ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN INTERSECTORIAIS DIRIXIDOS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS MEDIANTE A SUBSCRICIÓN DE CONVENIO DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/718/2008, DE 7 DE MARZO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007, DE 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE FORMACIÓN DE OFERTA E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS AO SEU FINANCIAMENTO.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de xullo de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenio de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

Tamén indica que constitúen principios xerais da formación dirixida a persoas traballadoras ocupadas: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación dos traballadores e traballadoras no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

Un dos instrumentos destacados para a consecución destes obxectivos é o II Plan Galego de Formación Profesional, plan que concibe integralmente a política de cualificacións e da formación profesional. Este carácter integral implica, en canto aos fins, seguir avanzando cara á constitución dun sistema de formación profesional integrado en Galicia e supón tamén considerar como beneficiario deste plan o conxunto da poboación activa. Para acadar estes obxectivos, o plan artéllase a través de catro liñas estratéxicas de actuación que inciden, na integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, no óptimo aproveitamento dos recursos e da xestión, na calidade e innovación e na promoción da aprendizaxe permanente ao longo da vida.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 10 de outubro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de xullo de 2008 (Ditame 38/08), obsérvase que se tiveron en conta catro consideracións das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto presenta as seguintes modificacións:

En primeiro lugar, establécese que a participación da persoa traballadora nas actividades de formación non será superior a 8 horas diarias (artigo 4º). Esta participación virá determinada por unha selección dos/as traballadores/as seguindo a nova orde de prelación que establece a orde (artigo 6º).

Establécense os requisitos específicos por modalidades para ter dereito a diploma por parte do alumnado (artigo 7º).

Ao longo de todo o proxecto realízanse modificacións tendentes a establecer os criterios para a obtención do certificado de profesionalidade ou acreditacións parciais dos mesmos, segundo o establecido na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño. Esta formación certificarase nos termos establecidos na citada lei e na súa normativa de desenvolvemento, e sempre que se cumpran estritamente os requisitos de alumnado, profesorado, instalacións e avaliación recollidos no Reales Decretos que regulan as correspondentes certificacións (artigo 5º).

Unha das principais novidades deste proxecto é a nova redacción do artigo 8º, referido a “Becas e axudas”. Establécese un prazo para solicitalas, a compatibilidade e o tipo de axudas (de asistencia; transporte, manutención e aloxamento e á conciliación).

Polo que respecta as entidades beneficiarias (antes solicitantes) de plans intersectoriais dirixidos aos colectivos de traballadores e socios de economía social e ao colectivo de autónomos deberán acreditar a suficiente implantación na Comunidade Autónoma de Galicia segundo os novos extremos que aparecen neste proxecto (artigo 10º) e que deberán presentar xunto coa documentación requirida (artigo 11º).

Neste proxecto establécese claramente que as solicitudes que non estivesen debidamente cubertas ou non achegasen a documentación deberán subsanar a mesma nun prazo improrrogable de 10 días, considerándose desistida da súa petición se así non o fixese (artigo 13º).

Unifícanse as comisións de valoración, establecéndose só unha para valorar as solicitudes composta polo/a subdirector/a xeral de Formación para o Emprego, que a presidirá, e serán vogais o xefe ou xefa do servizo de Planificación de Formación para o Emprego, que actuará como secretario ou secretaria e unha persoa membro do persoal da Subdirección de Formación para o Emprego (artigo 15º). Polo que respecta aos criterios de valoración, outórgase maior valoración ás accións formativas incluídas no Anexo III, o cal non ven no proxecto de orde remitido (artigo 16º).

Polo que respecta aos sistemas de pagamento (artigo 21º) establécese un incremento do anticipo ata o 80%, eliminándose os pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva.

Nas instrucións de xustificación de custos e liquidación (artigo 23º) establécese que a contratación de persoal docente para a impartición da formación subvencionada por parte da entidade beneficiaria non se considerará subcontratación. Así mesmo, nas modalidades de teleformación e a distancia, a efectos de financiamento soamente se terán en conta os alumnos e alumnas que realizaran a lo menos o 25% dos controis de aprendizaxe.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenio de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 24 de xullo de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e dezaséis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e máis a Confederación de Empresarios de Galicia.  

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polos sindicatos UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola CEG (Anexo I) e dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polo S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II).



DITAME 18/09





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenio de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de xullo de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xullo de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que deberían formalizarse convenios plurianuais coas organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia para o desenvolvemento de plans de formación.

Segunda.
Obsérvase que non se remitiron para ditame xunto co proxecto normativo os anexos que se citan no proxecto de Orde, polo que non poden ser obxecto de ditame.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos
Na Exposición de motivos cando se relacionan as distintas normas que fundamentan esta orde, deberían mencionarse tamén o Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o Réxime de Subvencións e Axudas Públicas da Comunidade Autónoma Galega e o Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo que desenvolve a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Debería citarse tamén a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en Igualdade das mulleres de Galicia.

O penúltimo parágrafo establece que as axudas estarán cofinanciadas polo Fondo social europeo. Este Comité amosa a súa preocupación por canto se descoñece a porcentaxe de cofinanciación do FSE que podería provocar erros nos colectivos destinatarios destas subvencións.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto da convocatoria.
O contido do artigo e incompleto respecto do título da orde sometida a ditame. Este Comité considera que debería de redactarse dun xeito coherente co título actual.

Esta mesma consideración faise respecto do artigo 2º.1.

Terceira.- Artigo 2º. Finalidade e principios que rexen a concesión das subvencións.
No punto 1 obsérvase un erro ao indicar que “As subvencións... terán como finalidade financiar os plans de formación dirixidos ás persoas traballadoras ocupadas, prioritariamente ocupados, que...”. Este Comité suxire que a redacción sexa a seguinte: “As subvencións... terán como finalidade financiar os plans de formación dirixidos ás persoas traballadoras prioritariamente ocupadas que...”.

Cuarta. - Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 1, establécese que a acción formativa é “...a dirixida á adquisición de competencias profesionais, teóricas e/ou prácticas, estruturadas nunha unidade pedagóxica con obxectivos, contidos e duración propios...”.
Este Comité considera que ademáis dos obxectivos, contidos e duración propios, deberíase especificar tamén a metodoloxía.

No segundo parágrafo deste apartado 1, sinálase que: “As accións formativas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”. Este Comité considera que debería quedar redactado do seguinte xeito: “As accións formativas, agás que respondan a unha unidade de competencia ou a un título recoñecido cunha duración maior, non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”.

Quinta. - Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 3, ao establecer as modalidades de impartición das accións formativas, figura “distancia convencional”. Este Comité considera que esta expresión deberíase substituir pola de “a distancia”.

Por outra parte, este Comité suxire unha nova redacción do parágrafo cuarto deste apartado 3: “As accións formativas presenciais poderán organizarse en grupos cun máximo de 25 participantes e un mínimo de 8, agás autorización expresa do/a Director/a xeral de Formación e Colocación por causas debidamente xustificadas. Nas accións de formación a distancia (incluídas as desenvolvidas mediante teleformación) disporase, como mínimo, dunha titora ou titor por cada 80 participantes. Nestas modalidades non se aplicará un mínimo de alumnos/as para o seu inicio. Nas accións mixtas respectaranse os citados límites, segundo a respectiva modalidade.” Esta nova redacción leva incorporado o que figura no último parágrafo do punto 3, polo que este quedaría suprimido.

O antepenúltimo parágrafo do apartado 3 deste artigo debería quedar redactado do seguinte xeito: “Todas as accións formativas, en calquera modalidade, deberán incluír evidencias necesarias para comprobar que o alumnado reciba a formación impartida”.

Sexta.- Artigo 5º. Participación das persoas traballadoras.
No apartado 2.2 establécese que “a taxa de participación das mulleres no conxunto de cada plan formativo deberá ser de, polo menos, 5 puntos porcentuais superior á taxa xeral de ocupación feminina no correspondente ámbito...”. Debería engadirse: “sempre que isto sexa posible pola demanda das mulleres en cada plan formativo”.

En calquera caso, este Comité considera que nun punto que establece colectivos prioritarios non se deberían establecer obrigas senón tan só prioridades.

No punto 4 deste mesmo apartado 2 debería de incluírse entre os módulos que se poderían financiar nas accións formativas, un módulo de prevención de riscos laborais ademais dos de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

Sétima.- Artigo 6º. Selección de alumnado.
No parágrafo 5, onde di “inferior ao 50% do número programado”, debe dicir “superior ao 50% do número programado.



Oitava.- Artigo 7. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 1 debe substituírse a expresión “a formación será gratuíta” pola de “a formación non terá custo económico”.

No apartado 3, cando se establecen os requisitos para a obtención do diploma, non consta na modalidade presencial en qué apartado se inclúen os módulos optativos (sensibilización ambiental e alfabetización informática), polo que se descoñece como se vai computar o 75% de tempo de aproveitamento.

Novena.- Artigo 8º. Becas e axudas.
No apartado 1, figura que será requisito imprescindible que o curso teña unha duración determinada, debendo especificarse que a citada duración é soamente na modalidade presencial.

Así mesmo, este Comité considera que no apartado 5.3, no que se especifica o que se entende por unidade familiar, deberíase eliminar a referencia ao matrimonio, suprimíndose as expresións “en caso de matrimonio” e “en defecto de matrimonio”.  

Décima.- Artigo 11º. Solicitudes.
No parágrafo segundo do apartado 1, débese substituír “delegacións provinciais” por “departamentos territoriais” segundo establece o Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

No apartado 4, figura a  documentación que deberá acompañar á solicitude, propoñendo este Comité a seguinte redacción:” A documentación que deberá acompañar aos anexos da solicitude, cando non estea xa en poder da Administración, é a seguinte:”.

Decimo primeira.- Artigo 12º. Documentación técnica.
Este Comité considera que o apartado b) do punto 1) debería estar redactado do seguinte xeito: “b) Obxectivos, contidos, metodoloxía e modalidade”.

Decimo segunda.- Artigo 14º. Prazo.
Este Comité considera que o prazo axeitado para a presentación de solicitudes debe ser de 45 días dende o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Decimo terceira. - Artigo 16º. Criterios de valoración.
No apartado a, polo que se refire aos contidos das accións formativas, indícase que terán maior valoración as accións formativas incluídas no Anexo III da Orde. Este Comité suxire que a relación de accións aparecidas no citado anexo sexa tida en conta de forma orientativa e non prioritaria.

Por outra banda, no apartado d) valórase: “o emprego da lingua galega na realizacións das accións formativas”. Este Comité considera que debería substituírse o termo “realización” por “desenvolvemento”.

Decimo cuarta.- Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
No apartado 4 debería engadirse ao final a expresión seguinte: “...ou requiran equipamento especializado de custo elevado”.

Decimo quinta.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
No apartado 5 establécese que: ...”as entidades beneficiarias do programa regulado nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez...”. Este Comité considera que debería dicirse que poderán subcontratar total ou parcialmente, consonte coa redacción propia da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

Neste mesmo apartado, indícase que a subcontratación requirirá autorización previa do/a Director/a xeral de Formación e Colocación. Este Comité considera que deberíase substituír a autorización previa por unha comunicación previa.

No segundo parágrafo deste apartado 5 se indica que a contratación de persoal docente non se considerará subcontratación. Este Comité considera que en lugar de “persoal docente” debe figurar “servizos docentes”.

No apartado 11 deste artigo 23º, deberían engadirse ao final as fórmulas matemáticas de cálculo dos dous rateos.

Decimo sexta.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4.b) establécese que dentro do primeiro cuarto do curso e sempre que non supere os 10 días seguintes ao inicio da acción formativa, hai que remitir unha serie de documentación. Este Comité considera que deberíase suprimir a expresión subliñada.

Neste mesmo apartado 4.b) esíxese remitir copia da póliza de seguros contratado. Este Comité suxire que sería suficiente con enviar a póliza de todo o plan e non de cada acción formativa concreta, no caso de que se subscriba dese xeito.

Este Comité propón que no apartado 4.d) se engada un novo ítem para que a entidade beneficiaria tamén arquive separadamente os controis da aprendizaxe.

No apartado 5,  cando se establece a obriga de comunicación á Dirección xeral de Formación e Colocación, debería especificarse que esta comunicación se faga en formato dixital.

Así mesmo, respecto do texto que figura último ítem do apartado 5.f), “Resultado obtido. Sendo traducida a calificación a: Superado/Non superado” este Comité considera que deberíase substituir a referida expresión pola de “Resultado acadado”, suprimíndose o que figura a continuación do punto.

Finalmente, este Comité considera que no apartado 11 debería de modificarse a obriga de velar por que todo o alumnado dunha acción formativa reciba a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele para que o alumnado reciba o mesmo número de horas.


ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CEG.

Artigo 15º. Proposta de resolución.

No apartado 6 deste artigo 15º, relativo á composición da comisión de valoración, debería de contemplarse a participación da Fundación Galega de Formación para o Traballo.















ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 8º. Becas e axudas.

No apartado 5.2.a.3) deste artigo, establécese unha axuda de transporte para o caso de que a distancia entre o domicilio do alumno/a e o lugar de impartición dos cursos sexa como mínimo de 50 quilómetros, esixíndose que para percibir a axuda de transporte en vehículo propio a acción formativa se imparta nos centros pertencentes á Consellería de Traballo e Benestar e aquelas outras accións formativas que a Dirección Xeral de Formación e Colocación considere necesarias para os obxectivos de política de emprego.

O Sindicato nacional de CC.OO. de Galicia considera que a referida axuda de transporte debe aboarse en todas as accións formativas.

Segunda.- Artigo 19º. Resolución.

Considérase que no apartado 5 deste artigo onde consta que a priorización das accións formativas derivadas da reconfiguración do plan executarase ata o importe concedido, debería engadirse “e mantendo a valoración acadada no plan de formación”.