ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS NO ÁMBITO DA COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL PARA O EXERCICIO 2009.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de xullo de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito da colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2009, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é establecer as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 29 de agosto de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de xullo de 2008 (ditame 35/08), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se mencionan a continuación:

Non se reciben xunto co proxecto normativo os anexos aos que fai referencia o artigo 5º.

Na exposición de motivos faise referencia á dirección web dos técnicos de emprego, que supón un instrumento de traballo que imprime maior axilidade e capacidade de resposta ao seu labor de asesoramento.

Modifícase o artigo 3º, apartado 3, relativo ás funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL).

Modifícase o artigo 5º, apartado 5.III, relativo á memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL ou grupo de AEDL.

Modifícase o artigo 6º, apartado 3, especificando que, na comisión de valoración, a persoa que actúe como secretario/a terá voz e voto.

Modifícase o artigo 7º, relativo aos criterios de valoración das solicitudes, especificando no seu apartado 1 que a comisión de valoración valorará as solicitudes conforme a criterios de obxectividade, igualdade e non discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias, perseguindo a maior repercusión posible das subvencións no ámbito territorial e tendo en conta os criterios específicos que se relacionan a continuación, sendo ampliado o que figura na letra a): Valorarase a existencia de AEDL subvencionados en exercicios anteriores (de 0 a 10 puntos), analizando os obxectivos propostos na memoria inicial do proxecto e os obxectivos acadados no informe final de actividades e valorando a participación dos AEDL nos cursos e xornadas organizados pola Consellería.

Así mesmo, neste artigo 7º, engádese unha novidade no apartado 2, establecendo que as entidades solicitantes terán que obter como mínimo 20 puntos para acceder ás subvencións reguladas na orde.

Modifícase o artigo 8º, apartado 2, establecendo que a resolución pola que se conceda a subvención será motivada e individualizada e deberá notificarse ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 58º.2 da Lei 30/1992.

Modifícase o artigo 10º, apartado 1, relativo á selección dos AEDL, que recolle o que figuraba nos apartados 1 e 3 da orde anterior, establecendo que os AEDL seleccionaranse polas entidades beneficiarias das subvencións, previa presentación de oferta na oficina de emprego correspondente, entre demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia que teñan superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego.

Modifícase o establecido no artigo 12º, relativo á adaptación inicial e actualización permanente da formación dos AEDL:  
- No apartado 1, establécese que as entidades beneficiarias garantirán a adaptación, facilitándolles os equipos informáticos precisos, así como acceso a internet e correo electrónico.
- No apartado 2, establécese que o departamento territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar poderá comprobar mediante visitas aos centros de traballo ou outros procedementos, a idoneidade dos mencionados procesos de adaptación.
- No apartado 3, establécese que coa fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente dos AEDL, a Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración coa de Economía e Industria, organizará cantas actuacións estime convenientes, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo.
- Engádese un novo apartado 4, que establece a obligatoriedade destas actividades e que teranse en conta como criterio para a concesión das prórrogas das subvencións, polo que as entidades beneficiarias deberán facilitar a participación dos AEDL nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Modifícase o artigo 14º, relativo ás obrigas das entidades beneficiarias, establecendo unha nova no apartado 2: “Utilizar as ferramentas informáticas postas a disposición dos AEDL, especialmente, o sistema telemático de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles”.

Modifícase o artigo 15º, relativo á revogación da subvención, engadindo un novo apartado 2, que establece que dará lugar ao reintegro total o non cumprir cos requisitos esixidos na convocatoria e destinar a subvención a unha finalidade diferente a aquela para a que foi concedida.

Increméntase o crédito orzamentario destinado a estas axudas, que figura na disposición adicional primeira, tendo como límite global a cantidade de 6.347.169,71 euros (no exercicio de 2008 era de 6.300.000).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito da colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2009” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 24 de xullo de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG (anexo I) e unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).





DITAME 19/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito da colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2009, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de xullo de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xullo de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que, naqueles concellos onde non haxa persoas desempregadas suficientes para acadar cando menos un axente de emprego e desenvolvemento local, debería preverse a posibilidade de agrupación cos da súa comarca para chegar a un número suficiente.

Segunda.
Este Comité avalía positivamente a modificación de varios artigos en sintonía con varias das consideracións realizadas no ditame 35/08.

Terceira.
Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos I, II, III, IV e V aos que fan referencia os artigos 5º, 13º e 17º do proxecto normativo, xa que non foron remitidos a este Consello.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 8º.- Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, que se considera excesivo. Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de dous meses, contados desde que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Segunda.- Artigo 9º.- Modificación da resolución de concesión.
Obsérvase que o previsto neste artigo, para o caso de concorrencia de subvencións, é incoherente e contraditorio co establecido no artigo 4º apartado 3 do proxecto normativo, que establece a incompatibilidade destas axudas con outras subvencións ou axudas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade,  procedentes doutras administracións.

Terceira.- Artigo 13º. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste artigo establece a obriga de remitir a documentación xustificativa no prazo de un mes desde o inicio da contratación e, con carácter xeral, como data límite o 1 de decembro do ano 2009.

Este Comité suxire substituír a expresión “con carácter xeral” pola de “en todo caso”, por considerala máis axeitada.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E A CIG.

Primeira.
A duración das axudas á contratación previstas no proxecto normativo por parte da Consellería de Traballo e Benestar, sen que se establezan mecanismos para a consolidación do posto de traballo no cadro de persoal da entidade local, opera en contra da estabilidade do emprego, contribuíndo a incrementar as xa altas taxas de precariedade na Administración Local. Se ben na orde do ano 2007 eliminouse o tope de catro anos para cada técnico, segue subsistindo a obriga de solicitar anualmente a subvención.

Segunda.
Habida conta da existencia dos Pactos Territoriais de Emprego, debería terse en conta nas funcións dos técnicos que se regulan nesta orde a posible colaboración no desenvolvemento destes pactos, incluíndose así mesmo unha referencia á normativa reguladora desta cuestión na exposición de motivos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as ordes que emite a Consellería de Traballo e Benestar en materia de contratación de técnicos de emprego (enténdase axentes de emprego, técnicos locais de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...).

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito de que, por exemplo, na orde reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, no apartado de asignación de contías e de selección dos técnicos, establécense criterios diferentes respecto desta que estamos a ditaminar.

Por outra banda, no que respecta aos requisitos para a selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local, hai unha diferenza importante: para ser axente de emprego os candidatos teñen que ser desempregados, mentres que para ser axente de emprego e desenvolvemento local non é obrigatorio este requisito xa que, no caso de que os candidatos remitidos polo Servizo Público de Emprego non sexan idóneos, a entidade local pode acudir a outros procesos de selección, o que concede unha certa “flexibilidade” ás entidades locais no momento de contratar o seu persoal.

Consideración específica.
Artigo 10.- Selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local.
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación co ámbito de xestión empresarial (empresariais, económicas ou outras).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se faga esa priorización.