ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O PROCEDEMENTO PARA A ACREDITACIÓN DAS ENTIDADES FORMATIVAS PARA A IMPARTICIÓN DO CURSO DE COORDINADOR/A EN MATERIA DE SEGURIDADE E SAÚDE NAS OBRAS DE CONSTRUCIÓN.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de febreiro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Establécense os obxectivos operativos ou estratéxicos que pretenden abordar os problemas descritos cos instrumentos con que conta actualmente a Administración e con aqueloutros que como consecuencia do propio plan teñan que achegarse. Cada un dos obxectivos estratéxicos desenvólvense nunha serie de actuacións e programas específicos para levar a cabo no período de referencia do plan, é dicir, ata o ano 2010.

Así, no obxectivo estratéxico 8 (Desenvolvemento de accións de control integrado. Cooperación institucional), na súa acción 1 (Plan galego formativo integral) inclúese a necesidade de analizar, coordinar, integrar e desenvolver “Formación específica de coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción, de acordo cun programa unitario”.

O Real decreto 162/1997, do 24 de outubro, que establece disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, introduce e regula no seu capítulo II a figura do coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante as fases de proxecto e execución de obras. O/a coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a elaboración do proxecto de obra é a persoa técnica competente designada polo promotor/a para coordinar, durante esta fase, a aplicación dos principios xerais da prevención. O/a coordinador/a en materia de seguridade e de saúde durante a execución da obra é a persoa técnica competente integrada na dirección facultativa, designada polo promotor/a para levar a cabo as tarefas definidas na normativa de referencia.

O obxecto deste regulamento é o establecemento dos requisitos mínimos que deben cumprir as entidades públicas e privadas interesadas en colaborador coa  Consellería de Traballo para a impartición do curso “Coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción”, coa finalidade de garantir a calidade dos medios materiais e docentes que se destinen á cualificación dos/as profesionais que actúen como coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción así como para promocionar a súa formación na materia.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Esta Orde ten por obxecto establecer o procedemento que se deberá seguir para obter a acreditación como entidade formativa para a impartición do referido curso en centros acreditados pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo (artigo 1º).

Poderán solicitar esta acreditación as persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que desexen colaborar na impartición deste curso, sempre que cumpran os requisitos establecidos nesta orde (artigo 2º). Estes requisitos son de dous tipos: de carácter xeral (condicións hixiénicas, de habitabilidade, licenza municipal de apertura, etc) e específicos (aulas de clases teorico-prácticas, equipo e material e profesorado).

O prazo de presentación das solicitudes quedará aberto permanentemente dende a data de entrada en vigor da orde. Ás ditas solicitudes deberá acompañarse dous tipos de documentación: de carácter xeral (memoria identificativa do centro, CIF, planos dos inmobles e instalacións, etc) e específica para o curso (programa detallado e equipamento) (artigo 3º).

A tramitación das solicitudes levarana a cabo a Dirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo (artigo 4º) e a resolución deberá producirse no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da recepción das solicitudes nos servizos centrais da Consellería de Traballo, considerándose positivo o silencio administrativo (artigo 5º).
A acreditación para a impartición deste curso implicará a inclusión da entidade no Censo de entidades formativas acreditadas pola Consellería de Traballo (artigo 6º), debendo seguir as entidades beneficiarias na impartición do curso o procedemento administrativo establecido nesta orde (artigo 7º).

Finalmente, esta orde tamén establece o procedemento que posibilita a validación das accións formativas impartidas con anterioridade á publicación do Decreto 153/2008 ás entidades que as desexen validar (artigo 10º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción” consta de: Exposición de motivos, dez artigos e dúas disposicións derradeiras.


O día 16 de febreiro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, tres consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas, unha, polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I); outra, polas organizacións sindicais CIG e SN de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II) e a terceira polo sindicato UGT-Galicia (Anexo III).



DITAME 8/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de febreiro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de febreiro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.

Segunda

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de motivos.

Este Comité considera que existen dous erros na redacción da Exposición de motivos. No quinto parágrafo indícase que o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia desenvólvese no 2007-2010, sendo o correcto 2006-2010.

Por outra banda, no oitavo parágrafo indícase o Real Decreto 162/1997, do 24 de outubro, sendo o correcto Real Decreto 1627/1997, do 24 de outubro.

Segunda. Artigo 2º.- Requisitos.

No apartado 2.a) sobre requisitos específicos, referido ás aulas de clases teorico-prácticas, establécese que as aulas deberán contar cunha superficie mínima de 40 m2. Este Comité considera que a superficie mínima debera ser de 30 m2, tal como se establece noutras ordes de formación.

Polo que se refire ao apartado 2.b), referido ao equipo e material, este Comité considera que a mención aos exemplares de documentos normativos establecida no segundo ítem do epígrafe b.1 (equipo) debería establecerse no epígrafe b.2 (material didáctico), propoñéndose que en lugar de relacionar as normas concretas figure “exemplares de documentos coa normativa aplicable ao obxecto do curso”.

Con respecto ao apartado 2.c), referido ao profesorado, cando se refire á experiencia como Técnico de seguridade, este Comité considera que se debería esixir experiencia acreditada de 12 meses.

Terceira. Artigo 3º.- Solicitudes.

No apartado 4.1.c) deste artigo establécese que debe presentarse coa solicitude “Documentación acreditativa da representatividade suficiente para a sinatura da solicitude...”. Este Comité considera que se debería substituír “representatividade suficiente” por “capacidade legal suficiente”.

Así mesmo, no apartado d) deberíase engadir ao final do mesmo a expresión “de ser o caso”.

Cuarta. Artigo 5º.- Resolución.

No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo máximo de resolución dos expedientes é de seis meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da solicitude nos servizos centrais da Consellería de Traballo. Este Comité considera este un prazo excesivo, polo que se propón que sexa de tres meses.

Igualmente, neste apartado se indica que transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa “poderase entender que esta é estimatoria”. Este Comité considera que dado que neste caso o silencio administrativo ten carácter positivo deberían substituírse os termos “poderase entender” por “entenderase”, para garantizar a seguridade xurídica.

Quinta. Artigo 6º.- Censo de entidades formativas acreditadas.

Este Comité considera que deberíase engadir un novo apartado (3) establecendo que a Consellería de Traballo publicará e manterá actualizada na súa páxina web (www.traballo.xunta.es) unha relación das entidades formativas acreditadas para realizar os cursos.



Sexta. Artigo 7º.- Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.

No apartado 1 deste artigo, parágrafo primeiro, establécese que a comunicación do inicio do curso deberá ir acompañada do cronograma deste.

Este Comité propón que en lugar do cronograma se acompañe unha programación do curso.

Así mesmo, ao final deste parágrafo, figura a expresión “entre outros”, que consideramos non é adecuada, propoñéndose que se elimine.


Sétima. Artigo 7º.- Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.

No apartado 2 deste artigo establécese que deberá remitirse a relación do alumnado que inicia a formación, non podéndose producir novas altas, sendo obrigado comunicar calquera baixa de alumnos/as.

Este Comité propón que esixa tamén a relación do alumnado suplente e que se permita cubrir con este as baixas producidas nas 20 primeiras horas desde o inicio do curso.




Oitava. Artigo 7º.- Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.

No apartado 3 deste artigo esíxese á entidade a remisión de fotocopias compulsadas dos títulos universitarios e do DNI posteriormente á comunicación do listado de alumnado e o mais axiña posible.

Este Comité propón que en lugar de fotocopias compulsadas, figure orixinais ou copias cotexadas, e eliminar a expresión “o mais axiña posible”  por ser un concepto xurídico indeterminado, suxirindo que se estableza o prazo de cinco días a partir da comunicación do listado de alumnado.

Novena. Artigo 8º.- Obrigas das entidades formativas acreditadas.

Obsérvase un erro na numeración deste artigo, xa que se repite o artigo 7º cando debe ser o 8º.

No apartado 4 deste artigo figura a obriga de non facer constar na publicidade dos seus cursos privados a súa condición de entidade formativa acreditada.

Este Comité considera que debe suprimirse este apartado e facer constar a referida obriga no apartado anterior do seguinte xeito:
“3. Facer constar na súa publicidade a condición de entidade formativa acreditada ......... e non usar tal condición cando se trate de cursos doutra natureza impartidos pola entidade formativa”.

Décima. Artigo 9º. Revogación da condición de entidade formativa acreditada.

No apartado 2 deste artigo establécese que se pode interpor recurso de alzada contra as resolucións de revogacións previstas neste artigo e no anterior.

Este Comité considera que se debe suprimir “e no anterior”, posto que o artigo 8º non di nada ao respecto da revogación.

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.









ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA, SN. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 7º.- Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.

No apartado 1 deste artigo establécese que a data prevista de inicio de cada curso deberase comunicar por escrito cun prazo mínimo de 15 días previos ao inicio do mesmo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia propoñen que ese prazo mínimo sexa de 7 días.










ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR CIG, SN. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 7º.- Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.

No apartado 1 deste artigo, parágrafo primeiro, establécese que a comunicación do inicio do curso deberá ir acompañada de todos os datos necesarios para o efectivo seguimento da actividade formativa, citando o lugar de realización, o horario e o lugar das titorías.

As organizacións sindicais CIG e SN. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia propoñen que se acompañe tamén un curriculum vitae da persoa ou persoas docentes encargadas da impartición do curso.








ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA:

Artigo 3º.- Solicitudes.

No apartado 4.1 deste artigo esíxese con carácter xeral unha serie de documentación, entre a que figura planos oficiais dos inmobles e instalacións (apartado e), memoria de inmobles e instalacións (apartado f), xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo (apartado g) e licencia municipal de apertura (apartado h).

A organización UGT-Galicia considera que nos locais de patrimonio sindical acumulado estes requisitos son de difícil cumprimento, polo que propón que, nestes casos, se substitúa a documentación esixida por unha certificación da persoa representante legal da entidade.

Igual consideración se fai respecto dos requisitos de carácter xeral que establece o artigo 2º. b) sobre a licenza municipal de apertura.