ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN E CONVOCAN PARA 2009 AXUDAS DE CARÁCTER EXTRAORDINARIO A TRABALLADORES E TRABALLADORAS AFECTADOS POR SITUACIÓNS DE ESPECIAL DIFICULTADE COMO CONSECUENCIA DE PROCESOS DE REESTRUTURACIÓN DE EMPRESAS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA QUE SUPOÑAN EXTINCIÓN DOS SEUS CONTRATOS

I. ANTECEDENTES

O día 10 de agosto de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regulan e convocan para 2009 axudas de caracter extraordinario a traballadores e traballadoras afectados por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que supoñan extinción dos seus contratos, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese ao compromiso da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar de apoio a aqueles traballadores e traballadoras que procedan de sectores que sufran procesos industriais recesivos, e que leven consigo o efecto negativo na actividade productiva e no emprego.

Por esta razón, o obxectivo da presente convocatoria é conceder determinadas axudas sociais a traballadoras e traballadores que despois de ver extinguidos os seus contratos de traballo con motivo de procesos de reconversión e/ou “reestructuración de empresas, debido da” (sic) actual situación de crise, se atopan nunhas circunstancias nas que reincorporarse a un posto de  traballo lles resulta moi difícil ou imposible.


É esta a primeira vez que a regulación sobre esta materia se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

A presente orde ten por obxecto outorgar axudas, de carácter extraordinario, a persoas traballadoras afectadas por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia derivados da actual situación de crise, que supoñan o cese total ou parcial da actividade empresarial, e que a extinción dos seus contratos de traballo deriven de expedientes de regulación de emprego de extinción autorizados pola Autoridade laboral, sendo a finalidade das mesmas compensar economicamente a estas persoas naquelas situacións nas que non acaden niveis de cobertura adecuados. Esta compensación levarase a cabo, ou ben complementando a prestación de desemprego ou ben concedendo unha cobertura económica en tanto non accedan ás prestacións por xubilación na súa modalidade contributiva (artigo 1º).

O orzamento destas axudas é de 125.360 euros (artigo 2º) e o prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2009 (artigo 3º), outorgándose estas por orde de solicitude ata o esgotamento do crédito dispoñible.

As axudas poderán ser solicitadas de forma conxunta pola empresa e os representantes das traballadoras e traballadores, ou directamente polos propios traballadores e traballadoras ou os seus representantes (artigo 5º).

A persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais resolverá a concesión das axudas podendo estimar a solicitude formulada, total ou parcialmente, á vista dos motivos alegados e dos informes achegados nas solicitudes presentadas. Na resolución que se dite farase constar a cantidade a que ascenda a dita axuda, a forma de pagamento e a súa ulterior xustificación (artigo 6º).

O órgano instrutor das axudas é o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo (artigo 7º), sendo o prazo máximo para resolver e notificar a concesión das mesmas de dous meses (artigo 8º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan e convocan para 2009 axudas de caracter extraordinario a traballadores e traballadoras afectados por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que supoñan extinción dos seus contratos” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 25 de agosto de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e seis específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia, o sindicato UGT-Galicia e o sindicato SN de CC.OO. de Galicia (Anexo II).





DITAME 20/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan e convocan para 2009 axudas de caracter extraordinario a traballadores e traballadoras afectados por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que supoñan extinción dos seus contratos, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de agosto de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de agosto de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
Do conxunto da Orde se deduce que existe un amplo marxe de discrecionalidade para que a Administración conceda, determine importes, etc. Deberíanse establecer uns parámetros máis concretos que permitiran saber se hai dereito a presentar unha solicitude, o alcance económico que tería a cobertura prestacional, ou qué se entende por niveis de cobertura adecuados (artigo 1).  O efecto desta discrecionalidade resulta máis grave na medida que a dotación orzamentaria é moi escasa e claramente insuficiente, dada a multiplicidade de expedientes extintivos que se están presentando.

Segunda.
Este comité observa que a numeración dos artigos desta Orde é incorrecta a partir do artigo 2º, debendo corrixirse.

Terceira.
Aprécianse erros gramaticais e de emprego da linguaxe en materia de diferenciación de xénero. Este comité propón unha revisión do texto da Orde nese senso.

Cuarta.
En relación cos anexos que se mencionan no proxecto normativo, non se achegan, motivo polo que este comité non pode entrar a valoralos.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Presentación de solicitudes e documentación.
Neste artigo menciónase a posibilidade de que as axudas poidan ser solicitadas pola empresa. Para maior seguridade xurídica, debería concretarse a responsabilidade da empresa, así como as obrigas que asumiría esta no caso de que actúase como solicitante, pois a normativa reguladora do réxime de subvencións equipara a  figura do solicitante á de beneficiario/a, cando do proxecto de Orde se desprende que neste caso non é así, xa que a empresa, en ningún caso, vai recibir a  axuda.
No cuarto parágrafo deste artigo menciónase a posibilidade de consulta desta Orde e obter os impresos necesarios na páxina web da Consellería de Traballo; debe cambiarse o antigo nome da Consellería polo actual, así como debeía figurar de xeito específico a dirección da páxina web.
Na documentación a achegar esíxese fotocopia compulsada do D.N.I. do traballador/a solicitante. Este comité entende que debería esixirse fotocopia compulsada ou simplemente cotexada.
A memoria explicativa na que se farán constar de xeito detallado, os motivos polos que se solicitan as axudas, o número de traballadoras e traballadores afectados, etc., debería esixirse solo no caso de que a solicitude a faga unha empresa.
Finalmente, a referencia á documentación xustificativa da situación na que se atopan as persoas para as que se solicita a axuda, debería concretarse qué documentación é, no caso de que a solicitude a faga a empresa, e no caso de que a faga o traballador/a.

Segunda: Artigo 5. Convocatoria e prazos.
Dado que a convocatoria é para o 2009, entendemos que debería abranguer todo o ano natural. Fixar como data límite o 30 de outubro, deixará sen a cobertura desta axuda a todas as persoas que se vexan afectadas pola situación descrita no artigo 1º, desde esa data ata o 31 de decembro, e producirase así un agravio comparativo con outros beneficiarios/as nos que concorran idénticos supostos de feito.
Este artigo debería ser modificado onde dí: “poden presentar a solicitude os traballadores”, debería dicir: “son beneficiarios os traballadores e as traballadoras que reúnan os requisitos establecidos en esta orde”.
Porque, tendo en conta o disposto no artigo 4º, non só as persoas traballadoras poden presentar a solicitude, polo tanto, neste artigo entendemos que se refire máis aos beneficiarios/as da axuda que ás persoas que poden solicitala, distinción que establece o artigo 4º”.

Terceira: Artigo 9º: Importe das axudas
O contido do artigo non concreta qué cantidade pode chegar a percibir un/unha traballador/ora e, aínda que iso dependa das circunstancias de cada caso, entendemos que sí se debería establecer un baremo de mínimo e de máximo.
No apartado primeiro, faise referencia a: “cantos outros se decidiran solicitar ao efecto”. Esta expresión xera inseguridade xurídica por canto os informes que se soliciten deberían estar claramente concretadas no texto da Orde; sinaladamente no artigo 4º: Presentación de solicitudes e documentación.
No apartado cuarto, proponse a supresión do seguinte: “Así mesmo, as persoas beneficiarias que percibisen indemnizacións pola rescisión dos seus contratos, deberán, así mesmo, capitalizar estas indemnizacións para este fin, minorando así o importe a achegar pola Administración”, por canto este comité considera que entra en colisión co obxecto da Orde.
Ao final do artigo 9º, figura un parágrafo que debería estar numerado co ordinal cinco, e debería suprimirse a referencia: “e o importe total das axudas percibidas non poderá superar o custo da actividade subvencionada”, por canto non se corresponde co contido da Orde.

Cuarta: Artigo 14º. Modificación da resolución de concesión.
A referencia que contén este artigo de que toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, e, eventualmente, á súa revogación, pode entrar en colisión co establecido no artigo 9º, apartados 3 e 4. Este comité propón que se redacten dun xeito coherente os dous artigos.

Quinta: Disposición adicional primeira.
Este comité entende que debería suprimirse a expresión: “nos diferentes programas”

Sexta:
Este comité observa, con suma satisfacción, que se abandone a “técnica normativa consolidada”, recuperándose a terminoloxía correcta para titular as disposicións finais.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideramos que o obxectivo destas axudas debería ser dobre; por un lado, a protección social das persoas traballadoras canalízase a través dunha axuda económica, pero a cambio diso, e co fin de facilitar a reincorporación ao mercado laboral dos traballadores e traballadoras beneficiarios das axudas contempladas neste proxecto normativo, propoñemos que se comprometan a participar nun itinerario activo de inserción para o emprego e realicen as distintas actuacións que se determinen polo servicio público de emprego correspondente, de modo que se cumpra así este dobre obxectivo: a protección social e a reinserción laboral.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CEG.

Artigo 3: Persoas beneficiarias.
As organizacións UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e CEG consideran que deberían estar excluídos da prohibición para obter as axudas os traballadores e as traballadoras afectados polo artigo 10.2.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, que se refire ao concurso de acredores.