ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE EMPREGO CON APOIO COMO MEDIDA DE FOMENTO DO EMPREGO DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE NO MERCADO ORDINARIO DE TRABALLO, E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 6 de maio de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (BOE nº 168, do 14 de xullo). Esta norma establece os contidos esenciais do programa (accións que constitúen un proxecto de emprego con apoio, persoas destinatarias finais e entidades promotoras) e faculta ás comunidades autónomas ao seu desenvolvemento mediante a regulación dos aspectos procedementais e da adecuación ás súas peculiaridades organizativas.

O programa do emprego con apoio consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado ás persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral que realizan a súa actividade en empresas normalizadas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos similares. As accións serán desenvolvidas no propio posto de traballo, por preparadores laborais especializados.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 2 de maio de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 6 de febreiro de 2008 (Ditame 2/08), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

Neste novo proxecto establécense incentivos complementarios que melloran na Comunidade Autónoma de Galicia os establecidos con carácter xeral na regulación estatal. Deste xeito diferenciase entre subvencións aos promotores de proxectos de emprego con apoio (artigo 9º) e subvencións para o fomento de novos proxectos de emprego con apoio, subvencionando actuacións complementarias como son a prospección laboral e o período de formación da persoa apoiada previa á súa contratación na empresa (artigo 10º). Así mesmo, tendo en conta a posible adecuación dos proxectos á dispersión do tecido produtivo galego, subvenciónanse os custos de desprazamento dos preparadores laborais cando teñan que prestar apoios en centros de traballo de distintos concellos (artigo 9º.6).

Tamén terán a consideración de persoas destinatarias deste programa as persoas con discapacidade incorporadas xa á empresa cando se produzan cambios na súa prestación laboral que precisen o desenvolvemento de novas accións de emprego con apoio (artigo 4º.4).

Neste proxecto de orde o prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG (artigo 12º).

Por outra banda, coa finalidade de facilitar o financiamento dos proxectos, nesta orde inclúese a posibilidade de realizar pagamentos anticipados con carácter previo á xustificación da subvención concedida (artigo 18º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vintecatro artigos, sete disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 7 de maio de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 13/09




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2009”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de maio de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de maio de 2009 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS

Primeira

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo o termo traballadores presente en todo o texto.

Respecto da neutralidade de xénero na denominación de cargos públicos, obsérvase que se tivo en conta a consideración do ditame 2/08, pero a solución acadada consideramos que non é a máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización da expresión “persoa titular da...”.

Segunda

Obsérvase que non se remitiron para ditame xunto co proxecto normativo os anexos que se citan no proxecto de Orde, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Terceira

No Preámbulo do proxecto obsérvase que aparece a denominación “Consellería de Traballo”. Este Comité considera que débese adecuar todo o proxecto á nova estrutura orgánica e denominación da Consellería de Traballo e Benestar, establecida no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto

No apartado 2. a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Segunda. - Artigo 6º. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.

A letra f) do apartado 1 deste artigo dispón que no proxecto de emprego con apoio deberá constar o nomeamento, por parte da empresa que vai contratar aos traballadores con discapacidade, entre o seu persoal, do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores laborais, e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

Tendo en conta os labores a desempeñar pola figura do coordinador/a, este Comité suxire que se esixa como requisito necesario a posesión dunha titulación universitaria da rama social.

Terceira.- Artigo 8º. Preparadores laborais.

O apartado 1 deste artigo establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores laborais, os cales deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que as titulacións precisas para o desenvolvemento deste posto son a do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.


Cuarta.- Artigo 9º. Subvencións aos promotores de proxectos de emprego con apoio.

O apartado 6 deste artigo establece que “No suposto das entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 5º, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderá concederse unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía fixa de 2.500 euros por entidade, ou a parte proporcional que corresponda por períodos inferiores ao ano no que se presten os apoios”.

Este Comité considera excesivamente ríxido este plantexamento, polo que se propón que se abone o gasto real xustificado ou que se arbitre outro procedemento máis flexible que permita adecuar o importe da subvención á previsión de gasto real.

A mesma consideración pódese aplicar ao segundo parágrafo do artigo 10º.2.

Quinta.- Artigo 10º. Subvencións para o fomento de novos proxectos de emprego con apoio.

O apartado 4 deste artigo establece que “Os prospectores ou prospectoras de emprego con apoio e os preparadores ou preparadoras laborais que presten o apoio no período de formación práctica na empresa previa á contratación deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que as titulacións precisas para o desenvolvemento deste posto son a do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.

Sexta.- Artigo 14º. Documentación

O apartado 1 letra a) deste artigo esixe á persoa física solicitante acompañar coa solicitude copia do DNI e acreditación do NIF.

Este Comité considera que é suficiente a copia do DNI xa que este inclúe o NIF.

Así mesmo, ao longo deste apartado 1 obsérvase o emprego das letras j) e k), impropias da lingua galega, polo que este Comité propón a súa supresión e substitución polas que correspondan.

Sétima.- Artigo 16º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece o prazo de seis meses para resolver e notificar a resolución, desde a data de rexistro da solicitude.

Por outra banda, o apartado 2 do artigo 12º (“Solicitudes e prazo”) dispón que o prazo de presentación de solicitudes de subvención é de un mes contado a partir do día seguinte ao data de publicación da orde no DOG.

Tendo en conta ademais, segundo o apartado 1 do artigo 1º (“Obxecto”), que as subvencións se conceden en réxime de concorrencia competitiva, este Comité propón a modificación da regulación destes preceptos para que, no seu conxunto, resulten congruentes co principio de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecido no artigo 1º 2 letra c), tendo como prazo máximo de resolución o de tres meses a partir da conclusión do prazo de presentación de solicitudes.

Oitava.- Artigo 19º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Entre as obrigas das entidades beneficiarias regúlase a contida na letra j) deste artigo.

Sendo esta letra impropia da lingua galega, este Comité propón a súa substitución pola que corresponda.

Novena.- Artigo 19º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado f) deste artigo establece a obriga de “dispoñer dos libros contables… debidamente auditados nos termos esixidos…”. Este Comité considera que o correcto é dicir “términos esixidos” e non termos.

Así mesmo, no apartado h) deste artigo establécese a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Décima.- Artigo 20º. Modificación da resolución de concesión.

Na redacción deste artigo, ao igual que nos parágrafos primeiro e segundo do artigo 22, utilízase a expresión “...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Decimo primeira. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.