ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN SECTORIAIS DIRIXIDOS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS MEDIANTE A SUBSCRICIÓN DE CONVENIO DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/718/2008, DE 7 DE MARZO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007, DE 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE FORMACIÓN DE OFERTA E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS AO SEU FINANCIAMENTO.

I. ANTECEDENTES

O día 29 de xaneiro de 2009 recibiuse por correo electrónico no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Tamén indica que constitúen principios xerais da formación dirixida a persoas traballadoras ocupadas: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación dos traballadores e traballadoras no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

Esta convocatoria realízase en aplicación da Orden TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, desenvolve a formación de oferta co obxectivo de integrar e dar un tratamento coherente e unitario a toda a formación de oferta dirixida ao conxunto das persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, e regula as bases que deben rexer a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar dita formación polas diferentes Administracións Públicas no seu ámbito de xestión.


Á vista do borrador agora remitido hai que sinalar que non se achegan os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 30 de outubro de 2008 e o Ditame 37/08, emitido polo Consello con data 28 de xullo de 2008, obsérvanse que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

O novo proxecto presenta as seguintes modificacións:

En primeiro lugar, obsérvase que se modifica o obxecto do proxecto, sendo este a aprobación da convocatoria de programas específicos de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais de empresas, mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, dirixidos ao reciclaxe e recualificación de persoas traballadoras das empresas.

Cambia tamén o prazo de execución dos plans de formación, podéndose executar desde o día 1 de xaneiro de 2009 ata o 30 de novembro de 2009, fronte ao prazo do 31 de setembro de 2008 ao 31 de agosto de 2009 que se indicaba na convocatoria do ano anterior.

Introdúcese un cambio significativo no artigo 5º referido á participación das persoas traballadoras. Na convocatoria de 2008 realizábase unha enumeración detallada dos colectivos destinatarios das accións. Neste proxecto aparecen como destinatarias das accións formativas as persoas traballadoras ocupadas, sen máis distinción. Tamén poderán participar as persoas desempregadas, cun límite máximo dun 25% do total de participantes de cada plan, que tiveran unha relación laboral coa empresa beneficiaria desde xaneiro do 2008.

No artigo 9º establécense os tipos de plans de formación sectoriais indicando que poderanse subscribir convenios de ámbito autonómico para a execución de plans de formación sectoriais dirixidos ao reciclaxe e recualificación de traballadores e traballadoras das empresas.

Modifícase o artigo 10º, relativo a entidades solicitantes, indicándose que poderán solicitar as subvencións as empresas e as agrupacións de empresas, tendo preferencia as que non teñan aprobado ningún expediente de regulación de emprego ao abeiro do estipulado no artigo 47 do Estatuto dos traballadores nos últimos seis meses a contar desde a publicación desta orde.

Introdúcense nova documentación a achegar na presentación da solicitude (artigo 11º) e novos criterios de valoración (artigo 16º).




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais de empresas dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 3 de febreiro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración previa sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).





DITAME 6/09





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais  de empresas dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo, remitido por correo electrónico a este Consello o 29 de xaneiro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de febreiro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter non unánime:





ANEXO I


CONSIDERACIÓN PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN. de CC.OO. de Galicia consideran que o proxecto normativo que se somete a ditame contravén en aspectos cruciais a normativa de aplicación na materia (Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo e Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo), polo que non procede continuar coa súa tramitación administrativa, solicitando, en consecuencia, o arquivo do proxecto. Por todo isto, entenden que non se debe ditaminar o proxecto de orde.














ANEXO II


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.-
En xeral, a Confederación de Empresarios de Galicia quere manifestar a súa valoración positiva sobre o texto proxectado polos importantes obxectivos que trata de cubrir (art. 1º).

Non obstante, habería que manifestar que para algúns sectores o feito do tamaño empresarial pode supor unha importante traba ou obstáculo para que se podan solicitar estes incentivos, que terían que demandarse a través da forma da agrupación,  e con respecto a esta posibilidade non se concretan na Orde proxectada as distintas responsabilidades que asumirían as empresas beneficiarias da formación en relación á empresa que asuma a condición de representante da agrupación, pois do contrario as importantes responsabilidades que podería asumir esta última desincentivaría a solicitude das axudas.

Por outra parte, habería que establecer o carácter excepcional da axuda no texto da exposición de motivos desta, debendo permitir que en futuras convocatorias, sen poñer en dúbida en ningún caso a posibilidade de solicitude polas empresas e as agrupacións destas, se poda incluír no concepto de entidades beneficiarias tamén ás asociacións empresariais.
Segunda.-
Proponse unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo (exposición de motivos, artigo 1º, 5º, 6º, 9º, entre outros) e na denominación dos cargos públicos citados nos artigos 4º.1, 11º.2,15º.6, 18º.2, 19º e nas disposicións adicional 4ª e final 1ª), que debe ser neutra.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Exposición de motivos
Na Exposición de motivos cando se relacionan as distintas normas que fundamentan esta orde, deberían mencionarse tamén o Decreto 1172009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Debería citarse tamén a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en Igualdade das mulleres de Galicia.

Segunda.- Exposición de motivos.

No último parágrafo menciónase a consulta realizada á Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

A CEG manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.
Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, consideramos que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar que foi consultado este organismo.

Terceira.- Artigo 6. Selección de alumnado.
No parágrafo 4, onde di “inferior ao 50% do número programado”, debe dicir “superior ao 50% do número programado.

Cuarta.- Artigo 7. Dereitos e deberes do alumnado.
No punto 1. debe substituírse a expresión “a formación será gratuíta” por “a formación non terá custo económico ningún”.

Quinta.- Artigo 10. Entidades solicitantes.

Nos arts. 10º.2 e 16º.1 establécese unha preferencia para as empresas que non teñan aprobado ningún ERE ao abeiro do estipulado no artigo 47 do ET nos últimos seis meses desde a publicación da Orde.

É contraditorio co obxectivo pretendido pola propia convocatoria que da preferencia a aqueles sectores afectados pola situación de crise económica, feito que nalgúns casos pode conlevar que a empresa teña solicitado o ERE polas causas establecidas no art. 47 do Estatuto dos Traballadores. Polo tanto, propoñemos  eliminar esta preferencia negativa, e subsidiariamente de non aceptarse esta proposta limitar o prazo a un mes.

Sexta.- Artigo 18. Módulos económicos máximos.
No seu punto 4 debería engadirse ao final a expresión seguinte: “...ou requiran equipamento especializado de custo elevado”.

Sétima.- Artigo 21. Pagamento e liquidación das subvencións
No seu punto 6. a) establécese o aboamento de ata o 65 % do total do orzamento en concepto de anticipo. Proponse que esta cantidade anticipada se incremente ata o 75%.

Oitava.- Artigo 23. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
No apartado cuarto establécese que: ...”as entidades beneficiarias do programa regulado nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez...”. Consideramos que debería engadirse a continuación: “... total ou parcialmente”, consonte coa redacción propia da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

No apartado 11, debería engadirse ao final do mesmo as fórmulas matemáticas de cálculo dos dous rateos.

Novena.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4.b) contémplase que dentro do primeiro cuarto do curso débese enviar copia da póliza de seguros. Abondaría con enviar a póliza de todo o plan e non cada acción formativa concreta, no caso de que se subscriba dese xeito.
No punto 5. cando sinala a comunicación á Dirección xeral de Formación e Colocación, debería especificarse que esta comunicación se faga en formato dixital.

No punto 11. debería de suprimirse a expresión “...a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele porque os alumnos reciban o mesmo número de horas.