ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE MODIFICAN E REFUNDEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DAS SUBVENCIÓNS A PEMES, PARA O IMPULSO DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL, NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de marzo de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Pemes, para o impulso de actuacións en materia de responsabilidade social empresarial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o exercicio 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A responsabilidade social das empresas (RSE) é un concepto segundo o cal as empresas deciden voluntariamente contribuír á consecución dunha sociedade mellor e un ambiente máis limpo, a través da integración voluntaria no seu goberno e xestión, nas súas estratexias políticas e procedementos, das preocupacións sociais, laborais, ambientais e de respecto aos dereitos humanos que xorden da relación e o diálogo transparentes cos seus grupos de interese, responsabilizándose así das consecuencias e impactos que derivan das súas accións.

Segundo a exposición de motivos da norma, á vista da actual situación económica, resulta imprescindible centrar ás medidas de RSE na creación e mantemento do emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, motivo polo que este proxecto modifica as bases e refunde o seu contido coas publicadas no exercicio 2008 (Orde do 28 de xullo de 2008).

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 4 de agosto de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de xuño de 2008 (Ditame 29/08), obsérvase que se tiveron en conta as consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:
Esta orde ten por obxecto modificar e refundir as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao impulso de actuacións de fomento, difusión e sensibilización no ámbito da responsabilidade social empresarial, así como para a incorporación de plans e medidas de responsabilidade social da empresa que promovan a estabilidade no emprego e a reinserción laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o financiamento dos gastos que as pequenas e medianas empresas (Pemes) galegas leven a cabo neste eido durante o ano 2009 (artigo 1º).

As actuacións subvencionables desagréganse en dúas liñas de actuación (artigo 4º), a diferenza da convocatoria do 2008 que tiña tres liñas de actuación:
Liña I: Actividades para o fomento, difusión e sensibilización, da responsabilidade social da empresa tanto de xeito interno coma externo.
Liña II: Actividades para incorporar plans e medidas de responsabilidade social da empresa que promovan o emprego estable e a reinserción laboral, ante situacións que así o demanden.
A contía das axudas non poderá superar o 60% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 3.000 ou 8.000 euros por beneficiaria, segundo a liña de que se trate (artigo 5º). Polo que respecta á Liña II se a actividade se desenvolve mediante a contratación de persoal cualificado a contía da axuda consistirá no 100% dos gastos necesarios, ata o límite de 10.000 euros por beneficiaria.
O prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da norma no DOG (artigo 7º). Á solicitude acompañarase documentación xenérica e documentación específica para cada unha das liñas de actuación.

Neste proxecto introdúcese como novidade nos criterios de avaliación a taxa de estabilidade do cadro de persoal no doce meses anteriores a solicitude, e dicir, a porcentaxe de traballadores fixos sobre o total do cadro de persoal, sempre que esta sexa superior ao 50%, cunha puntuación máxima de 15 puntos (artigo 10º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Pemes, para o impulso de actuacións en materia de responsabilidade social empresarial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o exercicio 2009” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 25 de marzo de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I); unha consideración xeral e tres consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II); e unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola organización sindical SN. de CC.OO. de Galicia (anexo III).





DITAME 11/09






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Pemes, para o impulso de actuacións en materia de responsabilidade social empresarial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o exercicio 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de marzo de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de marzo de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento e normativa reguladora.
Este Comité advirte da existencia dun erro neste artigo por canto no terceiro parágrafo refírese á Lei 30/1995, do 26 de novembro e a denominacion correcta é Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Segunda.- Artigo 3º. Beneficiarias.
O requisito que se sinala no primeiro parágrafo “empresas con domicilio social ou centro de traballo na C. A. de Galicia” podería abeirar a unha empresa con domicilio social en Galicia, pero co centro de traballo ubicado noutra comunidade autónoma.

Este Comité suxire que se esixan os dous requisitos, cambiando a ese efecto da frase a conxunción disxuntiva “ou” pola conxunción copulativa “e”.

Terceira.- Artigo 4º. Actuacións e gastos subvencionables.

Este Comité considera que no título da Liña I deberíase facer referencia á formación dado que aparece recollida como un dos gastos subvencionables. Así o título da Liña I podería ser “Actividades para a formación, fomento, difusión e sensibilización da responsabilidade social da empresa tanto de xeito interno coma externo”.


Cuarta. - Artigo 7º. Solicitudes, prazo e documentación.

O apartado 3 deste artigo sinala como modelos de solicitude e documentación a presentar os establecidos nos anexos I a IV do proxecto normativo.

Este Comité non pode ditaminar os referidos anexos posto que non foron remitidos a este organismo xunto co proxecto normativo.

Menciónase no primeiro ítem do apartado 3.1 deste artigo a aportación, entre a documentación xenérica, dunha “declaración xurada”. Este Comité propón substituir esta denominación, caída en desuso e que resulta contraditoria co carácter aconfesional do Estado, pola de “declaración responsable”.

Finalmente, este Comité entende que debería resolverse a contradición existente entre o último ítem deste apartado 3.1, e o que se sinala no artigo 10º, no criterio de avaliación 8º.

Quinta.- Artigo 13º. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia.

Menciónase erroneamente o termo “nacionais”, por canto estase a aludir ao ámbito do conxunto do Estado español. Este Comité suxire que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Sexta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.





ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:


As organizacións sindicais representadas no Consello consideran que, entre os requisitos para formalizar as peticións das subvencións, se debería engadir o da presentación do informe da representación legal  dos traballadores e das traballadoras na empresa.











ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que se estableza a posibilidade de subcontratación por encima do 50%, segundo permite a Lei de subvencións de Galicia.

Consideracións específicas.

Primeira. Artigo 5º. Contía das axudas.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se debería definir cales son os gastos necesarios aos que se refire este artigo. Así mesmo considera que si estes gastos necesarios correspondentes á Liña II son para a contratación de persoal cualificado, debería especificarse que cubren o 100% dos custos salariais totais, incluida a Seguridade Social.

Segunda. Artigo 10º. Criterios de avaliación.

O criterio terceiro está referido á “taxa de estabilidade do cadro de persoal nos doce meses anteriores á solicitude...., sempre que esta sexa superior ao 50%”. A CEG considera que debería suprimirse esta última frase dado que non ten en conta a taxa de estabilidade sectorial.

Terceira. Artigo 12º. Forma de pagamento e xustificación.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que se estableza no proxecto normativo a posibilidade de anticipos de ata un 65% da subvención e de pagamentos parciais de ata un 80%.


ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL SN. DE CC.OO. DE GALICIA:


O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia considera que a Responsabilidade Social das Empresas deberíase integrar de forma “obrigatoria” no goberno e xestión das empresas, nas súas estratexias políticas e procedementos das preocupacións sociais, laborais, ambientais e de respecto aos dereitos humanos e non de forma “voluntaria” como se establece neste proxecto de orde.