ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DAS ESPECIALIDADES FORMATIVAS DO FICHEIRO DO SERVIZO PÚBLICO ESTATAL DE EMPREGO DIRIXIDAS PRIORITARIAMENTE ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES EN DESEMPREGO COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de xaneiro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias das especialidades formativas do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego dirixidas prioritariamente ás traballadoras e traballadores en desemprego cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto das especialidades do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación das subvencións para accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas en situación de desemprego, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto desde o punto de vista do colectivo que atenden como dos sectores produtivos aos que se dirixen.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do 13 de marzo de 2008, publicada no DOG o 25 de marzo de 2008, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 23 de novembro de 2007 (ditame 40/07), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O proxecto normativo que se somete a ditame contén como principais novidades as seguintes:

A primeira novidade destacable é a referencia no título do proxecto ás especialidades formativas do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego en coherencia coa desaparición do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP).

Artigo 2º.- Accións subvencionables.
No apartado 1.b engádese ao final do parágrafo que non se considerarán experimentais aquelas especialidades que se limiten a combinar distintos módulos formativos das especialidades do ficheiro.

Neste artigo engádense dous novos apartados: O apartado 2, que indica que as accións subvencionables estarán constituídas polas especialidades formativas e polo módulo transversal de igualdade regulado no artigo 12º.3 desta orde; o apartado 3, que establece que as accións formativas non poderán ter en ningún caso unha duración superior a 600 horas no caso das accións reguladas no parágrafo 1.a deste artigo e de 400 horas para as reguladas no parágrafo 1.b, salvo autorización expresa do director/a xeral de Formación e Colocación.

Artigo 8º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Engádese, no apartado 1, a obriga de requirir de cada alumna e alumno copia do título do módulo transversal de igualdade, de ser o caso.

Artigo 11º.- Avaliación, calidade, seguimento e control das accións formativas.
Ademais da modificación do título do artigo, engádese un novo punto (1) que establece que as entidades deberán realizar unha avaliación e control de calidade da formación que executen, debendo destinar a esta finalidade ata un 5% da subvención concedida.

Artigo 12º.- Das accións formativas.
Neste artigo engádense dous novos apartados. No apartado 1 indícase que o obxectivo prioritario das accións formativas reguladas nesta orde é a inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores desempregados naqueles empregos que require o sistema produtivo.

Pola súa banda, no apartado 2, establécese que as accións formativas estarán constituídas polas especialidades formativas e polo módulo transversal de igualdade.

Artigo 14º. Dereitos e deberes do alumnado.
Engádese un novo parágrafo no punto 2 deste artigo que indica que no suposto de ter xa cursado o módulo obrigatorio de igualdade da Dirección Xeral de Formación e Colocación, non será necesario que volvan a realizalo, sempre e cando o xustifiquen documentalmente.

Artigo 16º. Solicitudes.
No punto 1. o referido á documentación que ten que acompañar ás solicitudes engádese un novo apartado, i), que establece a necesidade de presentación de declaración responsable do compromiso de desenvolvemento das accións formativas en galego, de ser o caso.

Artigo 18º. Instrución do procedemento.
O apartado 5 fixa os criterios de valoración das solicitudes, procedendo a varios cambios.

Modifícase o apartado a), indicando que o deseño dos contidos e a adecuación dos mesmos á acción formativa solicitada terá unha puntuación de ata 20 puntos, priorizándose as accións recollidas no Anexo IV.

Modifícase o apartado c), que establece unha puntuación pola inserción laboral do alumnado formado ou polo compromiso de inserción de ata 30 puntos, entendendo por inserción laboral a contratación laboral do alumnado formado da convocatoria do 2008 en ocupacións relacionadas coa mesma familia profesional solicitada nesta convocatoria. Ademais introduce dous subgrupos, diferenciando entre solicitudes de especialidades formativas da mesma familia profesional (con puntuación negativa de ata 30 puntos no caso de non cumprir con compromiso na convocatoria anterior) e solicitudes doutras familias profesionais distintas das impartidas na convocatoria anterior.

Engádese un novo criterio no apartado d), establecendo que a acreditación da entidade en normas ISO de calidade ou plan de mellora EFQM, se se achegara, terá unha puntuación de 5 puntos.

Engádese un novo parágrafo que indica que as comisións de valoración determinarán o número de cursos a realizar en cada comarca, en función da poboación desempregada, e o número de cursos a realizar por especialidade formativa atendendo ás necesidades do mercado de traballo e á diversificación da oferta formativa.

Así mesmo, modifícase a puntuación mínima para poder acceder á programación, que pasa a ser de 40 puntos (45 puntos na orde do ano anterior).

Disposición Adicional Cuarta.
Como réxime subsidiario introdúcese a Orde do 11 de decembro de 2008 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a traballadores e traballadoras desempregados/as na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2009.





De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias das especialidades formativas do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego dirixidas prioritariamente ás traballadoras e traballadores en desemprego cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 29 de xaneiro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dezanove consideracións específicas de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.






DITAME 4/09




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias das especialidades formativas do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego dirixidas prioritariamente ás traballadoras e traballadores en desemprego cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2009”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xaneiro de 2009, e para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xaneiro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira.-  Exposición de motivos.

No último parágrafo menciónase a consulta realizada ao Consello Galego de Formación Profesional.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.
Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar que foi consultado este organismo.

Segunda.-  Artigo 2º. Accións subvencionables.

No apartado 4 deste artigo indícase que “As entidades só poderán solicitar ata un máximo de cinco accións formativas por localidade.”
Este Comité considera que non se debería poñer ningún límite ao número de accións formativas a solicitar, polo que suxire que se elimine o referido apartado 4.

Terceira.- Artigo 5º. Custos subvencionables.

O Comité considera que este artigo adoece dunha falta de definición de gastos necesarios, como, por exemplo, os gastos de publicidade para a organización e difusión da acción formativa, as retribucións das persoas formadoras internas e externas, os gastos do seguro de accidentes dos participantes, etc., polo que propón que se inclúan neste apartado todos os gastos que se relacionan na Orde do 24 de outubro de 2008 da Consellería de Traballo, pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico.

Así mesmo, o último ítem do apartado 1 deste artigo contempla como custo subvencionable os custos dos servizos de asesoría en relación coa acción de formación, co límite do 10 por cento do importe total dos gastos de docencia.

Este Comité propón que as entidades impartidoras poidan imputar por este concepto ata o 15 por cento do importe total dos gastos de docencia.

Cuarta.-  Artigo 5º. Custos subvencionables.

O primeiro ítem do apartado 1 deste artigo limita os custos dos docentes e os seus gastos de desprazamento ata un máximo do 40% do custo total do curso, que, excepcionalmente, poderá incrementarse con autorización da Dirección xeral de Formación e Colocación.

Este Comité entende que pode resultar moi frecuente, dado que se trata de accións experimentais, que se supere a porcentaxe establecida, polo que se suxire a supresión do citado límite ou ben que se estableza unha porcentaxe máis alta que aporte maior flexibilidade.

Quinta.- Artigo 5º. Custos subvencionables.

O apartado 2 deste artigo establece que “os custos subvencionables deberán ir acompañados de probas documentais, que deberán ser transparentes e detalladas”.

Este Comité propón substituír a redacción que figura nese apartado pola seguinte: “os custos subvencionables deberán xustificarse documentalmente”.

Sexta.- Artigo 6º. Módulos económicos.

O apartado 2 do artigo 6º establece que, excepcionalmente, poderase autorizar a aprobación dun módulo superior que non poderá superar os 16 euros por alumno/a e hora de formación.

Este Comité propón que a cantidade límite sexa de 18 euros, tendo en conta as especiais circunstancias dalgúns cursos formativos.




Sétima.- Artigo 8º.Obrigas das entidades beneficiarias.

Este Comité considera que cómpre adaptar a redacción dos apartados 3 (letra b) e 4 deste artigo ás modalidades de impartición non presencial previstas no artigo 15º (“Modalidades de impartición das accións formativas”).

Oitava.- Artigo 8º.Obrigas das entidades beneficiarias.

Este Comité considera que no apartado 9 deste artigo debería de suprimirse a expresión “...reciban a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele porque todos os alumnos e alumnas dunha acción formativa reciban o mesmo número de horas.

Novena.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.

No apartado B), punto 1, deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 65 por 100 (letra a) e que os pagamentos parciais nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c). Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un decreto específico para subvencións en materia de formación que permita anticipos de ata o 100 por 100.


Así mesmo, respecto ao establecido na letra d) deste apartado 1, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas do alumnado, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.

Décima.- Artigo 13º. Selección do alumnado.

O apartado 1 deste artigo dispón que a selección realizarase mediante sondaxe pola oficina de emprego correspondente entre os demandantes inscritos nela.

Este Comité considera que a selección deberá realizarse sempre polo Servizo Público de Emprego de Galicia, polo que no citado apartado 1 debe constar o procedemento de selección que se recolle na Orde do 11 de decembro de 2008, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a traballadores e traballadoras desempregados/as na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2009.

Decimo primeira.- Artigo 13º. Selección do alumnado

O apartado 4 deste artigo obriga a dar conta á oficina de emprego do resultado da selección do alumnado.

Este Comité considera que debería concretarse o procedemento polo que se levará a cabo esta comunicación.

Decimo segunda.- Artigo 14º.- Dereitos e deberes do alumnado.

No apartado 1 indícase que “A formación será gratuíta para a totalidade dos alumnos e alumnas das accións formativas do programa b recollido no artigo 1 desta orde”.

Este Comité considera que a expresión “será gratuita” non é acertada e ademáis, existe un erro na referencia ao artigo 1º, xa que os programas veñen establecidos no artigo 2º, polo que suxire unha nova redacción para este apartado: “A formación non suporá custo económico para a totalidade dos alumnos e alumnas das accións formativas do programa b recollido no artigo 2º desta orde”.

Decimo terceira.- Artigo 14º.- Dereitos e deberes do alumnado.

Este Comité entende que a redacción dos apartados 2, 3 e 4 deste artigo debería adaptarse as modalidades de impartición non presencial das accións formativas previstas no artigo 15º (“Modalidades de impartición das accións formativas”).

Decimo cuarta.- Artigo 15º. Modalidades de impartición das accións formativas.
O apartado 2 deste artigo esixe que na modalidade de teleformación, a distancia e na parte a distancia da modalidade mixta de impartición se inclúan evidencias necesarias para comprobar que o alumnado recibe a formación impartida.

Este Comité considera que deberían concretarse no citado apartado o significado e alcance do termo “evidencias”.

Decimo quinta.- Artigo 16º.- Solicitudes.

A letra g) do apartado 1 deste artigo esixe presentar, xunto coa solicitude de subvención, acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité suxire a supresión desta letra g) de acordo co previsto no apartado 3 deste mesmo artigo que establece que a presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións pola entidade interesada comportará a autorización á Consellería de Traballo para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Decimo sexta.- Artigo 18º. Instrución do procedemento.

O apartado 5 a) establece como un dos criterios de valoración a priorización das accións formativas recollidas no Anexo IV. Este Comité non pode valorar o contido do mencionado anexo por non ser remitido xunto co proxecto normativo.


Decimo sétima.- Artigo 19º. Resolución.

No apartado 2 indícase que “A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte da presentación da solicitude”. Este Comité entende que o prazo debería contarse desde día seguinte ao último día de presentación de solicitudes, dado que é un procedemento de concorrencia competitiva.

Decimo oitava.- Disposición Adicional Segunda.

Nesta disposición indícase que a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificación ou revogación na obtención da subvención.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.

Decimo novena.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.