ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN AXUDAS PARA O APOIO ÁS COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DE ECONOMÍA SOCIAL DE CARÁCTER NON LUCRATIVO PARA O ANO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de xuño tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se convocan axudas para o apoio ás cooperativas e outras entidades de economía social de carácter non lucrativo para o ano 2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As axudas establecidas nesta orde para o apoio á creación e funcionamento de cooperativas e outras entidades de economía social de carácter non lucrativo, intégranse dentro das actuacións que a Consellería de Traballo e Benestar leva a cabo para a consecución dos obxectivos previstos no Plan estratéxico para o desenvolvemento do cooperativismo e que, neste caso, incide singularmente no ámbito da potenciación de actividades de carácter social e de fomento do emprendemento cooperativo realizadas por estas entidades.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 9 de outubro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de xuño de 2008 (Ditame 31/08), obsérvase que se tiveron en conta a maioría das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial. Cómpre destacar que aínda que na publicación da orde do ano pasado no se tivo en conta a consideración xeral primeira manifestada polo Comité (neutralidade na denominación dos cargos públicos), si se fixo no proxecto normativo que se somete agora a ditame.

Neste proxecto normativo obsérvase, como novidade, que poderá ser obxecto de subvención a elaboración de materiais divulgativos como soporte e ferramenta das actuacións de difusión e materiais didácticos de apoio a programas formativos e de capacitación, cun importe máximo de 20.000 euros (artigo 4º), así como a posibilidade de engadir 20 puntos máis á puntuación obtida nos proxectos presentados nos casos de realización de servizos asistenciais a persoas en risco de exclusión social e de exclusión social no mercado laboral (artigo 8º).

Así mesmo destácase que este proxecto normativo axústase ao disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se convocan axudas para o apoio ás cooperativas e outras entidades de economía social de carácter non lucrativo para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 24 de xuño de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e catro específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




DITAME 15/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan axudas para o apoio ás cooperativas e outras entidades de economía social de carácter non lucrativo para o ano 2009, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xuño de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xuño de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde no seu artigo 5º non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira.- Artigo 5º.- Solicitudes, documentación e prazo.

No segundo parágrafo do punto 1 indícase que as solicitudes e os anexos desta orde estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité suxire que se corrixa a dirección da páxina web que figura no proxecto, por non ser a correcta.

Segunda.- Artigo 10º.- Forma de pagamento e xustificación.

Neste artigo indícase que o pagamento das axudas efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor dos/as beneficiarios/as e logo de acreditación dos gastos e dos pagamentos realizados.

Este Comité considera que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.




Terceira.- Artigo 11º.- Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia.

Na redacción deste artigo, ao igual que nos artigos 12º b) e 13º1., utilízase a expresión “...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Cuarta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Diccionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.