ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REXEN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O EXERCICIO 2002 PARA A CONTRATACIÓN POR PARTE DAS ENTIDADES LOCAIS DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS BENEFICIARIOS DO PROGRAMA “LABORA:XUVENTUDE CON EXPERIENCIA” POLA REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL, DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, polo que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións para o exercicio de 2002 para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” pola realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa convocatoria, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego, con rexistro de entrada en data do 12 de xuño de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xuño de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido:

1. Consideracións de carácter xeral e previas.
Primeira. Este Comité Delegado para a emisión de dictames considera innecesaria a publicación desta Orde por entender que reproduce contidos da Orde xa existente e en vigor, que establece as bases que rexen determinados programas de axudas para o 2002, que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais (os beneficiarios en ámbolos dous casos, son as entidades locais que contraten a traballadores desempregados menores de 30 anos).

Ademais, entendese que polas datas nas que é remitida a dictame e por ende, que será feita pública, verá a luz demasiado tarde, tendo en conta que o prazo límite que establece para a presentación de solicitudes é o 30 de setembro do ano en curso, o cal traerá consigo que moitos dos interesados en acollerse ó Programa queden fora do mesmo polo corto prazo que se establece e polas datas de vacacións nas que coincide.

Por último, dende este Consello considérase axeitado e xusto que os concellos potenciais beneficiarios destas axudas, reciban as mesmas en alícuota parte que lle corresponda, segundo o colectivo que, tamén, potencialmente, se vería afectado por esta norma. É dicir, proponse que a concesión das mesmas se territorialice.

Segunda. Segundo a Exposición de Motivos desta Orde que se dictamina e mailo seu artigo 2.2º, as axudas previstas na mesma financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 e 460.1, cunha partida económica de 6.678.215,29 €.
Pola súa banda, a Orde que establece as bases dos programas de cooperación destinados a fomentar acción de emprego por parte das entidades locais, tamén recolle na súa Exposición de Motivos e no seu Art. 2.2º , que a aplicación orzamentaria na que se basean estas accións é a 14.04.241ª.460.0, cun límite de 8.309.605 €.

No Dictame 18/02 emitido por este Consello respecto do Decreto que establece o “Programa Labora” na nosa Comunidade Autónoma, demandábase a concreción no seu texto das partidas orzamentarias afectadas pola súa posta en marcha, así como das cantidades afectadas polo mesmo.

En colación con todo o manifestado, este Comité Delegado entende que a posta en funcionamento do Plan Labora non pode incidir noutra ou noutras partidas orzamentarias consignadas ó desenvolvemento doutras accións de fomento do emprego, senón que debe cubrirse cunha partida nova “ad hoc” dado que se trata dun Programa que se pon en marcha ex novo, e que non debe detraer, en ningún caso, para ser efectivo, consignacións orzamentarias doutras partidas destinadas a darlle cobertura a outras políticas activas de emprego.

Aínda máis, considerase que o colectivo beneficiario pola liña de axudas que esta Orde prevé non pode verse favorecido dobremente por dúas vías de incentivos: a propia Orde e maila de cooperación con entidades locais.

Terceira. Tamén neste Dictame cómpre reitera-lo xa manifestado no Dictame correspondente ó Decreto que establece en Galicia o programa Labora, así como en dictames referentes a Ordes anteriores, nas que se establece o contrato de inserción como modalidade contractual única á que acudir nos programas de cooperación.

Por tanto, si ben o marco legal actualmente vixente establece a aplicabilidade deste contrato, consideramos que, dependendo das circunstancias que concorran en cada caso, se permita e prevexa a posibilidade de empregar calquera outra modalidade de contratación que se adapte a esas circunstancias e necesidades.

Cuarta. Por último, reivindicar, como tamén se ten feito en dictames anteriores, que tódalas normas que desenvolvan ou establezan as políticas activas de emprego da Xunta de Galicia, cumpran o trámite previo e necesario de ser debatidas na sede do Comité Autonómico de Emprego, tal e como está establecido e acordado.

2.- Artigo 7.1º. Resolución.

Establece este precepto que o prazo de resolución dos expedientes de solicitude de axudas será de seis meses, debendo se-la correspondente resolución dictada notificada ós interesados. Engade de seguido, que transcorrido ese prazo sen dictar resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

A PROPOSTA que se fai neste suposto, ó igual que se ten feito noutros dictames que recollían disposicións idénticas, é que se acurte o prazo de resolución a 3 meses, pois o establecido pola norma é excesivamente longo, tendo en conta, sobre todo, o prazo que a propia norma establece como límite para a presentación de solicitudes.

Tamén se considera necesario reforza-la obriga de resolver expresamente pola Administración, en todo caso, suprimindo a regra que establece o precepto, do silencio negativo, o cal contradí ademais, a primeira parte do precepto que di que a resolución debe ser notificada ós interesados.

3.- Artigo 9. Incentivo á mobilidade xeográfica.

Xa no Dictame 18/02 emitido por este Comité Delegado instábase a reduci-la distancia de 50 quilómetros, dada a conformidade xeográfica da nosa comunidade autónoma e as dimensións de moitos dos seus concellos, unido á situación das redes de comunicación existentes.
Precisando aínda máis nesa idea, sería axeitado establecer un límite mínimo e un limite máximo da distancia para poder excepciona-la regra xeral de percepción deste incentivo cando o centro de traballo se sitúe nun concello distinto ó do domicilio do traballador.
Por outra banda, a percepción deste incentivo e a propia mobilidade xeográfica xogará, en todo caso, de xeito voluntario, é dicir, sempre que o traballador estea de acordo en ser desprazado.

PROPOSTA:  Que a  mobilidade xeográfica sexa unha condición laboral que opere sempre e cando e traballador que vaia ser desprazado fóra do seu concello a acepte, de tal xeito que só entonces operaría aquela e por ende, tamén o incentivo que establece este precepto.

Así, a excepción da regra xeral que establece este parágrafo 1º do artigo 9, só debe operar dentro duns parámetros máximos e mínimos: cando os concellos sexan limítrofes ou se sitúen as súas cabeceiras entre 25 e 50 quilómetros .

4.- Artigo 11. 3º. Requisitos e criterios para a selección de obras e servicios.

Respecto desta disposición dúas consideracións:
- O inciso d) fala de proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde… ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral.

A PROPOSTA que se suxire é a súa supresión, por entender que xa está contemplado nos dous incisos anteriores.

-  Para os demais incisos deste precepto que se manteñen, a PROPOSTA que se suxire é deberían ser puntuados pola comisión de avaliación segundo uns valores concretos (por ex. o b cun índice de 4; o c con 3; o a con 2 e mailo e, con 1), e que, en todo caso, que esta se xunte ó final de cada mes, dende a apertura do prazo para presentar solicitudes, para poder valorar así, en conxunto, os proxectos presentados ata ese momento.



ANEXO I
CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DE UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG RESPECTO DESTE BORRADOR DE ORDE


Como unha consideración xeral, non ligada directamente a esta Orde pero si incidente de xeito indirecto na mesma, e que as organizacións sindicais que integran este Comité Delegado incorporarán no futuro ós dictames dende aquí emitidos, solicítase á Xunta de Galicia, a través dese departamento que ten asumidas as competencias en materia de emprego e política laboral, que inste ó goberno central para que retire o RD-L 5/2002, de 24 de maio, de Medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, por entender que se trata dunha norma imposta polo executivo, que obviou  a capacidade de diálogo e concertación social dos axentes económicos e sociais.


ANEXO II
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER PARTICULAR MANIFESTADAS Ó BORRADOR DE ORDE POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)
“En esencia esta Orde supón o desenvolvemento  do artigo 7 (Programas de cooperación) do Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da nosa comunidade autónoma o denominado “Programa Labora: xuventude con experiencia”, polo que son reproducibles aquí aquelas consideracións que teñan relación, efectuadas no momento de dictaminar aquel Decreto.

Esta organización desexa manifestar, en segundo lugar, a necesidade de dotar de maior concreción ó art..4.2º (Contía) cando sinala que “A retribución dos traballadores que se incorporen a estes programas será, de conformidade co disposto no art. 15.1.d) do RD-L 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido do Estatuto dos Traballadores (nova redacción dada por Lei 12/2002, do 9 de xullo), a que se acorde entre as partes sen que poida ser inferior á establecida, si é o caso, para os contratos de inserción no convenio colectivo aplicable”.
Como a meirande parte dos convenios non teñen establecido aínda a devandita especificación, debería deixarse claro pola Administración que ocorrería no suposto en que o convenio non regule o salario do contrato de inserción, pois a redacción actual da Lei 12/2002, parece deixar liberdade absoluta ás partes nese suposto, o que presenta serias dúbidas para esta parte, dúbidas que deberan aclararse previamente para evitar futura litixiosidade neste punto.”