ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL E DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de xaneiro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas, como socios e socias traballadores/as ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio. Así mesmo, preténdese mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto último de manter o seu emprego.

Os programas de promoción do cooperativismo establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa a súa constitución formal, fomentándose, especificamente, o acceso á condición de socios e socias traballadores/as para incentivar a plena integración na empresa cooperativa e establecéndose axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 29 de maio de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 29 de febreiro de 2008 (Ditame 12/08), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Introdúcese un programa especifico de fomento da prevención de riscos laborais no cooperativismo (programa VII). Así mesmo, poténcianse singularmente os procesos de asesoramento e acompañamento das novas iniciativas e do seu acceso aos fondos de garantía e adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións, así como un programa especifico de apoio ás cooperativas que prestan servizos de natureza social e á comunidade. Este último programa (VI) ampliou a súa cobertura, incluíndo como posible beneficiarias ás entidades que operan no ámbito da protección medioambiental e do tempo libre.

As principais novidades do articulado deste proxecto veñen referidas ao novo programa (VII): establécese que a competencia para resolver as solicitudes de axudas deste programa compételle ao conselleiro de Traballo (artigo 4º); o prazo de presentación de solicitudes rematará aos corenta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG (artigo 5º); o órgano instrutor dos expedientes é o Servizo de Cooperativas e Economía Social da Dirección xeral de Relacións Laborais (artigo 6º); a concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nun prazo de seis meses a contar desde o último día previsto para a presentación de solicitudes (artigo 7º).

Base Sexta. Programa VI: Apoio ás cooperativas que prestan servizos de natureza social e á comunidade.

Este programa modifica o ámbito dos beneficiarios ampliándose as cooperativas de calquera clase que realicen as súas actividades no área dos servizos sociais, da integración social, da protección medioambiental e do tempo libre, debidamente inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia e que realicen as actividades obxecto deste programa durante o ano 2009.

Base Sétima. Programa VII: Fomento da prevención de riscos laborais no cooperativismo.

Este novo programa ten como finalidade apoiar o desenvolvemento de actividades para o fomento da cultura preventiva no ámbito do cooperativismo e para a mellora da seguridade e saúde laboral dos socios e traballadores vinculados ás cooperativas, subvencionando os gastos necesarios para a súa realización.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades cooperativas, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros de cooperativas dependentes da Xunta de Galicia, que realicen as devanditas actividades desde o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro do ano 2009.

A contía das axudas previstas neste programa non poderá superar os gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 5.000 euros por beneficiaria. Se a beneficiaria é unha cooperativa de segundo grao ou algunha outra forma de colaboración económica, esta contía poderá ascender a un máximo de 12.000 euros.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, catorce artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras e un anexo coas bases reguladoras de cada un dos sete programas de axudas.

O día 9 de febreiro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e trece específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, unha, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I)  e outra manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia.



DITAME 7/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xaneiro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera necesario que se recolla no proxecto normativo, en relación aos Programas V e VII, o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro Xeral de Subvencións, que di literalmente: “as persoas membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte do plan de formación en nome e por conta desta terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias”.

Segunda.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.

Terceira

Aínda que se observa un esforzo na correcta redacción do proxecto, figuran no texto diversos erros (por exemplo: “salvo” en lugar de “agás”, “entorno” en lugar de contorno, “termo” en vez de “término”, etc.), polo que este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega.

Cuarta

Este Comité considera positiva a inclusión do novo programa de Fomento da prevención de riscos laborais no cooperativismo (Programa VII).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira. Exposición de motivos.

No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.
Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda. Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3. deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 2º. Persoas e entidades beneficiarias.

O apartado 1, letra d), deste artigo establece que poderán acollerse ás subvencións reguladas nesta orde as persoas desempregadas.

Este Comité considera que se debería flexibilizar o concepto de persoas desempregadas, incorporando tamén como beneficiarias a aquelas persoas que teñan unha xornada inferior á habitual no sector da actividade na que traballan e figuren de alta no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de mellora de emprego, dado que poden existir persoas que queren crear a súa propia empresa de economía social pero non teñen os apoios necesarios.

En todo caso, propoñemos establecer unha orde de prioridade na que as persoas desempregadas serían o colectivo prioritario, seguido deste último.

Cuarta. Artigo 4º. Competencia.

Este Comité non entende a distribución de competencias entre os distintos programas e o motivo polo que non se seguiu un criterio territorial ou xerárquico.

Quinta. Artigo 5º. Solicitudes, prazo e documentación.

Este Comité considera que os prazos establecidos neste artigo 5º deberían ser comúns a todos os programas regulados no proxecto normativo.

Sexta. Artigo 7º.- Resolución e recursos.

O apartado 7 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Ademais do recurso previo de reposición, previsto no apartado 8 deste artigo, este Comité considera que as resolucións ditadas polos delegados/as provinciais ou pola Dirección Xeral de Relacións Laborais non deberían esgotar a vía administrativa, para posibilitar a interposición de recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo.


Sétima.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

Obsérvase un erro na redacción do apartado 1: “....comisión de avaliación que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras será informado  órgano instrutor.”

Así mesmo, no apartado 3 deste artigo, establécese que aquelas solicitudes  sobre as que non se formulase proposta de resolución na primeira fase de concesión, non se considerarán expresamente desestimadas e poderán ser obxecto de ulterior avaliación na seguinte fase.

Este Comité, co obxecto de evitar inseguridade xurídica, propón que se engada o seguinte: “previa notificación expresa deste extremo ás persoas solicitantes”.

Oitava.- Artigo 9º. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia.

Na redacción deste artigo, ao igual que no artigo 11º e no apartado 5.2.a) da Base segunda, utilízase a expresión “...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Novena.- Artigo 10º. Obrigas dos/as beneficiarios/as.

O apartado f) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, de ser o caso, cofinanciadas  polo Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Décima. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Décimo primeira.- Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

Este Comité observa un erro no apartado 2.1, letra j), desta base primeira, xa que se alude a “cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP”, cando debería dicir “cursos de formación profesional para o emprego”.

Neste apartado 2.1. aparecen as letras j. e k. Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.). Pola contra, non figura a letra ñ) cando esta letra é propia do alfabeto galego.


Igualmente neste mesmo apartado 2.1. l) parece que se queren establecer dous períodos para considerar unha persoa desempregada como de longa duración. Este Comité propón que se suprima o último inciso, xa que as persoas menores de 25 anos están expresamente citadas na letra a).

Décimo segunda.- Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

No apartado 4. g) desta base, así como no apartado 7.g) da Base segunda, menciónase como criterio de avaliación a contribución á mellora do ambiente.

Este Comité considera que é mais adecuado dicir mellora medioambiental.

Décimo terceira.- Base Segunda.- Programa II: Mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais.

Este Comité observa que falta o artigo no comezo do texto do apartado 5.2.a) desta base. Debe dicir: “O vendedor ou a vendedora ...”.











ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

O apartado 2.1.o) refírese, dentro dos colectivos beneficiarios, a traballadores e traballadoras desempregados/as por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos Traballadores...

A Confederación de Empresarios de Galicia non comprende o motivo de non incluír nesta letra o apartado a) do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores (ineptitude anterior descoñecida).











ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 10º. Obrigas dos/as beneficiarios/as.

Na letra c) deste artigo establécese que as cooperativas e sociedades laborais beneficiarias de estas axudas están obrigadas a manter á persoa que pola que se concede a subvención, como socio ou socia traballador/a ou de traballo, polo menos durante tres anos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, Confederación Intersindical Galega e SN. de CC.OO. de Galicia consideran que o prazo de tres anos, referido no artigo, debería ampliarse ata cinco, en coherencia co manifestado en ditames anteriores en relación ás axudas á contratación.