ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CREA A XUNTA DE EXPERTOS/AS DOCENTES DOS CENTROS DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO DEPENDENTES DA CONSELLERÍA DE TRABALLO

I. ANTECEDENTES

O día 9 de xaneiro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se crea a Xunta de expertos/as docentes dos Centros de Formación Profesional para o emprego dependentes da Consellería de Traballo, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é a creación da Xunta de expertos/as docentes dos Centros de Formación Profesional para o emprego dependentes da Consellería de Traballo, órgano colexiado de participación do persoal do centro dedicado ás tarefas de docencia e coordinación, que ten a responsabilidade de planificar, coordinar e decidir sobre os aspectos docentes do mesmo.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 1º determínase que o obxecto da orde é a creación da Xunta de expertos/as docentes.

O artigo 2º establécese a composición e o funcionamento da Xunta, que estará presidida polo director ou directora do centro e integrada polo persoal do centro dedicado ás tarefas de docencia e coordinación que preste servizo no mesmo e reunirase, como mínimo, unha vez ao semestre.

No artigo 3º detállanse as funcións da Xunta de expertos/as, entre as que aparecen, entre outras: formular ao equipo directivo propostas para a elaboración da programación xeral anual, así como avaliar a súa aplicación; promover iniciativas no ámbito da formación do profesorado do centro; coordinar as funcións referentes á orientación, avaliación, e recuperación dos alumnos; analizar e valorar o funcionamento xeral do centro e os resultados da avaliación que do centro realice a administración educativa, así como calquera outro informe referente á marcha do mesmo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se crea a Xunta de espertos/as docentes dos Centros de Formación Profesional para o emprego dependentes da Consellería de Traballo” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.


O día 23 de xaneiro de 2009 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Así mesmo, contén, como anexo, dúas consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 3/09




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo pola que se crea a Xunta de expertos/as docentes dos Centros de Formación Profesional para o emprego dependentes da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xaneiro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de xaneiro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité propón que sexa revisada a linguaxe en cuestión de xénero, particularmente no artigo 3º, letras c) e e), substituíndo, respectivamente, alumnos por alumnado e director por dirección.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité observa erros ortográficos no terceiro parágrafo, posto que en lugar de “por prate das consellería” e “creción da xunta de expertos/as”, debería dicir “por parte das consellerías” e “creación da Xunta de expertos/as”.


Segunda.-  Denominación.

Na denominación que figura previamente ao artigo 1º, obsérvase que falta a preposición “de” para aludir os Centros de Formación Profesional”.

Terceira.-  Artigo 2º. Composición e funcionamento.

Neste artigo establécese a obrigatoriedade da asistencia ás reunións da Xunta de expertos/as de todas as persoas que a integran.

Este Comité considera que a imposición da obrigatoriedade de asistencia é excesiva, xa que no Real Decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, non se fai ningunha referencia á obrigatoriedade para a regulación do órgano equivalente, o Claustro do Profesorado.

Así mesmo, no parágrafo segundo deste artigo, debe decir “por iniciativa propia” en lugar de “por iniciativa propio”.

Cuarta.-  Artigo 3º. Funcións.

Este Comité considera que debe engadirse unha nova función, tal e como se recolle no artigo 16º.3.e) do Decreto 266/2007, polo que se regulan os Centros Integrados de Formación Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, que sería a seguinte:

“h) Emitir informe con carácter previo ao nomeamento do director ou directora do centro.

ANEXO


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Funcións.

Respecto ao establecido na letra a) deste artigo, a CEG considera que as propostas para a elaboración da programación xeral anual deberían formularse non só ante o equipo directivo, senón tamén ante o Consello Social, tal e como se formula no RD 1558/2005.

Segunda.- Artigo 3º. Funcións.

Respecto ao establecido na letra e) deste artigo, a CEG considera que, ademáis da aplicación do réxime disciplinario do centro, a Xunta debe ser informada por parte da dirección do centro de calquera actuación que teña unha incidencia grave no seu funcionamento.