contrato estable daqueles traballadores que teñan na actualidade un contrato temporal) incluíse no seu ámbito de aplicación a transformación en indefinidos de todos os contratos de duración determinada, independentemente da súa modalidade.

Cuarta.- Anexos A, B, C e D. Exclusións.

Na base sétima do anexo A, na sexta do anexo B, na sexta do anexo C e na quinta do anexo D, no apartado a), establécese que exclúense dos incentivos as contratacións de traballadores e traballadoras para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta a disposición.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que esta mención debería eliminarse do texto da orde por ser discriminatoria e afectar a unhas determinadas empresas simplemente polo mero feito da  actividade empresarial e totalmente legal á que se dedican.

Quinta.- Anexos A, B e D. Exclusións.

En relación co requisito –tamén común a outros programas de axudas- establecido nas bases sétima do anexo A, sexta do anexo B e quinta do anexo D, no apartado d), polo que se exclúen dos incentivos ás traballadoras e traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido dentro dos tres ou seis (amplíanse nalgúns programas) meses previos á formalización do contrato polo que se poida solicitar axudas, cómpre significar que, por razóns de equidade, tal exclusión debería eliminarse, e iso porque a natureza da vinculación laboral previa que puidese manter o traballador que vaia contratar a posible empresa beneficiaria de axudas, é allea a esta última, motivo polo cal non debería afectar de ningún xeito ás súas posibilidades de acceso a axudas.

Sexta.- Anexos A e B. Incentivos.

Na base sexta do Anexo A fíxanse uns incentivos á contratación indefinida inicial que van desde os 3.500 € ata os 5.500 €, segundo os supostos, mentres que na base quinta do Anexo B establécese que a transformación en indefinidos dos contratos incentivarase cunha axuda máxima de 2.000 €.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería tratar de igualarse o importe dos incentivos á contratación inicial e á transformación.