ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONSTITÚEN OS PACTOS TERRITORIAIS DE EMPREGO DA CORUÑA, DE SANTIAGO, DE PONTEVEDRA E DE VIGO E SE ADSCRIBEN OS CONCELLOS DE MONFERO E CALVOS DE RANDÍN AOS PACTOS TERRITORIAIS DE FERROL E LIMIA-VERÍN RESPECTIVAMENTE.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de marzo de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais proxecto de orde polo que se constitúen os Pactos Territoriais de Emprego da Coruña, de Santiago, de Pontevedra e de Vigo e se adscriben os concellos de Monfero e Calvos de Randín aos Pactos Territoriais de Ferrol e Limia-Verín respectivamente, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Os Pactos Territoriais de Emprego supoñen esencialmente un incremento e unha planificación e xestión coordinada dos recursos públicos que se destinan ao emprego nunha zona.

O Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados Pactos territoriais de emprego configura a estes como órganos de carácter colexiado, de participación institucional e de concertación entre os seus integrantes, para a xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego no ámbito territorial do pacto e adscritos ao departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego.

O obxecto do proxecto de orde que se somete a ditame é a creación de catro pactos territoriais, ao abeiro do disposto no artigo 3 do citado decreto, que faculta ao titular do departamento con competencias en materia de traballo dispoñer mediante orde a creación dos pactos territoriais.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde polo que se constitúen os Pactos Territoriais de Emprego da Coruña, de Santiago, de Pontevedra e de Vigo e se adscriben os concellos de Monfero e Calvos de Randín aos Pactos Territoriais de Ferrol e Limia-Verín respectivamente” consta de: Exposición de motivos, dous artigos e dúas disposicións derradeiras.  
O día 18 de marzo de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e dúas específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.





DITAME 9/09




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde polo que se constitúen os Pactos Territoriais de Emprego da Coruña, de Santiago, de Pontevedra e de Vigo e se adscriben os concellos de Monfero e Calvos de Randín aos Pactos Territoriais de Ferrol e Limia-Verín respectivamente, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de marzo de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de marzo de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de motivos.

Este Comité considera que debería mencionarse a Orde do 3 de xuño de 2008 pola que se constitúen os Pactos Territoriais de Emprego do Barbanza, Ferrol, da Mariña, de Lemos, de Ourense, da Limia-Verín e do Deza-Tabeirós.

Segunda.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.