ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE FIXAN OS CRITERIOS E O PROCEDEMENTO PARA O REPARTO DAS COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS ÁS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS INTERSECTORIAIS MÁIS REPRESENTATIVAS DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de agosto de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo o proxecto de decreto polo que se fixan os criterios e o procedemento para o reparto das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido  no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008 de 23 de Maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este decreto ten por obxecto regular os criterios de reparación económica dos custos en que incorren as organizacións sindicais e empresariais máis representativas derivadas da participación institucional, funcións que se lles atribúen exclusivamente por ter a condición de máis representativas.

É esta a primeira vez que a regulación sobre eta materia se recibe para ditame por este comité, polo que non existen antecedentes.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Supón o desenvolvemento regulamentario da Lei 17/2008 de 29 de decembro, (D0G 19 de xaneiro de 2009), que regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, dando cumprimento ao mandato legal recollido no seu artigo 6.2.

Se a Lei regula a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas en entidades públicas e organismos públicos autonómicos que teñan competencias en ámbitos laborais, sociais e económicos, este decreto ven a regular o procedemento e os criterios para compensar economicamente os custos derivados desa participación.

Concrétase quen teñen a condición de entidades beneficiarias.

Establécese o procedemento de concesión das compensacións económicas, que será o de concesión directa, consignándose unha partida específica nos orzamentos da Comunidade autónoma para cada exercicio.

Fíxase como instrumento para canalizar a compensación un convenio, que terá carácter de base reguladora, recollendo tamén este decreto o contido que deberá ter o mesmo.

Establécese o criterio de reparto entre as entidades beneficiarias.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudiasen e elaborasen as súas propostas para a xuntanza a celebrar por dito órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame, denominado “Proxecto de Decreto polo que se fixan os criterios e o procedemento para o reparto das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais mais representativas de Galicia” consta de: Exposición de motivos, seis artigos e unha disposición derradeira.

O día 3 de setembro de 2009 reúnese este comité delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que conten tres consideracións xerais e quince específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia e pola CEG.






DITAME 21/09



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se fixan os criterios e o procedemento para o reparto das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, con data de rexistro de entrada no Consello o 28 de agosto de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido  no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008 de 23 de Maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo pleno para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de Setembro de 2009, acordou pronunciarse sobre as seguintes consideracións de caracter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.

Considérase conveniente a promulgación desta norma, así como que se teña acompañado das memorias xustificativa e económica como corresponde.
Non obstante, débese chamar a atención sobre o feito de que, segundo deducimos do segundo parágrafo da exposición de motivos e do último parágrafo da memoria xustificativa, a administración parece entender que con este decreto cúmprese plenamente o mandato legal de desenvolvemento regulamentario da lei, que na súa disposición derradeira (sic) primeira prevé que se producirá no prazo de tres meses.
Sen entrar a valorar o relativo retraso que se produce, comprensible polo cambio de lexislatura, temos que sinalar que o decreto que se ditamina o que ven a materializar (como acertadamente se recolle no artigo 1º do proxecto) é o desenvolvemento regulamentario específicamente previsto no artigo 6.2 da lei 17/2008, a efectos da fixación dos criterios de reparto e aboamento das compensacións económicas destinadas a fomentar a participación institucional.
Entendemos que a antedita Disposición derradeira refírese sen embargo ao desenvolvemento regulamentario do conxunto da Lei, desenvolvemento que sería recomendable abordar con relativa premura para non sobardar excesivamente o prazo de tres meses legalmente previsto.

Segunda.

Conforme aos ditados da Lei de participación institucional, corresponde ao presente Regulamento determinar os criterios de reparto e o seu abono.
Non debemos esquecer que a partida que deberá destinarse nos orzamentos a tal fin é coa finalidade de “compensar” inclúe xa en si mesma a xustificación do seu fin.
Non estamos, pois, ante unha subvención suxeita ao réxime da Lei 9/2007 de 13 de Xuño, de Subvencións de Galicia, senón ante un suposto distinto, similar, cando non idéntico, aos casos que como excepcións se recollen no artigo 4 daquela Lei (p.e. Partidos Políticos), onde a partida orzamentaria figura na Lei de Orzamentos de Galicia e o único que sería preciso desenrolar é a través da norma regulamentaria, tal e como ordena a Lei, serían os criterios de reparto e o seu aboamento.
Non contradí o anterior o feito de que o artigo 7 da LPI estableza que as beneficiarias das compensacións económicas estarán sometidas ás actuacións de control da actividade económica e financeira que corresponda aos órganos de control competentes da Xunta e do Tribunal de Contas; iso non implica, en definitiva, o sometemento á Lei de Subvencións.
Debemos lembrar que o artigo 39 do Decreto 11/2009, de 8 de Xaneiro, que aprobou o Regulamento da Lei de Subvencións de Galicia, sinala que”as subvencións de concesión directa, cuxo outorgamento lle veña imposto á Administración por unha norma con rango legal rexerase por dita norma...”.
É claro así que a configuración que contén a LPI (por certo, con idéntico rango xerárquico), consideramos que é suficiente sen necesidade de traer a aplicación dos sistemas de xustificación que a Lei de Subvencións prevé para as subvencións, que non para as “compensacións económicas” que na Lei de Participación se establecen.
Iso, ademais, está plenamente xustificado en aras a reforzar a autonomía organizativa interna que ás organizacións sindicais e organizacións empresariais corresponde, en exercicio das súas funcións, de expresa relevancia constitucional.

Terceira.

O título do proxecto de decreto coidamos que non compendia axeitadamente o obxecto da norma e o seu baseamento legal, recollido no conxunto do artigo 6º da Lei 17/2008, que sinala como finalidade das compensacións económicas a de “fomentar a participación institucional” das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas, polo que debería modificarse.´


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira.-.
Na exposición de motivos habería que xustificar máis a norma e incluír un parágrafo que sinale que:
“As organizacións sindicais e as organizacións empresariais máis representativas de Galicia, de acordo co artigo 7º da CE, son un piar básico do Estado Social e Democrático de Dereito.
As actividades que desenvolven estas organizacións con motivo da súa presencia en entidades públicas e en organismos públicos integrados na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais da súa participación na elaboración dos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia nos procesos de concertación e diálogo social, son consideradas de interese xeral”.
Segunda:
Na exposición de motivos detéctanse os seguintes erros gramaticais:
No segundo parágrafo sobra o inciso “lei”.
No terceiro parágrafo, cando se alude ao convenio nº 150 débese substituír “de la OIT” por “da OIT”.
No cuarto parágrafo, na frase “estase a atribuír aos axentes sociais...” deberíase engadir a continuación o inciso “e económicos”.
Neste mesmo parágrafo, a expresión final “que corresponden a todos os traballadores e empresarios” deberíase modificar para atender á diferenciación de xénero.
No quinto parágrafo, na frase “funcións que se lles atribúen exclusivamente por ter a condición de...” entendemos que o inciso “exclusivamente” debe ser suprimido.
Terceira:
No apartado quinto, habería que modificar a redacción e eliminar a mención “reparación económica de custos”, pois semella que habería que xustificar concretamente estes para obter a devandita reparación, cando serían aplicables en hipótese outros modelos distintos como pode ser o de módulos e a presentación dunha memoria técnica ou certificación, modelo de xustificación que baseado no artigo 30.1 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións  e no artigo 78 do Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, emprega, por poñer un exemplo, o Real Decreto 1971/2008, de 28 de novembro, polo que regula a concesión de forma directa de subvencións ás organizacións sindicais e empresariais pola súa participación nos órganos consultivos do Ministerio de Traballo e Inmigración, dos seus organismos autónomos e das entidades xestoras da seguridade social (o sistema de xustificación por módulos admítese no artigo 44.b) do Decreto 11/2009). Unha redacción alternativa que ademais sería acorde coa Lei 17/2008, sería a seguinte:
“Polo tanto, o importante papel atribuído a estas organizacións deriva da necesidade de regular os criterios e o procedemento para o reparto das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia con motivo das funcións derivadas desta participación institucional, funcións que se lles atribúen por ter a condición de organizacións sindical ou empresarial intersectorial máis representativa de Galicia”.
Cuarta: Artigo segundo: Concesión directa.
O artigo 2º  existe un erro na frase “será o que establecen os artigos 19.4.b)” que debería reformularse en singular dado que se refire a un só artigo. Asemade, debería explicitarse a qué norma legal corresponde ese artigo, coidando que será a Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, de 13 de xuño.
Quinta: Artigo terceiro: Beneficiarias.
Na primeira liña faise unha referencia á Lei 7/2008, debendo dicir: “Lei 17/2008”.
Sexta: Artigo quinto: Contido do convenio.
En coherencia co sinalado na consideración xeral segunda, enténdese que se debería de suprimir a primeira parte do primeiro parágrafo deste artigo, quedando redactado do seguinte xeito: “O convenio deberá incluír os seguintes extremos:”
Sétima: Artigo quinto.
Na letra c), e co obxecto de evitar confusións interpretativas, o termo “nacionais” debería ser substituído por “estatais”.
Oitava: Artigo quinto.
Na letra d) faise mención ao réxime de garantías como contido mínimo do convenio. Hai que sinalar que o Consello da Xunta, de acordo co establecido no artigo 67.4 do decreto 11/2009, poderá eximir da obriga de constituír garantías. En todo caso, entendemos que, dadas a natureza e finalidade das compensacións reguladas nesta norma, o réxime de garantía dos anticipos ou aboamentos a conta que eventualmente puideran producirse, non debería propiciar a xeración de gastos financeiros ás entidades destinatarias.
Novena: Artigo quinto.
Na letra e) compre eliminar a mención: “e a aplicación dos fondos percibidos”, pois pode regularse no convenio outro sistema de xustificación. Por outra banda, a respecto do prazo e forma de xustificación por parte da entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade, débese ter en conta que as compensacións económicas corresponden ao fomento da participación institucional, de sindicatos e asociacións empresariais en entidades e organismos da Comunidade Autónoma de Galicia. Xa que logo, o cumprimento da finalidade de asistencia está directamente no ámbito do control da propia Administración galega.
Décima: Artigo quinto.
Para finalizar co artigo quinto, as frases finais do seu último parágrafo, entendemos que se deberían redactar do seguinte xeito: “...decreto, deberá ser autorizado polo Consello da Xunta de Galicia, agás que na Lei de Orzamentos do exercicio en cuestión se dispoña o contrario”.

Décimo primeira: Artigo sexto. Contía da compensación e reparto de ésta.
No apartado 2, letra a) enténdese que no inciso: “dúas partes fixas e iguais” debería suprimirse a verba “fixas”, que parece superflua.
Décimo segunda: Artigo sexto.
Na letra b) do mesmo artigo debería mellorarse a redacción, propoñéndose a seguinte alternativa: “Cada unha destas dúas partes iguais, no caso de que fosen varias as organizacións máis representativas a nivel de Galicia, repartirase en función da representatividade acadada á data do 31 de decembro do exercicio inmediatamente anterior”.
Decimo terceira: Artigo sexto.
En relación coa mesma letra b) anterior, debe terse en conta que, se ben para as organizacións sindicais existe un procedemento regrado de determinación da representatividade de cada unha, segundo o grao de audiencia electoral obtido nas eleccións de representantes legais de traballadores/as nas empresas e nas administracións públicas, non é así no caso das asociacións empresariais. Efectivamente, na disposición adicional sexta do Real Decreto Lexislativo 1/1995 establécense uns umbrais, estatal e autonómico, só ao exclusivo efecto de considerar unha asociación como máis representativa, referindo eses umbrais ao dez por cento “das empresas e dos traballadores” no ámbito estatal e ao quince por cento “dos empresarios e dos traballadores” no ámbito autonómico. Pero non parece existir un procedemento diáfano para determinar porcentaxes de representatividade no caso das organizacións empresariais que reúnan o requisito de maior representatividade, cuestión esta que debería resolverse.
Decimo cuarta:
Entendemos que se debería engadir unha Disposición transitoria, con vixencia para o ano 2009, alusiva a que a partida específica nos orzamentos da Comunidade Autónoma que se menciona no artigo 2º do Decreto, neste exercicio recóllese na aplicación orzamentaria 48 03 324 A 481.5, por importe de 2.000.000 €.
Decimo quinta:
Na Disposición derradeira, debería corrixirse o erro existente ao final da frase “publicación no Diario Oficial de Galicia”.