ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO PARA O EXERCICIO DE 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de xaneiro de 2009 recibíuse por correo electrónico no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2009 e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras ocupadas a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Tamén indica que constitúen principios xerais da formación dirixida a persoas traballadoras ocupadas: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación dos traballadores e traballadoras no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

O Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, polo que se aproban as disposicións de aplicación relativas ao Fondo Social Europeo, sinala que o Fondo apoiará, entre outras, as accións nos Estados membros encamiñadas a facilitar o acceso ao emprego e a inserción no mercado traballo, as políticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral. Así mesmo, o Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, regula a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas dirixidas a persoas traballadoras ocupadas, subvencionadas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, obsérvase que o obxecto da convocatoria (artigo 1º) é regular as iniciativas de formación dirixidas ao reciclaxe e recualificación de persoas traballadoras dos sectores estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia: textil, alimentación, madeira, construción e metal (preferentemente do sector de automoción) e aqueles outros que poidan xurdir como consecuencia da crise económica e que sirvan para paliar os efectos desta.

As accións de formación deste proxecto teñen como finalidade tanto a mellora das competencias e cualificacións como a actualización e especialización profesional das persoas traballadoras ocupadas, calquera que sexa o sector ou rama de actividade en que a persoa traballadora presta os seus servizos (artigo 2º).

As entidades beneficiarias destas axudas poderán ser as empresas e agrupacións de empresas dos sectores estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia referidos anteriormente (artigo 3º).

Serán destinatarias das accións formativas as persoas traballadoras das empresas beneficiarias. Tamén poderán participar as persoas desempregadas, cun límite máximo dun 25% do total de participantes en cada acción formativa, que tiveran unha relación laboral coa empresa beneficiaria desde xaneiro do 2008 (artigo 5º). Terán prioridade para participar: os/as maiores de 45 anos en sectores nos que se introduzan novas tecnoloxías, empregados de sectores ou zonas en proceso de reconversión; as persoas traballadoras con dificultades para o acceso á formación; as persoas traballadoras das Pemes; as persoas traballadoras desfavorecidas; as mulleres con independencia do sector produtivo no que se atopen encadradas.

Os custos subvencionables a través destas axudas serán: os custos do persoal docente, os gastos de transporte derivado de viaxes didácticas, os gastos correntes de materiais e subministracións, a amortización de instrumentos e equipos, custos de servizos de asesoría e custos de persoal dos beneficiarios da formación e custos indirectos xerais (artigo 6º).

Segundo o artigo 7º, a contía das axudas e subvencións será de ata o 25% dos custos subvencionables na formación específica e ata o 60% na formación xeral, incrementándose neste último caso ata un máximo do 80%. Do importe da subvención deberase destinar ata un 5% para a avaliación e control da calidade da formación (artigo 11º).

As accións formativas subvencionables son aquelas dirixidas á adquisición de competencias profesionais, teórico ou prácticas, estruturadas nunha unidade pedagóxica con obxectivos, contados e duración propios, comúns a todos os participantes. As accións formativas terán unha duración máxima de 250 horas e mínima de 10 horas e a participación dunha persoa traballadora ocupada en accións formativas non poderá superar as 8 horas diarias (artigo 12º).

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte á publicación da orde no DOG (artigo 17º). O prazo de resolución dos expedientes será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG (artigo 20º), tendo en conta que primeiro se resolverán as dirixidas ao reciclaxe e recualificación de traballadores/as procedentes prioritariamente de sectores estratéxicos do téxtil, alimentación, madeira, construción e metal (preferentemente do sector de automoción) e daqueles outros que poidan xurdir como consecuencia da crise económica e a continuación o resto das accións presentadas. Terán preferencia as empresas que non teñan aprobado ningún expediente de regulación de emprego nos últimos seis meses a contar desde a publicación desta orde no DOG (artigo 19º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 3 de febreiro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e quince específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral de carácter non unánime, manifestada pola CIG (Anexo I); unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada polo SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo II); unha consideración xeral e dúas específicas de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (Anexo III); unha consideración xeral non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia (Anexo IV); unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia (Anexo V) e unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polos sindicatos CIG e CC.OO. de Galicia (Anexo VI).




DITAME 5/09




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2009, da Consellería de Traballo, remitida por correo electrónico a este Consello o 28 de xaneiro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de febreiro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:









CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega.

Segunda.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de motivos.

Este Comité considera que hai diversas incorreccións na redacción da exposición de motivos.

En primeiro lugar, o título do proxecto indica que “...accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras cofinanciadas...”. Este Comité considera que debería indicar “...accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, cofinanciadas...”.

No primeiro parágrafo da exposición de motivos di: “A formación profesional continua...”, sendo a expresión correcta “A formación profesional para o emprego...”.

No oitavo parágrafo indícase: “...Nesta lei recollénse artigos que teñen carácter básico, polo son...”. Este comité considera que a redacción correcta é “...Nesta lei recollénse artigos que teñen carácter básico, polo que son...”.

Por outra banda, este Comité considera que debería aludirse, dentro da normativa, ao Real Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.





Segunda. Exposición de motivos.

No penúltimo parágrafo aparece indicado o código do programa aos que se cargarán os importes das axudas desta orde, pero non aparece o importe previsto destinado a financialas. Este Comité considera que debería figurar no proxecto de orde o importe previsto destinado a financiar as subvencións para a programación das accións formativas.

Terceira. Exposición de motivos.

No último parágrafo menciónase a consulta realizada ao Consello Galego de Formación Profesional.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.
Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar que foi consultado este organismo.




Cuarta. Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.

Este Comité considera que existe un erro na redacción deste artigo, dado que sería necesario engadir un “e” no seguinte texto: “...construción e metal (preferentemente do sector de automoción) aqueles outros...”. Así o texto quedaría: “...construción e metal (preferentemente do sector de automoción) e aqueles outros...”.

Así mesmo, este Comité considera que o termo “sector de automoción” non é adecuado dado que “automoción” é unha actividade relacionada coa industria do automóbil e non está circunscrita ao sector do metal, tal e como aparece indicado no texto do proxecto, senón que abrangue actividades encadradas noutros sectores como, por exemplo, industria téxtil e industria química.

Ambas as dúas apreciacións poden aplicarse tamén respecto do artigo 3º, punto 1.

Quinta. Artigo 3º. Entidades beneficiarias.

No punto 5 deste artigo indícase que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web da Consellería de Traballo. Este Comité considera que sería necesario incluír a dirección completa da páxina web.




Sexta. Artigo 5º. Destinatarios das accións formativas.

Este Comité reitera no punto 1. deste artigo a consideración feita en canto o título da orde, sobre que deberíase engadir o termo “ocupadas” a persoas traballadoras, quedando a redacción do punto como segue: “Serán destinatarias das accións formativas as persoas traballadoras ocupadas das empresas beneficiarias...”.

Con respecto punto 2 deste artigo, referido aos alumnos/as que terán prioridade para participar nos cursos, ás letras d. (persoas traballadoras desfavorecidas) e e. (mulleres con independencia do sector produtivo no que se atopen encadeadas) son incompatibles co establecido no punto 1 (“Serán destinatarias das accións formativas as persoas das empresas beneficiarias. Tamén poderán participar as persoas desempregadas... que tiveran unha relación laboral coa empresa beneficiaria desde xaneiro do 2008”) segundo criterio deste Comité.

Sétima. Artigo 8º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Nos apartados 4. e 7. deste artigo establécense referencias á posibilidade da teleformación e da formación a distancia, mencións que serían contraditorias con establecido nos artigos 7.2b e 15 que establecen que as accións formativas terán sempre carácter presencial. Por este motivo este Comité considera que habería que harmonizar as redaccións.

Así mesmo, este Comité considera que no apartado 9 deste artigo debería de suprimirse a expresión “...reciban a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele porque todos os alumnos e alumnas dunha acción formativa reciban o mesmo número de horas.

Oitava. Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.

No apartado A deste artigo sinálase que os custos das accións formativas amparadas por esta orde só poderán imputarse a partir da data de concesión da subvención. Por outra parte no artigo 12º.5 regúlase que as accións formativas poderanse executar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non concederse a subvención solicitada para ditas accións formativas os custos serán a cargo das entidades solicitantes, sen que comporte obriga ningunha para a Consellería de Traballo. Hai que ter en conta tamén que o prazo de resolución é de tres meses.
Este Comité considera que a aplicación dos incentivos debería comezar dende a data de entrada en vigor da Orde, de forma que se podan considerar elixibles os custos ocasionados desde esa data, sempre que haxa resolución positiva da concesión da subvención.

Por outra parte, no apartado B. 1a) deste artigo establécese a posibilidade dun anticipo de ata o 65 por 100 do total do orzamento de gastos do convenio. Por coherencia co Ditame 37/2008 este Comité solicita o incremento ata o 75 por 100.

Novena. Artigo 14º. Dereitos e deberes dos alumnos.

En primeiro lugar, este Comité suxire un cambio no título do artigo. En lugar de “Dereitos e deberes dos alumnos” debería poñer “Dereitos e deberes do alumnado”.

No apartado 1 indícase que “A formación será gratuíta para a totalidade dos alumnos e alumnas das accións formativas incluídas nesta orde”.

Este Comité considera que a expresión “será gratuíta” non é acertada polo que suxire unha nova redacción para este apartado: “A formación non suporá custo económico para a totalidade dos alumnos e alumnas das accións formativas incluídas nesta orde”.

Décima. Artigo 16º. Solicitudes.

Neste artigo, no punto 1., menciónanse diversos anexos que acompañan o texto da orde. Este Comité non pode valorar o contido dos mencionados anexos por non ser remitidos xunto co proxecto normativo.

Así mesmo, obsérvase que na enumeración dos documentos que deben acompañar ás solicitudes sobra a letra k) (no é propia do alfabeto galego) e faltan as letras f), g), h) e i).

Décimo primeira. Artigo 16º. Solicitudes.

No punto 1. m) indícase que cómpre acompañar a solicitude cun informe dos representantes legais dos traballadores/as das empresas e que “será favorable”. Este Comité suxire a substitución da expresión “será favorable” por “deberá ser favorable”.

Polo que se refire ao apartado ñ), no parágrafo segundo onde indica que a memoria-proxecto deberá contar cunha xustificación documental da experiencia da entidade solicitante na impartición de accións formativas de semellante natureza, este Comité considera que isto non é posible aplicalo ás empresas que van solicitar as axudas desta orde por vez primeira.



Décimo segunda. Artigo 19º. Criterios de valoración.

Este Comité considera que o primeiro punto do apartado 1 deste artigo non ten sentido, posto que é contraditorio co sinalado nos artigos 1º e 3º, polo que debería suprimirse ata “ ..... o resto das accións presentadas”, permanecendo o resto do parágrafo.

Décimo terceira. Artigo 19º. Criterios de valoración.

O apartado 2 deste artigo establece os criterios de puntuación, outorgando na letra a) ata 35 puntos. Deberían especificarse os puntos de cada item, propoñendo este Comite que se lle asignen ata 10 puntos para o primeiro item e ata 25 puntos para o segundo.

Décimo cuarta. Disposición adicional primeira.

Este Comité reitera o manifestado na consideración específica segunda respecto á necesidade de que figure o importe previsto que se vai destinar a financiar estas axudas.

Décimo quinta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.  
Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais e tendo en conta que o establecido na primeira disposición é obvio, suxírese que exista soamente unha disposición final que dispoña a entrada en vigor da orde.
ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CIG.

Deixamos constancia do noso apoio ás iniciativas dirixidas ao mantemento do emprego nas empresas galegas dos sectores afectados pola crise. Entre as diversas iniciativas que é posible poñer en práctica a ese efecto, poden ter acollida as medidas destinadas á formación e recualificación profesionais das persoas ocupadas naquelas empresas.

No concreto caso do proxecto de Orde que ditaminamos, temos que facer patentes as nosas dúbidas a respecto da correcta aplicación dos fondos que, para financiar esta iniciativa, poideran proceder de transferencias en materia de Formación para o Emprego, pois a normativa estatal vixente define con precisión a natureza das entidades que poden ser solicitantes deste tipo de plans sectoriais de formación, entre as que non se inclúen as empresas ou as súas agrupacións.

En todo caso, deberíase establecer na norma o seu carácter excepcional, fundamentado na concorrencia de circunstancias extraordinarias que se producen no ano actual pola situación de crise económica.

Finalmente, consideramos de suma importancia a necesidade de incluir, na Orde ditaminada, suficientes garantías de participación da representación legal dos/as traballadores/as nos procesos de seguimento e control das actividades formativas e dos seus resultados, así como de acceso ao conxunto da información relacionada coa xestión dos plans formativos. No proxecto de Orde só se concreta (Art. 16.1.m) a aportación coa solicitude dun “informe do plan de formación” da representación legal dos traballadores, o que nos parece claramente insuficiente.



























ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLO S.N DE CC.OO. DE GALICIA:
O S.N. de CC.OO. de Galicia vai apoiar esta orde e calquera outra que tente mellorar a situación dos traballadores dos sectores en crise, en todos os foros en que sexa preciso. Cremos que o momento é difícil e require acción e apoio por parte de todos. Temos, nembargantes, reservas serias que expoñer:
1. Cremos que a medida é de dubidosa eficacia para evitar as repercusións da situación económica nos traballadores das PEMES, debido á complexidade de presentar e xustificar plans de formación.
2. O desenvolvemento do decreto 395/2007 viña considerando condición imprescindible para a consideración de beneficiarios das ordes dirixidas prioritariamente a traballadores ocupados á intervención ou o amparo dos axentes na negociación colectiva.
3. Esta condición plásmase nos principios xerais (punto e) do Acordo de Formación Profesional para o Emprego de 2006, asinado pola Administración do Estado e os axentes sociais, e parécenos irrenunciable.
4. A situación é extraordinaria e obriga ao S.N. de CC.OO. a apoiar medidas excepcionais, aínda con dúbidas, pero ese apoio non pode considerarse incondicional. Noutra situación, moi probablemente a nosa posición fronte a estas ordes sería de rechazo.
5. O trámite administrativo das ordes parécenos confuso e atropelado. Unhas ordes substitúense por outras no procedemento de tramitación obrigado, xerando inseguridades, sen que se acheguen de xeito formal, explicacións para os cambios.
6. Situacións extraordinarias requiren medidas excepcionais, pero sobre todo requiren tranquilidade e transparencia para evitar que a nosa organización, como axente social responsable que apoia unha medida, teña que facelo con tantas reservas e tanta inseguridade como neste caso.





















ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CEG:


En xeral esta Confederación de Empresarios de Galicia quere manifestar a súa valoración positiva sobre o texto proxectado polos importantes obxectivos e ámbitos de aplicación que trata de cubrir (art. 1º). Así por unha banda destínase aos sectores máis afectados pola situación de crise económica e nos que debe incidirse especialmente a través de medidas que favorezan o mantemento da actividade produtiva e por consecuencia do emprego xerado por esta, e por outra parte a medida favorece a reciclaxe e recualificación das persoas traballadoras destes sectores, cunha motivación claramente paliativa dos efectos da crise sobre as nosas empresas.

Non obstante, habería que manifestar que para algúns sectores o feito do tamaño empresarial pode supor unha importante traba ou obstáculo para que se podan solicitar estes incentivos, que terían que demandarse a través da forma da agrupación,  e con respecto a esta posibilidade non se concretan na Orde proxectada as distintas responsabilidades que asumirían as empresas beneficiarias da formación en relación á empresa que asuma a condición de representante da agrupación, pois do contrario as importantes responsabilidades que podería asumir esta última desincentivaría a solicitude das axudas. Habería que articular que a empresa cabeceira da agrupación non tivese toda a responsabilidade, senón que compartida, establecida na lexislación de subvencións.

Por último sinalar que, debido á situación pola que están a atravesar as empresas, debe predicarse unha interpretación flexible dos sectores que a Orde engloba, así por poñer un exemplo, debería interpretarse que o sector de "alimentación" (art.1), engloba non so a producción senon tamén a comercialización.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADAS POLA CEG:

Primeira.
No art. 12º en canto á duración mínima da acción formativa solicitamos que esta se adapte ao que pode considerarse como “xornada de traballo diaria” (establecida no convenio), entendemos que desta forma permitiría que as empresas puidesen realizar accións formativas cunha duración dunha xornada, evitando os atrancos produtivos que pode supoñer a necesidade de utilizar dúas. Esta posibilidade estaría admitida polo Decreto 395/2007 no art. 7.2, que sinala que a formación non será inferior a 6 horas lectivas.

Segunda.
No art. 19º.1 establécese unha preferencia para as empresas que non teñan aprobado ningún ERE ao abeiro do estipulado no artigo 47 do ET nos últimos seis meses desde a publicación da Orde.

É contradictorio co obxectivo pretendido pola propia convocatoria que da preferencia a aqueles sectores afectados pola situación de crise económica, feito que nalgúns casos pode conlevar que a empresa teña solicitado o ERE polas casusas establecidas no art. 47 do Estatuto dos Traballadores. Polo tanto, propoñemos  eliminar esta preferencia negativa, e subsidiariamente de non aceptarse esta proposta limitar o prazo a un mes.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CEG E OS SINDICATOS UGT-GALICIA E CC.OO. DE GALICIA:

Por outra parte, habería que establecer o carácter excepcional da axuda no texto da exposición de motivos desta, pois a concreta regulación en canto aos solicitantes ven motivada pola situación de coxuntura pola que están a travesar as nosas empresas, mesmo renunciando outras entidades á posibilidade de solicitar estes incentivos se se ten en conta a redacción da Orde na versión do exercicio anterior. Por iso esta excepcionalidade debería permitir que en futuras convocatorias, sen poñer en dúbida en ningún caso a posibilidade de solicitude polas empresas, se poda retomar a inclusión no concepto de entidades beneficiarias das entidades sen ánimo de lucro.














ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLOS SINDICATOS UGT-GALICIA, CIG E CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.

As organizacións sindicais consideran que o módulo económico que se sinala no apartado 2 deste artigo, establecido en 20 euros, é esaxeradamente alto con respecto aos establecidos noutras ordes en materia de formación ditaminadas polo Consello.


















ANEXO VI

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLOS SINDICATOS CIG E CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.

Dada a naturaza das accións formativas reguladas no proxecto e a súa excepcionalidade, entendemos que non se debería permitir a subcontratación, ou ben establecer as cautelas e restricións que o propio contido da orde aconsella.