ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBAN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS DENTRO DO PROGRAMA DE APOIO ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES AFECTADOS POR EXPEDIENTES DE SUSPENSIÓN DE CONTRATOS DO TÉXTIL E DA CONFECCIÓN, E SE EFECTÚA A SÚA CONVOCATORIA PARA O EXERCICIO DE 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de xuño de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O presente proxecto de orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión, no seu caso, de axudas para o programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2009, para que estes poidan formarse durante os devanditos períodos de suspensión, de xeito que vexan mellorada a súa adaptabilidade aos cambios do contorno empresarial, tecnolóxico e produtivo, favorecendo así a creación de emprego estable e a empregabilidade destes traballadores e traballadoras.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 11 de setembro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de xullo de 2008 (Ditame 36/08), obsérvase que se tiveron en conta a maioría das consideracións unánimes manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Neste proxecto normativo obsérvase, como novidade, a incompatibilidade da percepción das axudas establecidas no Programa 2 (Reposición das prestacións de desemprego consumidas) coas establecidas no Real Decreto-lei 2/2009, de 6 de marzo, de medidas urxentes para o mantemento e o fomento do emprego e a protección das persoas desempregadas ou calquera outra análoga (artigo 2º). Así mesmo, establécese que o importe máximo das axudas para os programas 1 e 2 será de 400 € por persoa beneficiaria (artigo 10º).

Tamén obsérvase que se incrementa a cantidade máxima destinada as axudas recollidas nos programas 1 e 2, pasando de 85.000 € no 2008 a 200.000 € no 2009, mentres que a cantidade destinada para o programa 3 pasa de 115.000 € a 250.000 € (artigo 6º).

O prazo para presentar solicitudes será de un mes en función da cronoloxía dos EREs ou do período de percepción da prestación por desemprego (artigo 8º), reducíndose o prazo para resolver e notificar a concesión de axudas de dous meses a un mes nesta convocatoria (artigo 13º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2009” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 24 de xuño de 2009 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e unha consideración xeral e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).





DITAME 16/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2009, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de xuño de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xuño de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:






CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.

Este Comité reitera o necesario envío, xunto co proxecto normativo, por parte da Consellería de Traballo e Benestar, da folla estatística cos datos derivados da tramitación desta orde de axudas no exercicio precedente, cara a unha mellor valoración do novo proxecto de orde.

Segunda.

Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos I, II, III, IV e V aos que fai referencia o artigo 11º do proxecto normativo, xa que non foron remitidos a este Consello.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5º.- Requisitos do plan de formación.
Este Comité considera que, no apartado l) deste artigo, establecer unha porcentaxe dun mínimo de asistencia do 90% é esaxerado, propoñendo que se sitúe esa porcentaxe no 75%, como se aplica en xeral nas accións de formación profesional.

Así mesmo, neste artigo aparecen as letras j. e k. Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

Segunda.- Artigo 10º.- Importe das axudas.
Dentro do Programa 1, o punto 2 establece en catro apartados os cálculos que hai que facer para establecer a contía das axudas.

Este Comité suxire outra redacción para este punto 2, que estableza que a contía das axudas que perciben as persoas, durante o período de suspensión dos seus contratos de traballo, sexa polo importe correspondente ata alcanzar o máximo do 100% dos seus salarios netos, calculados como o promedio efectivo dos últimos tres meses anteriores á suspensión do contrato de traballo, mentres dure a situación de suspensión deste.

Terceira.- Artigo 10º.- Importe das axudas.
En relación co límite que se establece dos 400 euros mensuais como importe máximo, este Comité considera que este podería ser susceptible de ser modificado á alza, de acordo coa dispoñibilidade do presuposto e coas características das solicitudes presentadas.

Cuarta.- Artigo 13º.- Resolución e recursos.
O punto 3 establece que o prazo para resolver e notificar será de dous meses e se computará desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

Tendo en conta que o obxecto desta orde é a concesión de axudas, non suxeitas á concorrencia competitiva, para que as traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección poidan formarse durante os devanditos períodos de suspensión, este Comité propón que o prazo para resolver e notificar establecido no punto 3 sexa de 1 mes e que comece a computarse dende o día seguinte á presentación da solicitude.

Faise constar que esta consideración foi aceptada no exercicio precedente, xa que na orde publicada no DOG figuraba o prazo de 1 mes.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º.- Requisitos das empresas do sector.

Establécense neste artigo os requisitos que deben cumprir as empresas do sector téxtil e da confección, suxeríndose que se engada un novo parágrafo no apartado c), que esixe un promedio de traballadores e traballadoras fixos, co seguinte texto: “Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no cómputo do cadro de persoal fixo, non se terán en conta as baixas que se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente, total, absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas”.

Segunda.- Artigo 10º.- Importe das axudas.

No Programa 3, establécese un módulo económico de 8 euros/hora por traballador/a en relación ao custo por participante e hora de formación. Esta contía é inferior a fixada tanto na normativa actual estatal, que fixa 9 euros en formación en materias transversais ou xenérica e 13 euros nos módulos de nivel superior naquelas materias que conleven especialización ou que capaciten para desenvolver competencias de programación ou dirección. Consideramos que limitar o importe das axudas conleva impoñer trabas á contratación de accións formativas e o importe fixado non garante a contratación de monitores e menos en cursos especializados.
Igualmente, UGT-Galicia, SN. de CC.OO. de Galicia e a CEG consideramos que neste Programa 3  “Financiamento total ou parcial dos custos dos plans de formación”, debe figurar un parágrafo que faculte á Dirección Xeral de Formación e Colocación para autorizar un incremento do módulo económico, tal e como establece o punto 2 do artigo 18º da Orde reguladora das subvencións  para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados e que di literalmente:  

“Excepcionalmente o director xeral de Formación e colocación, poderá autorizar un incremento de ata un 50% do módulo económico superior da modalidade presencial de formación nas especialidades que se recollen no anexo III, así como naquelas accións formativas nas que participen como docentes profesionais de alto prestixio así como aquelas que pola súa singularidade, especialidade e características técnicas precisen un financiamento maior, logo de informe da Comisión Galega de Formación Profesional Continua e previa solicitude ao Director Xeral”.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL:

Con carácter xeral, a Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente o incremento orzamentario destinado ás axudas consideradas neste proxecto normativo polos importantes obxectivos e ámbitos de aplicación que pretenden cubrir; así, por unha parte, destínase a un dos sectores máis afectados pola situación de crise económica (o téxtil) no que debe incidirse especialmente a través de medidas que favorezan o mantemento da actividade produtiva e, por consecuencia, o emprego xerado por esta, e por outra parte, a medida favorece á reciclaxe e recualificación das persoas traballadoras deste sector, cunha motivación claramente paliativa dos efectos da crise sobre as nosas empresas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 9º.- Persoas beneficiarias.

No programa 3, punto 3, establécese que todas as entidades deberán acreditar a capacidade suficiente e medios materiais, humanos e organizativos, para cumprir cos obxectivos establecidos no programa.

A CEG suxire que se inclúa a posibilidade de subcontratación, incluso por enriba do 50%.

Segunda. - Artigo 14º.- Ordenación do pagamento e xustificación dos gastos.

A CEG considera que resulta moi operativa e áxil a simultaneidade de outorgamento de axudas e pagamento do 100% do seu importe, e consideramos que a extensión sistemática desta práctica a todos os programas de apoio e subvencións á empresa, e a todos os sectores de actividade, suporía unha importante vantaxe para as beneficiarias das devanditas axudas.