ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (Iebts) PARA Ó EXERCICIO DO ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, polo que se  regula o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts) correspondentes ó exercicio  do ano 2002, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego, con rexistro de entrada en data do 12 de xuño de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xuño de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido:

1.- Consideracións xerais.

Este Comité Delegado entende que esta Orde é remitida tarde a dictame e, por ende, será publicada tarde.
Por esta razón, e polo feito de que tal situación se está a reproducir respecto doutras normas emitidas por esa Consellería, avógase para que tódalas Ordes que establecen medidas para o fomento e maila estabilidade no emprego sexan publicadas a principio de cada ano, rematando o seu prazo de vixencia a 31 de decembro, de tal xeito que todas elas estean coordinadas entre si e o potencial beneficiario das mesmas poida optar por acollerse a aquela norma que máis lle conveña segundo os seus intereses.

De acordo con esta reflexión, o prazo establecido polo artigo 11 deste borrador de Orde  como data tope de presentación das solicitudes non se considera axeitado, considerando oportuno que se amplíe o mesmo á data de remate do ano natural (31 de decembro de 2001).

Asemade, reivindicase una vez máis, que as normas que regulamentan ou desenvolvan as políticas activas de emprego deberían pasar, en todo caso, polo Comité Autonómico de Emprego, trámite que non se está a cumprir como ocorre no caso desta norma que se está a dictaminar.

2.- Artigo 3.3º. Tipos de axuda.
Este precepto fala no seu primeiro parágrafo dos desempregados, en canto persoas inscritas como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e carezan de ocupación segundo informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
No seu segundo parágrafo refírese ós traballadores autónomos tamén como beneficiarios do programa, sempre que estean inscritos como demandantes de emprego o SPE, e realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servicios inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 horas semanais ou 48 mensuais.

A PROPOSTA que se suxire neste caso, é que non se estableza diferenciación algunha na esixencia de requisitos ou condicións para te-la calidade de beneficiario do programa: que sexan os mesmos os requiridos no suposto de desempregados que cando se trate de traballadores autónomos.

3.- Artigo 4.1º “in fine”. Axuda á creación directa de emprego estable.

Establece esta disposición que cando o posto de traballo sexa ocupado por un desempregado ou unha muller con título universitario, o incentivo en cuestión, se incrementará ata o tope que fixa o precepto (5.409 euros ou 6.010 euros, respectivamente).
Este incremento do incentivo non debe estar ligado, en ningún caso, a situación de que o desempregado ou desempregada posúa un título universitario.

En todo caso, este incremento deberase producir cando o posto de traballo concreto que se cubra requira unha determinada titulación universitaria.

PROPOSTA: Que o incremento do incentivo opere cando o posto de traballo a cubrir polo desempregado ou desempregada requira posuí-la titulación universitaria de que se trate, non o contrario: que dependa ese aumento da contía de que a persoa que cubra o posto de traballo posúa ou non a mesma.

4.- Artigo 15. Resolución.

No parágrafo 1º, establecese que, con carácter xeral, o órgano competente dictará e notificará a resolución outorgando ou denegando a concesión da subvención á empresa solicitante, debendo ser sempre motivadas. Tal disposición resulta contradictoria co establecido por este mesmo precepto no seu parágrafo 2, onde di que transcorridos 3 meses sen que se notificase a resolución, as entidades solicitantes deberán entender desestimada a súa solicitude.

Da lectura do artigo dedúcese, en primeiro lugar, que a regra xeral é o deber de dictar e notificar en todo caso, ben para concede-la axuda, ben para denegala. Nembargante o parágrafo segundo abre a porta ó silencio negativo, que se considera que non debe ter cabida en procedementos deste tipo nos que se dilucida o outorgamento ou non dun dereito que leva aparellado a percepción de intereses económicos.

A PROPOSTA que se presenta é a de supresión do silencio negativo mantendo a obriga de dictar resolución expresa en todo caso.

ANEXO I
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO E MAILA CIG


Como unha consideración xeral, non ligada directamente a esta Orde pero si incidente de xeito indirecto na mesma, e que as organizacións sindicais que integran este Comité Delegado incorporarán no futuro ós dictames dende aquí emitidos, solicítase á Xunta de Galicia, a través dese departamento que ten asumidas as competencias en materia de emprego e política laboral, que inste ó goberno central para que retire o RD-L 5/2002, de 24 de maio, de Medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, por entender que se trata dunha norma imposta polo executivo, que obviou  a capacidade de diálogo e concertación social dos axentes económicos e sociais.


ANEXO II
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE, NON UNÁNIMES, MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)


Esta organización manifesta o seguinte respecto deste borrador de Orde:
“ Destacar, fundamentalmente, a case total ausencia de novidades respecto da normativa que estivo en vigor para este mesmo programa no exercicio de 2001.

Aínda así, sinálase como destacable o seguinte:

1. Establécese de forma expresa na Exposición de Motivos o seu sometemento ó chamado “réxime de axudas de mínimas da Unión Europea”. Parécenos criticable a súa localización na parte expositiva da norma e non da dispositiva, como debería ser en correcta técnica lexislativa (non obstante, no artigo 17.1 da norma parece que se alude a ela). Adicionalmente, debería figurar no seu articulado de xeito claro, a limitación económica que supón de forma expresa (non máis de 100.000 euros en axudas en tres anos) así como a norma europea que da orixe a esta limitación, e a data de entrada en vigor efectiva desta (ano 2001).

2. Os beneficiarios destas axudas deben ser pymes, segundo definición da normativa europea de aplicación.

3. Redúcese o prazo para solicitar algúns dos tipos de axudas (na norma anterior falábase de dous anos, cando nesta se establece de 1 ano), e múdase o concepto de acción subvencionable. Dende o punto de vista desta organización, son criticables estas disposicións por supoñer unha diminución no apoio que estas axudas supoñen para os potenciais beneficiarios, respecto dos que o foron no exercicio anterior.

4. Modifícase, asemade, o límite global máximo das axudas a obter por esta Orde e por proxecto: antes o módulo era do 80% do custo global da actividade subvencionada; agora, parece ser do 55% dos custos salariais totais dos postos de traballo xerados pola nova actividade correspondente a dúas anualidades. A pregunta é como se vai a comprobar isto (pedindo nóminas, boletíns de cotización…) pois a norma non o di.

5. Por último, sinalar o que consideramos que é unha errata: no artigo 18.1b) obrígase a realiza-la actividade empresarial subvencionada durante 3 anos alomenos, e no artigo 18.1e) a mantelos postos de traballo creados durante cinco anos. Esto parécenos un erro, sobre todo tendo en conta que logo o artigo 18.2.a) obriga a presentar unha relación de altas e baixas de persoal na empresa subvencionada só durante 3 anos.

Gustaríanos tamén poñer de manifesto, en relación coa presente normativa, unha valoración global da mesma de carácter moi positivo. Trátase dunha liña de axudas enmarcada dentro das políticas activas de emprego da Xunta de Galicia que consideramos altamente positiva, polo que supón de cara á incentivación para a comunidade universitaria da posta en marcha de actividades empresariais innovadoras, con alto contido de investigación e desenvolvemento científico-tecnolóxico, ademais de xerar, á súa vez, emprego estable e de alta calidade nese ámbito universitario, principalmente.
Deste xeito, estase achegando a Universidade á empresa, xerando riqueza, valor engadido e desenvolvemento económico e social para a nosa comunidade autónoma.”