ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de decembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora para aproveitar, principalmente, o potencial de persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego.

Esta orde ten a finalidade de impulsar e facilitar a posta en marcha de iniciativas de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnológico.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de febreiro de 2008, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No artigo 3º establécense os tipos de axudas, modificándose a denominación pola subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, que no exercicio de 2008 era persoal experto técnico.

Igualmente, neste artigo 3º, suprímese o contido do apartado 3 da orde de 2008, para o caso de que se trate de traballadoras autónomas ou traballadores autónomos.


No apartado 5 deste mesmo artigo establécese que o cadro de persoal da empresa, no momento de iniciar a súa actividade produtiva, deberá estar constituído, como mínimo, por persoas con titulación universitaria, esixíndose no actual proxecto normativo atendendo unha consideración das organizacións sindicais e empresarial, manifestada no ditame 6/08, que deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

Atendendo tamén unha consideración manifestada no ditame 6/08, neste caso pola CEG, modifícase o apartado 6 do artigo 5º, que regula a subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, establecéndose agora que as persoas expertas técnicas que sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego e se contraten con carácter indefinido, poderán computarse para os efectos do cálculo da subvención financiera e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Modifícase o artigo 7º, que regula a subvención  financiera, engadíndose as seguintes novidades no apartado 1:
a) Como mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado fixo;
b) Non se admitirá, para os efectos da súa justificación, a adquisición de bens usados con cargo aos préstamos obxecto de axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.
c) Os préstamos deberán formalizarse entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e os seis meses posteriores.
Modifícase o artigo 8º, que regula a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade, que ten por finalidade financiar parcialmente os custos dos gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa, engadíndose como gastos subvencionables os de constitución e os do seguro do local, establecéndose, no apartado 2, que os gastos deberán realizarse no primeiro ano de actividade, debendo xustificarse mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

Engádese un apartado ao artigo 21º, establecendo que por tratarse de axudas sometidas ao réxime de minimis, non poderán concederse a empresas dos sectores que se citan.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e un artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O día 7 de xaneiro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións non unánimes: unha consideración xeral e outra específica manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), tres consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (anexo III).



DITAME 6/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xaneiro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.


Segunda.

Este Comité fai constar que os anexos aos que se refire a orde non poden ser obxecto de ditame posto que non foron achegados ao Consello xunto co proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.
Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Igualmente, no parágrafo terceiro da exposición de motivos, obsérvase un erro na redacción da frase que figura a continuación do punto, suxirindo se corrixa.

Segunda.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 5º. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

No apartado 2 deste artigo, este Comité propón a eliminación de determinadas exclusións dos contratos realizados con familiares naqueles supostos previstos na disposición final décimo quinta da Lei 51/2007 que modifca a letra b) do apartado 1 do art. 6 da “Ley 43/2006, de 29 de diciembre, para la Mejora del Crecimiento y del Empleo”, engadindo que non será de aplicación esta exclusión cando o empregador/a sexa un traballador/a autónomo/a que contrate como traballador/a por conta allea aos fillos/as menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con el/a, ou cando se trate dun traballador/a autónomo/a sen asalariados, e contrate un só familiar menor de corenta e cinco anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

Cuarta.- Artigo 8º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de subvencionar tamén os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Quinta.-. Artigo 10º. Solicitudes, autorizacións, prazo e período de vixencia.

No apartado 6 deste artigo establécese que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2009.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Así mesmo, obsérvase un erro no apartado 7 deste artigo, que establece que os solicitantes “contar” co asesoramento das e dos axentes con especialización en IEBT, considerando este Comité que debería dicir “contarán, de ser o caso, co asesoramento …”.

Sexta.- Artigo 13º. Procedemento de concesión, resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera o prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Sétima.- Artigo 16º. Exclusións.

No apartado a) deste artigo establécese que exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas en que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

Este Comité considera que debe constar que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Oitava.- Artigo 16º. Exclusións.

Este Comité propón a modificación da exclusión establecida no apartado b) deste artigo, considerando que debe vincularse a actividade anterior con outra do mesmo sector, suxirindo a seguinte redacción:

b) As persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivense de alta na Seguridade Social como traballadoras autónomas ou traballadores autónomos en actividade vinculada ao mesmo sector.

Novena.- Artigo 18º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificación ou revogación na obtención da subvención.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Décima.- Artigo 21º. Réxime de axudas.

O apartado 2 desta disposición relaciona unha serie de sectores, establecendo que por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas deses sectores, incluíndo na letra f), como sector, o de “empresas en crise”.

Este Comité considera que debe modificarse esta redacción, posto que as empresas en crise non constitúen un sector produtivo.

Décimo primeira.- Disposición transitoria.

En relación co prazo establecido nesta disposición, este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais e tendo en conta que o establecido na primeira disposición é obvio, suxírese que exista soamente unha disposición final que dispoña a entrada en vigor da orde.


ANEXO I



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O proxecto normativo establece, nos seus artigos 3º.1 a) e 4º, unha axuda á creación de emprego estable.

As organizacións sindicais manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 3º.1 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial, subvención financeira e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).





CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 17º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Este artigo establece no seu apartado 1.b) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

Igualmente, no seu apartado 1.g), obrigáse ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

As organizacións sindicais, sen prexuizo do manifestado na consideración xeral anterior, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas b) e g) como estaban na orde do exercicio de 2006.






ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Tipos de axuda.

O apartado 2 deste artigo establece que para os efectos das axudas a IEBTS terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Neste mesmo artigo, eliminouse o contido do apartado 3 da orde do exercicio de 2008, que establecía como colectivo beneficiario as persoas traballadoras autónomas que, figurando inscritas como demandantes de emprego no SPE no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

Polo tanto redúcese o colectivo beneficiario, contraditoriamente co solicitado na consideración específica terceira do Ditame 6/08, manifestada con carácter unánime polo Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de difames.

A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta as especiais características das IEBTS, propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando no apartado 2 a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta, e, subsidiariamente, propón manter a redacción do antigo artigo 3º.3 ampliada aos traballadores por conta allea, como se pedía no ditame do ano pasado.

En segundo lugar, o vixente apartado 3 deste artigo establece que, para os efectos de determinar a contía máxima da subvención financeira e da axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade, teranse en conta as transformacións en indefinidos de contratos temporais sempre que a transformación se realice no mesmo ano natural que o contrato temporal do que trae causa.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que debería arbitrarse unha cláusula de transitoriedade e exceptuar da obriga de realizar a transformación no mesmo ano natural a aqueles contratos temporais celebrados a partir de setembro de 2008 e transformados no ano 2009.

Segunda.- Artigo 4º. Axuda á creación de emprego estable.

No programa de axuda á creación de emprego estable, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que a redacción debera admitir a posibilidade da transformación de contratos temporais en indefinidos, implicando isto a necesidade de suprimir o disposto no apartado 6 deste artigo 4º.


Terceira.- Artigo 16º. Exclusións.

O apartado a) deste artigo exclúe dos beneficios do programa establecido na orde aos empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas, en que participasen persoas ou entidades que pola súa vez sexan promotoras da empresa solicitante.

A CEG considera necesaria unha concreción da “participación”, entendendo que debera referirse o precepto a empresas e entidades que desempeñasen o control nas empresas ou grupos de empresas nos que traballase a persoa desempregada.















ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 4º. Axuda á creación de emprego estable.

O apartado 4 deste artigo establece que os beneficios establecidos ás contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea nesta orde serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, cun máximo de 12 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 5 deste artigo, debendo indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social da persoa contratada.