ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN, MODIFICAN E REFUNDEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DE AXUDAS EN MATERIA DE TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA E SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de marzo de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen, modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

En desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, a Consellería de Traballo publicou a Orde do 8 de setembro de 2008, pola que se establecían as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e, con posterioridade, mediante o Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego, desenvolvéronse as medidas de igualdade nas empresas de Galicia previstas no Título II da Lei 2/2007, motivo polo que se fai imprescindible publicar unhas novas bases reguladoras para as axudas referidas, modificando e refundindo as actuais para adaptalas a este novo decreto.

Polo tanto, esta orde ten por obxecto modificar e refundir as bases reguladoras da concesión das axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 15 de setembro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de xullo de 2008 (Ditame 39/08), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:
No artigo 2º do proxecto normativo establécese as actuacións e gastos subvencionables, no que se modifica a terceira liña de actuación dirixida a axudas para os investimentos realizados polas empresas co fin de habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación e instalacións análogas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Increméntase os importes asignados a cada liña de actuación con respecto aos establecidos no ano 2008: Liña I de 100.000 € a 756.054 €; Liña II de 250.000 € a 802.500 €; Liña III de 100.000 € a 222.500 € (artigo 4º).

O Capítulo IV ten unha nova redacción dado que está referido á nova Liña III sobre axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.

Con respecto á documentación que se ten que achegar coas solicitudes, este proxecto normativo presenta novidades, sobre todo a documentación específica referida á Liña I (artigo 15º).

Polo que se refire ao prazo de presentación de solicitudes (artigo 16º) establece que este é de 1 mes a contar desde a publicación da orde no DOG. Tamén indica que aquelas accións levadas a cabo polas empresas con posterioridade ao remate do mencionado prazo poderán ser obxecto de axuda no exercicio seguinte. Así mesmo, tamén se inclúen as accións levadas a cabo desde o 16 de outubro de 2008, remate do prazo de solicitudes da Orde do 8 de setembro de 2008.

Ademais, para as accións que supoñan unha continuidade e que poidan ser solicitadas durante varios exercicios, poderán solicitarse as axudas correspondentes ás mensualidades ou accións que, aínda iniciándose antes da data de remate de solicitudes, non puideron ser obxecto de xustificación por superaren o prazo habilitado para esta.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen, modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio 2009” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, vintesete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 25 de marzo de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:
• 1 consideración xeral e 6 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I)
• 1 consideración específica manifestada por UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo II)
• 1 consideración xeral e 1 específica manifestadas pola CIG (Anexo III)
• 1 consideración específica manifestada polo SN. de CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo IV)
• 1 consideración específica manifestada polo SN. de CC.OO. de Galicia e
• 1 consideración específica manifestada pola CEG (Anexo VI).




DITAME 12/09




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen, modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio de 2009, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de marzo de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de marzo de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
Este Comité reitera as consideracións feitas nos Ditames 27/06, 5/08, 14/08, 15/08 e 33/08, todos eles relativos á mesma materia e perfectamente aplicables á orde que se somete a ditame.
Segunda.-
Este Comité considera que no conxunto da orde debería preverse un réxime de incompatibilidades e compatibilidades coas outras axudas existentes á contratación de persoas traballadoras.
Terceira.-
No Capítulo III de proxecto normativo, relativo ás Axudas para actuacións tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes, este Comité considera que é preciso aumentar a porcentaxe considerada como infrarrepresentación feminina ata o 20%.

No Capítulo IV, relativo ás Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, pensamos que non pode compararse o custo da creación ou habilitación dunha sala de repouso ou lactación, coa habilitación de servizos de comedor e gardería, para o cal consideramos insuficiente a contía de 20.000 €.

Cuarta.-
Este Comité considera necesaria unha revisión de concordancia ortográfica completa do texto da orde.
Igualmente, consideramos importante non esquecer a normativa de escribir os textos oficiais cunha linguaxe non sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
Este artigo establece as liñas de actuación que son subvencionables, integrando a Iiña II as axudas para actuacións tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais predominantemente ocupados por homes.

Este Comité estima necesario que nesta liña se estableza un criterio que delimite as profesións ou eidos laborais que se consideran con infrarrepresentación feminina.

Segunda.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No último parágrafo deste artigo establécese que o número máximo de convocatorias nas que se poderán solicitar estas axudas será de oito, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade superase os oito anos.

Este Comité considera excesiva a cifra de 8 anos para o desenvolvemento dun Plan de Igualdade. Un Plan non debería superar os 4 anos entre a súa posta en marcha e a súa finalización, sen prexuizo de que algunha das medidas –por exemplo, aquelas que supoñan cambios arquitectónicos nas infraestruturas da empresa en cuestión- necesite dun abano algo máis amplo de tempo para o seu remate, pero nunca estendéndose máis aló de 6 anos.

Terceira.- Artigo 10º. Contía das axudas.
Este Comité considera que debería facerse un esforzo para incrementar o compromiso de contratación feminina esixido neste artigo, polo menos nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras. Tamén consideramos que o mínimo de contratación en cifras debería ser maior, tanto nas empresas de menos de 50 persoas traballadoras como nas de máis de 50.

Cuarta.- Artigo 15º. Solicitudes, prazo e documentación.
No apartado 2.1 “documentación xenérica”, esíxese no ítem 11, a presentación do balance e conta de perdas e ganancias da entidade solicitante. Este Comité considera que onde di “conta de perdas e ganancias” debería dicir “conta de resultados”.

Quinta.- Artigo 15º. Solicitudes, prazo e documentación.
Igualmente no último ítem do apartado 2.1 deste artigo, consideramos que o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”, para evitar confusións interpretativas, por canto estase a aludir ao ámbito do conxunto do Estado español.

Esta última consideración é tamén aplicable para os artigos 22º.2 e 24º.

Sexta. Artigo 21º. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade. Este Comité considera que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

No mesmo apartado recóllese que o pagamento das axudas queda condicionado á presentación antes do 30 de outubro dunha documentación que se relaciona. Esta Comité entende que este prazo de presentación resulta de difícil ou imposible cumprimento.


















ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos, unha vez máis, que é preciso vixiar o proceso de negociación dos plans de igualdade nas empresas, xa que temos constancia de que en moitos casos, non se conta coa participación da representación legal das traballadoras e dos traballadores en ningunha das fases de elaboración do mesmo, carecendo de información ao respecto da elaboración da diagnose e incluso das accións recollidas no plan, así como das axudas solicitadas para elaboralo e aplicalo.

Tendo en conta isto, consideramos preciso que un requisito para solicitar as axudas ás empresas para a implantación de plans de igualdade sexa asinar un acordo ou compromiso polas partes, que deberá ser incluído na documentación solicitada, e por tanto solicitamos substituír o parágrafo do artigo 5º a) que di ... “cando a empresa o pactase coa representación legal dos traballadores e traballadoras “ por asinase ou acordase.

Por outra banda, consideramos necesario incluír como obrigatoria a solicitude dun informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan, e creemos que debería ser obrigatoria a constitución dun órgano de seguimento do plan coas organizacións sindicais, de xeito que poida ser informado das axudas solicitadas pola empresa, así como da aplicación do plan.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
Respecto das empresas ás que non lles será de aplicación a Liña I de axudas, ademais das que teñan unha obriga legal de implantar plans de igualdade, debería de excluírse tamén ás que teñan esta obriga por un convenio colectivo de ámbito superior á empresa.

Os plans de igualdade que se subvencionan deberían de ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Segunda.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No apartado a) deste artigo consideráse gasto subvencionable a realización de estudos, análises ou diagnoses da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia consideramos necesario que estes estudos, análises ou diagnoses os realicen os departamentos de recursos humanos das empresas solicitantes, asesoradas, se procede, por unha consultora privada, pero nunca debe tratarse dun traballo realizado exclusivamente pola consultora.

Ademáis poderíase puntuar positivamente a aquelas empresas que, en lugar de contratar a unha consultora privada para elaborar o Plan de igualdade, contraten a unha persoa experta durante o tempo que dure a elaboración e posta en marcha dese Plan.

Tamén poderíase puntuar positivamente ás empresas que fagan uso do organismo oficial posto ao seu servizo para o desenvolvemento de medidas e plans de igualdade que recolle a Lei de igualdade.

En liña co anterior e tendo en conta o disposto no apartado d) deste artigo, que considera gastos subvencionables os derivados da contratación da empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade, consideramos que sería de grande axuda que o departamento da Consellería especializado en Igualdade elabore, para os efectos desta orde, un sistema de acreditación das consultoras efectivamente especializadas para o asesoramento en materia de igualdade.

Terceira.- Artigo 7º. Contía das axudas.
Con respecto á Liña I, apartado b), que fixa o máximo das contías das axudas en 1.000 euros ou 2.000 euros por persoa, segundo se trate de cursos de ata 50 ou máis horas, as organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia consideramos que estas contías máximas deben ser inferiores, entre 600 e 1.200 euros, segundo a duración dos cursos, debendo facerse constar o límite establecido polo artigo 5º.b) do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a igualdade nas empresas:
“O número máximo de horas subvencionables será de 10 por cada 100 persoas empregadas ou a parte proporcional que corresponda segundo o persoal da empresa”.

Con respecto á Liña I, apartado d), que establece que a contía da axuda acadará ata o 10% do importe satisfeito pola contratación da empresa ou entidade externa especializada en igualdade, consideramos que debe esixirse que a empresa contratada figure acreditada como consultora especializada polo organismo competente, de acordo co manifestado no último parágrafo da consideración segunda deste anexo ao ditame, referida anteriormente.

Cuarta.- Artigo 15º. Solicitudes, prazo e documentación.
No seu punto 2.2 sinálase a documentación específica que debe acompañarse á solicitude presentada, esixindo para a Liña I, no seu primeiro ítem, certificado do máximo órgano de representación da empresa no que conste a vontade de adoptar un plan de igualdade...”.

Propoñemos que se engada a continuación: “...acordado coa representación legal das persoas traballadoras”.

Así mesmo, no último item desta Liña I, que esixe acompañar unha relación dos traballos semellantes realizados pola empresa nos tres anos anteriores, consideramos que a relación debería ser dos catro anos anteriores e esixirlle á empresa que esté provista da acreditación da Consellería como consultora especializada en temas de igualdade.

Quinta.- Artigo 19º. Criterios de avaliación.
No apartado 1º deste artigo establécese que se valorará con ata 30 puntos o número de novas contratacións que se produzan ou que se comprometan como consecuencia destas accións.

Consideramos que os 30 puntos deberían outorgarse ás novas contratacións se son  indefinidas e menor puntuación ás que non o son.

Sexta.- Artigo 26º. Seguimento e control.
No terceiro parágrafo deste artigo establécese a obriga das empresas de elaborar un informe poñendo de manifesto a evolución da aplicación do plan de igualdade.

Consideramos que o informe da empresa debe incluír un informe ad hoc da representación dos/as traballadores/as.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA

O proxecto normativo sometido a ditame denomínase “Orde pola que se establecen, modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan par ao exercicio de 2009.

Os sindicatos UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia consideran que o título da orde debería especificar que estas axudas se dirixirán soamente ás pemes con domicilio social en Galicia.













ANEXO III


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SINDICATO CIG.

Consideración xeral:

No capítulo II, relativo ás Axudas para a implantación de plans de igualdade, manifestamos, unha vez máis, a nosa disconformidade coa política de subvencións ás empresas para a elaboración destes plans, xa que, en moitos casos, ese é o único obxectivo das mesmas, beneficiarse dunha axuda económica, sen que os plans sexan un documento vinculante para a empresa e o cadro de persoal.

Consideración específica:

Nos parágrafos 2, 3, 4 e 5 do artigo 7º, debe obviarse calquera alusión aos centros de traballo de fóra de Galicia para determinar os importes das subvencións.









ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 10º. Contía das axudas.

No relativo ao compromiso de contratación feminina, consideramos que debería ser maior e suxerimos a elaboración dunha listaxe segundo un baremo, que podería establecerse na orde ou incorporarse ao Plan de igualdade, en función do número de persoas traballadoras das empresas, desde 1 a 250. Por exemplo:

Empresas de ata 20 persoas traballadoras, 1 muller contratada.
Empresas de entre 20 e 40, 2 mulleres contratadas.
Empresas de entre 40 e 50, 3 mulleres contratadas.
Empresas de máis de 50, 4 mulleres contratadas, e así sucesivamente, ata 250 persoas traballadoras, entendendo que estas contratacións serán ao longo dun período de tempo que determine o Plan de igualdade.







ANEXO V


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA

Artigo 3º. Beneficiarias.

O SN. de CC.OO. de Galicia considera que as beneficiarias deberían ser unicamente aquelas empresas que teñan sede social en Galicia, e ningunha outra e que, ademáis, esas beneficiarias terán que contar con máis do 10% do seu persoal contratado en Galicia.

















ANEXO VI


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.

A CEG considera que a Liña I de axudas debería ampliarse a todo tipo de empresas como medida de estímulo á implantación de plans de igualdade.