ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN E CONVOCAN PARA O ANO 2009 AXUDAS DESTINADAS A COMPLETAR O DESEMPREGO DE PERSOAS TRABALLADORAS, DE EMPRESAS EN CRISE DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA, AFECTADAS POR EXPEDIENTES DE REGULACIÓN DE EMPREGO DE SUSPENSIÓN.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de marzo de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais proxecto de orde pola que se regulan e convocan para o ano 2009 axudas destinadas a completar o desemprego de persoas traballadoras, de empresas en crise da Comunidade Autónoma de Galicia, afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A caída da demanda interna estase a sentir con maior intensidade nalgúns sectores de actividade económica, producindo unha especial incidencia nos seus traballadores e traballadoras.

Co obxectivo de que esta situación non teña efectos perversos para os traballadores e traballadoras, proponse o establecemento dunha serie de axudas encamiñadas a facilitar unha cobertura económica mínima ás persoas traballadoras das empresas que pertenzan de sectores en crise, ou que atravesen unha situación de crise, afectadas por procesos de suspensión dos seus contratos.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Esta Orde ten por obxecto establecer axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras procedentes de empresas que se vexan afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión, resoltos durante 2009, motivados pola actual situación de crise (artigo 1º).

Estas axudas se concretan en subvencións a fondo perdido, a cada un dos traballadores e traballadoras incluídos nos expedientes de suspensión de contratos, nun 13% do salario efectivamente percibido, para complementar os importes das prestacións por desemprego (artigo 2º). As empresas ás que pertenzan as persoas traballadoras suxeitas a ERE de suspensión deberán ter acreditado suficientemente a existencia dunha situación de crise motivada pola actual conxuntura económica (artigo 4º).

O importe previsto para a concesión destas axudas é de 25.000.000 € (artigo 5º).

Poderán solicitar estas axudas aquelas traballadoras e traballadores que reúnan os requisitos establecidos, que estean afectados por ERE de suspensión dos seus contratos de traballo, autorizados desde o 1 de xaneiro de 2009 e que rematen a súa suspensión, como data límite, o 15 de outubro de 2009. Neste caso o prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte do último día de suspensión de contratos que figure na cronoloxía do ERE aprobado e rematará un mes despois.

Para os ERE autorizados con anterioridade á data de publicación desta orde, e que xa remataran os seus períodos de suspensión, o prazo de presentación das solicitudes iniciarase ao día seguinte da publicación desta orde no DOG e rematará un mes despois.

A data límite será, en todo caso, o 1 de novembro de 2009 (artigo 6º).

A presentación de solicitudes poderán ser tramitadas a través da empresa que solicitou o ERE de suspensión, debendo ser acompañadas pola documentación solicitada nesta orde (artigo 8º). A axuda concedida está destinada a complementar a prestación por desemprego que perciban os solicitantes durante o período de suspensión dos seus contratos de traballo, por un importe máximo do 13% do salario efectivamente percibido, mentres dure a situación de suspensión deste, calculado sobre promedio efectivo dos salarios netos dos tres meses anteriores á suspensión do contrato (artigo 9º).

O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo (artigo 10º), mentres que a competencia para coñecer e resolver as solicitudes corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais por delegación do/a conselleiro/a de Traballo (artigo 11º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan e convocan para o ano 2009 axudas destinadas a completar o desemprego de persoas traballadoras, de empresas en crise da Comunidade Autónoma de Galicia, afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 18 de marzo de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola CEG (Anexo I); unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e CIG (Anexo II); unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola CIG (Anexo III); unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola CIG (Anexo IV); tres consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas por UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo V); unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada por UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CEG (Anexo VI) e cinco consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo VII).




DITAME 10/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan e convocan para o ano 2009 axudas destinadas a completar o desemprego de persoas traballadoras, de empresas en crise da Comunidade Autónoma de Galicia, afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de marzo de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de marzo de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira

Este Comité considera que, tendo en conta que o obxecto da subvención é compensar a perda de poder adquisitivo que sofren os/as traballadores/as como consecuencia da suspensión do contrato de traballo, a concesión das axudas deberíase facer efectiva no momento da suspensión, ao tempo que os/as traballadores/as percibisen a prestación por desemprego. En consecuencia, os prazos recollidos no artigo 6º deberían axustarse a ese criterio.

Segunda

Este Comité manifesta a súa preocupación acerca da suficiencia dos recursos da orde para o financiamento das axudas, entendendo que por parte da Administración debería garantirse que todas as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos recibirán a axuda.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 2º. Contido.

Establece este artigo un complemento do: “13% do salario efectivamente percibido”. Considérase que o complemento do 13% debería establecerse sobre a base reguladora da prestación por desemprego en lugar de sobre o salario efectivamente percibido. A mesma consideración pódese aplicar aos artigos 8º.2.6 e 9º.

Segunda. Artigo 3º. Requisitos das empresas.

Na letra a) refírese á “sede social ou establecemento de produción”. Este Comité considera que o determinante de cara a esta orde debería ser tan só que o establecemento de produción ou centro de traballo se atope na Comunidade Autónoma de Galicia. O requisito da sede social de cara á percepción deste complemento debería suprimirse.

Terceira. Artigo 8º. Presentación de solicitudes e documentación.

No quinto parágrafo recóllese a posibilidade de consultar esta orde e obter os impresos necesarios na páxina web da Consellería de Traballo. Debería figurar dun xeito específico a dirección da mencionada páxina web.

Respecto da documentación a achegar, recóllese a referencia a unha documentación que figura en anexos. Este Comité non pode valorar os referidos anexos por non telos recibido.

Finalmente, faise referencia a un impreso normalizado de solicitude. No seu caso, cando sexa posible, enténdese que sería máis atinado que o mesmo se incorporase ao modelo oficial mediante o que a empresa solicita a aprobación do ERE de suspensión, para que deste xeito a presentación sexa conxunta.

Cuarta. Artigo 9º. Importe das axudas.

Obsérvase unha deficiente numeración dos distintos parágrafos, comezando esta a partir do terceiro parágrafo. Debería ordenarse dun xeito máis preciso.

No primeiro parágrafo indícase que “... o importe total das axudas percibidas non poderán superar o custo da actividade subvencionada”. Este Comité considera que nesta orde resulta improcedente o inciso “custo da actividade subvencionada”, polo que debería suprimirse.


ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Con carácter xeral, a CEG valora positivamente o alcance e a oportunidade desta medida, sempre que contemple a non necesidade do complemento empresarial sobre as prestacións de desemprego, e dada a actual situación de crise económica que está a provocar que moitas empresas se vexan abocadas á tramitación de expedientes de regulación de emprego suspensivos como consecuencia da grave dificultade económica pola qu están a atravesar.

A CEG considera que as axudas para completar as prestacións de desemprego dos traballadores, deberían aplicarse independentemente de que as empresas NON PUIDESEN completar as prestacións, motivo polo que deberían eliminarse as mencións ao devandito complemento do texto do proxecto de orde.

Trátase dunhas axudas cuxos beneficiarios son os traballadores da empresa e que non deben condicionarse á existencia previa dese complemento, sen prexuízo de que exista a posibilidade de negocialo, voluntariamente pola empresa, no marco da negociación de cada ERE concreto.

ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR CIG, SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:


As organizacións sindicais que integran este Comité entenden que é imprescindible poñer un tope na percepción da axuda, garantindo así o carácter solidario da mesma








ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

Esta organización sindical expresa a súa dúbida respecto se o rango normativo deste proxecto é o axeitado, por canto trátase dunha prestación pública aínda que esta sexa de carácter transitorio.



ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

Exposición de motivos.

Esta organización sindical considera que deberíase recoller o baseamento xurídico-competencial que habilita a promulgación deste norma.


ANEXO V


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG:

Primeira. Artigo 3º. Requisitos das empresas

As organizacións sindicais do Consello consideran que no apartado c) deste artigo deberíase engadir “que en todo caso, non suporá unha cantidade inferior ao 7% da base reguladora da prestación por desemprego de cada traballador ou traballadora”.

Segunda. Artigo 9º. Importe das axudas.

No punto 1. deste artigo consideramos que debería establecerse un tope máximo por persoa e mes de 325€, importe equivalente ao 13% dunha base reguladora de 2.500€.

Terceira. Artigo 10º. Instrución.

No final do punto 4 deste artigo establece que “... segundo o acordado cos seus traballadores e traballadoras, no prazo máis breve posible”. Este frase produce indeterminacións xurídica polo que consideramos que deberíase concretar un prazo.

ANEXO VI


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CEG:


Artigo 7º. Persoas beneficiarias.

Estas organizacións consideran que deberíase exceptuar da prohibición de obtención da axuda a aquelas persoas afectadas polo artigo 10.2.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se refire ao concurso de acredores.


ANEXO VII


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG:


Primeira. Artigo 3º. Requisitos das empresas.

Solicitamos a supresión do apartado c) deste artigo xa que consideramos que a subvención por parte da administración debe outorgarse independentemente de que haxa achega por parte da empresa.

Segunda. Artigo 8º. Presentación de solicitudes e documentación.

Neste artigo menciónase a posibilidade de que as solicitudes poidan ser tramitadas a través da empresa que solicitou o ERE de suspensión.

En todo caso, debería aclararse que a función da empresa se limitaría no seu caso á mera recepción e entrega das solicitudes xa cubertas, xa que coa actual redacción parece que se lle está a atribuír ao empresario unha obriga que carece de sentido, ao non se o beneficiario da axuda; ademais, non esquezamos que a realización de trámites leva implícito un custo que parece inxusto que teñan que asumir as empresas, e é por iso que deberá ser o traballador, ao ser o beneficiario da axuda, o que se ocupe da súa tramitación.

Terceira. Artigo 9º. Importe das axudas.

No apartado 1.4 deste artigo, e en relación co manifestado no artigo 3º.c), propoñemos eliminar a mención á achega empresarial, xa que a axuda da Administración debe considerarse independente desta.

Cuarta. Artigo 10º. Instrución.

A CEG considera que deberíase eliminar a expresión “... no prazo máis breve posible”, que aparece ao final do punto 4 deste artigo.

Quinta. Artigo 12º. Ordenación do pagamento e xustificación dos gastos.

Por razóns de coherencia, propoñemos a supresión do segundo parágrafo deste artigo, polas razóns xa expostas anteriormente.